Vista a Resolución desta reitoría do 14 de marzo de 2023, pola cal se resolve publicar o plan de estudos conducente á obtención do título de máster universitario en Desafíos das Cidades (titulación conxunta da Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade do Minho, a Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro, e a Universidade do Porto), publicada no Diario Oficial de Galicia número 65, do 3 de abril.
Visto que o trámite correspondente á publicación do plan de estudos conducente ao título de máster universitario en Desafíos das Cidades antes mencionado compete á universidade coordinadora en España e que, en consecuencia, corresponde á Universidade da Coruña e non á Universidade de Santiago de Compostela.
De acordo co anteriormente exposto e de conformidade co previsto no artigo 27 do Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo cal se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da súa calidade, e co resto das disposicións xerais de aplicación,
RESOLVO:
Deixar sen efecto a Resolución do 14 de marzo de 2023, publicada no Diario Oficial de Galicia número 65, do 3 de abril, pola cal se publica o plan de estudos do máster universitario en Desafíos das Cidades.
Santiago de Compostela, 17 de abril de 2023
Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela