Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 5 de maio de 2023 Páx. 27882

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 19 de abril de 2023 pola que se aproban as bases xerais reguladoras e se convoca o proceso selectivo de acceso por oposición libre nos corpos de policía local de Galicia, escala básica, categoría de policía (código de procedemento PR461B).

De conformidade co establecido no Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local (Diario Oficial de Galicia núm. 222, do 22 de novembro), a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, en virtude da delegación conferida para o efecto polos concellos interesados,

DISPÓN:

Aprobar as bases xerais reguladoras e convocar o proceso selectivo de acceso por oposición libre nos corpos de policía local, escala básica, categoría de policía, subgrupo C1, código de procedemento PR461B.

1. Obxecto da convocatoria.

1.1. O obxecto do proceso é cubrir oitenta e nove (89) prazas dos corpos de policía local, escala básica, categoría de policía, subgrupo C1.

1.2. O número, denominación e características das prazas que se convocan a este proceso especifícanse no anexo II desta orde.

1.3. Este proceso rexerase polo establecido nestas bases e, para o non previsto, observarase o disposto na Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais; no Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, que a desenvolve; na Orde do 28 de xaneiro de 2009 pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, promoción interna e mobilidade nos corpos de policías locais, para a integración dos vixilantes e auxiliares de policía local ou interinos, para o acceso como vixilantes municipais e a contratación de auxiliares de policía de tempada, e no Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local.

1.4. O código do procedemento regulado nesta orde é PR461B.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

As persoas interesadas en participar no proceso deberán posuír na data que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manter ata a toma de posesión como persoal funcionario os seguintes requisitos:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ter feito os dezaoito anos e non exceder, de ser o caso, a idade de xubilación forzosa.

c) Estar en posesión do título oficial de bacharel ou técnico. Así mesmo, observarase o establecido na Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño, pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharelato regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou a credencial de recoñecemento do título para efectos profesionais.

d) Non padecer enfermidade ou defecto físico que impida o desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario de que a persoa fose separada ou inhabilitada.

f) Carecer de antecedentes penais por delito doloso.

g) Ser titular dos permisos de conducir das clases A2 e B.

h) Compromiso por escrito de portar armas durante o servizo e, se é o caso, chegar a utilizalas nos casos e circunstancias legalmente establecidas.

3. Solicitudes.

3.1. Forma e prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal e que é o anexo I desta orde.

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte (20) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado. O anuncio desta convocatoria será publicado tamén nos boletíns provinciais das catro provincias galegas.

3.2. Idioma da primeira proba.

As persoas aspirantes deberán indicar na súa solicitude, na epígrafe «Idioma do exame», se o texto do primeiro exercicio se deberá entregar en idioma galego ou en idioma castelán. Unha vez realizada a opción e presentada a solicitude, a persoa aspirante non poderá modificar a opción.

3.3. A participación neste proceso de selección é voluntaria, e implica que se presta consentimento para realizar as probas e os exercicios psicotécnicos, aceptando que o resultado desas probas sexa empregado como factor de valoración, de conformidade co previsto nestas bases.

3.4. Taxas.

3.4.1. Por imperativo legal, de conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, como requisito necesario para participar neste proceso deberase aboar dentro do prazo de presentación de solicitudes, en concepto de dereitos de inscrición, o importe de 33,13 euros e, de ser o caso, os gastos de transferencia correspondentes.

Para o pagamento da taxa deberase actuar da seguinte maneira:

– Pagamento electrónico: deberá introducir os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

– Pagamento electrónico-con certificado dixital: poderán realizar o pagamento con cargo á conta da persoa titular do certificado desde a opción de pagamento electrónico e nese momento obterán o xustificante 730 correspondente.

– Pagamento presencial: deberá seleccionar esta opción na solicitude, imprimir o documento de pagamento (modelo 739) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante. Unha vez feito o pagamento presencial na entidade financeira, deberase achegar coa solicitude de participación no proceso o xustificante selado pola entidade bancaria.

Os códigos para cubrir as taxas son os seguintes:

Consellería: Presidencia, Xustiza e Deportes. Código 04.

Delegación: servizos centrais. Código 13.

Servizo: Academia Galega de Seguridade Pública. Código 19.

Taxa. Denominación: inscrición nos procesos selectivos para a selección de persoal dos corpos de policía local de Galicia. Código 30.03.04.

A falta de pagamento da taxa correspondente, de ser o caso, determinará a exclusión no proceso da persoa aspirante e non será posible a súa emenda fóra do prazo de solicitudes.

A presentación do xustificante do aboamento das taxas non suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude de participación no proceso.

3.4.2. Exención e bonificación no aboamento da taxa.

3.4.2.1. Estarán exentas do pagamento desta taxa por dereito de inscrición:

– Persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– Persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

3.4.2.2. Aplicarase unha bonificación do 50 % do importe da taxa:

– A persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– Ás persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

– Ás vítimas do terrorismo, entendendo por tales, para os efectos regulados neste artigo, as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista e así o acrediten mediante sentenza xudicial firme ou en virtude de resolución administrativa pola cal se recoñeza tal condición, o seu cónxuxe ou persoa que conviva con análoga relación de afectividade, o cónxuxe do falecido e os fillos dos feridos e falecidos.

As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando coa solicitude a seguinte documentación:

– Familia numerosa categoría xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter, sempre que non sexa expedido pola Xunta de Galicia.

– Persoas con discapacidade: tarxeta acreditativa do grao de discapacidade ou certificado de discapacidade expedido polo órgano competente na materia, sempre que non sexa expedido pola Xunta de Galicia.

– Vítimas de terrorismo: resolución administrativa pola cal se recoñeza tal condición.

– Persoas en situación de desemprego: certificación negativa da percepción actual de prestación/subsidio por desemprego e antigüidade como demandante de emprego.

3.5. Documentación complementaria.

3.5.1. As persoas interesadas no proceso deberán achegar coa solicitude correspondente ao procedemento PR461B (anexo I) a seguinte documentación:

a) Xustificante do pagamento da taxa (código 30.03.04).

b) Certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter, sempre que non sexa expedido pola Xunta de Galicia, de ser o caso.

c) Tarxeta acreditativa do grao de discapacidade ou certificado de discapacidade expedido polo órgano competente na materia, sempre que non sexa expedido pola Xunta de Galicia, de ser o caso.

d) Resolución administrativa pola cal se recoñeza a condición de vítima de terrorismo, de ser o caso.

e) Certificado de Celga 4 ou equivalente, sempre que non sexa expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3.5.2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3.5.3. A consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación achegada polos/as aspirantes sancionarase coa anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

3.5.4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

3.5.5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3.6. Comprobación de datos.

Para a tramitación do proceso consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Título oficial non universitario exixido (bacharelato, técnico ou equivalente).

d) Certificado de inexistencia de antecedentes penais.

e) Consulta dos permisos de conducir da persoa solicitante.

f) Certificado de Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Título de familia numerosa expedido pola Xunta de Galicia.

b) Certificado de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia.

c) Situación de desemprego.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

3.7. Notificacións.

3.7.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

3.7.2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3.7.3. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3.7.4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3.7.5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

3.7.6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3.8. Publicación dos actos.

3.8.1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:

– Relación provisional de persoas admitidas e non admitidas.

– Relación definitiva de persoas admitidas e non admitidas, e data e lugar de realización da primeira proba.

3.8.2. Na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (en diante, Agasp) (https://agasp.xunta.gal/es) publicaranse, ademais, as resolucións coas datas e lugares de realización das restantes probas selectivas, os resultados destas, a relación de persoas aprobadas e demais comunicacións deste proceso.

3.9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizaren trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral da Agasp publicará no DOG e na páxina web da Agasp a resolución pola que se declaren con carácter provisional as persoas admitidas e excluídas, co motivo da exclusión, así como as persoas aspirantes exentas e non exentas da realización da proba de coñecementos da lingua galega. No caso de non existiren persoas excluídas, ou que as persoas excluídas o estean por motivos non emendables, a listaxe será considerada definitiva.

4.2. As persoas excluídas e as persoas declaradas non exentas da realización da proba de coñecementos da lingua galega disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión ou a non exención da proba de coñecementos da lingua galega.

Disporán do mesmo prazo de reclamación as persoas que, tendo presentado debidamente a solicitude de participación no proceso, non consten nin como admitidas nin como excluídas na relación publicada.

4.3. Non se poderán emendar a presentación de solicitude fóra do prazo habilitado para este efecto nin o impagamento da taxa establecida. As estimacións ou desestimacións das solicitudes de emenda entenderanse implícitas na resolución da Dirección Xeral da Agasp pola que se aprobe a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas, así como a listaxe definitiva de persoas exentas e non exentas da proba de coñecementos da lingua galega, que se publicará no DOG e na páxina web da Agasp.

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar nos proceso. Cando, da documentación que deben presentar tras superar o proceso se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas interesadas decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación.

4.4. Na resolución pola cal se declaren con carácter definitivo as persoas admitidas e excluídas, co motivo da exclusión, así como as persoas aspirantes exentas e non exentas da realización da proba de coñecementos da lingua galega, indicaranse o lugar, a data e a hora da realización do primeiro exercicio.

5. Desenvolvemento do proceso.

5.1. O sistema de selección será o de oposición libre e constará de cinco exercicios, eliminatorios cada un deles, de modo que non poderán pasar ao seguinte as persoas aspirantes que non acadasen a cualificación mínima establecida para cada un deles.

5.2. A oposición consistirá na realización dos exercicios que se enumeran no anexo III desta orde, coa forma e sistema de cualificación descritos nel.

6. Desenvolvemento dos exercicios do proceso.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes será a orde alfabética e comezará por aquelas persoas cuxo primeiro apelido comece pola letra V, consonte o establecido na Resolución do 23 de xaneiro de 2023 pola que se fai público o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 18, do 26 de xaneiro).

O tribunal, unha vez finalizado o primeiro exercicio, establecerá por orde decrecente de puntuación o número de aspirantes que deberán desenvolver o resto das probas, por quendas consecutivas de resultar necesario.

6.2. As persoas aspirantes deberanse presentar a cada exercicio provistas de DNI ou outro documento fidedigno que ao xuízo do tribunal acredite a súa identidade.

En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

6.3. As persoas aspirantes deberán acudir ás probas nas horas e datas dos respectivos chamamentos, sen posibilidade de aprazamento calquera que sexa a causa que lles impida acudir, agás que a escusa sexa posible por ter amparo nun precepto legal, así como o suposto que se describe a continuación.

Nos casos de aspirantes embarazadas, ou en período de parto ou posparto, debidamente acreditados, poderase aprazar para as aspirantes en que concorra a dita circunstancia ata seis meses o desenvolvemento das probas físicas que lles corresponda realizar, prazo que se podería prorrogar, como máximo, outros seis meses en caso xustificado. Este aprazamento das probas físicas non afectará por si só o resto das probas.

En calquera caso, daráselles por superado o proceso a aquelas persoas aspirantes que obteñan una puntuación final que non poida ser acadada, mesmo coa obtención da máxima puntuación posible nas probas físicas aprazadas, polas aspirantes que se acollan ao dereito de aprazamento.

As mulleres embarazadas que prevexan, polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación e previsión de parto, ou eventualmente os primeiros días despois do parto, a súa coincidencia coas datas de realización de calquera dos exames ou probas previstos no proceso, poderano pór en coñecemento do tribunal achegando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberase realizar dentro dos dous días seguintes ao do anuncio da data do exame e o tribunal determinará, con base na información de que dispoña, se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo ou ben un aprazamento da proba, ou ben ambas as dúas medidas conxuntamente.

En ningún caso as probas de recoñecemento médico considerarán como circunstancias negativas, para os efectos do proceso, calquera derivada da situación de embarazo e lactación. Ante a solicitude da muller que acredite encontrarse nestas circunstancias, os tribunais poderán determinar que estas probas se realicen en calquera outra fase ou momento do proceso.

6.4. Durante o tempo fixado para a realización das probas selectivas non se poderán utilizar nin manipular de ningunha maneira aparellos de telefonía móbil, reloxos ou soportes con memoria; quedará prohibido o acceso ao recinto con tales dispositivos e constituirá causa de inadmisión ao chamamento a simple tenza destes.

6.5. O anuncio de realización dos exercicios publicarase na páxina web da Agasp con dous días de antelación, polo menos, ao da data sinalada para o seu inicio.

6.6. Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións que as persoas interesadas poden presentar, anula algunha ou algunhas preguntas incluídas na proba de coñecementos, anunciarao na páxina web da Agasp.

Neste suposto, e no caso que se realizasen, teranse en conta as cuestións de reserva, que terán unha puntuación igual ás do resto do exercicio.

6.7. As cualificacións obtidas polas persoas aspirantes nos exercicios da oposición publicaranse na sede da Agasp e na súa páxina web.

Concederase un prazo de cinco días para os efectos de alegacións, que se contarán desde a publicación da resolución do tribunal pola cal se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

6.8. En calquera momento do proceso, se o tribunal ten coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos esixidos nesta convocatoria, logo de audiencia da persoa interesada, comunicarallo á Agasp para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que a persoa aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, suporá a súa exclusión do proceso.

6.9. A puntuación das persoas aspirantes que superen todas as probas do proceso virá determinada pola puntuación do primeiro exercicio.

Tendo en conta que nos corpos de policía local de Galicia existe infrarrepresentación feminina, no suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

a) Criterio de desempate recollido no artigo 49 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, segundo o cal o empate se resolverá a favor da muller.

b) Menor tempo rexistrado na proba de resistencia xeral, carreira de 1.000 metros lisos.

c) Menor tempo rexistrado na proba de velocidade, carreira de 50 metros lisos.

d) En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

7. Tribunal cualificador.

7.1. O nomeamento do tribunal cualificador correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de seguridade, e estará composto por cinco persoas titulares e cinco persoas suplentes (presidente/a, tres vogais e secretario/a) pertencentes a un corpo, escala ou categoría profesional en que se requira para o seu ingreso a titulación de bacharelato, técnico ou superior, e a súa composición será paritaria segundo o establecido no artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

Sen prexuízo das competencias de ordenación material e temporal propias da Agasp, correspóndenlle ao tribunal as funcións relativas á determinación concreta do contido das probas, a cualificación das persoas aspirantes, a emisión de cantos informes lle sexan requiridos derivados da súa intervención no proceso, así como, en xeral, a adopción de cantas medidas sexan precisas para o correcto desenvolvemento das probas selectivas e resolución de incidencias.

7.2. Os membros do tribunal deberanse abster de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas mediante a Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 11 de abril de 2007, e no Acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010.

A persoa titular da Presidencia deberalles solicitar aos membros do tribunal e, de ser o caso, ao persoal asesor e ao persoal auxiliar que incorporen aos seus traballos unha declaración expresa de que non se encontran incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorra neles algunha das circunstancias referidas nos termos establecidos no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.

7.3. A persoa titular do órgano que nomee o tribunal publicará no DOG a resolución correspondente pola que se nomeen os novos membros do tribunal que substituirán os que perderon a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

7.4. A sesión de constitución deberase realizar nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso.

A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia de, polo menos, tres dos seus membros, con presenza en todo caso das persoas titulares da Presidencia e da Secretaría.

Por acordo dos seus membros, o tribunal poderá decidir a autoconvocatoria para a seguinte ou seguintes sesións que teñan lugar sen necesidade de citación por escrito.

Das sesións realizadas polo tribunal redactarase a acta correspondente, que será asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da presidente/a.

7.5. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, e no resto do ordenamento xurídico.

7.6. O tribunal poderá propor a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que coide pertinentes, que se deberá limitar a colaborar nas súas especialidades técnicas e terá voz, pero non voto.

7.7. En ningún caso poderá o tribunal aprobar nin declarar que superou o proceso un número de aspirantes superior ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

7.8. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada, ante a persoa titular da Dirección Xeral da Agasp, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

8. Relación de persoas aprobadas e lista de reserva, elección de prazas, presentación de documentación e nomeamento como persoal funcionario en prácticas.

8.1. Relación de persoas aprobadas e lista de reserva.

Unha vez rematado o proceso, o tribunal elaborará por orde decrecente da puntuación a lista de persoas aprobadas. O número destas persoas non poderá superar o de prazas convocadas.

Así mesmo, o órgano de selección elaborará, tamén por orde decrecente de puntuación, unha lista de reserva cun número de persoas aspirantes que será, como máximo, igual ao de persoas aprobadas. Na lista de reserva figurarán aquelas persoas aspirantes que, aínda que superaron as probas do proceso, non resultaron aprobadas por obteren unha puntuación inferior á da última persoa que obtivo praza.

Ambas as dúas listas serán publicadas na páxina web da Agasp.

8.2. Elección de praza.

A Dirección Xeral da Agasp, a través da súa páxina web, convocará as persoas aprobadas a unha reunión presencial para elixir praza, dentro das comprendidas nesta convocatoria, por rigorosa orde da puntuación obtida no proceso.

A concorrencia por parte das persoas aprobadas á reunión prevista neste artigo soamente se poderá aprazar nos supostos e nos termos previstos nos artigos 16 e 17 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, para as probas das oposicións.

Ás persoas aprobadas ás cales non se lles aprazase a reunión citada nesta base e que non comparezan persoalmente, ou por medio de representante, seranlles adxudicadas as prazas que lles correspondan segundo a puntuación obtida no proceso selectivo, unha vez concluído o proceso de adxudicación das persoas aprobadas presentes ou representadas, entre as que quedasen sen adxudicar.

Asignadas as prazas de acordo co previsto nesta base, a Dirección Xeral da Agasp publicará na súa páxina web a relación destas co nome das persoas ás cales lles foron adxudicadas e comunicaralles os datos destas aos concellos que correspondan, xunto coa data prevista para o comezo do preceptivo curso selectivo de formación e a documentación precisa que acredita o cumprimento dos requisitos exixidos para o seu nomeamento como funcionarios/as en prácticas.

A partir do día seguinte ao da publicación da adxudicación das prazas, as persoas ás cales se lles adxudicasen disporán dun prazo de cinco días hábiles para a presentación ante o concello para os efectos que correspondan.

As persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación ou do exame dela se deduza que carecen dalgún dos requisitos non poderán ser nomeadas persoal funcionario en prácticas e quedarán sen efecto as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

8.3. Nomeamento como persoal funcionario en prácticas.

Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, e inmediatamente antes do comezo do curso selectivo de formación, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario en prácticas mediante resolución da correspondente alcaldía, que se publicará no Boletín Oficial da provincia (BOP).

As persoas así nomeadas permanecerán na dita situación desde o comezo do curso selectivo ata que se produza o seu nomeamento como persoa funcionaria de carreira ou a súa exclusión do proceso.

O curso selectivo de formación será convocado a través de resolución da Dirección Xeral da Agasp, na cal se indicará a data de inicio.

En caso de renuncia, falecemento, falta de xustificación dos requisitos para o nomeamento, incapacidade absoluta sobrevida ou concorrencia de calquera outra causa que impida o nomeamento dunha persoa aspirante como persoal funcionario en prácticas ou prive de eficacia o nomeamento xa realizado, o concello comunicaralle esta circunstancia á Dirección Xeral da Agasp, que substituirá a persoa afectada pola primeira que figure na lista de reserva, sempre con anterioridade ao desenvolvemento do correspondente curso selectivo de formación.

8.4. Curso selectivo de formación.

As persoas aspirantes aprobadas deberán superar un curso selectivo de formación teórico-práctico na Agasp como requisito indispensable para acceder á condición de persoal funcionario de carreira na categoría de policía, escala básica, de conformidade co disposto no artigo 36 da Lei 4/2007, do 20 de abril, e nos artigos 51 a 55 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro.

Só estarán dispensadas de realizar o dito curso aquelas persoas que xa o superasen con anterioridade na Agasp. En tal caso, serán nomeadas directamente na condición de persoal funcionario de carreira na categoría de policía.

No caso da non incorporación ao curso ou de abandono deste sen rematalo, salvo por causas excepcionais, considerarase que a persoa aspirante non superou o proceso.

O alumnado que non supere o curso teórico-práctico na Agasp, incluídas as probas de carácter extraordinario, perderá todos os dereitos acadados no proceso.

Aos funcionarios e funcionarias en prácticas seralles de aplicación o Regulamento de réxime interior da Agasp durante o seu curso de formación e o período de prácticas, e con carácter supletorio, cando os feitos non constitúan falta no dito regulamento, seranlles de aplicación as normas do réxime disciplinario da Policía Local de Galicia recollidas na Lei 4/2007, do 20 de abril, e normativa de desenvolvemento.

A cualificación do curso de formación e do período de prácticas quedará en suspenso ante a concorrencia sobrevida de calquera causa de exclusión ata que se resolva o expediente que se incoe.

9. Procedementos penais ou administrativos pendentes.

Cando as persoas que participan no proceso teñan aberto ou se lles abra con posterioridade un procedemento penal ou administrativo que poida rematar cunha condena por delito doloso, coa separación do servizo das administracións públicas ou a inhabilitación para o exercicio das funcións públicas, a admisión ao proceso, a permanencia nel, así como o seu acceso ao corpo de policía local quedarán condicionados ao feito de que nos citados procedementos non se produza a condena ou separación referida.

O persoal participante, no suposto de encontrarse nas situacións descritas no parágrafo anterior, debe comunicar tal situación, e a Dirección Xeral da Agasp poderá solicitar en calquera momento do proceso unha declaración xurada de non encontrarse nas ditas situacións.

A falsidade ou omisión de datos nesta declaración xurada dará lugar ás responsabilidades que se establezan no Regulamento de réxime interior da Agasp en relación co incumprimento das ordes ou disposicións ditadas pola Dirección Xeral da Agasp.

10. Información ás persoas interesadas.

Sobre esta convocatoria poderase obter información adicional na Agasp a través dos seguintes medios:

a) https://sede.xunta.gal/portada

b) Páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal).

c) No enderezo electrónico seleccion.agasp@xunta.gal

d) Nos teléfonos da Agasp 886 20 61 09, 886 20 61 16, 886 20 61 35 e 886 20 61 27.

e) No Servizo de Coordinación, Planificación e Selección (avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra).

Disposición adicional única

En virtude do establecido no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes acorda delegar na persoa titular da Dirección Xeral da Agasp a facultade de nomear o tribunal que deberá cualificar este proceso e, de ser o caso, a substitución dos membros que perderon a súa condición por algunha das causas previstas na base 7.2 desta convocatoria.

Igualmente, acórdase delegar na persoa titular da Dirección Xeral da Agasp a resolución dos recursos de alzada que se interpoñan contra os acordos do tribunal nomeado para cualificar este proceso.

Disposición derradeira única

1. Esta convocatoria e as súas bases vinculan a Administración, o tribunal encargado de xulgar o proceso e as persoas que participen nel.

2. Así mesmo, cantos actos administrativos produzan o tribunal, a autoridade convocante ou o órgano encargado da xestión poderán ser impugnados polas persoas interesadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da consellería competente en materia de seguridade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, consonte a Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

missing image file
missing image file

ANEXO II

Relación de prazas convocadas

Concello

Nº de prazas

Denominación

Escala

Categoría

Grupo

A Coruña

30

Policía local

Básica

Policía

C1

Ames

1

Policía local

Básica

Policía

C1

Baiona

2

Policía local

Básica

Policía

C1

Bergondo

1

Policía local

Básica

Policía

C1

Betanzos

1

Policía local

Básica

Policía

C1

Caldas de Reis

1

Policía local

Básica

Policía

C1

Carballo

3

Policía local

Básica

Policía

C1

Cuntis

2

Policía local

Básica

Policía

C1

Ferrol

2

Policía local

Básica

Policía

C1

Gondomar

2

Policía local

Básica

Policía

C1

Lugo

9

Policía local

Básica

Policía

C1

Marín

1

Policía local

Básica

Policía

C1

Muxía

1

Policía local

Básica

Policía

C1

Narón

2

Policía local

Básica

Policía

C1

Noia

5

Policía local

Básica

Policía

C1

Padrón

4

Policía local

Básica

Policía

C1

Ponteareas

2

Policía local

Básica

Policía

C1

Porto do Son

1

Policía local

Básica

Policía

C1

Redondela

2

Policía local

Básica

Policía

C1

Sanxenxo

2

Policía local

Básica

Policía

C1

Tomiño

2

Policía local

Básica

Policía

C1

Tui

2

Policía local

Básica

Policía

C1

Vigo

9

Policía local

Básica

Policía

C1

Vilanova de Arousa

2

Policía local

Básica

Policía

C1

ANEXO III

Exercicios

1. Primeiro exercicio: proba de avaliación dos coñecementos.

Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de 100 preguntas tipo test, con 4 respostas alternativas cada unha, que serán propostas polo tribunal e deberán amosar o dominio dos contidos do temario que figura como anexo IV desta orde.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do temario que no momento de publicación no DOG desta convocatoria conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior. Esta mesma data terase en conta igualmente para todos aqueles datos do temario que se poidan valorar.

As persoas aspirantes disporán dun tempo máximo de dúas horas para a súa realización.

O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que esta proba sexa corrixida sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. Cando finalice, entregarase a cada aspirante a folla autocopiativa do seu exame. O modelo de corrección coas respostas correctas publicarase no mesmo lugar en que se realizou e no portal web da Agasp.

O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

As decisións e os acordos que afecten a cualificación e a valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberanse adoptar sen coñecer a identidade das persoas aspirantes a que corresponden os resultados obtidos.

A proba será cualificada polo tribunal de cero a dez puntos e será preciso acadar cinco puntos como mínimo. A cualificación farase atendendo á seguinte fórmula:

N=(A-F/3)/10

Onde N= nota final da proba; A=cuestións acertadas; F=cuestións erradas ou non contestadas.

Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes, con anterioridade á realización da proba, dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nestas bases.

2. Segundo exercicio: proba de avaliación do coñecemento da lingua galega.

Realizarase a continuación da proba de coñecementos, e consistirá na tradución dun texto do castelán para o galego e doutro texto do galego para o castelán. Os textos serán elixidos polo tribunal inmediatamente antes de realizarse a proba.

O exercicio terá unha duración máxima dunha (1) hora.

O exercicio valorarase como apto/a ou non apto/a e para superalo será necesario obter o resultado de apto/a.

As persoas aspirantes que estean en posesión do Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), estarán exentas da realización desta proba.

3. Terceiro exercicio: probas de aptitude física.

Este terceiro exercicio consistirá na realización de todas as probas físicas que se indican a continuación.

1. Probas físicas.

As probas de aptitude física terán a cualificación de apto/a ou non apto/a. Para obter a cualificación de apto é necesario non superar as marcas establecidas como máximas para as probas 1.1, 1.4 e 1.5, e acadar ou superar os mínimos das probas 1.2. e 1.3. Os exercicios realizaranse pola orde en que están relacionados e cada un é eliminatorio para realizar o seguinte.

As persoas aspirantes entregaranlle ao tribunal un informe médico en que se faga constar expresamente que a persoa aspirante reúne as condicións físicas e sanitarias para a realización dos exercicios físicos que se especifiquen na correspondente proba da oposición, o que non excluirá as comprobacións posteriores do que se reflicta no certificado médico.

Este informe médico deberá ser expedido dentro dos quince (15) días inmediatamente anteriores ao da data de realización da primeira proba de aptitude física.

Establécense diferentes marcas para cada sexo. As probas realizaranse de forma individual, agás as de velocidade, resistencia xeral e natación, que se poderán facer de forma colectiva se así o considera o tribunal cualificador. Nas probas de resistencia xeral e natación disponse dunha soa posibilidade de execución; no resto permitirase unha segunda realización cando na primeira non se obteña a cualificación de apto/a.

O desenvolvemento de cada unha das probas físicas deberase realizar en lugares axeitados ao tipo de proba que se vai executar. En todas as probas deberase empregar un sistema de medición que garanta a exactitude e certeza das marcas individuais obtidas por cada opositor/a.

1.1. Proba de velocidade: carreira de 50 metros lisos.

Realizarase nunha pista de atletismo ou en calquera zona totalmente chá de terreo compacto.

A persoa aspirante colocarase na pista no lugar sinalado e poderá realizar a saída de pé ou agachada, sen utilizar tacos de saída.

As marcas máximas (en segundos) exixidas para a superación da proba son:

Homes: 7.40”

Mulleres: 8.20”

1.2. Proba de potencia de tren superior: os homes realizarán flexións de brazos e as mulleres suspensión en barra.

1.2.1. Flexións de brazos.

Realizarase en ximnasio ou campo de deportes.

Iniciarase desde a posición de suspensión pura, agarrando a barra coas palmas das mans núas, á fronte, e cos brazos totalmente estendidos.

A flexión completa realizarase de maneira que o queixo asome por riba da barra. Antes de iniciar outra nova flexión será necesario estender totalmente os brazos. Non se permite o balanceo do corpo ou a axuda con movementos das pernas, e efectuaranse de forma continuada.

Contaranse soamente as flexións completas e realizadas correctamente. O número mínimo exixible é de 10 flexións.

1.2.2. Suspensión en barra.

Realizarase en ximnasio ou campo de deportes.

O exercicio consiste en permanecer, o maior tempo posible, na posición que se describe: brazos flexionados, presa coas palmas da man cara atrás, pernas completamente estendidas e sen tocar o chan, queixo situado por riba da barra e sen ter contacto con ela.

O tempo mínimo exixido para a superación da proba é de 52 segundos.

1.3. Proba de potencia de tren inferior: salto horizontal.

Realizarase en ximnasio ou campo de deportes, con chan horizontal e coa superficie adecuada para efectuar a medición das marcas.

A persoa aspirante colocarase de pé detrás dunha liña sen pisala, cos pés separados, paralelos entre si e á mesma altura (realizarase o salto desde a posición de parado). Realizará un salto horizontal e caerá cos dous pés ao chan. Medirase a distancia entre a liña de saída ata a marca do apoio de caída máis próximo á liña.

As marcas mínimas exixidas (en centímetros) para a superación da proba son:

Homes: 210 cm.

Mulleres: 185 cm.

1.4. Proba de resistencia xeral: carreira de 1.000 metros lisos.

Realizarase en pista de atletismo ou en calquera zona totalmente chá de terreo compacto.

A persoa aspirante colocarase na pista no lugar indicado. A saída realizarase en pé.

Será eliminado o corredor que abandone a pista durante a carreira.

As marcas máximas (en minutos e segundos) exixidas para a superación da proba son:

Homes: 3’30”

Mulleres: 4’10”

1.5. Proba de natación: 25 metros estilo libre.

Realizarase nunha piscina que permita efectuar o percorrido sen facer viraxes.

A persoa aspirante poderase colocar para a saída, ben sobre a plataforma, ben no bordo da piscina, ou ben no interior do vaso, e neste último caso deberá permanecer en contacto co bordo da saída.

Unha vez que se dea o sinal de saída, as persoas aspirantes, ben en mergullo ou por impulsión sobre a parede, segundo a situación de partida adoptada, iniciarán a proba empregando calquera estilo para a súa progresión.

As marcas máximas (en segundos) para a superación da proba son:

Homes: 0’24”

Mulleres: 0’28”

A non superación de calquera das probas na forma indicada dará lugar á eliminación da persoa aspirante.

As persoas aspirantes deberanse presentar á realización das probas coa roupa e co calzado que consideren adecuados e cun informe médico expedido dentro dos quince (15) días inmediatamente anteriores ao da data de realización da primeira proba deste exercicio. A non presentación do dito documento suporá a exclusión da persoa aspirante do proceso.

Para a proba de natación, as persoas aspirantes utilizarán traxes de baño (que achegarán elas mesmas) e do modelo que desexen. Queda prohibida a utilización de traxes de neopreno ou similares e axudas para a flotabilidade e/ou o incremento da velocidade de calquera tipo.

4. Cuarto exercicio: probas psicotécnicas.

Estas probas están dirixidas a determinar as actitudes e aptitudes persoais das persoas aspirantes e a súa adecuación ás funcións policiais que deberán desempeñar, e comprobarán que presentan un perfil psicolóxico axeitado.

Terán que ser efectuadas e valoradas por persoal especialista e cualificaranse como apto/a ou non apto/a. Para superalas será necesario obter o resultado de apto/a no conxunto das probas realizadas.

a) Proba de intelixencia.

Realizarase unha valoración do nivel intelectual e doutras aptitudes específicas, explorando todos ou algúns dos seguintes factores: intelixencia xeral, comprensión e fluidez verbal, comprensión de ordes, razoamento cognitivo, atención discriminativa e resistencia á fatiga intelectual.

b) Probas de personalidade.

As probas orientaranse á avaliación dos trazos de personalidade máis significativos e relevantes para o desempeño da función policial, así como o grao de adaptación persoal e social das persoas aspirantes. Así mesmo, deberase descartar a existencia de síntomas ou trastornos psicopatolóxicos e/ou de personalidade. Entre outros, exploraranse os seguintes aspectos: estabilidade emocional, autoconfianza, capacidade empática e interese polos demais, habilidades interpersoais, control adecuado da impulsividade, axuste persoal e social, capacidade de adaptación ás normas, capacidade de afrontar o estrés e motivación polo traballo policial.

Os resultados obtidos nas dúas probas anteriores serán contrastados mediante unha proba individual que consistirá na contestación a un cuestionario formulado verbalmente, coa finalidade de valorar tamén o estado psicolóxico das persoas aspirantes.

Á parte das características de personalidade sinaladas anteriormente, exploraranse ademais os seguintes aspectos: existencia de niveis disfuncionais de estrés ou de trastornos do estado de ánimo; problemas de saúde; consumo excesivo ou de risco de alcohol ou outros tóxicos, e grao de medicación; expectativas respecto da función policial.

5. Quinto exercicio: recoñecemento médico.

O recoñecemento médico será efectuado por persoal facultativo e o seu fin é garantir que as persoas aspirantes estean en condicións idóneas para o exercicio das funcións policiais propias do posto de traballo.

Cualificarase como apto/a ou non apto/a e para superalo será necesario obter o resultado de apto/a.

Para os efectos da exclusión da persoa aspirante, terase en conta o seguinte:

a) Obesidade-delgadeza.

Obesidade ou delgadeza manifestas que dificulten ou incapaciten para o exercicio das funcións propias do cargo.

Índice de masa corporal (IMC) non inferior a 18,5 nin superior a 29,9, considerando o IMC como a relación resultante de dividir o peso da persoa expresado en quilos polo cadrado da estatura expresada en metros.

b) Calquera enfermidade, padecemento ou alteración de carácter físico, psíquico ou sensorial que, ao xuízo dos facultativos médicos, impida, limite ou dificulte o exercicio das funcións policiais.

Para os diagnósticos establecidos neste anexo teranse en conta os criterios das sociedades médicas das especialidades correspondentes; en todo caso, coa publicación da data e do lugar desta proba o tribunal publicará o cadro de exclusións médicas que se vai aplicar.

As exclusións garantiranse coas probas complementarias necesarias para o diagnóstico.

ANEXO IV

Temario

1. O Estado. Concepto. Elementos. A división de poderes. Funcións. Organización do Estado español. Antecedentes constitucionais en España. A Constitución española de 1978. Estrutura e contido. A reforma da Constitución española. O Estado español como Estado social e democrático de dereito. Dereitos e deberes constitucionais; clasificación e diferenciación.

2. Dereitos fundamentais e liberdades públicas I: dereito á vida e integridade. Liberdade ideolóxica, relixiosa e de culto. Dereito á liberdade e seguridade. Dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe. A inviolabilidade do domicilio e o segredo das comunicacións. A liberdade de residencia e de circulación. O dereito á liberdade de expresión recoñecido no artigo 20 da Constitución.

3. Dereitos fundamentais e liberdades públicas II: dereito de reunión. Dereito de asociación. Dereito á participación nos asuntos públicos e ao acceso a funcións e cargos públicos. A tutela xudicial efectiva e a prohibición de indefensión. A imposición de condena ou sanción do artigo 25 da Constitución, sentido das penas e medidas de seguridade. Prohibición de tribunais de honra. O dereito á educación e á liberdade de ensino. Dereito á sindicación e á folga, especial referencia aos membros das forzas e corpos de seguridade. Dereito de petición.

4. Dereitos e deberes dos cidadáns. Os principios reitores da política social e económica. As garantías dos dereitos e liberdades. Suspensión xeral e individual destes. O Defensor do Pobo.

5. A Coroa. As Cortes Xerais. Estrutura e competencias. Procedemento de elaboración das leis. Formas de goberno. O Goberno e a Administración. Relacións do Goberno coas Cortes Xerais. Funcións do Goberno.

6. O Poder Xudicial. Principios constitucionais. Estrutura e organización do sistema xudicial español. O Tribunal Constitucional.

7. Organización territorial do Estado. As comunidades autónomas. O Estatuto de autonomía de Galicia. Estrutura e disposicións xerais. Institucións: Parlamento. Presidente e Consello de Goberno. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O Valedor do Pobo.

8. Relación da Xunta de Galicia coa Administración do Estado e con outras comunidades autónomas. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia. A reforma do Estatuto de autonomía de Galicia.

9. O dereito administrativo. Fontes e xerarquía das normas.

10. O acto administrativo. Concepto. Elementos. Clases. A validez dos actos administrativos; nulidade e anulabilidade. Notificación de actos administrativos. Cómputo de prazos. Recursos administrativos. Alzada e reposición; o recurso extraordinario de revisión.

11. O procedemento administrativo. Concepto e principios xerais. Clases. Os interesados. A estrutura do procedemento administrativo.

12. O réxime local español. Principios constitucionais e regulación xurídica. Tipos de entidades locais.

13. O municipio. Concepto e elementos. Competencias municipais. A provincia: concepto, elementos e competencias. A organización e o funcionamento do municipio. O Pleno. O alcalde. A Xunta de Goberno local. Outros órganos municipais.

14. Ordenanzas, regulamentos e bandos. Clases e procedemento de elaboración e aprobación.

15. A licenza municipal. Tipos. Actividades sometidas a licenza. Tramitación.

16. Función pública local. A súa organización. Adquisición e perda da condición de funcionario. Dereitos, deberes e incompatibilidades dos funcionarios. Situacións administrativas.

17. Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade. Funcións da policía local.

18. Lei de coordinación das policías locais de Galicia e normas de desenvolvemento. Réxime disciplinario: disposicións xerais e faltas disciplinarias.

19. A actividade da policía local como policía administrativa I: consumo. Abastos. Mercados. Venda ambulante. Espectáculos e establecementos públicos.

20. A actividade da policía local como policía administrativa II: urbanismo. Infraccións e sancións. A protección ambiental: prevención e calidade ambiental, residuos e disciplina ambiental.

21. A Lei de emerxencias de Galicia: aspectos fundamentais.

22. Delitos e delitos leves. Circunstancias modificativas da responsabilidade criminal. Persoas responsables: autores e cómplices. Graos de perfección do delito.

23. Delitos cometidos con ocasión do exercicio dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas garantidos pola Constitución. Delitos cometidos polos funcionarios públicos contra as garantías constitucionais.

24. Delitos contra a Administración pública. Atentados contra a autoridade e os seus axentes. Desordes públicas.

25. Homicidio e as súas formas. Delitos leves contra as persoas. Delitos e delitos leves contra o patrimonio e a orde socioeconómica.

26. Delitos contra a seguridade viaria. Delitos leves cometidos con ocasión da circulación de vehículos de motor. Lesións e danos imprudentes.

27. O atestado policial na Lei de axuizamento criminal. Concepto e estrutura.

28. Detención: concepto, clases e supostos. Prazos de detención. Obrigas do funcionario que efectúa unha detención. Contido da asistencia letrada. Dereito do detido. Responsabilidades penais en que pode incorrer o funcionario que efectúa unha detención. O procedemento de habeas corpus.

29. Lei de seguridade viaria. Regulamentos de desenvolvemento. Estrutura e conceptos xerais.

30. Normas xerais de circulación: lugar na vía, velocidade, prioridade de paso, cambios de dirección e sentido. Adiantamentos. Parada e estacionamento. Vehículos e transportes especiais. Cinto e casco de seguridade.

31. Circulación por zonas peonís. Comportamento en caso de emerxencia. Sinais de circulación. Clasificación e orde de prioridade.

32. Procedemento sancionador por infraccións á normativa de circulación. Actuacións complementarias. Inmobilización e retirada de vehículos da vía pública. Carencia do seguro obrigatorio.

33. Accidentes de circulación: definición, tipos e actuacións da policía local. Alcoholemia. Datos. A súa consideración segundo a normativa vixente. Procedemento de indagación do grao de impregnación alcohólica.

34. Estrutura económica e social de Galicia: demografía, economía, servizos públicos, sociedade civil, novas tecnoloxías, patrimonio ecolóxico, social e cultural.

35. Vida en sociedade. Proceso de socialización. Formación de grupos sociais e masas. Procesos de exclusión e inclusión social. A delincuencia: tipoloxías e modelos explicativos.

36. Comunicación: elementos, redes, fluxos, obstáculos. Comunicación con superiores e compañeiros. Equipamentos de traballo e atención á cidadanía.

37. Minorías étnicas e culturais. Racismo e xenofobia. Actitude policial ante a sociedade intercultural.

38. Igualdade de oportunidades de homes e mulleres en Galicia: conceptos básicos; socialización e igualdade; políticas públicas de igualdade de xénero. Violencia contra as mulleres: descrición, plans de erradicación e atención coordinada ás vítimas.

39. A policía na sociedade democrática. O mandato constitucional. Valores que propugna a sociedade democrática. A dignidade da persoa. Sentido ético da prevención e a represión.

40. Deontoloxía policial. Normas que a establecen. A policía como servizo público.