Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 24 de abril de 2023 Páx. 25055

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 12 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 e 2024 (código de procedemento TR353B), cofinanciada polo Fondo Social Europeo Plus no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; do Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 123/2022, do 23 de xuño, que establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, esta consellería asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Con base no exposto, correspóndelle a esta consellería para o exercicio de 2023 a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea de emprego, do Programa nacional de reformas, do Sistema nacional de garantía xuvenil, do respectivo Plan anual de política de emprego (PAPE) e no eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

As recomendacións da Unión Europea en materia de emprego instan os Estados membros a seguir abordando o desemprego xuvenil mediante a execución completa da garantía xuvenil. Estas directrices poñen especial fincapé na importancia de que todas as persoas reciban unha boa oferta de emprego, educación continua, formación de aprendiz ou período de prácticas nun prazo de catro meses tras quedar desempregados ou rematar a educación formal.

Os acontecementos recentes e actuais agravan os desafíos estruturais derivados do desemprego, en particular do desemprego xuvenil. Neste contexto a Unión Europea pretende afrontar os retos actuais e futuros investindo en cuestións como a formación e a aprendizaxe permanente e a mellora das políticas de emprego.

A redución do desemprego xuvenil continua sendo un dos retos máis importantes para o período de programación 2021-2027. Para facerlle fronte implementouse a Iniciativa de emprego xuvenil, integrada no Fondo Social Europeo Plus (FSE+) para este período de programación, segundo determina o Regulamento (UE) núm. 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se deroga o Regulamento (UE) núm. 1296/2013.

O Fondo Social Europeo Plus (FSE+) ten como obxecto promover o emprego mediante intervencións activas que permitan a integración e reintegración no mercado de traballo, en especial das persoas mozas, a través da aplicación da garantía xuvenil reforzada, así como mellorar a calidade, inclusividade, eficacia e pertinencia para o mercado laboral dos sistemas de formación promovendo a introdución de sistemas de formación dual.

Esta convocatoria vai dirixida ao cumprimento dos obxectivos do Sistema nacional de garantía xuvenil regulado no título IV, capítulo I, da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, e o Real decreto lei 6/2016, do 23 de decembro, de medidas urxentes para o impulso do Sistema nacional de garantía xuvenil.

Como unha das medidas para a súa implementación concíbense estes programas de emprego para persoas mozas como programas integrais dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas de dezaoito ou máis anos incluídos no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social, así como a promover a inserción laboral das persoas participantes mediante a posibilidade de realizar unha futura convocatoria de concesión de incentivos de contratación de acordo coa programación do FSE+.

A promoción da actividade económica no área de influencia do termo municipal inflúe de forma directa na formación do emprego. Este feito recóllese expresamente no artigo 84.2.b) da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia. En cumprimento da citada norma inclúese entre os criterios de valoración dos proxectos a condición de «concello emprendedor» cunha puntuación de 20 puntos.

Nestes programas de emprego será obrigatoria a impartición dun módulo formativo de igualdade de xénero co obxectivo de promover unha actitude máis igualitaria entre mulleres e homes. Partindo do coñecemento da situación real con este módulo preténdese concienciar o alumnado na problemática da desigualdade que afecta as mulleres e, en concreto, no ámbito laboral, dándolles a coñecer e favorecer a aplicabilidade do principio da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no devandito ámbito.

Así mesmo, esta orde dá continuidade á senda iniciada na regulación en convocatorias anteriores, onde se establecía como requisito para poder acceder ás axudas para aqueles concellos pequenos que non cheguen a unha media de paro rexistrado no ano anterior superior aos niveis mínimos que se indican na orde, que necesariamente deberán «asociarse ou coordinarse» con outros concellos limítrofes para poder acceder ás axudas para a posta en funcionamento destes programas de emprego. Toda vez que esta orde establece como requisito para aqueles concellos pequenos a necesidade de asociarse ou mancomunarse para poder optar á concesión das axudas, cabe entender como cumprida a finalidade do Acordo do Consello de Goberno da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013, polo que se aproban os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas.

Nesta convocatoria de 2023 e 2024, a distribución provincial de créditos para o financiamento destes programas realizarase tendo en conta o número de persoas inscritas por provincia no Sistema nacional de garantía xuvenil o último día do mes anterior a data de publicación do extracto da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde realizarase con cargo á aplicación 11.50.322A.460.2 (proxecto 2023 00111) da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, por un importe de 3.229.167,00 euros. Para o exercicio de 2024, as subvencións financiaranse con cargo á mesma aplicación e código de proxecto ou equivalente polo importe de 3.229.167,00 euros.

As aplicacións mencionadas están cofinanciadas nunha procentaxe do 40 % por fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

Esta convocatoria está cofinanciada polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) nunha porcentaxe do 60 %, a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e, en particular, no obxectivo político 4: «Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais»; prioridade 5: «Emprego xuvenil»; obxectivo específico ESO4.1: «Mellorar o acceso ao emprego e as medidas de activación de todos os demandantes de emprego e, en particular, das persoas mozas, especialmente a través da aplicación da garantía xuvenil, dos desempregados de longa duración e dos grupos desfavorecidos no mercado laboral, e das persoas inactivas, así como mediante a promoción do emprego por conta propia e a economía social», e medida 5.A.03: «Formación e aprendizaxe en programas de emprego para mozos inscritos no Sistema nacional de emprego xuvenil».

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e a Federación Galega de Municipios e Provincias e obtidos os informes favorables da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e autorizada polo Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión do día 30 de marzo de 2023, a concesión de anticipos das axudas e subvencións reguladas nesta orde, así como o seu carácter plurianual e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Obxecto, definición e persoas beneficiarias

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para o ano 2023 e 2024, en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade, das axudas e subvencións para a realización de programas de emprego dirixidos a mellorar a ocupabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (etapa de formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Estes programas de emprego configúranse como programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas participantes, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co dito traballo, procure a súa cualificación profesional e a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

3. A súa programación integrarase, na medida do posible e conforme os itinerarios de inserción profesional que se definan, en proxectos que dean resposta ás demandas do mercado de traballo e sexan capaces de activar o desenvolvemento territorial, xerar riqueza e, consecuentemente, crear postos de traballo.

Artigo 2. Persoas beneficiarias participantes

1. Poderán ser persoas beneficiarias participantes destes programas aquelas persoas mozas de dezaoito ou máis anos que non superen a idade máxima que estableza a normativa vixente no Sistema nacional de garantía xuvenil no momento da selección do alumnado, inscritas e en situación de beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 90.1.a) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

Ademais, deberán manter o cumprimento dos requisitos exixidos na Lei 18/2014 modificada polo Real decreto lei 6/2016, do 23 de decembro, con carácter previo a participar nos programas de emprego.

2. Para poder participar neste programa é imprescindible cumprir os requisitos establecidos na normativa reguladora do contrato para a formación en alternancia co obxecto de estar vinculada mediante un contrato de tales características ao proxecto durante toda a duración deste, de acordo co previsto no artigo 11.2 e na disposición adicional segunda do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, modificado polo Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo.

3. Se a formación para impartir no proxecto vai dirixida á obtención de certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 2 ou 3, garantirase que o perfil do alumnado se adecúe aos requisitos sinalados nos reais decretos que regulan os ditos certificados.

4. No caso de que a persoa candidata participase con anterioridade noutro obradoiro de emprego non poderá optar á selección para recibir formación no mesmo certificado de profesionalidade, con independencia de que rematase o obradoiro anterior con resultado de apto ou non.

Artigo 3. Beneficiarias da subvención: entidades promotoras

1. Os proxectos que se financien ao abeiro desta convocatoria poden ser promovidos polos concellos de Galicia, as mancomunidades de concellos e as entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades cuxa titularidade corresponda integramente a elas.

Poderán concorrer agrupacións de concellos, sempre que todos eles pertenzan á mesma provincia, nos seguintes casos:

• Concellos limítrofes que conformen unha área xeograficamente continua.

• Concellos que pertenzan todos eles á mesma comarca, aínda que non sexan limítrofes entre si.

• Agrupacións de concellos que reúnan os requisitos do punto anterior aos cales se poden unir outros concellos que, non pertencendo á mesma comarca, limiten xeograficamente con algún dos concellos da agrupación que si pertencen a ela.

2. As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servizos e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficiente para a realización dos proxectos. No caso dos concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2022 superior a 500 persoas no ámbito territorial do proxecto, entendendo como tal o territorio do concello solicitante ou, se é o caso, a suma dos territorios dos concellos que concorran agrupados. No caso de solicitudes por parte dun concello que, segundo os últimos datos oficiais dispoñibles na data de publicación da convocatoria, teña un número igual ou inferior a 2.000 habitantes, a media de paro no ano 2022 deberá ser superior a 200 persoas. Aplicarase esta mesma media de paro mínima se se trata dunha agrupación de dous concellos en que ambos reúnan esa característica.

Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe, cando menos, tres concellos limítrofes da mesma provincia, ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.

3. As entidades promotoras non poderán presentar máis dunha solicitude; en caso contrario, só se terá en conta a primeira solicitude realizada.

Cada concello ou entidade pública vinculada a el poderá participar unicamente nun proxecto, computando igualmente para estes efectos que sexa individual, colectivo, en condición de promotor ou como parte dunha agrupación. A participación dun concello ou entidade nun proxecto exclúe a posibilidade de participar noutro proxecto sendo unicamente compatible coa presentación de solicitude polas mancomunidades. Para a comprobación deste requisito acompañarase con cada solicitude de subvención unha declaración individual de cada un dos concellos implicados en que conste que con cargo á orde de convocatoria vixente só participa nese proxecto concreto, sexa como entidade promotora ou como asociada (anexo IV). Se aínda así se dese o caso de que un concello ou entidade vinculada concorre en máis dunha solicitude, rexeitaranse en primeiro lugar aquelas en que actúe como promotor. Se participa en máis dun proxecto como asociada terase en conta unicamente a solicitude que entrase en primeiro lugar e poñerase de manifesto á entidade promotora das seguintes solicitudes esta circunstancia para que no prazo máximo de dez días poida presentar un cambio do seu proxecto de forma que a entidade ou agrupación resultante cumpra o requisito regulado neste parágrafo, quedando inadmitida en caso de non emendar esta deficiencia.

4. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. Será requisito para a concesión da subvención que a entidade local solicitante ou entidades locais no caso de solicitudes presentadas por agrupación de concellos cumprisen coa súa obriga de remisión das contas xerais do último exercicio a que estean obrigadas ao Consello de Contas.

Artigo 4. Duración

1. A etapa de formación en alternancia coa práctica profesional terá unha duración de doce meses e estará dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional.

2. A data límite para o inicio da formación e as prácticas profesionais será, con carácter xeral, o 16 de xuño de 2023. As actuacións subvencionadas non poderán comezar antes da resolución de concesión. Os gastos subvencionables deberán estar realizados entre o 1 de xaneiro do exercicio de inicio das actuacións e a data límite para a presentación da documentación xustificativa correspondente.

Artigo 5. Ámbito normativo

Para todo o non previsto nesta convocatoria observarase o disposto no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta ao Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e Política de Visados; no Regulamento (UE) núm. 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello do 24 de xuño de 2021 polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) núm. 1296/2013; nas normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2021 2027; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

CAPÍTULO II

Contidos formativos

Artigo 6. Formación en alternancia nos proxectos

1. Durante o desenvolvemento do proxecto, o alumnado-traballador recibirá formación profesional para o emprego, segundo o plan formativo incluído na memoria exixida no artigo 18.2.d) desta orde, alternándoa coa práctica profesional. A formación adecuarase, na medida do posible e en función do oficio ou posto de traballo que se vai desempeñar, aos contidos mínimos establecidos nos reais decretos que regulen os certificados de profesionalidade das correspondentes ocupacións, de acordo co establecido no punto 1 do artigo 11 do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, modificado polo Real decreto 1675/2010, do 10 de decembro, e polo Real decreto 189/2013, do 15 de marzo.

2. Desde o inicio da súa participación no proxecto, o alumnado será contratado pola entidade promotora na modalidade de contrato de formación en alternancia.

3. Durante esta etapa o alumnado percibirá as retribucións salariais que lle correspondan de conformidade co previsto na normativa aplicable e nesta orde.

4. A duración dos contratos de traballo subscritos co alumnado-traballador non poderá exceder a data de remate do proxecto.

Artigo 7. Formación complementaria

1. Nos proxectos impartirase a formación complementaria que determine o Servizo Público de Emprego incluíndo, en todo caso, as materias de alfabetización informática e sensibilización ambiental.

2. Tamén se impartirá un módulo de sensibilización en igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, tendo en conta a vulnerabilidade que as mulleres teñen no ámbito laboral e a importancia das medidas dirixidas a combater os estereotipos de xénero e a segregación na educación e na formación, que teñen unha gran incidencia na empregabilidade das mulleres mozas.

3. En todos os proxectos se impartirá a formación en materia de prevención de riscos laborais correspondente á ocupación que se vai desempeñar, e teranse en conta, se é o caso, os contidos recollidos no correspondente certificado de profesionalidade.

4. O contido dos ditos módulos incluirase dentro do plan formativo exixido no artigo 18.2.d) desta orde, de acordo cos contidos e tempo de impartición que, se é o caso, estableza a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación respectando o disposto no artigo 26 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

Artigo 8. Orientación, información profesional, formación empresarial e asesoramento

1. O alumnado-traballador, durante todo o proceso formativo, recibirá orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial. O programa deberá contar con persoal e métodos axeitados para o efecto.

2. Ao remate da actividade de formación, as entidades promotoras prestaranlle asesoramento ao alumnado-traballador participante, tanto para a procura de emprego por conta allea como para o establecemento por conta propia. Para iso actuarán, se for o caso, mediante as súas propias unidades ou organismos de orientación e asesoramento, en colaboración coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Artigo 9. Educación básica

1. Para o alumnado participante que non acadase os obxectivos da educación secundaria obrigatoria, previstos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e de conformidade co disposto no artigo 11.2.d) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, organizaranse programas específicos coa finalidade de proporcionarlles unha formación básica e profesional que lles permita incorporarse á vida activa ou proseguir os seus estudos nas distintas ensinanzas reguladas na antedita lei orgánica e, especialmente, mediante as probas de acceso correspondentes.

2. O disposto no parágrafo anterior tamén será aplicable ao alumnado que non posúa o título de graduado escolar, por ter este os mesmos efectos profesionais que o de graduado en educación secundaria, segundo establece a disposición adicional trixésimo primeira da referida lei orgánica.

Artigo 10. Certificacións e diplomas

1. Finalizada a súa participación no proxecto o alumnado recibirá un certificado, expedido pola entidade promotora, nos termos recollidos no artigo 11.2.e) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e no modelo que, para o efecto, estableza a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, en que constará a duración en horas da súa participación no programa, así como o nivel de formación teórico-práctica adquirido e os módulos formativos cursados.

2. Este certificado poderá servir, total ou parcialmente, se é o caso, e logo dos requisitos que se determinen, para solicitar o certificado de profesionalidade previsto no Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, modificado polo Real decreto 1675/2010, do 10 de decembro, e polo Real decreto 189/2013, do 15 de marzo.

3. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade concederalle ao alumnado un diploma en que se recollerá a súa participación no proxecto, de conformidade co modelo e as instrucións que estableza a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.

CAPÍTULO III

Selección e contratación

Artigo 11. Normas xerais de selección

1. A selección do alumnado, así como a do persoal formador, directivo e de apoio participante no programa que se vai poñer en funcionamento, será realizada pola entidade promotora mediante un procedemento específico regulado mediante instrución da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, atendendo ás prioridades do proxecto, aos itinerarios formativos e a criterios de igualdade e obxectividade.

2. Nos criterios de selección de todo o persoal e alumnado procurarase a maior adaptación das persoas que se van seleccionar ás especialidades e as particulares circunstancias de dificultade destas. Estes criterios deberán incluírse nas bases reguladoras que aprobará a entidade promotora, que deberán respectar os requisitos e criterios de selección establecidos nesta orde e na instrución da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación que a desenvolva, na Lei 18/2014, de 15 de outubro, e no Programa FSE+ Galicia 2021-2027. No caso de que se utilicen criterios de valoración subxectivos e obxectivos, deberá facerse de forma independente valorando primeiro os criterios subxectivos e, con posterioridade, e despois de facelos públicos, realizarase a valoración obxectiva.

3. As bases reguladoras do proceso de selección do persoal e do alumnado aprobadas polas entidades promotoras deberán ser expostas ao público nos taboleiros de anuncios da oficina de emprego que tramite a oferta de emprego así como nos taboleiros de anuncios e na páxina web da entidade promotora.

4. Rematado o procedemento de selección, a entidade promotora remitirá á oficina de emprego e á xefatura territorial correspondente a documentación xustificativa do procedemento e a relación das persoas seleccionadas como beneficiarias participantes, persoal formador, directivo e de apoio, no modelo que se establecerá e publicará na dita instrución.

Artigo 12. Procedemento de selección do alumnado

1. En todo caso, a selección irá precedida da tramitación de oferta de emprego específica pola correspondente oficina de emprego. Con carácter previo ou no mesmo momento en que se envíe a oferta á oficina de emprego a entidade promotora remitirá á propia oficina e mais á xefatura territorial competente as bases reguladoras do proceso de selección.

2. Na selección terase en conta, en todo caso, criterios como a idade, a experiencia laboral previa, a permanencia no desemprego ou o nivel de cualificación, priorizando aquelas persoas mozas que non recibisen previamente atención por parte do Sistema nacional de garantía xuvenil e a aquelas que estean máis próximas a facer a idade máxima prevista no dito sistema, todos eles previstos no artigo 105.3 da Lei 18/2014, do 15 de outubro.

Soamente poderán ser seleccionadas aquelas persoas que figuren como beneficiarias no Sistema nacional de garantía xuvenil.

A condición de beneficiario no Sistema nacional de garantía xuvenil deberá ser no momento da selección do alumnado e manterse no momento do inicio da actuación en concreto.

3. Cando a formación que se vaia impartir no proxecto vaia dirixida á obtención de certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 2 ou 3, as persoas candidatas deberán cumprir cos requisitos de acceso sinalados nos reais decretos que regulan os ditos certificados.

No caso de que a persoa candidata participase con anterioridade noutro obradoiro de emprego non poderá optar á selección para recibir formación no mesmo certificado de profesionalidade, con independencia de que rematase o obradoiro anterior con resultado de apto ou non.

4. Na oferta de emprego que se tramite terán preferencia as persoas que solicitasen este servizo a través da súa demanda de emprego e, dentro destas, priorizarase aquelas que teñan prevista a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción laboral.

5. A entidade promotora realizará a selección de entre a relación de persoas desempregadas remitidas pola oficina de emprego que deberá conter, sempre que sexa posible, tres persoas candidatas por posto.

6. O alumnado que se seleccione deberá manter o cumprimento dos requisitos de selección na data da súa incorporación ao proxecto.

Artigo 13. Procedemento de selección do persoal formador, directivo e de apoio

1. Na selección do persoal formador, directivo e de apoio poderase empregar a oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego, a convocatoria pública ou ambas.

2. Así mesmo, corresponderalle á entidade promotora determinar o perfil, as características e os requisitos que deben cumprir as persoas candidatas, establecer os baremos e, se e o caso, as probas que poidan aplicarse, así como elaborar as convocatorias ou preparar as ofertas de emprego que se tramitarán á oficina de emprego, se procede. As ditas ofertas de emprego serán publicadas no Portal de Emprego de Galicia.

3. A selección definitiva deberá realizarse entre as persoas preseleccionadas pola oficina de emprego e as solicitudes presentadas á convocatoria pública, se é o caso.

4. No proceso de selección poderase valorar positivamente que as persoas candidatas completasen na súa totalidade contratos anteriores como docente en obradoiros de emprego ou programas de emprego para persoas mozas subvencionados pola consellería competente en materia de emprego da Xunta de Galicia.

5. Terán preferencia as persoas que, en igualdade de condicións de cumprimento do perfil requirido, se atopen en situación de desemprego.

Artigo 14. Contratación

1. O alumnado seleccionado será contratado pola entidade promotora desde a súa incorporación ao proxecto, a través da modalidade do contrato de traballo de formación en alternancia.

Nestes contratos as situacións de incapacidade temporal, risco durante o embarazo, maternidade, adopción ou acollemento, risco durante a lactación e paternidade non interromperán o cómputo de duración do contrato.

2. Os contratos de traballo do alumnado formalizaranse por escrito no modelo oficial correspondente, código 421-Formación, debendo facerse constar a súa pertenza aos programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, a denominación do proxecto para o que se formaliza e, se é o caso, o número da oferta de emprego utilizada. Serán mecanizados e comunicados ao Servizo Público de Emprego de Galicia a través do aplicativo Contrat@ marcando a opción específica «ET/CO/TE/FD» que figura na epígrafe «Datos específicos do contrato». Unha vez indicada esta opción aparecerá un despregable que permitirá elixir de entre varias opcións a correspondente a «Alumno/Traballador».

3. A entidade promotora contratará o persoal formador, directivo e de apoio que fose seleccionado de acordo co procedemento establecido no artigo anterior a través da modalidade de contratación que considere máis axeitada. Para estes efectos, poderá empregar a modalidade do contrato de traballo para a mellora da ocupabilidade e a inserción laboral, modelo 405, marcando no aplicativo Contrat@ a opción «ET/CO/TE/FD» e dentro desta a opción «persoal».

Artigo 15. Incidencias e reclamacións

1. As incidencias e reclamacións que se puidesen suscitar derivadas dos procesos de selección serán resoltas pola entidade promotora.

2. Calquera que sexa o sistema de selección utilizado, seguiranse os criterios e procedementos establecidos polo Servizo Público de Emprego para a cobertura de ofertas de emprego, polo que non será de aplicación a normativa establecida para os procedementos de selección do persoal das distintas administracións públicas mesmo cando a entidade promotora sexa unha entidade pública. Neste último caso, o persoal formador, directivo e de apoio e as persoas mozas seleccionadas non se considerarán incluídos nos correspondentes cadros de persoal ou relacións de postos de traballo e, consecuentemente, non será precisa oferta de emprego público previa.

CAPÍTULO IV

Procedemento para a concesión de subvencións

Artigo 16. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015 , do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.

Artigo 17. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 18. Documentación complementaria

1. De carácter xeral: xunto coa solicitude (anexo I) deberá anexar a seguinte documentación complementaria:

a) A que acredite a personalidade xurídica da entidade solicitante, tendo en conta que se é unha mancomunidade, consorcio ou calquera outro tipo de asociacións dos concellos galegos ou algunha das entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local, deberá achegarse, segundo proceda, norma ou acordo de creación ou estatutos publicados no diario oficial correspondente, podendo substituírse por unha certificación expedida para tal efecto.

b) A que acredite o apoderamento suficiente de quen actúa en nome e representación da entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos concellos asociados. Esta circunstancia farase constar mediante copia da norma ou acordo de nomeamento publicada no correspondente diario oficial ou mediante certificación expedida para o efecto.

c) Certificación expedida pola persoa titular da secretaría ou órgano equivalente da entidade promotora, en que se recolla o acordo de aprobación do proxecto e de solicitude de subvención á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, adoptado polo órgano competente, ou se é o caso, as certificacións das aprobacións por cada un dos concellos participantes no proxecto e, se procede, do convenio de colaboración asinado entre eles para o efecto.

d) Declaración asinada pola persoa representante legal, en que se recolla o conxunto de todas as axudas ou subvencións, solicitadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou para a mesma finalidade, polas distintas administracións públicas competentes ou entes públicos estatais ou internacionais, segundo o modelo que se acompaña como anexo I. No caso dunha asociación de concellos, ademais da citada declaración asinada polas persoas representantes legais do concello solicitante, cada unha do resto de persoas representantes legais dos concellos asociados deberá presentar unha declaración en que se recolla o conxunto de todas as axudas ou subvencións, solicitadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou para a mesma finalidade, polas distintas administracións públicas competentes ou entes públicos estatais ou internacionais, segundo o modelo que se acompaña como anexo II.

e) Certificado da persoa titular da secretaría, da persoa titular da intervención ou cargo equivalente da entidade promotora ou, se é o caso, de cada un dos concellos asociados, en que consten as fontes de financiamento da parte do custo do proxecto que non sexa subvencionada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, así como unha declaración responsable da entidade solicitante, que se recolle no anexo I, de que dispón da experiencia, aptitude e capacidade administrativa, financeira e operativa necesarias para cumprir as condicións da axuda.

f) Declaración individual de cada un dos concellos implicados en que conste que, con cargo á orde de convocatoria vixente, só participa nun proxecto concreto, sexa como entidade promotora ou como asociada (anexo IV).

2. De carácter específico: ademais da indicada no punto anterior, as entidades promotoras dos proxectos deberán xuntar a seguinte documentación:

a) Certificado expedido pola persoa titular da secretaría ou órgano equivalente da entidade promotora que acredite a titularidade xurídica de cada un dos obxectos de actuación e a súa dispoñibilidade para realizar as obras ou a prestación dos servizos previstos no proxecto. No caso de titularidade privada, documento de cesión para o seu uso público por un período de tempo non inferior a vinte e cinco anos.

b) Certificado expedido pola persoa titular da secretaría ou órgano equivalente da entidade promotora que conteña a relación de todas as autorizacións administrativas que sexan exixibles atendendo á natureza xurídica e ao réxime de protección dos obxectos sobre os cales se pretende actuar con ocasión do desenvolvemento do proxecto ou, de ser o caso, que faga constar que non son necesarias.

c) Autorizacións administrativas relacionadas no certificado descrito no punto anterior. A falta dalgunha autorización non impide que o expediente sexa valorado e aprobado sempre que se acredite que se presentou a solicitude ante o organismo competente antes do fin do prazo de presentación da solicitude de subvención. Neste caso, a adxudicación da subvención quedará condicionada á efectiva obtención das ditas autorizacións con anterioridade á data de inicio do programa de emprego.

d) Memoria do proxecto para o que se solicita a subvención segundo o modelo que se xunta como anexo III, na cal se recollerán os seguintes aspectos:

• Descrición detallada da obra ou servizo que se vai realizar ou prestar, indicando o destino previsto para a súa utilización posterior. No caso de que a obra que se vai executar o requira, achegarase proxecto básico asinado polo persoal técnico competente. O dito proxecto constará, cando menos, de memoria descritiva, planos xerais e orzamento con estimación global por capítulos.

• Plan formativo por especialidades en relación co proxecto de obra ou servizo que se vai desenvolver, de xeito que se estableza a correspondencia entre o plan formativo por especialidades e as unidades de obra ou servizos. Os itinerarios formativos adecuaranse, na medida do posible, ao establecido nos reais decretos dos correspondentes certificados de profesionalidade, ou, na súa falta, especificaranse os módulos formativos da ocupación, indicando o número de horas e os seus contidos teórico-prácticos.

• Cada itinerario formativo deberá incluír a denominación dos módulos que o integran e a súa duración, o obxectivo xeral do módulo e os contidos teórico-prácticos.

• Orzamento e financiamento do proxecto, detallado segundo o disposto no artigo 18 desta orde.

• Datas previstas de comezo e finalización da actividade do proxecto.

e) De ser o caso, resolución da consellería competente en materia de economía pola que se declare a condición de concello emprendedor tanto do concello promotor como dos concellos que formen parte da agrupación ou documentación acreditativa equivalente. Esta condición, regulada no título VI da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, deberá estar adquirida con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 19. Contido do orzamento dos proxectos

Para os efectos do previsto no artigo 18.2.d) desta orde, o orzamento do proxecto presentarase subdividido en:

1. Orzamento de gastos segundo o seguinte detalle:

a) Custos totais derivados da contratación do persoal formador, directivo e de apoio e da contratación do alumnado participante, recollendo os ditos custos de xeito individualizado.

b) Custos máximos totais derivados do funcionamento e xestión do programa de emprego:

• Medios e materiais didácticos e de consumo para a formación.

• Amortización de instalacións e equipamentos. Cando a entidade promotora achegue, para o desenvolvemento do proxecto, bens (equipamentos e instalacións) amortizables, xuntarase relación valorada destes, incluíndo as cotas de amortización que deriven da aplicación das táboas de coeficientes de amortización anualmente establecidas. Os gastos de amortización de bens inventariables deben cumprir cos criterios definidos no artigo 67.2 do Regulamento (UE) núm. 2021/1060.

• Viaxes do alumnado-traballador para a súa formación.

• Material de oficina.

• Alugamento de elementos de transporte, instalacións, maquinaria e equipos, excluído o leasing.

• Se é o caso, o importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivar da actuación profesional do persoal do programa de emprego durante todo o funcionamento do proxecto, quedando a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade exonerada de calquera responsabilidade ao respecto.

• Outros gastos directos necesarios para o desenvolvemento do proxecto sempre tendo en conta o disposto no artigo 16.1 do Regulamento (UE) núm. 2021/1057 sobre a subvencionalidade dos gastos.

2. Orzamento de ingresos: expresará a parte financiada pola entidade promotora e por outros posibles organismos ou entidades colaboradoras, así como a parte para a que se lle solicita financiamento á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. De ser o caso, tamén se farán constar os posibles ingresos previstos como consecuencia, e sempre que se cumpra o establecido no artigo 34 desta orde, do alleamento de bens producidos ou servizos prestados polo programa de emprego.

Artigo 20. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa que en nome e representación da entidade solicita a concesión da subvención.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente, habilitado no anexo I e achegar os ditos documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 22. Instrución e emenda

1. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Formación para o Emprego e Orientación competente en materia de emprego da Xefatura Territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade competente por razón do territorio.

2. Se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos exixidos pola lexislación específica aplicable, requirirase a entidade solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de conformidade co establecido no artigo 68 da mesma lei.

Artigo 23. Avaliación de solicitudes. Comisión Central de Valoración

1. Os expedientes, unha vez completos, serán remitidos, no prazo de 15 días, xunto co informe técnico emitido pola xefatura territorial e no modelo que, para o efecto, estableza a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, á Comisión Central de Valoración para o seu estudo e informe nunha única fase. Así mesmo, as xefaturas territoriais remitirán unha relación das solicitudes que resulten inadmitidas ou excluídas indicando expresamente as circunstancias concretas que as afecten.

2. Para estes efectos, a Comisión Central de Valoración estará composta pola persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, que a presidirá; e serán vogais as persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e a secretaría corresponderá á persoa titular da Subdirección Xeral do Servizo Público de Emprego de Galicia, con voz pero sen voto.

Se por calquera causa, no momento que a Comisión Central de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puider asistir, será substituída pola persoa que sexa designada pola persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.

3. Non se propoñerán para a súa concesión aqueles proxectos de programas de emprego que tivesen unha axuda concedida ou con proposta de resolución favorable para a mesma finalidade pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Artigo 24. Criterios de valoración dos proxectos

1. Na valoración dos proxectos destes programas de emprego teranse en consideración os seguintes criterios:

a) Que o proxecto conteña actividades relacionadas co fomento das TIC e a economía dixital, ata un máximo de 14 puntos. O total dos puntos dividirase entre o número de especialidades impartidas. Os puntos que corresponden a cada especialidade outorgaranse cando o seu obxecto principal estea comprendido no ámbito das TIC ou da economía dixital. Se esta dedicación so afecta parte da formación da especialidade, distribuiranse en función das horas que correspondan ás ditas materias.

b) Accións formativas dirixidas á obtención de certificados de profesionalidade, ata 10 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

• Impartición de todos os módulos conducentes á obtención de certificados de profesionalidade nivel 1: un certificado (1 punto), por dous ou máis certificados (3 puntos).

• Impartición de todos os módulos conducentes á obtención de certificados de profesionalidade nivel 2: un certificado (3 puntos), por dous ou máis certificados (5 puntos).

• Impartición de todos os módulos conducentes á obtención de certificados de profesionalidade nivel 3: un certificado (5 puntos), por dous ou máis certificados (10 puntos).

c) Calidade do proxecto, atendendo ás actuacións que se van realizar e a súa adecuación para a cualificación e adquisición de experiencia profesional do alumnado-traballador e dos beneficios sociais que se prevexa xerar, ata 10 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

• Proxectos considerados de baixa calidade, 0 puntos.

• Proxectos considerados de calidade media, ata 5 puntos.

• Proxectos considerados de alta calidade, ata 10 puntos.

d) Participación no proxecto do tecido empresarial existente no territorio en que se implantará. Xustificarase documentalmente que a formación e experiencia laboral previstas se axustan ás necesidades das empresas indicando expresamente a viabilidade da inserción laboral (6 puntos).

e) Proxectos promovidos por un concello resultante da fusión de dous ou máis nos 10 anos anteriores á data de publicación da orde (30 puntos). Cando resulte de aplicación o presente criterio non serán de aplicación os recollidos nos dous puntos seguintes referidos a agrupación de concellos.

f) Proxectos promovidos por dous ou máis concellos agrupados: 10 puntos.

g) Para concellos que concorran agrupados valórase o número de persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito territorial dos concellos agrupados no que se desenvolva o proxecto o último día do mes anterior a data de publicación do extracto da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ata 10 puntos de acordo coa seguinte escala:

• Proxectos promovidos por unha agrupación de concellos que teña entre 0 e 10 persoas mozas inscritas, 0 puntos.

• Proxectos promovidos por unha agrupación de concellos que teña entre 11 e 25 persoas mozas inscritas, 3 puntos.

• Proxectos promovidos por unha agrupación de concellos que teña entre 26 e 50 persoas mozas inscritas, 5 puntos.

• Proxectos promovidos por unha agrupación de concellos que teña entre 51 e 100 persoas mozas inscritas, 8 puntos.

• Proxectos promovidos por unha agrupación de concellos que teña máis de 100 persoas mozas inscritas, 10 puntos.

h) Concellos que teñan a condición de «concello emprendedor» acreditado segundo o disposto no artigo 18.2.e) (20 puntos). No caso de que a solicitude estea presentada conxuntamente por agrupación de concellos baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade...) outorgarase a puntuación en función da porcentaxe de concellos que reúnan tal condición.

i) Achegas da entidade promotora ou doutras entidades colaboradoras, que deberán estar certificadas pola persoa titular da intervención ou cargo equivalente da entidade promotora, especialmente cando estas achegas diminúan a subvención que poida conceder a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ata 5 puntos. Para tal efecto, terase en conta o esforzo investidor en cada caso, de acordo coa seguinte escala:

• Proxectos en que a achega económica das promotoras estea comprendida entre 5.000,00 e 20.000,00 euros: 1 punto.

• Proxectos en que a achega económica das promotoras estea comprendida entre 20.001,00 e 45.000,00 euros: 3 puntos.

• Proxectos en que a achega económica das promotoras sexa superior a 45.000,00 euros: 5 puntos.

j) Entidades solicitantes que non promovesen programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil ou obradoiros de emprego para persoas mozas, financiados con fondos POEX, durante os catro anos inmediatamente anteriores: 5 puntos.

2. Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas terán preferencia aquelas solicitudes en que se utilice a lingua galega na execución dos proxectos. No caso de que se manteña o empate, concederase a axuda atendendo á orde de presentación da solicitude.

3. O número máximo de alumnado dos programas que se concedan con cargo á presente orde será de 16 e non se concederá a axuda para programas de menos de 10.

Artigo 25. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 26. Resolución

1. Dentro dos cinco meses seguintes ao remate do prazo de presentación de solicitudes, cumpridos os trámites previstos no artigo 23 desta orde, emitida a proposta de resolución polo órgano instrutor e fiscalizada esta pola respectiva Intervención, a persoa responsable da xefatura territorial, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ditará e notificaralle á entidade solicitante a resolución que proceda.

2. A resolución favorable conterá, como mínimo, os seguintes puntos:

a) Finalidade e obxectivos básicos do proxecto, número e características das persoas beneficiarias, e, se é o caso, especialidades que se impartirán.

b) Subvención outorgada con cargo aos orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para o financiamento dos gastos sinalados no artigo 30 desta orde, debendo facerse constar que o seu importe ten o carácter de estimado.

c) Duración do proxecto e datas previstas para o seu comezo.

d) Información sobre o cofinanciamento polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e correspondente porcentaxe, con indicación do obxectivo político, prioridade, obxectivo específico e medida. Así mesmo, figurará a identificación do beneficiario, a contía da subvención e obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deben entregarse ou prestarse, o plan de financiamento, o prazo de execución e, se procede, o método que se aplicará para determinar os custos da operación e as condicións de pagamento da axuda, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

e) A puntuación obtida na valoración do proxecto.

f) Calquera outra especificación que se coide oportuna en cada caso concreto. En particular determinarase se os «Outros gastos directos necesarios para o desenvolvemento do proxecto» que sinala o artigo 19.1.b) desta orde se consideran subvencionables ou non.

Deberá informarse á entidade promotora de que a aceptación da subvención podería implicar a súa aparición na lista de operacións que se publique nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

Así mesmo, informaráselle, para os efectos de difusión pública e seguindo as previsións contidas na normativa aplicable (anexo IX do Regulamento (UE) núm. 2021/1060) que deberá identificar convenientemente as actividades, obras e servizos que desenvolva o proxecto subvencionado, especialmente a través de publicidade estática realizada por medio de vallas, carteis ou paneis que, colocados en lugar visible, tamén informarán do cofinanciamento do programa de emprego pola Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo plus (FSE+), Programa FSE+ Galicia 2021-27. Así mesmo, o dito cofinanciamento deberá ser posto en coñecemento das persoas que participen no proxecto. Tamén deberá facer unha breve descrición da operación na súa páxina web destacando o apoio financeiro da Unión Europea a través do FSE+.

Tamén na resolución de concesión se establecerán as condicións da axuda a que quedan sometidas as persoas beneficiarias derivadas da aceptación da subvención, en especial os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución.

3. Transcorrido o prazo de cinco meses sen que se notifique resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Sen prexuízo do previsto no artigo 42 desta orde, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

Potestativamente, con anterioridade á interposición do antedito recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, se dito acto for expreso; ou, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Todo o anterior é sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outras posibles persoas interesadas.

6. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, no Diario Oficial de Galicia, na páxina web oficial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e no rexistro de subvencións, de acordo co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, na Lei 9/2007, do 13 de xuño e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

7. A medida que se vaian xerando dispoñibilidades de crédito como consecuencia de posibles minoracións, renuncias, anulacións ou modificacións nas subvencións concedidas, o órgano instrutor poderá realizar novas propostas de concesión de proxectos continuando coa orde de prelación fixada pola Comisión Central de Valoración ata esgotar o novo crédito.

Artigo 27. Modificacións do proxecto

1. Calquera modificación que implique un cambio dos obxectivos e actuacións básicas do proxecto que sexan considerados como substanciais tramitarase por medio dunha solicitude realizada por medios electrónicos acompañando unha memoria da forma indicada no artigo 18.2.d). Para estes efectos, terán a consideración de substanciais aquelas modificacións que supoñan un cambio no obxecto de actuación que afecte máis do 50 % da planificación dos traballos programados nos correspondentes itinerarios formativos ou que impliquen a necesidade de cambiar as especialidades formativas.

2. De teren as modificacións o dito carácter de substanciais, as xefaturas territoriais remitirán as solicitudes, cando o informe técnico sexa favorable, á Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación para que esta informe sobre a procedencia da modificación pretendida. A súa resolución correspóndelles ás persoas titulares das xefaturas territoriais, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Os mencionados cambios deberán responder a causas excepcionais debidamente xustificadas que así o exixan.

3. As solicitudes de modificacións non esenciais non precisarán do informe da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación para seren resoltas pola xefatura territorial. Da resolución que se dite enviarase copia á dita dirección xeral para a súa constancia.

CAPÍTULO V

Financiamento e gastos subvencionables

Artigo 28. Financiamento da subvención

1. Estes programas serán financiados a través das subvencións que conceda a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con cargo á aplicación 11.50.322A.460.2 (proxecto 2023 00111) da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023 por un importe de 3.229.167,00 euros. Para o exercicio de 2024, as subvencións financiaranse con cargo á mesma aplicación e código de proxecto ou equivalente polo importe de 3.229.167,00 euros.

Este importe poderá ser incrementado ou minorado como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos así como nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. É necesario informe favorable previo da modificación orzamentaria que corresponda por parte do organismo intermedio do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente prevista a designación da Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos).

2. A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde será proporcional ao número de persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil o último día do mes anterior á data de publicación do extracto da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e en función das solicitudes presentadas e aprobadas.

Artigo 29. Convenios de colaboración

As entidades promotoras poderán subscribir convenios de colaboración con outras entidades públicas ou privadas, mediante os que se comprometan a achegar parte do custo do proxecto, descontándose estas achegas da subvención que poida conceder a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Esta circunstancia farase constar na memoria prevista no artigo 18.2.d) desta orde, e comunicarase á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade no momento en que formalizasen se as ditas achegas se recibisen con posterioridade ao momento da solicitude da axuda e, polo tanto, non constasen na dita memoria.

Artigo 30. Gastos para subvencionar

1. As axudas e subvencións que conceda a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para cada proxecto, e que se determinarán na resolución que o aprobe, destinaranse exclusivamente a sufragar os seguintes gastos:

a) Os de formación profesional para o emprego e, se é o caso, educación básica durante a duración do proxecto.

b) Os salariais derivados dos contratos de traballo que se subscriba co alumnado.

2. En ningún caso, o importe da subvención concedida poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo do proxecto.

3. O importe das cantidades efectivas que se aboarán estará en función do valor dos módulos, do salario mínimo interprofesional e das cotizacións á Seguridade Social vixentes no momento da publicación das bases reguladoras no DOG, do número de alumnado participante e da xustificación dos gastos subvencionados.

Artigo 31. Subvención para custos de formación profesional para o emprego

1. Consideraranse como gastos de formación profesional para o emprego e, se é o caso, de educación básica, susceptibles de ser subvencionados:

a) Os gastos derivados da contratación do persoal formador, directivo e de apoio.

b) Os medios e materiais didácticos e de consumo para a formación.

c) As viaxes ou visitas de carácter didáctico.

d) Gastos de viaxes do persoal formador e directivo do proxecto para asistir a reunións ou xornadas convocadas ou autorizadas, expresamente e por escrito, pola persoa titular da xefatura territorial. O importe subvencionado non excederá do importe das axudas de custo establecidas para o persoal con destino na Administración pública de Galicia do grupo equivalente.

e) Útiles e ferramentas. Serán subvencionables todos os que resulten imprescindibles para o desenvolvemento das prácticas do alumnado e cuxo custo unitario de adquisición sexa inferior a 300,00 euros.

f) Alugamento de elementos de transporte, instalacións, maquinaria e equipamentos, excluído o leasing, que resulten necesarios para a formación do alumnado, cando non dispoña a entidade promotora dos necesarios para o desenvolvemento do proxecto formativo.

g) Combustible necesario para o funcionamento da maquinaria utilizada polo alumnado.

h) Gastos de elaboración dos carteis oficiais e vestiario axeitado de traballo do persoal participante no programa de emprego.

i) Se é o caso, o importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivar da actuación profesional do persoal do programa de emprego durante o funcionamento do proxecto. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade quedará exonerada de calquera responsabilidade ao respecto.

j) Gastos de reparación de maquinaria e equipamentos sempre que se produza durante o desenvolvemento do programa de emprego e como consecuencia do uso dado polas persoas participantes nel. Xunto coa xustificación achegarase un informe asinado pola persoa que desempeñe a dirección do programa de emprego en que se acrediten as mencionadas circunstancias.

k) Outros gastos vinculados de forma directa co programa de emprego necesarios para o desenvolvemento do proxecto formativo, que fosen autorizados na resolución de concesión.

2. Non poderán financiarse con cargo á subvención concedida:

a) As indemnizacións por morte ou de acción social previstas nos convenios colectivos das entidades promotoras, e as correspondentes a traslados, suspensións, despedimentos ou cesamentos, así como o importe do pagamento da retribución correspondente ao período das vacacións anuais non desfrutadas durante a duración do proxecto formativo.

b) Os gastos de investimento tales como a adquisición de inmobles, instalacións, maquinarias e equipamentos.

c) Os alugamentos de edificios, locais, naves, aulas ou o seu acondicionamento, sempre que non sexa resultado da práctica profesional do alumnado-traballador participante.

d) Os gastos financeiros xerados por avais, anticipos bancarios ou análogos.

Artigo 32. Cálculo do importe da subvención para custos de formación profesional para o emprego

1. Para os efectos do previsto no artigo anterior, o cálculo da subvención efectuarase por hora/alumno de formación e por módulos:

a) Módulo A: mediante este módulo compensaranse os gastos salariais do persoal formador, directivo e de apoio que fose seleccionado e contratado, incluídos os orixinados polas cotas da Seguridade Social por conta da persoa empregadora, derivados de continxencias comúns e profesionais, Fondo de Garantía Salarial e Desemprego.

b) Módulo B: con este módulo compensaranse os demais gastos enumerados no número 1 do artigo anterior.

2. Para esta convocatoria establécese un importe de 3,91 euros/hora/participante para o módulo A e de 1,10 euros/hora/participante para o módulo B.

3. A contía dos anteditos módulos é única para toda a duración do proxecto, aínda que se desenvolva en dous exercicios anuais distintos e será a que corresponda á data de inicio.

4. O importe do módulo A ten en consideración a relación dun ou dunha docente a xornada completa para cada dez alumnos/alumnas ou fracción. O importe da subvención prevista para gastos de formación e funcionamento será o equivalente ao resultado de multiplicar o valor dos módulos A e B polo número de alumnos/alumnas e polo total de horas, 160 horas por mes de duración do proxecto, considerando a xornada completa.

Artigo 33. Subvención para custos salariais do alumnado-traballador

Nos contratos para a formación e aprendizaxe que a entidade promotora subscriba co alumnado participante nos programas de emprego, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade subvencionará o 100 % do salario mínimo interprofesional anualmente establecido, incluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias. Así mesmo, tamén subvencionará a totalidade das cotas por conta da persoa empregadora correspondentes á Seguridade Social, Fondo de Garantía Salarial e Desemprego previstas para os ditos contratos na súa normativa específica.

Os incrementos debidos ás variacións do importe do salario mínimo interprofesional e as cotizacións sociais poderanse financiar con cargo á aplicación 11.50.322A.460.2, proxecto 2023 00111 ou os equivalentes nos orzamentos vixentes no exercicio en que se produzan.

Artigo 34. Produción de bens e servizos

Cando os proxectos, no desenvolvemento da súa actividade, produzan bens que sexan susceptibles de comercialización, poderán allearse, sempre que non se incorra en competencia desleal e se dispoña das autorizacións necesarias. Os ingresos procedentes de tales alleamentos ou da prestación de servizos descontaranse do importe que hai que pagar pola subvención.

CAPÍTULO VI

Pagamento e xustificación da subvención

Artigo 35. Pagamento da subvención

1. Correspóndelles ás xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade o pagamento das subvencións concedidas, logo das solicitudes das entidades promotoras, no modelo que, para o efecto, estableza a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.

2. Unha vez iniciado o proxecto, e despois da xustificación do comezo mediante a oportuna certificación emitida en tal sentido pola entidade promotora, aboaráselle a esta, en concepto de anticipo, unha cantidade equivalente ao 50 % do importe total da subvención do proxecto, sempre que a devandita cantidade non supere o importe correspondente á anualidade do ano 2023. Tendo en conta que as entidades beneficiarias da subvención teñen a condición de Administración pública non é necesaria a constitución de garantías para o cobramento do anticipo, tal e como establece o artigo 65.4.c) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Antes do 31 de marzo de 2024 a entidade promotora presentará a xustificación do anticipo da anualidade de 2023, comprensiva dos gastos realizados e pagados ata o 31 de decembro de 2023 da forma e cos requisitos previstos nos artigos seguintes referidos á liquidación, sen prexuízo do previsto no artigo 36.3 para os gastos que comporten ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á esa data.

4. O 50 % ou a porcentaxe que resulte restante aboaráselle á entidade promotora unha vez rematado o proxecto, xustificados todos os gastos e presentada a acta de liquidación do expediente nos termos dispostos nos artigos 36 e 37 desta orde.

5. Unha vez recibidos os fondos a entidade promotora deberá remitir á xefatura territorial correspondente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, por cada un dos ingresos, unha certificación acreditativa da súa recepción.

6. As entidades beneficiarias, antes de cada recepción de fondos, deberán achegar unha declaración responsable complementaria de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e a Seguridade Social e non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

7. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, a entidade beneficiaria presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto ou finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Artigo 36. Forma de xustificación

1. A xustificación realizarase mediante o sistema de custo real e de conformidade co previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e as normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2021-2027. A entidade promotora remitirá á correspondente xefatura territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade os xustificantes dos gastos e dos pagamentos efectuados. A xustificación presentarase segundo o detalle indicado nos modelos que estableza a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, e non se poderán efectuar compensacións entre os distintos conceptos. Así mesmo, xuntarase relación dos pagamentos realizados con identificación das persoas perceptoras, detalle das cantidades aboadas e a data do seu pagamento.

2. A xustificación por horas realizadas nos programas de emprego deberá efectuarse mediante unha relación do alumnado-traballador participante no período que se xustifica, con expresión das súas datas de alta e baixa, xunto coas copias dos seus contratos de traballo e partes de baixa na Seguridade Social.

Para a xustificación dos custos salariais do alumnado participante, que se efectuará en función dos contratos efectivamente formalizados e pola duración do período que se xustifica, será necesario achegar a documentación indicada no parágrafo anterior xunto coas nóminas, seguros sociais e xustificantes do seu pagamento.

3. Para a xustificación dos custos salariais e de seguridade social, tanto do alumnado-traballador como do persoal formador, directivo e de apoio, as entidades beneficiarias presentarán os documentos xustificativos RLC e RNT xunto cos xustificantes individualizados dos gastos efectuados e os documentos bancarios acreditativos dos pagamentos realizados (extracto ou cargo bancario) así como unha certificación expedida pola persoa titular da secretaría ou órgano equivalente en que se relacionen todos os xustificantes individualizados dos gastos realizados así como a data do seu pagamento.

Non obstante o anterior, cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considérase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicta o importe da retención ou cotización devindicadas na data de xustificación. As entidades beneficiarias quedan obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.

Os gastos directos de persoal serán subvencionables sempre que cumpra a condición prevista no artigo 16.4 do Regulamento (UE) núm. 2021/1057, para iso deberá levarse un control de partes de horario e asistencia que deixe constancia de tales feitos e que será presentado xunto coa documentación exixida para a xustificación dos proxectos.

4. Respecto á xustificación dos gastos comprendidos no módulo B as entidades promotoras deberán presentar unha certificación expedida pola persoa titular da secretaría ou órgano equivalente en que conste: nome e NIF da persoa acredora, número e, de ser o caso, serie da factura, concepto, importe, data de emisión da factura e do seu pagamento, acompañado das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente así como os xustificantes das transferencias bancarias ou documentos acreditativos dos pagamentos realizados de acordo coa normativa aplicable á xustificación da execución de fondos europeos.

5. No caso de que non se xustifique segundo o previsto nos puntos anteriores, procederase á reclamación das cantidades non xustificadas de conformidade co procedemento establecido para o efecto.

6. A xustificación final de gastos presentarase dentro do mes seguinte ao remate da etapa de formación en alternancia coa práctica profesional e nunca máis tarde do 15 de setembro de 2024.

Artigo 37. Liquidación do expediente

1. Dentro do prazo establecido no artigo anterior, a entidade promotora remitirá á xefatura territorial correspondente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, nos modelos que estableza a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, a seguinte documentación:

a) Memoria final en que se reflictan as actuacións desenvolvidas e en que se relacionen detallados todos os custos, subvencionados ou non, imputados ao desenvolvemento do programa de emprego, seguindo a estrutura do modelo de orzamento de gastos incluído no anexo III da orde.

b) Acta de liquidación e cadro-resumo de xustificantes de gastos.

c) Copia dos certificados de aproveitamento, en que conste o número de horas da formación recibida e a cualificación final, entregados ao alumnado participante no proxecto.

2. Dentro do mesmo prazo deberán presentar a documentación acreditativa do mantemento do sistema de contabilidade separada, segundo as instrucións que se publican na web institucional da Xunta de Galicia, no enlace https://ceei.xunta.gal/recursos/iniciativas?content=sx-emprego/iniciativa_0049.html

3. As entidades promotoras deberán facilitar a información necesaria relativa ao desenvolvemento da actividade que permita dar cumprimento aos requisitos de información indicadores de realización e de resultado previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) núm. 2021/1057, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Social Europeo Plus (FSE+).

4. Dentro do mesmo prazo deberá presentarse, así mesmo, a documentación acreditativa do cumprimento das obrigas en materia de comunicación e visibilidade establecidas no anexo IX do Regulamento (UE) núm. 2021/1060, a que fai referencia o artigo 40.s) desta orde, mediante achegas de copias da documentación utilizada, fotografías dos carteis expostos, indicación da páxina web, etc.

5. Despois de verificada a xustificación presentada e, en caso de acordo, a xefatura territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade dará a súa conformidade aos documentos antes sinalados, e procederá ao aboamento das cantidades previstas nesta orde. No suposto de desconformidade ou discrepancia, a xefatura territorial descontará do pagamento do 50 % restante as cantidades non xustificadas.

6. Revisada a xustificación, e de existir un saldo positivo a favor da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a xefatura territorial iniciará o procedemento establecido para o reintegro das cantidades non xustificadas.

7. En todo caso, no prazo de tres meses posteriores á finalización da actividade do proxecto, a xefatura territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade remitirá á Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación a acta de liquidación e cadro-resumo de xustificantes de gastos, sinalados no punto 1 letra b) deste artigo.

Artigo 38. Subvención máxima xustificable

A subvención máxima que se pode admitir como xustificada, por gastos de formación e funcionamento, para cada un dos módulos A e B, non poderá exceder o que resulte de multiplicar o número de horas realizadas polo importe de cada módulo. Para estes efectos, tamén serán consideradas como horas efectivas as do alumnado-traballador que abandone o proxecto polo tempo comprendido entre a data da súa baixa e, se é o caso, o remate do proxecto.

De igual xeito, asimilaranse ás horas de formación efectivamente impartidas as correspondentes aos períodos de vacacións anuais retribuídos desfrutados durante o período de duración do proxecto polo alumnado participante, establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 39. Compatibilidade da axuda

Esta axuda é compatible con calquera axuda e subvención concedida para o mesmo proxecto e finalidade polas distintas administracións públicas competentes ou entes públicos. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

CAPÍTULO VII

Obrigas, seguimento e control

Artigo 40. Obrigas

As entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde, ademais de cumprir as obrigas establecidas pola normativa aplicable con carácter xeral ás axudas e subvencións públicas, deberán:

a) Realizar as actividades para as que se concede a subvención, de conformidade coas disposicións previstas nesta orde e nas resolucións, instrucións ou circulares que a desenvolvan.

b) Acondicionar e dotar as instalacións de xeito que reúnan as condicións de seguridade e saúde laboral que permitan o normal desenvolvemento das actividades formativas desde o inicio do proxecto.

c) Formar as persoas participantes nos aspectos teóricos e prácticos das actividades profesionais contidas no plan formativo e contratar o alumnado participante, na modalidade contractual e pola duración prevista no artigo 4 desta orde, e formalo nos aspectos teóricos e prácticos das actividades profesionais ou oficios obxecto do programa.

d) Acreditar ante a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade a realización das actividades e o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión da axuda ou subvención, achegando a documentación que lles sexa requirida co fin de comprobar o cumprimento das obrigas que derivan da dita concesión.

e) Satisfacer, ao seu vencemento, as obrigas económicas que deriven do funcionamento do proxecto subvencionado, especialmente as de carácter salarial, con independencia de que se percibise con anterioridade a subvención concedida.

f) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade; ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas; ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

g) Manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

h) Conservar todos os documentos xustificativos relacionados coa operación que reciba axuda do FSE+ durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que a autoridade de xestión do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 efectúe o último pagamento ao beneficiario, nos termos establecidos no artigo 82 do Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

i) Comunicar á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade a obtención doutras subvencións ou axudas para o mesmo proxecto ou finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional, no momento de presentar a solicitude así como con ocasión da xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do derradeiro pagamento.

j) Procurar a inserción laboral posterior das persoas desempregadas participantes nos proxectos.

k) Respectar as normas de subvencionabilidade do gasto financiado polo Fondo Social Europeo plus (FSE+), establecidas no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados; e no Regulamento (UE) núm. 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) núm. 1296/2013, e as normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2021-2027.

l) Aceptar a súa aparición na lista de operacións que se publicará nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

m) Comunicar a todas as persoas que participan no proxecto que os custos derivados da súa realización son cofinanciados polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027 nun 60 %.

n) Cumprir con cantas obrigas deriven da normativa de aplicación do cofinanciamento polo FSE+ e a Iniciativa de emprego xuvenil, de conformidade co establecido no artigo seguinte.

o) Remitir á xefatura territorial correspondente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade copia dos certificados de aproveitamento, en que conste o número de horas da formación recibida e a cualificación final, entregados ao alumnado participante no proxecto.

p) Garantir o cumprimento do principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no deseño e desenvolvemento do proxecto.

q) Procurar, na execución do programa de emprego, un uso non sexista da linguaxe e velar por transmitir unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes.

r) Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento da prestación que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) núm. 2021/1057.

Os indicadores de realización relativos a persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do/da participante coa actuación subvencionada, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior a finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

Para estes efectos, facilitarase ás entidades beneficiarias o acceso á aplicación informática de rexistro e almacenamento dos datos de indicadores que poña á súa disposición o organismo intermedio do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

s) Cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021. En particular, de conformidade cos artigos 47 e 50 do devandito regulamento, nos espazos en que se desenvolvan as actuacións contarán co emblema da Unión Europea xunto coa declaración ‘Cofinanciado pola Unión Europea’. Igualmente, nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación nun lugar ben visible para o público. Tamén se fará unha breve descrición da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, no caso de dispoñer delas, mencionando os obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión Europea. Ademais, en todos os documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da actuación, destinados ao público ou ás persoas participantes, proporcionarase unha declaración que saliente a axuda da Unión Europea de xeito visible.

Artigo 41. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Artigo 42. Incumprimento de obrigas. Reintegro da subvención

1. O incumprimento total ou parcial por parte da entidade beneficiaria das obrigas establecidas nesta orde así como na demais normativa aplicable e, con carácter xeral, ás axudas e subvencións públicas que se outorguen con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, orixinará, tendo en consideración a natureza e causas do incumprimento, e se é o caso, a súa incidencia na formación e cualificación profesional do alumnado-traballador participante, o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas en concepto de axudas ou subvencións máis os xuros de demora nas condicións e de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo do establecido no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe a reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade, ou adoitar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Incumprimento das obrigas de presentación de documentación exixida para a xustificación dos gastos: no caso de que non se presente ningunha documentación procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado, e no suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe para reintegrar será proporcional ao gasto non xustificado.

d) Incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada establecida no artigo 40.g): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

e) Incumprimento da obriga de manter unha pista de auditoría suficiente establecida no artigo 40.g): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

f) Incumprimento da obriga de realizar as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións establecida no artigo 40.r): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

g) Incumprimento das obrigas en materia de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no artigo 40.s): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

h) Incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude de outras axudas: reintegro do 5 % sobre o gasto subvencionado.

i) Incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención de outras axudas: reintegro do exceso percibido máis xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

3. As xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade facilitarán información aos consellos provinciais de emprego dos incumprimentos das entidades promotoras que dean lugar ao reintegro total ou parcial das axudas concedidas.

Artigo 43. Loita contra a fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servicio Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral de la Administración del Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo, no seguinte enderezo: https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Paginas/ComunicacionSNCA.aspx

En canto non se habilite outra canle específica para o Programa FSE+ Galicia 2021-2027, os devanditos feitos poderán poñerse en coñecemento a través da seguinte: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Artigo 44. Asesoramento, seguimento e avaliación

1. As xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade son os órganos encargados de realizar as tarefas de supervisión, coordinación, asesoramento, seguimento e control da xestión dos proxectos, así como das axudas e subvencións concedidas.

2. Ademais de tramitar e resolver o expediente de solicitude e, de ser o caso, transferir os fondos correspondentes, deben realizar, na forma e cos procedementos que estableza a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, as seguintes actuacións:

a) Asistencia, apoio e asesoramento técnico e administrativo tanto á entidade promotora na preparación do proxecto como no seu desenvolvemento na realización das actividades para as que se concede a subvención, para conseguir o éxito do proxecto: creación de emprego, cualificación, adquisición de experiencia e inserción laboral, así como a correcta realización e desenvolvemento do traballo e actividades previstas.

b) Seguimento da xestión, obtendo dos proxectos, a información referente ao alumnado participante, persoal formador, directivo e de apoio e calquera outro dato que se considere de interese para o seguimento puntual da xestión, especialmente daqueles que serviron de base para a concesión da subvención.

c) Control das axudas e subvencións concedidas e liquidación do expediente.

d) Control dos resultados obtidos. Para estes efectos, as entidades promotoras, aos dous meses da súa finalización deberán presentar información dos indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) núm. 2021/1057, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Social Europeo Plus (FSE+).

A Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos anteriormente.

Disposición adicional primeira. Plurianualidade das axudas

O 50 % do importe total das axudas para cada proxecto terá o carácter de plurianual, de conformidade co preceptuado polo artigo 58.1.b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no acordo do Consello da Xunta de Galicia, adoptado na súa sesión do día 30 de marzo de 2023.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa responsable da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación para autorizar e redistribuír os correspondentes créditos e nos xefes e nas xefas territoriais, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro e sancionador sinaladas nos títulos II, III e IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional terceira. Réxime de infraccións e sancións

As entidades beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde están suxeitas ao réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, de conformidade co previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2023

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file