Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 27 de abril de 2023 Páx. 26404

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2023 pola que se acorda unha nova ampliación do prazo para a presentación de solicitudes no procedemento regulado pola Resolución do 25 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluído no Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2023 (código de procedemento TU986B).

O 2 de decembro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 25 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluído no Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2023 (código do procedemento TU986B).

O prazo para a presentación de solicitudes era desde o día seguinte ao da publicación da mencionada resolución no DOG ata o día 30 de marzo de 2023.

Tendo en conta a dificultade técnica da presentación dos proxectos subvencionables, ampliouse o prazo de presentación de solicitudes establecido na convocatoria ata o 2 de maio de 2023. Concorren motivos que aconsellan unha nova ampliación do prazo inicialmente establecido para a presentación das solicitudes correspondentes ás subvencións reguladas mediante a Resolución do 25 de novembro de 2022, como consecuencia das dificultades experimentadas polas potenciais persoas beneficiarias interesadas para presentaren a documentación exixida no artigo 8 das bases reguladoras.

O artigo 32.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que, salvo precepto en contrario, poderá acordarse, de oficio, unha ampliación dos prazos establecidos, que non exceda a metade destes, se as circunstancias o aconsellan e con iso non se prexudican dereitos de terceiros.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Modifícase o artigo 6 das bases reguladoras da Resolución do 25 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluído no Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2023 (código de procedemento TU986B), no referente ao prazo de presentación de solicitudes, de maneira que a data límite de presentación de solicitudes se amplía ata o 29 de maio de 2023.

Segundo. Publicidade da ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia, para os efectos previstos nos artigos 44 e 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Terceiro. Recursos

De acordo co disposto no artigo 32.3 de la LPACAP, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Cuarto. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2023

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia de Turismo de Galicia