Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Xoves, 4 de maio de 2023 Páx. 27547

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2023 pola que se anuncian os actos de conmemoración do Día das Letras Galegas.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Anunciar a celebración dos actos de conmemoración do Día das Letras Galegas conforme as seguintes bases:

Primeira. Obxectivos

A Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas de 2023 ao tradutor, novelista, historiador, xornalista, ensaísta e editor Francisco Fernández del Riego (1913-2010). A EGAP, como institución pública galega, súmase á súa homenaxe organizando un acto literario, así como unha viaxe de interese cultural.

Segunda. Persoas destinatarias

No acto literario e conmemorativo poderá participar calquera persoa interesada ata completar a capacidade.

Á viaxe cultural terá acceso só o persoal empregado público ao servizo de calquera das administracións públicas de Galicia (ata 50 prazas). No caso de presentárense máis solicitudes que prazas, terá preferencia o persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia.

Terceira. Desenvolvemento

1. O día 12 de maio, ás 12.30 horas, no salón de actos da EGAP, terá lugar un acto literario e conmemorativo. Na homenaxe a Francisco Fernández del Riego participará Ramón Nicolás Rodríguez, profesor, crítico literario, tradutor e escritor galego, e terá lugar unha interpretación musical a cargo de Emilio Rúa.

2. O día 17 de maio realizarase unha viaxe de interese cultural polos escenarios onde transcorreu unha boa parte da vida de Francisco Fernández del Riego.

O programa completo das dúas actividades, así como o percorrido da viaxe cultural poderanse consultar na páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/).

Cuarta. Inscrición

As persoas interesadas en participar no acto literario deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula/).

As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro á área na que está integrada esta actividade (Lingua galega) e despois seleccionar no nome do curso Actos de conmemoración do Día das Letras Galegas.

O prazo estará aberto desde o primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ata as 23.59 horas do día 9 de maio de 2023.

Unha vez formalizada a inscrición, as persoas interesadas en participar na viaxe cultural deberán, ademais, enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, no que debe indicarse o nome, apelidos e datos de contacto, así como o seu vínculo de pertenza a calquera das administracións públicas de Galicia.

Poderase obter calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 41 e 981 54 62 39.

Quinta. Información sobre a selección

A inscrición na viaxe implica a obrigatoriedade de asistir ao acto conmemorativo. A selección das persoas participantes na viaxe cultural realizarase tendo en conta a data e a hora de recepción do correo electrónico.

Na epígrafe desta actividade da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/) publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, en reserva, no caso de que o número de solicitudes fose superior ao número de prazas, e, de ser o caso, as persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

No caso de non poder asistir á viaxe cultural a renuncia deberá ser comunicada por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal como máximo o día 15 de maio ás 12.00 horas indicando nome e apelidos.

Sexta. Protección de datos persoais e comprobación de datos

1. Os datos persoais proporcionados polas persoas interesadas para a xestión das solicitudes de participación no acto conmemorativo convocado a través desta resolución, así como aqueloutros que se recollan ou elaboren con motivo do desenvolvemento deste, serán tratados pola EGAP na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de levar a cabo a selección das persoas asistentes e a xestión xeral do acto.

A lexitimación para o tratamento dos datos é o cumprimento dunha misión realizada en interese público conforme o disposto no artigo 6.1.e) do Regulamento xeral de protección de datos (RXPD), con base no disposto na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, e fundamentada nun interese público esencial (artigo 9.2.g) do RXPD). Os datos identificativos das persoas seleccionadas para participar no acto serán publicados conforme o detallado na base 5 desta resolución. Así mesmo, os datos relativos á súa participación neste acto poderán ser comunicados aos órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia cando sexa estritamente necesario para o exercicio das súas competencias.

A sesión do acto conmemorativo será gravada de acordo coas finalidades que impulsan a actuación da EGAP. As persoas interesadas poderán solicitar ante a persoa responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento por motivos relacionados coa súa situación particular, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos?langId=gl_ES. Contacto delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos?langId=gl_ES

2. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección, consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do correo electrónico <novas.egap@xunta.gal>

4. Excepcionalmente, en caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

5. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2023

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública