Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 28 de abril de 2023 Páx. 26740

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 18 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento PL400B).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 5, especifica que a lingua propia de Galicia é o galego e que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento. Segundo o artigo 27.20, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva da promoción e do ensino da lingua galega.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu título III, Do uso do galego no ensino, establece que «o galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos» e que «as autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino».

O Decreto 79/2010, do 20 de maio, polo que se regula o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, no seu artigo 13.3 establece que «os materiais que se empreguen nas áreas, materias ou módulos a que se refire o punto 2 do mencionado artigo (impartidos en lingua galega e en linguas estranxeiras) terán a calidade científica e pedagóxica adecuada e atenderán, sen prexuízo da súa proxección universal, ás peculiaridades de Galicia. Con este fin, a consellería competente en materia de educación fomentará a elaboración e publicación dos materiais curriculares correspondentes».

Pola súa parte, a Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, establece no artigo 7.2 que a Xunta de Galicia potenciará a produción editorial en galego mediante unha liña de axudas que asegure a existencia dunha oferta suficiente de materiais didácticos naquelas áreas en que a lexislación educativa determine que a lingua galega sexa a vehicular da súa aprendizaxe.

O Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado o 21 de setembro de 2004, define como obxectivo para a área do ensino «garantir unha oferta de materiais didácticos de calidade e en soportes diversos que fagan atractivo o proceso da aprendizaxe, que axuden a percibir a utilidade da lingua e que capaciten para o seu uso correcto e eficaz».

Así mesmo, o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020 definía as áreas en que se agrupan as diferentes medidas deste plan, e unha delas é recollida tamén no Plan xeral de normalización da lingua galega, a área das relacións laborais. Aínda que a vixencia deste plan xa rematou, non remataron as eivas que promoveron esta acción de normalización. Neste marco pretendíase deseñar medidas que incrementasen o uso do galego en todo o ámbito das relacións laborais, e un dos obxectivos era asegurar a presenza da nosa lingua nas carreiras técnicas, no ensino non regrado e na formación profesional, espazo educativo onde a Secretaría Xeral detectou unha exigua presenza da lingua galega, polo que cómpre seguir fomentando o seu uso nesta área.

A maiores, no apoio ás persoas con necesidades específicas de apoio educativo non pode estar allea a normalización lingüística e é preciso que o galego estea presente en materiais didácticos curriculares e complementarios que, en función das distintas necesidades, sirvan de axuda ao desenvolvemento normal do alumnado nos diferentes niveis de ensino, neste caso, nos niveis non universitarios.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, regula o réxime xurídico propio das subvencións cuxo establecemento e xestión lle corresponde á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por último, o procedemento de concesión destas subvencións quedará suxeito ao Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro).

Tendo en conta o dito marco legal, faise pública esta convocatoria, mediante a cal se pretende fomentar a elaboración e a publicación de recursos didácticos curriculares en lingua galega e favorecer o tecido da industria editorial galega, segundo as seguintes bases.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Obxecto

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá a concesión de subvencións para o ano 2023, en réxime de concorrencia competitiva, para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares e complementarios destes para os niveis non universitarios, segundo establece a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro (código de procedemento administrativo PL400B).

Artigo 2. Orzamento

O financiamento das axudas farase con cargo ao crédito da partida orzamentaria 10.02.151A.470.1, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, por unha contía máxima total de 200.000,00 €, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán solicitar estas subvencións as empresas mercantís do sector editorial que elaboren os recursos didácticos curriculares obxecto desta orde, sexan persoas físicas ou xurídicas, sempre que, estando legalmente constituídas, cumpran os requisitos establecidos nestas bases. Ademais, non deberán estar incursas en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin incumprir os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

Artigo 4. Recursos didácticos subvencionables

1. Será subvencionable a elaboración e edición en lingua galega dos recursos didácticos curriculares e complementarios destes, realizados en soportes impresos ou dixitais.

A elaboración de material didáctico para a formación regrada de persoas adultas en lingua galega deberá incorporar as directrices do Marco europeo común de referencia para as linguas do Consello de Europa. Este texto pode ser consultado na páxina web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://www.lingua.gal/recursos/outros/_/publicacions/recurso_0001/marco-europeo-comun-referencia-para-linguas

2. Para os efectos desta norma, considérase recurso didáctico complementario calquera tipo de material educativo que contribúa a afondar no coñecemento dos bloques temáticos contidos nos currículos oficiais das ensinanzas non universitarias da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Requisitos

1. As empresas solicitantes deberán dispor dun departamento de edición na Comunidade Autónoma de Galicia, na epígrafe «edición de libros», que acreditarán coa copia do último recibo do imposto de actividades económicas (IAE).

2. Os materiais ou proxectos propostos deberán cumprir os seguintes requisitos:

Só se subvencionarán proxectos que estean correctamente realizados en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas pola Real Academia Galega na sesión plenaria do día 12 de xullo de 2003). Malia o anterior, admitiranse proxectos trimestralizados de primaria en que, cando menos, o 50 % da proposta se realice en lingua galega e nos cales as materias de obrigada impartición en galego, segundo o Decreto 79/2010, do 20 de maio, estean en galego, única lingua que se terá en conta para a valoración e subvención correspondente destas publicacións.

– Os materiais editados en soporte impreso deberán ter unha tiraxe mínima de 1.000 exemplares e os editados en soporte dixital ou audiovisual, de 500. En calquera caso, as publicacións electrónicas, pola súa natureza, non están suxeitas a este requisito e, de se editar nalgún soporte tanxible (memoria USB, cedé, deuvedé ou outros), a tiraxe mínima será de 50 exemplares.

– Os materiais terán que estar destinados á venda e haberá que acreditar o correspondente número de ISBN e a referencia do depósito legal definitivo. As obras en formato electrónico ou noutros soportes análogos ou similares acreditarán a existencia do depósito legal segundo o indicado na normativa reguladora do depósito legal (Lei 23/2011, do 29 de xullo, modificada pola Lei 8/2022, do 4 de maio, e Real decreto 635/2015, do 10 de xullo, polo que se regula o depósito legal das publicacións en liña). O depósito legal terá unha data posterior ao 31 de decembro de 2021. En ausencia de depósito legal, considerarase esta mesma data límite, pero referida á da obtención do correspondente ISBN.

Artigo 6. Exclusións

Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta orde, mesmo cumprindo os requisitos exixidos no artigo precedente, os seguintes recursos:

1. A edición de material didáctico para o nivel universitario.

2. Libros de creación literaria, dicionarios e enciclopedias.

3. Os libros de bibliófila/o.

4. As publicacións de difusión gratuíta.

5. Os libros publicados por clubs do libro ou entidades similares, destinados a seren distribuídos entre as súas persoas subscritoras.

6. As obras que non sexan primeira edición.

7. Os proxectos con contidos idénticos aos xa subvencionados nalgunha das tres últimas convocatorias, con independencia do soporte ou formato en que se presenten.

CAPÍTULO II

Da convocatoria pública

Artigo 7. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal (anexo I).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Considerarase último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día do prazo for inhábil, prorrogarase ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 8. Documentación complementaria

Xunto coa solicitude (anexo I) remitirase a seguinte documentación:

1.1. Documento acreditativo da personalidade da persoa solicitante, que será:

• Se a empresa é unha persoa xurídica, a copia da escritura ou documento de constitución, estatutos ou acta fundacional, e de modificación, se é o caso, inscrita no Rexistro Mercantil, cando este requisito sexa exixible conforme a lexislación que lle sexa aplicable.

1.2. Xustificación da representación con que actúa a persoa asinante da solicitude:

• Cando a persoa asinante da solicitude actúe no nome dunha persoa xurídica, a copia dos estatutos ou dos acordos sociais dos cales se deduza a dita representación, ou do poder notarial correspondente, debidamente inscritos no Rexistro Mercantil ou no rexistro que corresponda, agás que a persoa representante presente a solicitude cun certificado dixital de representación. Neste caso, non será necesario presentar a dita documentación se o certificado utilizado está vixente e non expirou o límite temporal de dous (2) anos desde a súa expedición.

1.3. Copia do último recibo do imposto de actividades económicas, onde conste que a empresa editorial dispón dunha sede na Comunidade Autónoma de Galicia na epígrafe «edición de libros».

1.4. Constancia documental da existencia dun contrato debidamente asinado, se o houber, coa persoa autora ou tradutora da obra, que respectará o establecido no Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

1.5. Un exemplar completo da maqueta definitiva para os recursos didácticos en formato presencial e, no caso dos de soporte informático e recursos multimedia ou electrónicos, o contido definitivo das obras para as cales se solicita a subvención ou ben os guións e as imaxes cando se trate de vídeos didácticos.

1.6. No caso de que as obras estean xa editadas, achegarase un exemplar de cada título, e nas publicacións electrónicas, a clave para a súa lectura, con todos os manuais e o software que as acompañe. Deberán ter un depósito legal posterior ao 31 de decembro de 2021. En ausencia de depósito legal, considerarase esta mesma data límite, pero referida á da obtención do correspondente ISBN.

1.7. Unha certificación da persoa que posúa a condición de editora, pola que se compromete a ter editada a obra subvencionable o día 1 de setembro de 2023 como data límite (anexo III).

1.8. Unha certificación do importe que se solicita, desagregado por conceptos, referido ao orzamento do custo de execución da obra, na cal, ademais, deberá constar expresamente a tiraxe de exemplares. No caso das publicacións electrónicas, cando non exista ningún soporte tanxible, achegarase unha estimación das licenzas que se prevé comercializar.

1.9. Deberase achegar unha descrición da obra para a cal se solicita a subvención (anexo II).

1.10. Unha memoria explicativa na cal se recollan as características técnicas, a temporalización da edición e as persoas destinatarias.

2. Ademais da documentación indicada nos números 1.1 a 1.10 deste artigo, de conformidade co artigo 6.1 do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, a persoa solicitante deberá xuntar unha declaración do conxunto de todas as axudas de minimis recibidas durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, suxeitas ao citado regulamento ou a outros regulamentos de minimis. Esta declaración está incluída no anexo I.

3. As publicacións trimestralizadas consideraranse como un único proxecto subvencionable. Tratarase igualmente a edición de cadernos, separatas, unidades didácticas e demais publicacións que se precisen adquirir conxunta ou separadamente co libro de texto durante o mesmo curso académico e que se precisen para desenvolver o currículo. Polo tanto, terán que se presentar como unha soa solicitude de subvención.

4. Así mesmo, cando unha empresa editorial presente varias solicitudes da mesma obra ou publicación, en distintos soportes e/ou formatos, consideraranse como un proxecto global e concederáselles unha única subvención, que determinará a aplicación dos criterios de valoración e concesión ao conxunto de todos os formatos ou soportes en que se achegue a obra subvencionable.

5. A documentación especificada nos números 1.1 a 1.3 deste artigo presentarase unha soa vez no caso de achegar varias solicitudes de subvención.

6. As solicitudes de subvención deberanse presentar por separado para cada un dos recursos didácticos curriculares e complementarios subvencionables no modelo de solicitude que figura como anexo I, xunto coa documentación e no prazo establecido, e deberanse achegar a documentación correspondente aos números 1.1 a 1.3 para a primeira solicitude, e, de ser o caso, os documentos dos números 1.4 ao 1.10 para as sucesivas.

7. Desestimaranse as solicitudes que non se axusten estritamente aos requisitos das epígrafes anteriores e os expedientes arquivaranse sen máis trámite.

8. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

9. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

10. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

11. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

12. Se a solicitude non reúne os datos de identificación ou algún dos previstos no artigo 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, requirirase a entidade ou a persoa solicitante, de conformidade co establecido no artigo 68 da dita lei, para que nun prazo de dez (10) días emende as faltas ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, cos efectos previstos no artigo 21 da mesma lei.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante. DNI ou NIE se o solicitante é persoa física.

b) Se é o caso, DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas tributarias co Estado, emitido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificado acreditativo de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo I) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Artigo 11. Publicidade

1. As entidades beneficiarias deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo do seu requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

CAPÍTULO III

Da instrución do procedemento

Artigo 13. Instrución do procedemento

1. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no articulado básico da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu desenvolvemento, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O órgano instrutor do procedemento será a persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística.

Artigo 14. Comisión de Valoración

1. Aquelas solicitudes que cumpran cos requisitos desta convocatoria serán analizadas pola Comisión de Valoración que se creará para tal fin, segundo os criterios de valoración e concesión establecidos no artigo seguinte.

2. Esta comisión estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, que poderá delegar nunha persoa coa condición de persoal funcionario da Secretaría Xeral.

Secretario/a: un membro da Secretaría Xeral de Política Lingüística, con voz pero sen voto.

Vogais:

– Unha persoa experta en didáctica, proposta pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

– Unha persoa técnica con amplos coñecementos no eido da edición en galego, proposta pola Asociación Galega de Editoras.

– Dúas persoas coa condición de persoal funcionario ou técnico da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

As persoas vogais e o/a secretario/a serán nomeados pola persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

3. A Comisión de Valoración ten atribuídas as seguintes funcións:

– Emitir informe sobre as solicitudes e valoralas, de conformidade cos criterios de valoración establecidos nesta convocatoria. Para isto, poderá contar cos informes técnicos dunha Comisión de Persoas Expertas en deseños curriculares, nomeada pola persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística e polo servizo de asesoramento lingüístico do departamento.

– Emitir un informe relativo á adxudicación das subvencións.

4. A Comisión quedará validamente constituída coa presenza do/da presidente/a, do/da secretario/a e da metade dos seus membros, conforme o establecido no artigo 17.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, e no artigo 19.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

No non previsto nesta convocatoria, o funcionamento desta comisión axustarase ao réxime establecido no capítulo II do título preliminar, sección 3ª, da dita Lei 40/2015, e no título I, capítulo I, sección 3ª, da Lei 16/2010.

Artigo 15. Criterios de valoración para a concesión das propostas subvencionables

1. Consideraranse criterios de valoración para a concesión da subvención os seguintes:

a) Calidade da obra:

1. Adaptación dos materiais ao currículo oficial establecido. Valorarase a coherencia da proposta curricular, considerando a relación entre os criterios de valoración, os estándares de aprendizaxe, os contidos e o desenvolvemento das competencias clave, de 0 a 35 puntos.

De acordo co informe técnico da Comisión de Persoas Expertas, o órgano avaliador terá en conta os seguintes aspectos:

1.1. Obxectivos propostos e obxectivos abordados para o cumprimento dos estándares de aprendizaxe.

Se se abordan, valórase con 10 puntos.

Se non se abordan, valórase con 0 puntos.

1.2. Contidos propostos e contidos traballados.

Se se abordan, valórase con 10 puntos.

Se non se abordan, valórase con 0 puntos.

1.3. Competencias básicas que se traballan e se fan explícitas ao longo de toda a obra.

Se se abordan, valórase con 15 puntos.

No caso de que se traballen, pero non sexa de forma explícita, valórase con 10 puntos.

Se non se abordan de ningunha forma, valórase con 0 puntos.

2. Tipo de actividades. Valorarase de 0 a 10 puntos a súa adecuación á diversidade de aptitudes e intereses do alumnado, e que promovan a adquisición das competencias, a investigación, o traballo de grupo, a lectura comprensiva e a reflexión crítica, a iniciativa e a creatividade, así como a adquisición de hábitos intelectuais.

De acordo co informe técnico da Comisión de Persoas Expertas, o órgano avaliador terá en conta os seguintes aspectos:

2.1. Que as actividades propostas sexan variadas e non repetitivas.

No caso de seren variadas e non repetitivas, valórase con 2 puntos.

No caso de seren pouco repetitivas e variadas, valórase con 1 punto

No caso de seren repetitivas e nada variadas, valórase con 0 puntos.

2.2. Que respondan á diversidade de aptitudes e intereses do alumnado.

No caso de se axeitaren ás aptitudes e intereses do alumnado, valórase con 2 puntos.

No caso de seren pouco axeitadas, valórase con 1 punto.

No caso de non se axeitaren, valórase con 0 puntos.

2.3. Que promovan:

• A adquisición das competencias.

Se se traballan de forma completa, valórase con 1 punto.

Se non se traballan ou é de forma escasa, valórase con 0 puntos.

• A investigación.

Se se fomenta e se traballa explicitamente, valórase con 1 punto.

Se non se traballa ou é de forma escasa, valórase con 0 puntos.

• O traballo colaborativo.

Se se fomenta e se traballa explicitamente, valórase con 1 punto.

Se non se traballa ou é de forma escasa, valórase con 0 puntos.

• A lectura comprensiva e a reflexión crítica.

Se se fomentan e se traballan explicitamente, valórase con 1 punto.

Se non se traballan ou é de forma escasa, valórase con 0 puntos.

• A iniciativa e a creatividade.

Se se fomentan e se traballan explicitamente, valórase con 1 punto.

Se non se traballan ou é de forma escasa, valórase con 0 puntos.

• A adquisición de hábitos intelectuais.

Se se fomenta e se traballa explicitamente, valórase con 1 punto.

Se non se traballa ou é de forma escasa, valórase con 0 puntos.

A obtención de 0 puntos en calquera dos puntos 1 e 2 anteriores da alínea a) deste artigo impediralle á persoa solicitante da pretendida subvención continuar no procedemento para a súa concesión e quedará excluída.

3. Motivación. Valorarase de 0 a 5 puntos se o material dos recursos didácticos curriculares ou complementario destes toma en consideración os intereses do alumnado galego, as súas ideas previas, a súa idade, se é atractivo visualmente e se propón formas variadas e orixinais de introducir as unidades didácticas curriculares ou complementarias destes e os contidos asociados.

De acordo co informe técnico da Comisión de Persoas Expertas, o órgano avaliador terá en conta os seguintes aspectos:

3.1. Que o material dos recursos didácticos curriculares ou complementario destes sexa visualmente atractivo.

Se contén moitas imaxes, debuxos e cores atractivas, valórase con 1 punto.

Se contén algunhas imaxes e debuxos atractivos, valórase con 0,50 puntos.

Se non é visualmente atractivo, valórase con 0 puntos.

3.2. Que relacione os contidos cos intereses do alumnado galego da idade a que vai dirixido.

Se relaciona os contidos cos intereses do alumnado galego da idade a que vai dirixido, valórase con 1,50 puntos.

Se relaciona de forma escasa os contidos cos intereses do alumnado galego da idade a que vai dirixido, valórase con 0,50 puntos.

Se non relaciona os contidos cos intereses do alumnado galego da idade a que vai dirixido, valórase con 0 puntos.

3.3. Que relacione os contidos cos coñecementos que o alumnado previsiblemente ten de acordo co seu nivel académico.

Se relaciona os contidos cos coñecementos que o alumnado previsiblemente ten de acordo co seu nivel académico, valórase con 1 punto.

Se non relaciona os contidos cos coñecementos que o alumnado previsiblemente ten de acordo co seu nivel académico, valórase con 0 puntos.

3.4. Que propoña formas variadas e orixinais de introducir as unidades didácticas ou recursos complementarios destas e os contidos asociados a elas.

Se propón formas variadas e orixinais de introducir as unidades e os contidos asociados a elas, valórase con 1,50 puntos.

Se propón pouca variedade ao introducir as unidades e os contidos asociados a elas, valórase con 0,50 puntos.

Se non propón formas variadas e orixinais ao introducir as unidades e os contidos asociados a elas, puntúase con 0 puntos.

Os proxectos que correspondan a material complementario deberán acadar 5 ou máis puntos no número 2 e un mínimo de 3 puntos no número 3 da alínea a) deste artigo, para seren susceptibles de ser subvencionados.

4. Tratamento dos valores democráticos. Valorarase de 0 a 5 puntos se, de maneira transversal aos obxectivos, competencias e contidos abordados, o material didáctico curricular ou complementario deste promove obxectivos de desenvolvemento sustentable propostos pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas, como a igualdade, a tolerancia, a solidariedade e a xustiza, a resolución pacífica de conflitos, a convivencia, os hábitos saudables, a sensibilidade cara á protección do medio natural e outros de similar natureza.

De acordo co informe técnico da Comisión de Persoas Expertas, o órgano avaliador terá en conta os seguintes aspectos:

Se se traballan todos os valores de forma completa, valórase con 5 puntos.

Se só se traballa algún deles, valórase cada un con 0,50 puntos.

Se non se traballa ningún deles, valórase con 0 puntos.

5. Adecuación da linguaxe ao nivel académico do alumnado. Valorarase de 0 a 5 puntos.

De acordo co informe técnico da Comisión de Persoas Expertas, o órgano avaliador terá en conta os seguintes aspectos:

Se a linguaxe é axeitada ao nivel académico do alumnado, valórase con 10 puntos.

Se a linguaxe non é axeitada ao nivel académico do alumnado, valórase con 0 puntos.

6. Adecuación á realidade cultural e social de Galicia. Valorarase de 0 a 15 puntos que o material didáctico curricular ou complementario deste proxecte unha imaxe de Galicia como unha comunidade innovadora, aberta ao mundo e plenamente integrada na realidade social europea, moderna e diversa, non restrinxida a aspectos folclóricos ou costumistas.

De acordo co informe técnico da Comisión de Persoas Expertas, o órgano avaliador terá en conta os seguintes aspectos:

6.1. Que o material didáctico curricular ou complementario deste adecúe os contidos tratados e os obxectivos á realidade de Galicia.

Se existe adecuación e reflicte a realidade galega, valórase con 7 puntos.

Se contén algunhas referencias (por exemplo, nomes propios, topónimos, referencia a cidades, etc.), valórase con 3,50 puntos.

Se non hai referencias nin adecuación á realidade galega, valórase con 0 puntos.

6.2. Que á adecuación á realidade cultural e social de Galicia se faga por medios variados: a través de todas as ilustracións onde é posible mostrar a realidade de Galicia por medio de exemplos, de textos, de autores escollidos para as citas, das realidades propostas como obxecto de estudo (autores, obras, científicos, institucións, acontecementos…).

Se a adecuación se fai por medios variados e de forma moi completa, valórase con 4 puntos.

Se contén algunhas referencias, pero son escasas e pouco relevantes, valórase con 2 puntos.

Se non hai referencias, valórase con 0 puntos.

6.3. A imaxe de Galicia que transmite.

Se transmite unha idea de comunidade innovadora, aberta ao mundo e plenamente integrada na realidade social europea, moderna e diversa, non restrinxida a aspectos folclóricos ou costumistas, valórase con 4 puntos.

Se a imaxe que transmite contén algunhas referencias e inclúe algúns aspectos folclóricos ou costumistas, valórase con 2 puntos.

Se non hai referencias, valórase con 0 puntos.

7. Calidade lingüística. Valorarase de 0 a 15 puntos.

De conformidade cos informes técnicos das persoas que compoñen o servizo de asesoramento lingüístico da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o órgano avaliador terá en conta os seguintes aspectos:

7.1. A redacción e a coherencia dos textos escritos.

7.2. A corrección lingüística.

7.3. Unha valoración inferior a 8 puntos neste número 7 da alínea a) desta orde suporá que a persoa solicitante da pretendida subvención quedará excluída do procedemento para a súa concesión.

b) Orixinalidade da obra:

De acordo co informe técnico da Comisión de Persoas Expertas, o órgano avaliador terá en conta os seguintes aspectos:

1. Recursos didácticos curriculares ou complementarios destes de creación propia. Valoraranse con 10 puntos.

2. Recursos didácticos curriculares ou complementarios destes que sexan obras de refundición ou adaptación. Valoraranse con 5 puntos.

Consideraranse adaptacións todas aquelas modificacións do texto orixinal para adecualas ás particularidades sociais, culturais, económicas, históricas, políticas, xeográficas, deportivas, etc. de Galicia. Neste caso, os recursos didácticos curriculares ou complementarios destes terán que incorporar obrigatoriamente contidos relacionados coa realidade social e cultural de Galicia.

3. Recursos didácticos curriculares ou complementarios destes que sexan traducións. Valoraranse con 3 puntos.

c) Criterios preferentes:

1. Os materiais curriculares ou complementarios destes destinados á formación profesional específica obterán un incremento final da puntuación global dun 20 % sobre a puntuación acadada, logo de aplicar os criterios de valoración das alíneas a) e b) deste artigo.

2. Os materiais curriculares ou complementarios destes destinados ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo obterán, así mesmo, un incremento de puntuación global do 20 % sobre a puntuación acadada, unha vez aplicados os criterios das alíneas a) e b) deste artigo.

Enténdese por alumnado con necesidade específica de apoio educativo aquel que requira, de forma temporal ou permanente, apoios ou provisións educativas diferentes ás ordinarias por presentar necesidades educativas especiais, por dificultades específicas de aprendizaxe, por altas capacidades intelectuais, por incorporarse tarde ao sistema educativo ou por condicións persoais ou de historia escolar.

3. A puntuación que se asigne a cada proxecto obterase coa aplicación proporcional dos tramos do baremo anteriormente descrito, do cal resultará que cada unha das subvencións propostas se determinará establecendo a proporción entre os puntos obtidos e a dotación económica total da convocatoria.

4. Para que un proxecto determinado poida optar a unha subvención das reguladas nesta orde será preciso que acade unha puntuación global mínima do 50 % do resultado da suma dos diferentes puntos das alíneas a) e b) deste artigo.

Artigo 16. Proposta de resolución

1. A Comisión de Valoración realizará un informe coa relación de entidades ou persoas solicitantes en que especificará a súa puntuación de acordo cos criterios de valoración establecidos na convocatoria, tendo en conta para cada proposta subvencionable a motivación contida no informe técnico de obxectivación de criterios de valoración, elaborado pola Comisión de Persoas Expertas en deseños curriculares, para analizar a adaptación da proposta ao currículo correspondente. Así mesmo, o órgano instrutor do procedemento formulará o correspondente informe-proposta de concesión das subvencións e a súa contía que, xunto co informe da Comisión, elevará á persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, quen resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, segundo o indicado na disposición adicional primeira desta convocatoria.

2. A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia e notificaráselles ás persoas interesadas propostas como beneficiarias. Segundo dispón o artigo 6.1 do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, na citada resolución comunicaráselle á persoa beneficiaria o importe da axuda (expresado como o seu equivalente de subvención bruta), e o seu carácter de minimis.

3. Unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez (10) días naturais para non a aceptaren e, transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 17. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de Administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a súa posta á disposición sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO IV

Terminación do procedemento

Artigo 18. Resolución

1. O prazo máximo para a resolución da concesión non poderá exceder os cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpor un recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, quen resolverá segundo o indicado na disposición adicional primeira desta convocatoria, ou ben interpor directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Transcorrido o prazo máximo para resolver o procedemento, entenderase que a concesión da subvención é desestimatoria e, polo tanto, o silencio administrativo terá carácter negativo.

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias e xustificación de custos

1. O prazo para xustificar as subvencións concedidas remata o día 30 de setembro de 2023.

2. Co límite da dita data, as entidades e as persoas beneficiarias das axudas deberanlle remitir á Secretaría Xeral de Política Lingüística a seguinte documentación:

2.1. Un exemplar da obra editada; no caso das publicacións electrónicas, a clave de acceso para a súa lectura.

2.2. Unha certificación da tiraxe, expedida pola persoa editora ou representante da editorial ou, se é o caso, pola empresa que realice os traballos de impresión. No caso dos formatos electrónicos, tendo en conta que non sempre contan con soporte tanxible, esta certificación expresará o número de licenzas que se comercializaron ou que se espera comercializar, se as houber.

2.3. Acreditación da existencia do correspondente depósito legal. Para estes efectos, abondará cunha certificación emitida polo impresor ou, se é o caso, por quen represente legalmente a empresa, en que se exprese a posesión do depósito legal definitivo. No caso das obras que xa se presentaron editadas a esta convocatoria, non se precisa xustificar este aspecto por telo acreditado coa documentación que achegaron coa solicitude.

Así mesmo, cos materiais que non dispoñen de depósito legal, polas súas características, acreditarase que a data de obtención do ISBN definitivo é posterior ao 31 de decembro de 2021, agás que xa se xustificase na fase da solicitude.

2.4. Anexo IV: declaracións complementarias do conxunto das axudas, incluídas as de minimis.

2.5. Para subvencións de importe superior aos 30.000 euros, cando a persoa solicitante estea incluída na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, terá que cumprir os prazos de pagamento establecidos nela, circunstancia que acreditará coa presentación da conta de perdas e ganancias abreviada, e, no suposto de que non a poida presentar, acreditarase o cumprimento dos prazos legais de pagamento coa certificación dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

2.6. Os xustificantes dos gastos e pagamentos realizados para a edición da obra, de acordo coa resolución de concesión, e nos termos expresados na proposta presentada, xunto cunha relación detallada e numerada destes, por un importe mínimo equivalente ao da subvención concedida (excluído o IVE).

Os gastos e pagamentos xustificaranse con copia das facturas en formato electrónico admisible legalmente e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa. Así mesmo, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados ou por calquera outro medio de proba que acredite a realización do pagamento, segundo especifican os artigos 42 e 49 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de que o pagamento se realice mediante banca electrónica, o xustificante da transferencia bancaria deberase presentar asinado electronicamente pola persoa representante da empresa beneficiaria das subvencións.

En concepto de nóminas e Seguridade Social, só se admitirá un máximo do 30 % do total da contía da subvención concedida, para o cal haberá que achegar, ademais das nóminas correspondentes, unha certificación en que se faga constar expresamente a parte proporcional que se dedicou á realización da obra, en tempo e en custo. No caso das publicacións electrónicas, a porcentaxe citada poderá chegar ao 100 % do importe da subvención.

3. Cando o beneficiario da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables en que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ser aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais. Este prazo non superará os 60 días en todo caso.

4. As persoas beneficiarias quedarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e/ou polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

5. Nas publicacións subvencionadas constará o carácter público do financiamento da Xunta de Galicia, e para iso empregaranse os logotipos aprobados polo Manual de identidade corporativa que poderán consultar no seguinte enderezo: https://www.xunta.gal/identidade-corporativa. O texto que se incluirá deberá ser: «Subvencionado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Secretaría Xeral de Política Lingüística». A utilización indebida e/ou incorrecta deste texto será motivo de perda da subvención.

Artigo 20. Pagamento

1. A subvención concedida aboarase mediante un pagamento único unha vez que se presente a xustificación correcta.

2. Se o importe xustificado é inferior ao da subvención concedida, esta minorarase porcentualmente.

3. A contía fixada na resolución poderá ser revisada á baixa polo órgano responsable da concesión da axuda, se a calidade e a tiraxe definitiva certificada non concordan co inicialmente declarado na solicitude.

4. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (CE) núm. 1407/2013 relativo ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013), deberase garantir que, no caso de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido e con independencia de que a axuda concedida polo Estado membro estea financiada total ou parcialmente mediante recursos da Unión Europea. O período dos tres exercicios fiscais determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 3 do citado regulamento.

Así pois, as persoas beneficiarias deberán comunicar calquera axuda obtida baixo este réxime neste ano fiscal e nos dous anteriores. Estas comunicacións deberanse efectuar tan pronto como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se esta acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida pola normativa comunitaria para as circunstancias concretas de cada caso.

5. Esta subvención é compatible con calquera outra axuda para o mesmo proxecto, co límite do 100 % do investimento. No caso de que se lle conceda outra subvención para o mesmo proxecto no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terallo que comunicar á Administración autonómica. A este respecto, é de aplicación o disposto no artigo 11.d) e no 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o cal o importe da subvención se minorará cando a súa contía, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, supere o 100 % do custo da actividade subvencionada.

Artigo 21. Perda da subvención

Calquera alteración dos datos que figuran no impreso de solicitude e calquera outro incumprimento das normas contidas nesta orde terá como consecuencia a revogación da axuda logo da audiencia á empresa interesada, e esta, se for o caso, terá que reintegrar as cantidades percibidas e os xuros de demora xerados desde o momento do seu pagamento, de acordo co estipulado no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste suposto, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, de conformidade co previsto no artigo 95 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, acordará, así mesmo, o arquivamento das actuacións e a caducidade do procedemento.

Disposición adicional primeira

Delégase expresamente no secretario xeral de Política Lingüística o exercicio das facultades que a normativa en materia de axudas e subvencións públicas en réxime de concorrencia competitiva lle atribúe á persoa titular da Consellería.

Disposición adicional segunda. Comisión de Valoración

Se, cando a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha ou algún dos seus compoñentes non pode asistir, será substituída/o pola persoa que para o efecto designe o titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística para adoptar todos os actos e medidas necesarios para a execución, desenvolvemento e resolución desta orde.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor un recurso potestativo de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben interpor directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. No entanto, no caso de recorrer potestativamente en reposición, non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades
P. D. (Orde do 29.7.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file