Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 28 de abril de 2023 Páx. 26737

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

EXTRACTO do 20 de abril de 2023 da Orde do 17 de abril de 2023 pola que se convocan subvencións para a modernización de empresas privadas de transporte de viaxeiros prestadoras de servizos de transporte por estrada e de empresas privadas que interveñen no transporte de mercadorías por estrada, na Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, xestionado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para os anos 2023 e 2024 (códigos de procedemento IF325A,IF325B, IF325C, IF325D, IF325E, IF325F, IF325G, IF325H, IF325I e IF325J).

BDNS (Identif.): 690926.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

1. Os artigos 14, 15 e 16 do Real decreto 902/2022, do 25 de outubro, regulan os destinatarios últimos das subvencións convocadas por esta orde, os requisitos para obter esta condición e as súas obrigas.

2. Serán destinatarios últimos das axudas, sempre que teñan a súa residencia fiscal en España, tanto as persoas xurídicas privadas incluídas na definición de peme de acordo co establecido no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, como as persoas físicas, cando, en ambos os casos, cumpran algunha das seguintes condicións:

a) Que sexan titulares dalgunha das seguintes autorizacións en vigor na data da solicitude das axudas:

1º. Unha autorización de transporte público de mercadorías habilitante para facer transporte con vehículos ou conxuntos de vehículos de máis de 3,5 t de masa máxima, identificada coa clave MDPE.

2º. Unha autorización de transporte público discrecional de viaxeiros en autobús, identificada coa clave VDE.

3º. Unha autorización de transporte público de mercadorías, habilitante para facer transporte con vehículos de ata 3,5 t de masa máxima, identificada coa clave MDLE.

4º. Unha autorización de operador de transporte habilitante para intermediar na contratación de transportes públicos de mercadorías, identificadas rexistralmente coa clave OT.

b) Que na data da solicitude da axuda presten servizo público de transporte urbano en autobús e estean exentas da obtención dalgunha das autorizacións incluídas na letra a) deste punto.

c) Que interveñan no proceso de transporte de mercadorías como cargador/descargador ou expedidor/receptor, tal e como se reflicte na Lei 16/1987, do 30 de xullo, no documento de control e no ADR.

Segundo. Obxecto

O obxecto desta orde é convocar as subvencións incluídas nos programas de incentivos ligados á modernización de empresas privadas de transporte de viaxeiros prestadoras de servizos de transporte por estrada e de empresas privadas que interveñen no transporte de mercadorías por estrada, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras aplicables a estas subvencións establécense no Real decreto 902/2022, do 25 de outubro, polo que se aproba a concesión directa ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla de axudas para a modernización de empresas privadas de transporte de viaxeiros prestadoras de servizos de transporte por estrada e de empresas privadas que interveñen no transporte de mercadorías por estrada, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (BOE núm. 257, do 26 de outubro).

Cuarto. Financiamento e crédito orzamentario

1. Destínase ao financiamento desta convocatoria un orzamento por importe total de seis millóns douscentos cincuenta e sete mil seiscentos oitenta e dous euros (6.257.682€), con cargo ás anualidades 2023 e 2024.

2. Do importe total, destinaranse 6.069.951,54€ ás subvencións obxecto desta convocatoria, que se concederán con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.512A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os exercicios 2023 e 2024.

3. Destinarase a custos indirectos o 3% do importe total, que ascende a 187.730,46€.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes de axudas contarase a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e estará vixente ata o 30 de xuño de 2024.

Sexto. Outros datos

A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado co código de procedemento IF325A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Estes modelos irán acompañados, ademais, da documentación relacionada nos artigos 10, 11 e 12 que, necesariamente, se deberá anexar en formato electrónico. Para isto, no proceso de presentación electrónica permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios (en formato pdf, odt, ods, doc, xls, docx, xlsx, jpg, png, tiff e bmp).

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2023

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade