Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 24 de abril de 2023 Páx. 24875

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 20 de abril de 2023 pola que se determinan os servizos mínimos da Corporación Radio Televisión de Galicia, S.A. dirixidos a garantir os servizos esenciais ante a convocatoria de folga do día 25 de abril de 2023 nos seus centros de traballo.

O Comité Intercentros da Corporación Radio Televisión de Galicia, S.A. comunicou a convocatoria de folga que afecta todos os traballadores e traballadoras da corporación nos seus centros de traballo: San Marcos (Santiago de Compostela), delegación da Coruña, delegación de Vigo, delegación de Ourense e delegación de Lugo. Esta convocatoria de folga desenvolverase o martes 25 de abril cunha duración de 24 horas.

Desde a CRTVG establécense servizos mínimos respecto dos sectores e actividades cuxa regulación e competencia poden afectar o desenvolvemento ordinario da actividade cidadá, no sentido do artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, é dicir, sanidade, seguridade, protección civil, transportes e comunicacións, medios de comunicación social, rexistros públicos, edificios, bens e instalacións públicas, asistencia social e educación, servizos de vixilancia e extinción de incendios e bombeiros.

A fixación dos servizos mínimos adoptados na CRTVG xustifícase en razón das seguintes circunstancias:

1. O carácter esencial que revisten os servizos de comunicación audiovisual, non só pola determinación expresa do lexislador (Lei 9/2011, do 9 de novembro), senón tamén pola súa incidencia no exercicio dos dereitos fundamentais a comunicar e recibir información veraz por calquera medio de difusión (artigo 9 da Lei 13/2022, do 7 de xullo, xeral da comunicación audiovisual), que reserva por norma o carácter de servizo esencial para o servizo público de comunicación audiovisual.

A condición de servizo esencial, distinta deste último de servizos de interese xeral, resérvase na actualidade para o servizo público de comunicación audiovisual (artigo 50 da Lei 13/2022), isto é, para aqueles servizos de comunicación audiovisual que son de titularidade pública.

En plena concordancia co indicado, a Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, establece que o servizo público de radio e televisión de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia é un servizo esencial para a comunidade.

En consecuencia, concorren no presente caso os presupostos normativos establecidos no artigo 10 do Real decreto lei 17/1977 só naquelas folgas que son declaradas en empresas encargadas da prestación de calquera xénero de servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade.

O feito en que poden impoñerse medidas limitadoras componse de dous elementos: un, a cualificación do servizo («servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade») e outro, de carácter circunstancial («e concorran circunstancias de especial gravidade»), que debe concorrer en ambos os termos da alternativa do primeiro elemento. Non abonda así coa cualificación do servizo para xustificar as medidas limitativas, senón que estas, de ser o caso, deben axustarse ás circunstancias, que deben ser non só graves, senón de especial gravidade, como a urxencia de non asegurar a emisión e a comunicación informativa relevante cando é o único medio audiovisual de titularidade pública de Galicia.

2. A procedencia de precisar, dentro da total extensión da prestación destes servizos públicos esenciais e aplicando un criterio o máis estrito posible, aqueles aspectos cuxo mantemento debe considerarse indispensable coa finalidade de asegurar a satisfacción do interese público afectado, daqueles outros aspectos que poden quedar suspendidos temporalmente como consecuencia da folga, sen mingua do interese xeral da comunidade.

De modo que a consideración dun servizo como esencial non pode supoñer a supresión do dereito de folga dos traballadores/as que tiveran que prestalo, senón a necesidade de dispoñer das medidas precisas para o seu mantemento ou, dito doutra forma, para asegurar a prestación dos traballos que sexan necesarios para a cobertura mínima dos dereitos, liberdades ou bens que satisfai o dito servizo, sen que exixa alcanzar o nivel de rendemento habitual nin asegurar o seu funcionamento normal.

No fío deste interese público indispensable de carácter informativo, que dota a Corporación RTVG da cualificación de servizo esencial, entra, á hora da determinación destes servizos mínimos, a proporcionalidade, elixindo só o mínimo esencial para asegurar a emisión das canles de comunicación e a retransmisión da información de carácter esencial.

Esta proporcionalidade ponse de manifesto coa propia cuantificación destes efectivos mínimos en proporción á programación concreta da xornada cualificada como servizo esencial de información á comunidade, sendo o persoal con horario habitual de traballo, un día entre semana comparable de programación ordinaria na actualidade, duns 673 efectivos, e o persoal que atende as tarefas cualificadas como servizos mínimos son 145 efectivos.

En consecuencia, considérase necesario:

A. Garantir a produción e emisión dos programas informativos, que son considerados imprescindibles para o mantemento dos servizos públicos esenciais de información á comunidade.

A programación informativa que sexa establecida con dito carácter de servizo esencial exixirá que queden debidamente expresadas ou identificadas as seguintes circunstancias ou datos, de feito que demostren na dita programación informativa o cumprimento destas dúas exixencias que seguen:

– Por un lado, a súa necesidade para garantir, no mínimo que resulta exixible, os dereitos fundamentais de liberdade de expresión e de información do artigo 20 da Constitución; neste sentido, os efectivos que se presentan nesta resolución fan referencia aos mínimos indispensables para asegurar a emisión, produción e continuidade dos espazos considerados de contido informativo esencial. En servizos mínimos encóntranse os efectivos precisos para a emisión das noticias esenciais, de relevancia ou que precisen inmediatez, e con valor informativo. O número de efectivos determínase para unha duración inferior á habitual destes espazos informativos, polo que, no caso de asistencia á folga da totalidade do cadro de persoal, se garante esta duración reducida como información esencial por parte destes servizos mínimos.

En concreto, na programación actual dos medios de comunicación que conforman a Corporación tratan información de carácter esencial:

• Na Televisión de Galicia:

– Bos días, espazo informativo matinal diario de luns a venres. Trátase dun espazo que é o primeiro avance do día de noticias aos galegos/as.

– Galicia Noticias, informativo de proximidade comarcal e local que ten unha importancia estrutural con atención informativa diferenciada e a referencia no ámbito comarcal.

– Telexornal 1, espazo informativo de actualidade en Galicia, España e o mundo, é o informativo de referencia en Galicia.

– Telexornal 2, espazo informativo de actualidade en Galicia, España e o mundo; actualiza e repasa a información da xornada.

• Na Radio Galega:

– Galicia por diante, espazo matinal radiofónico en que se tratan contidos informativos e de actualidade.

– A Crónica das 14.00, espazo informativo do mediodía.

– A Crónica das 20.00, espazo informativo de noite.

– Os boletíns horarios, pequenos espazos duns 4 minutos ao longo do día que se manteñen como información mínima.

A convocatoria de servizos mínimos permite a elaboración destes espazos informativos na TVG e na Radio Galega, e a súa duración será determinada polo seguimento da folga por parte do persoal.

• Na canle G2, a redifusión dos espazos informativos mínimos da primeira canle con posterioridade á súa emisión. Ao ser unha redifusión, non precisa efectivos en servizos mínimos para a creación do dito contido, pero si para a parte de emisión técnica.

• Nas canles dixitais, que nos últimos anos se converteron no modo de acceso á información de parte importante da poboación máis nova, disporase dun mínimo para actualizar nos portais informativos a información de carácter esencial na xornada.

• Os programas non informativos, directos ou gravados, non se dotan de servizos mínimos, así como tampouco están en servizos mínimos as informacións de deportes ou do tempo; en cambio si podería estar a información meteorolóxica en caso de que na xornada de folga se torne unha información relevante. Cando non sexa posible a emisión dun espazo polo seguimento da folga, emitirase en redifusión un programa xa emitido con anterioridade.

– E, por outro, a súa proporcionalidade, isto é, que a actividade informativa mantida tan só cos recursos dos servizos mínimos comporta unha diminución, non só da total actividade televisiva ou radiofónica de calquera clase de contido que é desenvolvida en circunstancias de normalidade, senón tamén nunha apreciable redución da actividade audiovisual que é realizada nesas mesmas circunstancias de normalidade. A afectación da folga será máis ou menos visible en función do seguimento por parte do persoal.

Con estas dúas consideracións, a decisión de cara á folga convocada de, no caso de seguimento maioritario da folga, redución dos programas informativos mencionados e a supresión doutros de carácter eminentemente informativo e de actualidade, producirase unha diminución da actividade informativa habitual, proporcionando unha visibilidade notable do seguimento da folga e producíndose unha variación total da programación habitual diaria no caso de alto seguimento.

Como norma xeral, en canto ao número concreto de efectivos en cada unha das unidades orgánicas que conforman a Corporación, convocouse en servizos mínimos un efectivo por categoría profesional preciso para a execución das tarefas que fan posible a emisión, o soporte e a creación informativa considerada de carácter esencial por cada quenda de traballo (mañá, tarde e noite), a excepción de determinadas categorías profesionais que pola súa relevancia nos servizos informativos ou nas tarefas específicas que desenvolven precisan de máis dun profesional para garantir a cobertura esencial de produción informativa e técnica da emisión.

Para comprender o establecemento de servizos mínimos debemos salientar que existe traballo de carácter técnico e de medios de produción que se adianta durante a semana para a fin de semana, por exemplo na Unidade de Emisións, que deixa as pautas de programación preparadas, polo que algunhas das tarefas do persoal convocado establécense en canto a esta previsión de recursos técnicos e medios de produción.

Estes casos concretos son:

1. Informadores da TVG en San Marcos: inclúe persoal das categorías profesionais redactores, locutores da TVG e RG e auxiliares de redacción precisos para sacar adiante a información de carácter esencial da xornada nas quendas de mañá, tarde e noite, habituais de luns a venres, sendo estes:

a) Bos días: o programa informativo da mañá na súa franxa informativa precisa o traballo dun informador/a e da presentador/a habitual en servizos mínimos para actualizar as noticias do primeiro espazo informativo de referencia no día na TVG.

b) Galicia Noticias: a comunicación de proximidade e, en concreto, a que emprega a comarca como unidade de referencia, ten unha importancia estrutural en Galicia. Trátase dun telexornal líder na súa franxa na Comunidade Autónoma e, por ser o único en Galicia que transmite esta información fronte ao ámbito máis xeneralista dos outros formatos, Galicia Noticias ten un interese real e expreso en afastarse do partidismo e propiciar a participación cidadá centrándose no ámbito social e informativo da comunidade.

Neste senso, son precisos dous informadores de quenda de mañá para poder realizar esta aproximación á información local da comunidade galega; o presentador deste espazo non está en mínimos.

c) Telexornal 1: o espazo de referencia informativa en Galicia para desenvolver a información esencial de carácter prioritaria para a comunidade precisa 4 informadores na redacción e 2 en exteriores para as coberturas que se fagan precisas ao longo da mañá.

d) Telexornal 2: a actualización informativa de última hora, pola peculiaridade deste espazo precisa un equipo mínimo de 5 informadores en redacción e 1 en exteriores da quenda de tarde.

e) En cada un dos centros de traballo convócase en servizos mínimos un informador por quenda, é dicir, un de mañá e outro de tarde, para garantir a cobertura básica informativa de cada unha das áreas xeográficas: Lugo, Ourense, A Coruña-Ferrol e Pontevedra-Vigo.

Ademais, os informadores van acompañados para as coberturas por reporteiros gráficos que toman a imaxe e son co fin de elaborar as pezas informativas para alimentar estes programas. Para cubrir estas informacións de luns a venres, traballando en conxunto cos informadores, son precisos 7 reporteiros gráficos (6 de mañá e 1 de tarde) no centro de traballo de San Marcos e un por quenda (mañá e tarde) en cada delegación (A Coruña, Vigo, Ourense e Lugo).

A parte de documentación e arquivamento é precisa para poder ilustrar a información esencial que poida cubrirse na xornada de folga. Para isto, os traballadores/as convocados teñen que cubrir o horario de atención e produción dos informativos para garantir as validacións e peticións dos redactores sobre o sistema de xestión do arquivo (tedial). É preciso a convocatoria de dous documentalistas na quenda de mañá e un na quenda de tarde para cubrir a totalidade da franxa horaria de produción e emisión dos espazos informativos esenciais mencionados.

2. Informadores da Radio Galega en San Marcos: os redactores, locutores de radio ou auxiliares de redacción precisos para sacar adiante os programas informativos de carácter esencial de luns a venres, da mañá, do mediodía e da noite dun día de semana, son:

a) Galicia por Diante: é preciso convocar un informador de madrugada que pon en marcha o servizo mínimo informativo deste formato.

b) Boletíns horarios informativos: é preciso convocar 3 informadores (un por cada quenda: mañá, tarde e noite) para poder preparar e locutar os boletíns informativos para garantir a peza emitida cada hora que inclúe a información básica de servizo público.

c) A Crónica das 14.00: é o programa informativo do mediodía na Radio Galega, que precisa para a súa emisión convocar a coordinadora e presentadora, e un informador para a elaboración das noticias.

d) A Crónica das 20.00: é o programa informativo da tarde na Radio Galega, que precisa para a súa emisión convocar o seu coordinador e presentador, e un informador para a elaboración das noticias.

e) En cada unha das delegacións convócase en servizos mínimos un informador para garantir a cobertura básica de cada unha das áreas xeográficas: Lugo, Ourense, A Coruña-Ferrol e Pontevedra-Vigo.

3. A realización do contido informativo descrito precisa un soporte tecnolóxico de medios de produción, tanto na TVG como na Radio Galega, para poder emitir. Con carácter xeral, convócase un efectivo de cada unha das categorías profesionais de ámbito tecnolóxico ou técnico por cada unha das quendas, a excepción do que se explica máis adiante.

Nesta convocatoria de servizos mínimos, e co propósito de asegurar a emisión dos informativos e só a cobertura da información esencial do día, os medios técnicos precisos para isto vense reducidos de cara a prescindir de certos efectivos que achegan calidade e profesionalidade ao formato, prevendo que cos efectivos convocados se faga un formato máis sinxelo e básico.

Polo cal, precísanse:

a) TVG: para a execución dos servizos informativos mínimos establecidos é preciso dispoñer dun estudio con medios técnicos e efectivos para asegurar a gravación, produción, iluminación, fondos e rótulos das noticias, o son, a realización e demais parte técnica de produción informativa. Polo tanto, precísase polo menos un efectivo por categoría profesional e quenda destes profesionais que aseguran a produción.

Os casos concretos de colectivos que precisan convocar máis dun colectivo por quenda obedece a que:

• Na Área de Grafismo é preciso dispoñer do persoal necesario para o cumprimento das directrices legais en día de folga e non modificar as funcións habituais de cada traballador/a. No Servizo de Grafismo existen ademais dúas localizacións: a denominada Librería, onde se executa a inxesta de gráficos, e o Control, que lanza os gráficos nos directos. Sen estas figuras traballando simultaneamente en localizacións separadas e con diferentes tarefas non sería posible lanzar titulares ou rótulos durante os programas informativos. Por tanto precísanse convocar 4 traballadores na mañá para poder asumir estas funcións esenciais.

• Na Área de Produción, os traballadores/as convocados en servizos mínimos fan os labores de produción esenciais para a emisión dos programas informativos, como vías, sinais, permisos, descargas, escada de produción, etc. En concreto, os 3 efectivos da quenda de mañá están asignados a: coordinar o informativo do programa Bos Días, a coordinación das saídas dos reporteiros gráficos e a coordinar o informativo Telexornal 1. O persoal de produción convocado na quenda de tarde é o responsable desta tarefa no Telexornal 2.

• O mesmo ocorre co colectivo dos realizadores e axudantes de realización (é necesario cubrir as tarefas dun realizador e dous axudantes por cada programa informativo). Na mañá son precisos os realizadores habituais do Bos Días, o Galicia Noticias e o Telexornal 1, e na tarde o do Telexornal 2, cos seus axudantes de realización correspondentes que asumen as súas funcións habituais cada un no programa a que está asignado.

O colectivo dos operadores montadores de vídeo especializouse tras o proceso de dixitalización da TVG. Os operadores de PAM son os que atenden especificamente os sinais e directos que se gravan para os informativos, é habitual que entren ata 7-8 sinais en simultáneo, polo que son precisos 2 operadores de PAM por quenda para o control e envío. Os operadores de MAM traballan co Departamento de Documentación preparando o material que lles solicita informativos e facendo a inxesta de materiais externos. Son precisos dous efectivos na quenda da mañá para poder atender as pezas dos informativos e un na tarde. Os operadores de media son os xestores do sistema de produción de entradas e envío a controis das pezas dos informativos; son precisos 2 efectivos por quenda para poder manter os fluxos de produción. Ademais, precísase para a correcta edición das pezas informativas un operador de posprodución por quenda e un operador montador de vídeo en cada un dos centros de traballo.

b) Radio Galega: a parte técnica dos informativos realízaa a categoría profesional dos técnicos de control e precísanse:

– Un técnico no Control Central, que garanta a emisión e a correcta xestión dos sinais.

– Dous técnicos de estudo durante a mañá (franxa con maior carga de sinais externos), que garantan a realización dos informativos e boletíns horarios en servizos mínimos.

– Un técnico en función de estudo durante a tarde (franxa con menor carga de sinais externos), que garanta a realización dos informativos e boletíns horarios en servizos mínimos.

Por tanto, nos días de semana precísanse convocar 6 efectivos da categoría profesional técnico de control para ter cubertas estas tarefas durante as 24 horas de folga.

B. Asegurar a continuidade das emisións radiofónicas e televisivas, co obxecto de que por razóns de máxima urxencia e necesidade deba cubrirse algún acontecemento de actualidade que pola súa premura obrigue á súa cobertura coa maior axilidade posible. Tal garantía exixe do persoal necesario de emisións e continuidade, e que se establezan servizos mínimos na parte técnica para a eventual cobertura ante incidencias de calquera ámbito.

Neste sentido, o soporte e mantemento das emisións inclúe efectivos dos departamentos de:

– Continuidade: nesta área crítica para a retransmisión televisiva establécense dous operadores de continuidade de xeito permanente necesarios para poder axustar as redifusións e programas da TVG, tanto os previstos como as variacións que se teñan que facer durante o día por posibles efectos do seguimento da folga, e tamén atender as redifusións dos espazos considerados de información esencial na canle G2. Debido aos horarios asignados a cada traballador/a é preciso convocar 7 efectivos para facer esta cobertura con 2 operadores de continuidade e non deixar horarios desprovistos, xa que a asignación de quendas o fai así necesario.

– Emisións: é preciso un mínimo de 3 traballadores/as durante a xornada, xa que cada un deles teñen asignados funcións diferenciadas e para o control da emisión de cada unha das canles en que se retransmite o contido informativo esencial como responsables da elaboración do minutado, a segmentación e a comprobación técnica da grella para emitir sen incidencia. Ademais, nesta unidade orgánica, o traballo da fin de semana queda feito de luns a venres, polo que toma aínda máis relevancia o traballo destes mínimos para asegurar que non existan incidencias nos días posteriores.

– Operacións, emisións e mantemento técnico: na parte do Control Central, o núcleo onde se fai o control dos sinais, é preciso ter un técnico electrónico por quenda para cubrir as franxas de emisión dos programas informativos de información esencial. Na Área de Explotación, que sen operacións técnicas, é imprescindible a presenza de 2 técnicos por quenda, xa que é un servizo que ten que estar cuberto 24 horas para a emisión e os técnicos teñen que atender dúas salas de traballo diferentes para manter as máquinas en uso e poder dar soporte ás consolas de mestura nos controis e aos dispositivos electrónicos: a de operacións técnicas e a sala rack.

Existen ademais outras áreas que son precisas de cara a dar soporte en caso de incidencias a cada un dos departamentos, son os servizos xerais:

– Servizo de sistemas: onde é fundamental dar un soporte informático ao persoal. Tras o proceso de dixitalización acontecido na TVG, todos os fluxos de traballo e ferramentas mudaron para adaptar o traballo ao novo sistema. Este traballo de dar soporte é clave neste momento, xa que a plataforma de dixitalización aínda se está a estabilizar e é preciso un servizo de apoio aos traballadores/as ante calquera incidencia técnica que lles impida realizar as súas tarefas.

– O Grupo Soporte é unha unidade dependente do servizo de sistemas. É unha unidade de soporte tecnolóxico da plataforma dixital da TVG, calquera incidencia neste aspecto ten que ser solucionada para a correcta emisión na televisión. É unha unidade de soporte crítica que resolve as incidencias da redacción de informativos. Pola mañá, que é a quenda de maior produción informativa, son precisos 2 efectivos de cara a poder garantir a resolución no tempo das casuísticas técnicas habituais da plataforma dixital na CRTVG.

– Instalacións e almacéns: así mesmo, é preciso ter un almacenista por quenda para poder abrir os almacéns de cámaras e material técnico para poder subministrar os equipamentos precisos para desenvolver o seu traballo ao resto de traballadores/as en servizos mínimos.

– Mantemento: o persoal deste departamento, entre outras tarefas, atende incidencias relacionadas coa electricidade, xa que o mantemento da instalación eléctrica de alta e baixa tensión da CRTVG é imprescindible para garantir a emisión en caso de incidencia en cada unha das quendas (mañá, tarde e noite), ou tarefas propias de mantemento para resolver calquera incidencia.

E, en fin, C) a consideración da extensión xeográfica e temporal da convocatoria de folga que afecta a xestión dos servizos públicos esenciais de radiodifusión sonora e televisión de Galicia.

Na adopción de tales medidas que garantan o mantemento dos servizos débese ponderar a extensión territorial e persoal, a duración prevista e as demais circunstancias concorrentes na folga, así como as concretas necesidades do servizo e a natureza dos dereitos ou bens constitucionalmente protexidos sobre os que aquela repercute.

A CRTVG é o único medio de comunicación audiovisual de carácter público con cobertura autonómica, polo tanto, o único medio coa obriga e posibilidade de asegurar este servizo informativo esencial.

A duración temporal da convocatoria da folga afecta todos/as os/as traballadores/as en todas as quendas, o que obriga a convocar en servizos mínimos persoal de diferentes quendas (mañá, tarde, noite) para cubrir unha mesma tarefa ou cobertura técnica. A convocatoria en servizos mínimos efectúase de xeito que non supoña cambio de horario, de funcións, tarefas habituais e outras circunstancias do persoal. Poderíase dar a circunstancia de que por cuestións organizativas ou por ausencias xustificadas do persoal, o persoal asignado en servizos mínimos non coincida exactamente coa categoría profesional asignada ou substitúa a función esencial descrita dunha ausencia xustificada.

En consecuencia, de acordo coa normativa citada e cos argumentos expostos, en virtude das facultades que me confire o Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes; o Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e o Decreto 60/2022, do 15 de maio, polo que se nomean os titulares das vicepresidencias e consellerías da Xunta de Galicia, e oído o Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

1. A convocatoria de folga desenvolverase o martes 25 de abril de 2023 cunha duración de 24 horas.

2. Terán a consideración de servizos mínimos os que se relacionan no anexo á presente orde.

Artigo 2

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación suficiente. A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será realizada polos empregadores e notificada ao persoal designado.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

ANEXO

Efectivos mínimos convocados para o martes 25 de abril

I. Informativos:

I.I. Documentación e arquivo:

2 Documentalistas de mañá e 1 de tarde.

I.II. Redacción da Radio Galega (redactores/as, locutores/as e auxiliares de redacción):

2 Informadores/as de noite, 3 de mañá e 2 de tarde en San Marcos.

1 Informador/a de mañá na delegación da Coruña.

1 Informador/a de mañá na delegación de Lugo.

1 Informador/a de mañá na delegación de Ourense.

1 Informador/a de mañá na delegación de Vigo.

I.III. Redacción de Televisión de Galicia (redactores/as, locutores/as e auxiliares de redacción):

10 Informadores/as de mañá e 6 de tarde en San Marcos.

1 Informador/a de mañá na delegación de Madrid.

1 Informador/a de mañá e 1 de tarde na delegación da Coruña.

1 Informador/a de mañá e 1 de tarde na delegación de Ourense.

1 Informador/a de mañá e 1 de tarde na delegación de Vigo.

1 Informador/a de mañá e 1 de tarde na delegación de Lugo.

I.IV. Reporteiros/as gráficos/as:

6 Reporteiros/as gráficos/as de mañá e 1 de tarde en San Marcos.

1 Reporteiro/a gráfico/a de mañá e 1 de tarde na delegación da Coruña.

1 Reporteiro/a gráfico/a de mañá e 1 de tarde na delegación de Vigo.

1 Reporteiro/a gráfico/a de mañá e 1 de tarde na delegación de Ourense.

1 Reporteiro/a gráfico/a de mañá e 1 de tarde na delegación de Lugo.

I.V. Tempo real:

1 Informador/a de mañá e 1 de tarde.

I.VI. Medios de produción:

I.VI.I. Cámaras:

1 Cámara de primeira de mañá e 1 de tarde.

1 Control de cámara de mañá e 1 de tarde.

I.VI.II. Grafismo:

1 Deseñador/a gráfico/a de mañá e 1 de tarde.

3 Grafistas-tituladores/as de mañá e 1 de tarde.

I.VI.III. Iluminación:

1 Técnico/a de iluminación de mañá e 1 de tarde.

1 Iluminador/a de mañá e 1 de tarde.

I.VI.IV. Maquillaxe:

1 Maquillador/a de mañá e 1 de tarde.

I.VI.V. Produción:

3 Persoal de produción de mañá e 1 de tarde.

I.VI.VI. Realización:

3 Realizadores/as de mañá e 2 de tarde.

5 Axudantes/as de realización de mañá e 2 de tarde.

I.VI.VII. Son:

2 Técnico/a de son de mañá e 2 de tarde.

I.VI.VIII. Operadores/as de vídeo:

1 Operador/a de posprodución de mañá e 1 operador montador de vídeo de tarde.

2 Operadores/as montadores/as de vídeo de inxesta PAM de mañá e 2 de tarde.

2 Operadores/as montadores/as de vídeo de inxesta MAM de mañá e 1 de tarde.

2 Operador/a montador/a de vídeo de media de mañá e 2 de tarde.

1 Operador/a montador/a de vídeo de mañá na delegación da Coruña.

1 Operador/a montador/a de vídeo de mañá na delegación de Lugo.

1 Operador/a montador/a de vídeo de tarde na delegación de Vigo.

1 Operador/a montador/a de vídeo de mañá na delegación de Ourense.

II. Soporte e mantemento das emisións:

II.I. Soporte e mantemento das emisións:

II.I.I. Continuidade:

1 Operador/a de continuidade de noite, 3 de mañá e 3 de tarde.

II.I.II. Emisións:

1 Produtor/a de mañá, 1 operador/a montador/a de vídeo de mañá e 1 redactor/a de mañá.

II.II. Grupo soporte:

1 Operador/a de soporte de noite, 2 de mañá e 1 de tarde.

II.III. Medios RG:

1 Técnico/a de control de noite, 3 de mañá e 2 de tarde.

II.IV. Operacións, emisións e mantemento técnico:

1 Técnico/a electrónico/a de noite, 2 de mañá e 1 de tarde.

1 Técnico/a electrónico/a de primeira de mañá 2 de tarde.

II.V. Instalacións:

1 Electricista de noite, 1 de mañá e 1 de tarde.

I.VI. Mantemento:

1 Axudante de mantemento de mañá e 1 de tarde.

II.VII. Almacén de cámaras:

1 Axudante de mantemento de mañá e 1 almacenista de tarde.

II.VIII. Servizo de sistemas:

1 Analista-programador/a de mañá e 1 técnico/a de sistemas de tarde.