Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 5 de maio de 2023 Páx. 27745

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2023 pola que se nomean os membros da Comisión Interuniversitaria de Galicia e se publican os parámetros de ponderación de materias troncais de modalidade e materias de opción da proba de avaliación de bacharelato para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do Sistema universitario de Galicia para o curso 2023/24.

A Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na disposición transitoria segunda, establece, entre outros extremos, que ata a implantación das modificacións previstas nesta lei en relación co acceso e a admisión ás ensinanzas universitarias, as administracións educativas, en colaboración coas universidades, de acordo coas súas competencias en materia de acceso á universidade, asumirán as mesmas funcións e responsabilidades que tiñan en relación coas probas de acceso á universidade, e organizarán a realización material da proba e garantirán a súa adecuación ao currículo de bacharelato.

A Orde do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática PCM63/2023, do 25 de xaneiro, pola que se determinan as características, o deseño e o contido da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade, e as datas máximas de realización e de resolución dos procedementos de revisión das cualificacións obtidas, para o curso 2022/23, dispón no artigo 12.2 que, no que non se opoña ao disposto no Real decreto 310/2016, do 29 de xullo, no Real decreto 1105/2014, do 26 de decembro e nesta orde ministerial, as universidades asumirán as mesmas funcións e responsabilidades que tiñan en relación coa proba de acceso á universidade que se viña realizando ata o curso 2016/17.

Na Resolución conxunta da Secretaría Xeral de Universidades e da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa do 13 de febreiro de 2023, pola que se ditan instrucións para a realización, dentro do curso 2022/23, da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) para o curso 2023/24, disponse que en Galicia as ditas probas estarán reguladas, de forma supletoria, e no que resulte compatible co novo marco normativo, pola Orde do 24 de marzo de 2011, pola que se regulan as probas de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao e o proceso de admisión ás tres universidades do Sistema universitario de Galicia.

O artigo 4.1 da Orde do 24 de marzo de 2011, establece que é a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG), como órgano interuniversitario, a que ten a delegación de competencias propias das universidades do Sistema universitario de Galicia en materia de acceso.

Por outra banda, no artigo 4.2 determínase que a consellería competente en materia de Educación nomeará os membros da CiUG, de acordo co establecido no convenio asinado o 12 de marzo de 2001, polos reitores das universidades do Sistema universitario de Galicia en presenza do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

A Lei 6/2013, do 3 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, dispón no seu artigo 11 que, para o ingreso nos centros universitarios, as universidades públicas integrantes do Sistema universitario de Galicia constitúense nun distrito único para os estudos de grao e máster e as/os estudantes poderán acceder a calquera desas universidades, sempre que reúnan os requisitos académicos necesarios.

Ao abeiro da referida normativa, o Consello de Goberno da Universidade da Coruña do 30 de marzo de 2023, o Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela do 30 de marzo de 2023, e o Consello de Goberno da Universidade de Vigo do 30 de marzo de 2023, aprobaron os procedementos de admisión aos estudos universitarios oficiais de grao do Sistema Universitario de Galicia e os parámetros de ponderación de materias troncais de modalidade e materias de opción da proba de avaliación de bacharelato para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do Sistema universitario de Galicia para o curso 2023/24.

De conformidade co exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Nomeamento dos membros da Comisión Interuniversitaria de Galicia

Noméanse como membros da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) para o curso 2022/23:

Presidente:

Iván Carlos Area Carracedo (delegado do reitor da Universidade de Vigo).

Vicepresidentes:

Pedro Armas Diéguez (delegado do reitor da Universidade da Coruña).

Celso Rodríguez Fernández (delegado do reitor da Universidade de Santiago de Compostela).

Vogais en representación da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades:

Manuel Enrique Prado Cueva.

María Carmen García Rodríguez.

María del Carmen Cimadevila Cea.

Artigo 2. Publicación dos parámetros de ponderación

Publícanse no anexo desta resolución os parámetros de ponderación de materias troncais de modalidade e materias de opción da proba de avaliación de bacharelato para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do Sistema universitario de Galicia para o curso 2023/24.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file