Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 8 de maio de 2023 Páx. 28511

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 12 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Rodicio II, sito nos concellos de Maceda e Montederramo (Ourense) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. (IN408A 2020/42).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 12 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Rodicio II.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico Rodicio II, sito nos concellos de Maceda e Montederramo (Ourense) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U., para una potencia de 10,4 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento da obriga de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 76.783 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir a obriga de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións particulares establecidas na declaración de impacto ambiental, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano As Built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes e para os cales mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Greenalia Wind Power, S.L.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral, para a configuración definitiva do proxecto autorizado pola presente resolución, a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

9. De conformidade co artigo 34.2, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 11.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para realizar as obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 6.3.2020 Greenalia Wind Power, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa e de construción, a declaración de utilidade pública, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Rodicio II, sito nos concellos de Maceda e Montederramo (Ourense).

2. O 2.7.2020 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) comunicoulle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade e da solicitude establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 22.7.2020 a promotora achegou o xustificante do pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa de parques eólicos.

3. O 1.9.2020 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas solicitoulles os informes a que fan referencia os artigos 33.4 e 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, segundo a anterior redacción da lei, á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático e á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio.

4. O 22.10.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu a relación de organismos que deben emitir informe sobre o estudo de impacto ambiental, de acordo co previsto no artigo 33.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

5. O 27.11.2020 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e recóllense os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

6. O 21.1.2021 esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Rodicio II á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Ourense para a continuación da tramitación de acordo co indicado no artigo 33.6 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

7. Mediante o Acordo do 3 de febreiro de 2021, da Xefatura Territorial de Ourense, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Rodicio II, situado nos concellos de Maceda e Montederramo, provincia de Ourense (expediente IN408A 2020/42).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia o 26.2.2021 e no xornal La Región o 26.2.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público no taboleiro da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial de Ourense (agora Vicepresidencia Primeira) e remitíuselles aos concellos afectados (Maceda e Montederramo), que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

8. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A., Cellnex Telecom, S.A., Concello de Maceda, Concello de Montederramo, Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal, S.A. o 21.3.2021, Cellnex Telecom, S.A. o 1.3.2021 e o Concello de Montederramo o 27.1.2021.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

9. O 23.9.2021 a Xefatura Territorial de Ourense remitiulle o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009.

10. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronselles informes aos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Maceda e Concello de Montederramo.

Formalizada a tramitación ambiental, o 11.1.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 12 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG nº 13, do 19 de xaneiro de 2023).

11. O 31.1.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora o proxecto de execución e as separatas técnicas refundidas resultantes como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

12. O 15.2.2023 Greenalia Wind Power, S.L. presentou o proxecto de execución refundido. Nel constan os cambios introducidos para dar resposta aos condicionados, en concreto a eliminación do aero 03 e a repotenciación dos outros dous, pasando de 4,5 MW a 5,2 MW, Proxecto de execución do parque eólico Rodicio II, nos termos municipais de Maceda e Montederramo (Ourense), asinado por María Moreno Martínez, pertencente ao Colexio Oficial de Minas do Noroeste, colexiada nº 3229, así como unha declaración responsable en que indica que «as afeccións da configuración definitiva do proxecto do parque eólico Rodicio II non modifican as afeccións xa sometidas a informe a través das separatas técnicas, polo que non é necesario presentar unhas novas».

13. O 28.2.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Xefatura Territorial de Ourense un informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto de execución refundido do parque eólico, e achegou como documentación o proxecto mencionado no antecedente de feito décimo segundo e o arquivo shape presentados pola promotora o 15.2.2023.

14. O 21.3.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico de acordo co artigo 33.16.

15. O 11.4.2023 Greenalia Wind Power, S.L.U. presentou acordo vinculante en relación co uso compartido da infraestrutura de evacuación, tal e como prescribe o artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

16. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 13,5 MW, segundo os informes do xestor da rede do 4.11.2019 e 28.11.2020.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais