Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 8 de maio de 2023 Páx. 28494

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Rodicio II, sito nos concellos de Maceda e Montederramo (Ourense) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. (IN408A 2020/42).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Greenalia Wind Power, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Rodicio II, constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 6.3.2020 Greenalia Wind Power, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa e de construción, a declaración de utilidade pública e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Rodicio II, sito nos concellos de Maceda e Montederramo (Ourense).

Segundo. O 2.7.2020 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) comunicoulle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade e da solicitude establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 22.7.2020 a promotora achegou o xustificante do pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa de parques eólicos.

Terceiro. O 1.9.2020 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas solicitoulles os informes a que fan referencia os artigos 33.4 e 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, segundo a anterior redacción da lei, á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático e á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio.

Cuarto. O 22.10.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu a relación de organismos que deben emitir informe sobre o estudo de impacto ambiental, de acordo co previsto no artigo 33.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Quinto. O 27.11.2020 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e recóllense os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Sexto. O 21.1.2021 esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Rodicio II á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Ourense para a continuación da tramitación, de acordo co indicado no artigo 33.6 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Sétimo. Mediante o Acordo do 3 de febreiro de 2021, da Xefatura Territorial de Ourense, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Rodicio II, situado nos concellos de Maceda e Montederramo, da provincia de Ourense (expediente IN408A 2020/42).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia o 26.2.2021 e no xornal La Región o 26.2.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público no taboleiro da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial de Ourense (agora Vicepresidencia Primeira) e remitíuselles aos concellos afectados (Maceda e Montederramo), que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Oitavo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A., Cellnex Telecom, S.A., Concello de Maceda, Concello de Montederramo, Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal, S.A. o 21.3.2021, Cellnex Telecom, S.A. o 1.3.2021 e o Concello de Montederramo o 27.1.2021.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Noveno. O 23.9.2021 a Xefatura Territorial de Ourense remitiulle o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009.

Décimo. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Maceda e Concello de Montederramo.

Formalizada a tramitación ambiental, o 11.1.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 12 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG nº 13, do 19 de xaneiro).

Décimo primeiro. O 31.1.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora o proxecto de execución e as separatas técnicas refundidas resultantes como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo segundo. O 15.2.2023 Greenalia Wind Power, S.L. presentou o proxecto de execución refundido, en que constan os cambios introducidos para dar resposta aos condicionados, en concreto a eliminación do aero 03 e a repotenciación dos outros dous, pasando de 4,5 MW a 5,2 MW, Proxecto de execución do parque eólico Rodicio II, nos termos municipais de Maceda e Montederramo (Ourense), asinado por María Moreno Martínez, pertencente ao Colexio Oficial de Minas do Noroeste, colexiada nº 3229, así como unha declaración responsable en que indica que «as afeccións da configuración definitiva do proxecto do parque eólico Rodicio II non modifican as afeccións xa sometidas a informe a través das separatas técnicas, polo que non é necesario presentar unhas novas».

Décimo terceiro. O 28.2.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Xefatura Territorial de Ourense informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto de execución refundido do parque eólico, e achegou como documentación o proxecto mencionado no antecedente de feito décimo segundo e o arquivo shape presentados pola promotora o 15.2.2023.

Décimo cuarto. O 21.3.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33.16.

Décimo quinto. O 11.4.2023 Greenalia Wind Power, S.L.U. presentou acordo vinculante en relación co uso compartido da infraestrutura de evacuación, tal e como prescribe o artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Décimo sexto. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 13,5 MW, segundo os informes do xestor da rede do 4.11.2019 e 28.11.2020.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo); no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro); pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro); polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro), e polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nas demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, con data do 3.3.2023 a Xefatura Territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta destas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución:

«1. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 11 de xaneiro de 2023, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Polo que atinxe ás alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, non se admiten, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido recibíronse informes dos seguintes organismos: direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

2. No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe o que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como se recolle no expediente.

3. No que respecta ás distancias a núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 27 de novembro de 2020 recóllese: «Logo de comprobar o planeamento vixente nos concellos afectados (Plan xeral de ordenación municipal de Maceda, aprobado definitivamente o 12.4.2002, e delimitación de solo urbano de Montederramo, aprobada definitivamente o 21.6.1994) e as coordenadas UTM ETRS 89 fuso 29, recollidas no número 2.1.1 da memoria das posicións dos 3 aeroxeradores, conclúese que todas as posicións cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto 3.1 do Psega respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable».

4. A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «Instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, que teñan mais de 30 MW ou que estean a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou doutro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, esa suposta «partición» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun raio de 10 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parque eólicos Alto do Rodicio, Rodicio, Serra do Burgo ampliación, Serra do Burgo, Pena da Cruz ampliación, Xesteirón, Sil, Sil ampliación fases I y II, Meda ampliación, Fial das Corzas e Xinzo Norte.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que: «… unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban tener unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido deles por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se vai perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

5. No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes emitiu informe o 3 de marzo de 2021:

«As superficies definitivas de afección virán determinadas polas áreas ocupadas directamente polos elementos de apoio, construcións complementarias e mais as superficies determinadas polas distancias de servidume establecidas na normativa que regula as obras de produción e transporte de enerxía eléctrica, e ademais pola superficie necesaria para o cumprimento das distancias de plantación da Lei 7/2012, de montes de Galicia, e mais da normativa de prevención de incendios relativa a redes de faixas de xestión da biomasa. Será necesario constituír as faixas de biomasa descritas na Lei 3/2007 ao redor das instalacións que transporten enerxía eléctrica de xeito aéreo, de ser o caso.

Con base no anterior e considerando que se trata dun uso permitido en solo rústico e sempre que se cumpra o condicionado anterior e a normativa citada, emítese informe favorable sobre a realización da actuación descrita».

6. Así mesmo, en relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, cómpre indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

7. Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, cabe expor que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

8. Respecto do tipo de sociedade da empresa promotora do parque eólico, é necesario indicar que esta acreditou a capacidade legal, técnica e económica para realizar o proxecto, de acordo co establecido na Lei 8/2009.

9. Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, cabe remitirse ás diferentes publicacións do Acordo do 3 de febreiro de 2021, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se somete a información pública solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Rodicio II, situado nos concellos de Maceda e Montederramo, provincia de Ourense (expediente IN408A 2020/42).

Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos de Maceda e Montederramo e na Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial de Ourense.

Así mesmo, realizouse a notificación individual da solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, aos titulares que figuraban na relación de bens e dereitos afectados.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no Convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

10. No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en tanto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «en tanto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia, entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, e incorpora aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles. Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997 e publicouse o acordo no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos se cumpriu co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, a Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas se deben someter a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Por tanto, este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos».

Polo que atinxe ás alegación presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, non se admiten, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 11.1.2023 segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso, sen prexuízo dos que, de ser o caso procedan na vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo cal se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Rodicio II, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 11.1.2023, recollida no antecedente de feito décimo desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Rodicio II, considerando que o proxecto, segundo a documentación achegada polo órgano substantivo, é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Rodicio II.

Nos epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1 Protección da atmosfera.

4.2.2 Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3 Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4 Xestión de residuos.

4.2.5 Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6 Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Rodicio II, sito nos concellos de Maceda e Montederramo (Ourense) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U., para unha potencia de 10,4 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Rodicio II, composto polo documento Proxecto de execución do parque eólico Rodicio II nos termos municipais de Maceda e Montederramo (Ourense), asinado pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez (colexiada nº 3229 do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste).

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Greenalia Wind Power, S.L.U.

Domicilio social: praza de María Pita nº 10 1º, 15001 A Coruña.

Denominación: parque eólico Rodicio II.

Potencia instalada: 10,4 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 10,4 MW.

Produción neta: 28.690 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 2.795 h.

Concellos afectados: Maceda e Montederramo (Ourense).

Orzamento de execución por contrata: 8.064.620,85 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice poligonal

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS 89)

X

Y

1

618.442

4.681.091

2

618.990

4.679.131

3

620.824

4.677.785

4

621.875

4.677.785

5

621.875

4.678.471

6

620.911

4.679.194

7

620.419

4.680.258

8

618.934

4.681.393

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aerogenerador

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS 89)

X

Y

AE 01

620.526

4.678.509

AE 02

620.819

4.678.277

Coordenadas do centro de seccionamento e control:

CSC

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS 89)

X

Y

Rodicio II

620.349

4.678.638

Envolvente 1

620.346

4.678.642

Envolvente 2

620.354

4.678.635

Envolvente 3

620.352

4.678.633

Envolvente 4

620.344

4.678.640

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

1. 2 aeroxeradores modelo Siemens Gamesa SG145 de 5,2 MW de potencia nominal unitaria, cunha altura de buxa de 107,5 m e 145 m de diámetro de rotor, cos seus correspondentes centros de transformación, situados na propia nacelle dos aeroxeradores, con potencia aparente de 6.000 kVA e relación de tranformación 0,69/30 kV e os correspondentes equipamentos de manobra, protección, telemando e demais elementos auxiliares.

2. Rede eléctrica soterrada, a 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e o centro de seccionamento de control proxectado (CSC), composta por un circuíto con condutores tipo RHZ1 18/30kV Al, de 240 mm2 de sección, para a interconexión dos aeroxeradores AE01 e AE02 co CSC.

3. Centro de seccionamento e control (CSC) do parque eólico, en edificio prefabricado, coas seguintes celas de media tensión 30 kV: cela de protección trafo de servizos auxiliares (trafo de 50 kVA e r/t 30/0,42 kV), cela de liña (entrada), cela de liña (reserva), cela de protección xeral e cela de medida.

4. Liña de evacuación do parque eólico, LMTS a 30 kV, en condutor RHZ1 18/30kV Al, de 400 mm2 de sección, con orixe no centro de seccionamento e Control (CSC) proxectado e final nunha subestación (obxecto doutro expediente).

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 76.783 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións particulares establecidas na declaración de impacto ambiental, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente. Nel debe constar que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano As Built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Greenalia Wind Power, S.L.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolver á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral, para a configuración definitiva do proxecto autorizado pola presente resolución, a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

9. De conformidade co artigo 34.2, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 11.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais