Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 24 de abril de 2023 Páx. 25129

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 13 de abril de 2023 pola que se lle dá publicidade á resolución de concesión das axudas á implantación da loxística avanzada e sustentable para o ano 2022, susceptibles de ser financiadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Mediante a Resolución do 4 de agosto de 2022 (DOG nº 150, do 8 de agosto), publicáronse as bases reguladoras das axudas á implantación da loxística avanzada e sustentable para o ano 2022, susceptibles de ser financiadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

As ditas bases establecen no seu artigo 13.5 que a resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo https://www.igape.gal/gl/resolucions-definitivas, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Anunciar a publicación do texto completo da resolución definitiva, de data do 26 de marzo de 2023, de concesión das axudas á implantación da loxística avanzada e sustentable para o ano 2022, susceptibles de ser financiadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, no enderezo https://www.igape.gal/gl/resolucions-definitivas. O texto completo da resolución non se publica no DOG na súa integridade en virtude da cautela prevista no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Habilítase un prazo de 10 días naturais para que os interesados accedan á oficina virtual do Igape, no enderezo https://www.igape.gal/gl/resolucions-definitivas, utilizando o seu NIF e o código IDE do expediente, para descargar a súa resolución individual. Transcorrido o devandito prazo desde a posta á disposición da resolución individual sen que se acceda ao seu contido entenderase rexeitada.

Estas axudas son susceptibles de ser financiadas no marco do programa operativo Feder Galicia 14-20, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 80 %, computando como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante. En particular:

Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).

Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e nos procesos de innovación.

Obxectivo específico 03.04.01: promover o crecemento e a consolidación das pemes, en particular mellorando o seu financiamento, tecnoloxía e acceso a servizos de apoios avanzados; incluíndo os sectores agrícola, pesqueiro, mariño, marítimo, turístico, cultural, comercial (….).

Actuación 3.4.1.3: apoio a proxectos de investimento empresarial para promover o crecemento e consolidación das pemes.

Campo de intervención CE001: investimento produtivo xenérico en pemes.

Liña de actuación 07: apoio ao financiamento das pemes.

O que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e o Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

A concesión desta axuda supón a aceptación do beneficiario a ser incluído na lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013. Así mesmo, o beneficiario deberá cumprir os requisitos de publicación e comunicación en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, punto 2.2 do dito Regulamento (UE) nº 1303/2013.

Segundo. As resolucións individuais, segundo o establecido no punto primeiro, esgotan a vía administrativa e contra elas poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao de acceso á resolución individual, ou desde que se entenda rexeitada polo transcurso de dez días naturais desde a súa posta á disposición sen que se accedese ao seu contido. Non obstante, previamente poderá interporse un recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao de acceso á resolución individual, ou desde que se entenda rexeitada polo transcurso de dez días naturais desde a súa posta á disposición sen que se accedese ao seu contido.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2023

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica