Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 26 de abril de 2023 Páx. 26091

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2023 pola que se modifica a Resolución do 15 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a establecementos turísticos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU503F).

O 27 de marzo de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 15 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a establecementos turísticos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU503F).

No artigo 4.1 das bases reguladoras indícase que son actuacións subvencionables as que se realicen en establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos e albergues turísticos, así como en empresas de restauración. Ben que se omitiron as vivendas turísticas, nada impide que se poidan subvencionar as actuacións que se realicen nelas, polo que é preciso a súa inclusión nas bases reguladoras.

Por outra banda, o artigo 9.1 das bases reguladoras sinala que cada persoa interesada poderá presentar como máximo unha solicitude de axuda por cada liña de acción. Dado que unha persoa interesada pode ser titular de varios establecementos turísticos, cómpre aclarar que pode presentar como máximo unha solicitude de axuda para cada establecemento en cada liña de acción.

Finalmente, para facilitar a rastrexabilidade do aprobado na solicitude da axuda e na convocatoria, encadrada na ACD Rehabilitación de recursos emblemáticos do litoral galego, do Plan territorial de sustentabilidade turística litoral de Galicia de 2021, engádese un cadro explicativo na epígrafe introdutoria da resolución.

Esta resolución ten por obxecto introducir unha modificación na epígrafe introdutoria da citada Resolución do 15 de marzo de 2023, así como no artigo 4.1 das bases reguladoras e no artigo 9.1 das ditas bases no sentido indicado anteriormente.

A introdución destas modificacións persegue satisfacer o interese xeral das potenciais persoas beneficiarias das axudas sen que supoña unha vulneración de intereses de terceiros nin unha alteración esencial da natureza e obxectivos da subvención.

Dado que estas modificacións se aplicarán a todas as persoas solicitantes desta convocatoria, cuxo prazo de presentación de solicitudes xa comezou o pasado 28 de marzo, amplíase o prazo de solicitudes un mes máis desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, en prol de garantir a igualdade de dereitos de todas as entidades solicitantes.

De conformidade coa competencia conferida polo artigo 19 dos estatutos da Axencia de Turismo de Galicia, aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro,

RESOLVO:

Artigo 1. Modificación da parte introdutoria da Resolución do 15 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a establecementos turísticos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU503F)

Na páxina 20401, primeiro parágrafo, engádese a continuación do texto «As dúas liñas de actuación encádranse na ACD Rehabilitación de recursos emblemáticos do litoral galego do Plan territorial de sustentabilidade turística litoral de Galicia de 2021, en particular, a liña 1 enmárcase no eixe 2 (eficiencia enerxética) e a liña 2, no eixe 4 (competitividade).» o seguinte cadro:

ACD-Rehabilitación de recursos emblemáticos do litoral galego

Eixes de actuación

Actuacións

Total

Axudas a establecementos

1 (transición ecolóxica)

1

Rehabilitación do patrimonio en espazos singulares do litoral

2.700.000,00 €

Total eixe 1

2.700.000,00 €

2 (eficiencia enerxética)

2

Mellora da fachada turística do litoral

1.125.000,00 €

Liña 1.
Tecnoloxías ambientais

1.125.000,00 €

Total eixe 2

1.125.000,00 €

3 (transición dixital)

3

Dixitalización de recursos con potencial turístico no litoral

425.000,00 €

1

Rehabilitación do patrimonio en espazos singulares do litoral

250.000,00 €

Total eixe 3

675.000,00 €

4 (competitividade)

2

Mellora da fachada turística do litoral

950.000,00 €

Liña 2.
Mellora da fachada turística

  950.000,00 €

4

Xestión e asistencia técnica

110.000,00 €

1

Rehabilitación do patrimonio en espazos singulares do litoral

1.110.000,00 €

Total eixe 4

2.170.000,00 €

Total

6.670.000,00 €

Total convocatoria

2.075.000,00 €

Artigo 2. Modificación do anexo I da Resolución do 15 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a establecementos turísticos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU503F)

Modifícanse os artigos 4.1 e 9.1 do anexo I da citafa resolución nos termos que se recollen a seguir:

Un. O artigo 4.1 queda redactado nos seguintes termos:

«1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración situados en municipios costeiros, dentro do marco xeográfico do litoral de Galicia, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT) o establecemento turístico para o que se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:

a) Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

b) As empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares) que se enmarquen dentro do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención.

No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude».

Dous. O artigo 9.1 queda redactado nos seguintes termos:

«1. Cada persoa interesada poderá presentar como máximo unha solicitude de axuda por cada liña de acción. Se a persoa interesada é titular de varios establecementos turísticos de aloxamento e de restauración, poderá presentar como máximo unha solicitude de axuda para cada establecemento en cada liña de acción. Para este fin, utilizaranse os modelos previstos no anexo II».

Artigo 3. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Acórdase ampliar o prazo de presentación de solicitudes establecido no artigo 9 das bases reguladoras da citada resolución nun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Esta ampliación permite que aquelas persoas que non presentasen a solicitude con anterioridade poidan formulala tendo en conta as modificacións efectuadas.

Artigo 4. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección de Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2023

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia de Turismo de Galicia