Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Xoves, 4 de maio de 2023 Páx. 27551

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2023 pola que se convoca o curso Cumprimento do principio de DNSH na xestión de fondos europeos.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo), e os obxectivos do Instituto de Economía Pública de Galicia recollidos no Protocolo entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e a Escola Galega de Administración Pública, polo que se establecen os principios reitores e de funcionamento do devandito instituto,

RESOLVO:

Convocar o curso Cumprimento do principio de DNSH na xestión de fondos europeos, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxectivos e contidos

O obxectivo principal deste curso é formar os/as xestores/as de fondos europeos Feder e MRR na normativa específica para a aplicación do principio de non causar un dano significativo ao ambiente (DNSH).

De acordo con este obxectivo, neste curso abordaranse, entre outros, os seguintes contidos:

• Transversalidade do principio DNSH no marco dos fondos europeos.

• Relación do DNSH cos restantes mecanismos de protección ambiental.

• O DNSH no programa operativo Galicia Feder 2021-2027.

• Compra pública sustentable.

• Criterios de adxudicación sustentables.

• Etiquetas ecolóxicas e sistemas de xestión ambiental.

• Condicionado ambiental na contratación pública.

• O DNSH nos fondos do MRR.

• Cumprimento do DNSH na contratación pública, subvencións e convenios.

• Control e seguimento do principio DNSH nas operacións.

Segunda. Persoas destinatarias

Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; das entidades locais de Galicia, e o PAS das tres universidades do Sistema universitario de Galicia, en situación de servizo activo ou asimilada, e que desempeñen funcións relacionadas coa xestión de fondos europeos.

Está exceptuado o persoal docente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; o persoal das escalas dos corpos da policía de Galicia, policía local e bombeiros, e o persoal do Servizo Galego de Saúde, non entendendo por tal os/as empregados/as públicos/as da escala de saúde pública e administración sanitaria creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira. Desenvolvemento

Datas e horario: 23 de maio, das 12.00 ás 14.00 horas; 25 e 30 de maio, das 10.00 ás 14.00 horas; 1 e 6 de xuño, das 10.00 ás 14.00 horas.

Proba final: 6 de xuño ás 13.30 horas.

Modalidade: presencial.

Horas lectivas: 18.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Cuarta. Número de prazas

Trinta (30).

Quinta. Solicitudes e prazos

1. As solicitudes nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Todas as persoas que soliciten esta actividade formativa deberán remitir ao enderezo de correo electrónico iep.egap@xunta.gal unha certificación acreditativa do cumprimento dos requisitos recollidos na base segunda desta convocatoria (desempeño de funcións) asinada polo/a superior xerárquico. Esta certificación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 5 desta base.

3. Antes de formalizar a solicitude nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co requirido e establecido na base segunda e na base sétima desta convocatoria respecto das persoas destinatarias e criterios de selección.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar no nome do curso: Cumprimento do principio de DNSH na xestión de fondos europeos.

5. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

6. O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto desde as 9.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 12 de maio de 2023.

7. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección, sexan presentadas fóra de prazo ou non presenten o certificado requirido no punto 2 desta base.

8. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

9. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través do número de teléfono 981 54 62 52, en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas) e do enderezo de correo electrónico <iep.egap@xunta.gal>.

Sexta. Protección de datos persoais e comprobación de datos

1. Os datos persoais proporcionados polas persoas interesadas para a xestión das solicitudes de participación na acción formativa convocada a través desta resolución, así como aqueles outros que se recollan ou elaboren con motivo do desenvolvemento desta, serán tratados pola EGAP na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de levar a cabo a selección do alumnado, a impartición da formación e a xestión xeral desta.

A lexitimación para o tratamento dos datos é o cumprimento dunha misión realizada en interese público conforme o disposto no artigo 6.1.e) do Regulamento xeral de protección de datos (RXPD), con base no disposto na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, e fundamentada nun interese público esencial (artigo 9.2.g) do RXPD). Os datos identificativos das persoas seleccionadas para participar na antedita acción formativa serán publicados conforme o detallado na base oitava desta resolución. Así mesmo, os datos dos alumnos e alumnas relativos á súa participación nesta acción formativa poderán ser comunicados aos órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia cando sexa estritamente necesario para o exercicio das súas competencias.

As persoas interesadas poderán solicitar ante a persoa responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento por motivos relacionados coa súa situación particular, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos. Contacto delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

2. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes das accións formativas necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opoña a iso.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico <iep.egap@xunta.gal>.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

5. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Sétima. Criterios de selección

A selección levarase a cabo de acordo cos criterios indicados na base segunda desta convocatoria e de acordo coa seguinte orde de preferencia:

1º. Persoal empregado público da Administración autonómica que desempeñe funcións relacionadas coa xestión de fondos europeos.

2º. Persoal empregado público da Administración local e das universidades do Sistema universitario de Galicia que desempeñe funcións relacionadas coa xestión de fondos europeos.

Dentro de cada grupo, a orde de selección das persoas indicadas na base segunda desta resolución virá determinada pola data e hora de presentación de solicitudes.

Oitava. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas admitidas, en reserva e excluídas para participar na actividade formativa, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Novena. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia.

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de tres días ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, segundo o previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <iep.egap@xunta.gal>.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día de finalización desta actividade.

Décima. Superación da actividade formativa

Para superar esta actividade deberán cumprir cunha porcentaxe de asistencia igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas e superar unha proba de avaliación que se realizará ao final delas.

Décimo primeira. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe declarando apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

O certificado de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula <https://egap.xunta.gal/matricula>, estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de desenvolvemento, as datas e o lugar de realización desta actividade, así como un código de verificación (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2023

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública