O artigo 32.1 da Lei 30/2014, do 3 de decembro, de parques nacionais, establece que coa finalidade de promover o desenvolvemento sustentable destes espazos, as administracións públicas, dentro do seu ámbito competencial e conforme as dispoñibilidades orzamentarias, poderán conceder axudas técnicas, económicas e financeiras nas áreas de influencia socioeconómica dos parques nacionais.
O Real decreto 1229/2005, do 13 de outubro, polo que se regulan as subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado nas áreas de influencia socioeconómica dos parques nacionais, recoñece expresamente que a tramitación e resolución dos procedementos de concesión destas subvencións corresponde ás comunidades autónomas. Por outra banda, no seu artigo 3.3 establece que a distribución territorial dos créditos consignados anualmente para o efecto nos orzamentos do Estado a cargo do Organismo Autónomo Parques Nacionais se realizará de acordo co artigo 86 da Lei 47/2003, do 26 de novembro, xeral orzamentaria.
Así, unha vez que a Conferencia Sectorial de Medio Ambiente do día 20 de xuño de 2022 aprobou os criterios de repartición e a distribución dos créditos correspondentes ás subvencións destinadas ás áreas de influencia socioeconómica (AIS) dos parques nacionais, o director do Organismo Autónomo de Parques Nacionais resolveu formalizar o compromiso financeiro coa Comunidade Autónoma de Galicia para o Parque Nacional das Illas Atlánticas.
A Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, clasifica como espazos naturais protexidos pola Comunidade Autónoma de Galicia, entre outros, os parques nacionais como áreas naturais que, pola beleza das súas paisaxes, a representatividade dos seus ecosistemas ou a singularidade da súa flora, da súa fauna ou da súa diversidade xeolóxica, incluídas as súas formacións xeomorfolóxicas, posúen uns valores ecolóxicos, estéticos, educativos ou científicos cuxa conservación merece unha atención preferente.
E no seu artigo 31.2 dispón que os parques nacionais rexeranse pola súa normativa específica, conforme a cal a declaración se efectuará por unha lei das Cortes Xerais, e á Comunidade Autónoma de Galicia corresponderalle a xestión dos situados no seu territorio nos termos previstos na dita normativa.
Galicia conta cun parque nacional que agrupa aos arquipélagos de Cortegada, Sálvora, Ons e Cíes, e recibe o nome de Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Este parque inclúe superficies pertencentes aos concellos de Vigo, Bueu e Vilagarcía de Arousa, en Pontevedra, e Ribeira, na Coruña.
O artigo 11 do Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda inclúe entre os seus órganos superiores e de dirección a Dirección Xeral de Patrimonio Natural (en diante, DXPN), que exerce as competencias e funcións en materia de conservación da natureza, protección, usos sustentables, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia e dos seus elementos etnográficos, e a súa preservación. A esta dirección xeral está adscrito con nivel orgánico de servizo o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
Tamén lle será de aplicación o réxime xeral das axudas e subvencións da nosa comunidade autónoma, establecido nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, modificada en última instancia pola Lei 13/2015, do 24 de decembro. A nivel regulamentario, a normativa principal está representada polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007. Esta orde cumpre as exixencias da citada normativa.
A tramitación desta convocatoria cumpre co disposto no artigo 67.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, sobre simplificación administrativa e apoio á recuperación económica.
De acordo co anteriormente exposto, respectando os contidos da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
O obxecto desta orde é o de establecer as bases reguladoras e a convocatoria das axudas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia para o ano 2023 (código de procedemento MT821A).
De acordo coa Lei 15/2002 pola que se declara o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, entenderase por área de influencia socioeconómica do Parque Nacional a área ocupada polos concellos que teñen parte da súa superficie no Parque Nacional, é dicir, a superficie dos concellos de Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo.
As axudas previstas nesta orde outorgaranse de conformidade cos criterios de publicidade, concorrencia competitiva, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, atendéndose a criterios de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e á eficiencia na asignación e emprego dos recursos públicos segundo o establecido no artigo 8 da Lei 38/2003, xeral de subvencións.
Artigo 2. Beneficiarias e requisitos.
Poderán ser beneficiarias destas axudas:
1. Entidades empresariais.
a) As entidades empresariais que teñan a consideración de pequenas e medianas empresas, cuxa sede social estea radicada na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e cuxa actividade principal se desenvolva nesta área, incluídas as empresas de inserción laboral (EIL) e de centros especiais de emprego.
b) As persoas empresarias que teñan a condición de autónomas ou as comunidades de bens nos seguintes supostos:
– Cando a súa residencia e actividade se localicen na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional.
– Cando residan na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional e pretendan implantar a súa actividade nela.
– Cando non residan na dita área de influencia socioeconómica pero veñan realizando no interior do Parque Nacional actividades produtivas de carácter artesanal ligadas ao sector primario, sempre que tales actividades fosen especificamente reguladas nos instrumentos de planificación.
2. Persoas físicas: as persoas físicas residentes e empadroadas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional, ou titulares dunha concesión, segundo o Decreto 174/2010 que regula o procedemento para outorgamento das concesións da illa de Ons, e que estean ao día nas súas obrigas derivadas da súa concesión, e as persoas propietarias dunha vivenda dentro do Parque Nacional.
3. Institucións sen fins de lucro: as fundacións e asociacións sen ánimo de lucro legalmente constituídas e cuxa sede social ou a dalgunha das súas seccións ou delegacións estea na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional, sempre e cando entre os seus fins estatutarios figure expresamente a realización de actuacións en materia de conservación ou uso sustentable dos recursos naturais, de protección do patrimonio histórico-artístico ou de promoción da cultura tradicional, incluídos centros especiais de emprego.
4. As entidades de dereito público constituídas ao abeiro dalgunha lexislación sectorial en materia de recursos naturais renovables e cuxa actividade estea relacionada co aproveitamento ordenado destes recursos na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional.
En ningún caso poderán ter a condición de beneficiarias aquelas entidades ou persoas que incorran nalgunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 3. Obrigas das beneficiarias
1. Son obrigas das beneficiarias as enumeradas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.
2. As beneficiarias deberán, pola súa vez, cumprir coas seguintes obrigas:
a) Asumir as responsabilidades que poderían derivarse da realización do proxecto ou actividade.
b) Dispor das autorizacións ou licenzas administrativas correspondentes no caso de que sexan necesarias para o desenvolvemento da actividade obxecto de axuda.
c) Ser a única responsable xurídica e financeira da execución do proxecto ou actividade obxecto da axuda.
d) Cumprir coa normativa da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.
e) Garantir o pleno cumprimento co principio de «non causar dano significativo ao ambiente» (principio, Do no significant harm, DNSH) no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2019/2088.
f) Respectar a normativa ambiental aplicable. En todo caso, respectaranse os procedementos de avaliación ambiental, cando sexan de aplicación, conforme a lexislación vixente, así como outras avaliacións de repercusións que poidan resultar de aplicación en virtude da lexislación ambiental.
g) Incluír, sempre que sexa posible, criterios ambientais en todos os procedementos de contratación que poida convocar a beneficiaria en calquera fase de realización do proxecto obxecto de axuda.
h) Cumprir coa normativa en materia de igualdade e incluír, sempre que sexa posible, criterios para favorecer a igualdade de trato e de oportunidades en todos os procedementos de contratación que poida convocar a beneficiaria.
i) Cumprir calquera outra obriga que, se é o caso, poida establecerse na resolución pola que se concede a axuda.
Artigo 4. Criterios de avaliación dos proxectos
1. A asignación das citadas subvencións farase en virtude da baremación realizada pola Comisión de Valoración, integrada pola persoa titular que exerza o cargo de director/a-conservador do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG), que a presidirá, e pola persoa titular da Dirección adxunta do Parque Nacional e un funcionario adscrito ao Servizo de Conservación de Espazos Naturais. Exercerá as funcións de secretaría un técnico/a con destino no Parque Nacional. Así mesmo, asistirá ás reunións o persoal técnico e administrativo que sexa requirido en cada ocasión. En caso de ausencia dalgunha delas, a persoa titular da dirección xeral nomeará unha persoa substituta. Na composición da Comisión de Valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.
2. A Comisión de Avaliación dará traslado das súas propostas de resolución á persoa titular da DXPN, a quen corresponderá ditar a resolución do procedemento de acordo co disposto na disposición derradeira primeira desta orde.
3. A dispoñibilidade orzamentaria asignada na convocatoria limitará o número de expedientes que se aproben. Para iso ordenaranse os investimentos solicitados de acordo cos criterios do baremo indicado, e aprobaranse os investimentos de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento, e, se é o caso, aplicando a regra de desempate especificada no punto 6 do presente artigo.
4. Os criterios de avaliación e baremación de proxectos serán os seguintes:
Criterio I: avaliación do grupo de actividades subvencionables |
Puntos |
Segundo o tipo de actuacións que se van realizar (artigo 8.1): |
|
Grupo a) |
3 |
Grupo b) |
3 |
Grupo c) |
2 |
Grupo d) |
2 |
Grupo e) |
2 |
Grupo f) |
2 |
Grupo g) |
3 |
Grupo h) |
2 |
Total criterio I |
Total × 0,10 |
Criterio II: avaliación segundo o Real decreto 1229/2005, do 13 de outubro |
Puntos |
O grao de sinerxía cos obxectivos e actividades dos parques nacionais ou da Rede |
Ata 3 |
O carácter de exemplificación dun modelo de desenvolvemento compatible coa conservación dos procesos naturais |
Ata 3 |
O grao de contribución ao mantemento e promoción das actividades tradicionais |
Ata 2 |
Volume de creación de emprego estable |
Ata 3 |
A intensidade do efecto sobre a mellora da calidade de vida e o desenvolvemento económico |
Ata 3 |
Repercusión social |
Ata 3 |
Promoción do emprego da lingua galega na realización das actividades |
Ata 2 |
Total criterio II |
Suma |
Media |
Media × 0,60 |
Criterio III: avaliación segundo a calidade da proposta |
Puntos |
Calidade da proposta: coherencia entre os obxectivos propostos e a problemática detectada, resultados actividades e prazos |
Ata 3 |
Adecuación dos recursos: coherencia do orzamento, medios, persoal e organización |
Ata 3 |
Claridade na formulación da proposta |
Ata 3 |
Total criterio III |
Suma |
Media |
Media × 0,30 |
5. Ademais, a posteriori da puntuación obtida dos criterios de valoración anteriores, inclúese un factor de multiplicación (× 1,4) para discriminar os proxectos que, referidos a investimentos, repercutan directa e positivamente sobre a calidade de vida das persoas residentes no interior do parque nacional, e (× 1,2) se repercuten directa e positivamente na calidade de vida das persoas residentes na área de influencia socioeconómica. Este factor de multiplicación aplicarase á puntuación obtida dos dous criterios sinalados no punto anterior.
6. En caso de empate na puntuación obtida, este resolverase dando prioridade aos proxectos que se realicen dentro do perímetro do Parque sobre aqueles que estean fóra deste. De persistir o empate, atenderase á puntuación total obtida na valoración do criterio I. Se así e todo continúa a igualdade, a preferencia determinarase pola data e hora de presentación da solicitude.
Artigo 5. Financiamento e distribución do crédito
1. Esta orde financiarase con cargo ás aplicacións orzamentarias 08.03.541B.770.2, 08.03.541B.780.2 e 08.03.541B.781.1 do código de proxecto 2015 00694 dos orzamentos de gastos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, por un importe de 148.393,65 euros, coa seguinte distribución por aplicación orzamentaria:
Aplicación orzamentaria |
Importe |
08.03.541B.770.2 |
52.393,65 € |
08.03.541B.780.2 |
48.000,00 € |
08.03.541B.781.1 |
48.000,00 € |
Totais |
148.393,65 € |
2. O importe consignado, así como a aplicación a que se impute, poderá ser modificado e/ou incrementado con achegas adicionais sen nova convocatoria nin a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, en proporción ao numero de solicitudes e ás dispoñibilidades orzamentarias, con cargo ás mesmas aplicacións e nas condicións previstas no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
En todo caso, a concesión das axudas estará condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución da concesión.
3. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde, cando o incremento derive de:
a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.
b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
c) No suposto previsto no artigo 25.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 6. Réxime e principios de aplicación
1. As axudas previstas nesta orde outorgaranse de conformidade cos criterios de publicidade, concorrencia competitiva, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, atendendo a criterios de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e á eficiencia na asignación e emprego dos recursos públicos, segundo o establecido no artigo 8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.
2. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.
3. Conforme o anterior e o recollido no artigo 6.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, esta orde será publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Artigo 7. Ámbito territorial
A área ocupada polos concellos que teñen parte da súa superficie no Parque Nacional, é dicir, a superficie dos concellos de Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo.
Artigo 8. Actividades subvencionables
1. Poderán ser obxecto de subvencións os investimentos na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional referidos a:
a) Iniciativas destinadas á conservación ou restauración do patrimonio natural, sempre que presenten un manifesto valor ecolóxico.
As actuacións subvencionables serán do tipo: actuación de conservación de hábitats terrestres e mariños e de especies, restauración de ecosistemas degradados, de conservación da biodiversidade, así como actuacións de eliminación e control de especies exóticas invasoras.
b) Iniciativas orientadas á eliminación de calquera tipo de impacto sobre os valores naturais ou culturais que xustificaron a creación do Parque Nacional, incluído o impacto visual sobre a percepción estética deste ocasionado por infraestruturas preexistentes.
As actuacións subvencionables, dentro do perímetro do Parque Nacional, serán do tipo de: soterramento de alxibes, mellora de fosas sépticas, puntos limpos e outras semellantes.
c) Iniciativas dirixidas a garantir a compatibilidade das actividades e dos usos tradicionais coa finalidade e cos obxectivos dos parques nacionais.
d) Iniciativas destinadas á conservación ou á restauración do patrimonio arquitectónico, sempre que presenten un manifesto valor histórico-artístico ou cultural a escala local ou que sirvan para a difusión, a información a visitantes, ao uso público e mesmo actividades de xestión do medio natural
As actuacións subvencionables serán do tipo de: recuperación de hórreos, fornos comunais e outras semellantes.
e) Iniciativas destinadas á posta en marcha de actividades económicas relacionadas co Parque Nacional, en particular, as relacionadas coa prestación de servizos de atención a visitantes e a comercialización dos produtos artesanais.
As actuacións subvencionables serán do tipo de: empresas de rutas guiadas, mergullo recreativo-educativo, promoción de actividades en inverno e outras semellantes.
f) Iniciativas destinadas ao mantemento ou á recuperación da tipoloxía construtiva tradicional, así como actuacións para acadar as condicións exixidas para a concesión da cédula de habitabilidade, dos edificios que se atopan en terreos do interior do perímetro do Parque Nacional e cumpran algunha das seguintes condicións: teñan unha antigüidade de máis de 50 anos, o seu uso estea directamente relacionado coa actividade produtiva asociada ao sector primario, sexan utilizados polas persoas propietarias ou titulares dunha concesión, segundo o Decreto 174/2010 que regula o procedemento para outorgamento das concesións da illa de Ons, e que estean ao día nas obrigas derivadas da súa concesión.
As actuacións subvencionables serán do tipo de adaptación de cubertas, arranxo de fachadas e aseos.
g) Iniciativas orientadas á divulgación e formación entre a poboación local dos valores e importancia do Parque Nacional e da conservación dos ditos valores, naturais e culturais, que xustificaron a súa declaración.
h) Iniciativas orientadas á posta en valor ou á recuperación e divulgación do patrimonio arqueolóxico, etnográfico e cultural.
Con carácter xeral, calquera iniciativa expresamente prevista nos plans de desenvolvemento dos parques nacionais de calquera dos concellos que conforman a súa área de influencia socioeconómica, que teña relación coa conservación da biodiversidade, coa difusión e co uso público do medio natural e que supoñan actuacións efectivas de conservación da biodiversidade.
Todas as accións, obras ou traballos deberán estar situados dentro do perímetro do Parque Nacional ou da zona de influencia socioeconómica.
2. Cada persoa solicitante unicamente poderá presentar unha solicitude de axuda, especificando claramente o grupo do número 1 do presente artigo a que pertencen as actuacións para as que solicita a axuda.
3. Ao abeiro do disposto no artigo 31 da Lei 38/2003, xeral de subvencións, considéranse gastos subvencionables, para os efectos previstos na citada lei, aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido polas diferentes bases reguladoras das subvencións. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
1º. Os gastos deberán estar a nome da persoa beneficiaria.
2º. Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado pola convocatoria da subvención.
3º. Con carácter xeral, as actuacións para as que se solicita a axuda non poderán estar iniciadas. A Dirección Xeral de Patrimonio Natural realizará a inspección previa en campo e levantarán a acta de non inicio, antes do inicio das actuacións obxecto de axuda, e certificará o remate dos traballos conforme os requisitos establecidos nesta orde e na memoria xustificativa presentada pola persoa solicitante.
Non precisarán a comprobación previa a que fai referencia na epígrafe anterior aquelas accións que non teñan natureza de investimento, como inventarios, campañas anuais de avaliación e seguimento do estado de conservación dos hábitats, estudos de valoración e pagamentos por servizos ecosistémicos, etc.
Nestes supostos, o non inicio das actuacións acreditarase mediante declaración responsable (anexo V) de que as actuacións solicitadas non foron iniciadas antes da presentación da solicitude de axuda.
Non serán admisibles os gastos efectuados con anterioridade á data de emisión da acta de non inicio ou da presentación da declaración responsable recollidas neste artigo.
4º. A axuda poderá aplicarse aos seguintes custos de persoal:
a) O 100 % do custo laboral do persoal contratado con exclusividade e especificamente para a realización das actividades obxecto da axuda e así quede patente no seu contrato laboral.
b) O custo do resto do persoal da beneficiaria será subvencionable de xeito proporcional á porcentaxe de dedicación ao proxecto.
c) En xeral, estes gastos xustificaranse mediante a presentación das nóminas, seguros sociais e os seus respectivos xustificantes de pagamento, así como unha certificación asinada pola persoa responsable legal en que se indique a porcentaxe de dedicación asumida por cada unha das persoas traballadoras con imputación ao proxecto, que acredite que estes non son gastos recorrentes da entidade. No caso de persoal imputado ao 100 % ao proxecto, debe presentarse tamén o seu contrato laboral.
d) Dentro desta partida de gasto poderanse imputar igualmente persoas traballadoras autónomas economicamente dependentes (TRADE). Igual que no resto do persoal, será subvencionable ao 100 % do seu custo se a súa dedicación é exclusiva ao proxecto e así queda reflectido de forma explícita no seu contrato. No resto de casos, será subvencionable en función da porcentaxe de dedicación. Este tipo de gastos xustificaranse mediante a achega do contrato mercantil, factura dos traballos realizados xunto ao seu correspondente xustificante de pagamento, declaración de IRPF (modelo 130) para os que se atopen en estimación directa, e o recibo de pagamentos á Seguridade Social para o réxime especial de traballadores autónomos correspondentes aos períodos obxecto de subvención.
e) Os custos de persoal non poderán superar os custos máximos anuais por grupo de cotización que se establecen no seguinte cadro:
Grupo de cotización |
Titulación/categoría profesional |
Total anual (salario bruto + Seguridade Social a cargo da empresa) |
1 |
Persoal enxeñeiro/persoal licenciado/persoal de alta dirección |
45.000 € |
2 |
Persoal enxeñeiro técnico, peritos/as e persoal axudante titulado ou diplomado |
39.375 € |
3 |
Xefes/as administrativos/as e de taller (persoal técnico especialista) |
31.500 € |
4 |
Persoal axudante non titulado |
25.875 € |
5 |
Oficiais administrativos/as |
25.875 € |
6 |
Persoal subalterno |
25.875 € |
7 |
Persoal auxiliar administrativo |
25.875 € |
8 |
Oficiais de primeira e segunda |
20.250 € |
9 |
Resto de oficiais |
20.250 € |
10 |
Peoas/peóns |
20.250 € |
11 |
Persoal traballador menor de 18 anos |
20.250 € |
f) A axuda poderá aplicarse aos seguintes custos de asistencias externas:
– Os servizos externos que, sendo necesarios para a execución do proxecto, a beneficiaria non poida realizar por si mesma.
– Aqueles servizos externos contratados cuxo obxecto coincide co obxecto da axuda ou que, podendo ser realizados pola beneficiaria, se externalicen, consideraranse subcontratacións e estarán suxeitos aos condicionantes establecidos no artigo 10 destas bases reguladoras.
– Serán financiables mediante a presentación da correspondente factura, memoria ou certificación dos traballos realizados ou documento acreditativo do gasto e o seu respectivo xustificante de pagamento.
g) A axuda poderá aplicarse aos seguintes custos de material funxible:
– Aqueles gastos de material funxible adquirido sempre que este estea directamente vencellado á actividade obxecto da axuda.
– Así mesmo, terán consideración de funxible aqueles materiais adquiridos cuxo período de vida útil non supere o cronograma de execución aprobado para o proxecto e así quede xustificado pola beneficiaria.
4. Non se considerarán subvencionables:
a) Os gastos de adquisición de edificios nin terreos, nin os gastos xerais de funcionamento ou equipamento das persoas solicitantes, senón os propios do desenvolvemento das actividades e actuacións obxecto das axudas.
b) Tampouco terán a consideración de custos indirectos imputables a estas axudas os gastos xerais de constitución, mantemento, funcionamento ou estrutura permanente ou habitual das entidades beneficiarias das actuacións.
c) O IVE non é subvencionable.
5. Importe e intensidade da axuda
Subvencionarase o 100 % do investimento subvencionable, ata un importe máximo de 8.000 €.
Artigo 9. Réxime de compatibilidade
1. As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos, conforme o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Tanto na solicitude da axuda (anexo I) como na solicitude de pagamento (anexo VII), a beneficiaria deberá indicar o detalle doutros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada con indicación do seu importe e a súa procedencia.
Artigo 10. Subcontratación
1. Para os efectos do disposto no artigo 29 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, permitirase a subcontratación de ata o 100 % da actividade obxecto da subvención.
2. En ningún caso se poderán subcontratar actividades que, aumentando o custo da actividade obxecto da axuda, non acheguen valor engadido ao contido desta.
3. Cando o gasto subvencionable supere os 40.000 €, no caso de obras, ou 15.000 € no suposto de subministración de bens de equipo ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, logo da xustificación destas contías, a persoa solicitante deberá achegar, como mínimo, tres ofertas de diferentes persoas que teñan a condición de provedoras, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.
A elección entre as ofertas presentadas, que se achegasen xunto coa solicitude de axuda (anexo I), realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía. En caso de que non recaia na proposta económica máis vantaxosa, deberá xustificarse expresamente nunha memoria.
4. En cumprimento do artigo 27.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 % do importe da subvención e o devandito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:
a) Que se garante a aplicación dos principios de publicidade e concorrencia.
b) Que o contrato se subscriba por escrito.
c) Que DXPN autorice previamente a súa subscrición.
5. Os/as subcontratistas quedarán obrigados/as só ante a beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade obxecto da axuda fronte á DXPN.
6. As beneficiarias serán responsables de que na execución da actividade obxecto da axuda subcontratada a terceiros se respecten os límites establecidos en canto á natureza e contía dos gastos financiables.
7. En ningún caso a beneficiaria poderá subcontratar a execución parcial das actividades obxecto da axuda con aquelas persoas ou entidades que se atopen nas circunstancias previstas no artigo 29.7 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 68.2 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
8. No referente á subcontratación con persoas ou entidades vencelladas prevista no artigo 29.7.d) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, será obrigatorio dispor da autorización expresa previa da DXPN.
9. Os subcontratistas deberán estar correctamente identificados e informarán a DXPN do seu NIF, nome da persoa física ou razón social da persoa xurídica e o seu domicilio fiscal.
10. Igualmente, os subcontratistas deberán achegar un exemplar asinado do anexo II Declaración responsable de cumprir co principio de «non causar dano significativo ao ambiente (DNSH)» no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852 e un exemplar asinado do anexo III «Cesión de datos» conforme este consinte a cesión dos seus datos, entre as administracións públicas implicadas, para dar cumprimento ao previsto na normativa europea de aplicación e de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Artigo 11. Presentación de solicitudes
1. As solicitudes de subvención realizaranse cubrindo correctamente o modelo que figura no anexo I, dirixiranse á DXPN e irán acompañadas, se for o caso, da documentación administrativa e técnica que se especifica no artigo 12.
2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria, persoas traballadoras autónomas, o estudantado universitario, as persoas representantes dalgunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
3. O prazo de presentación de solicitudes de axuda é dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao ordinal do día da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mesmo mes.
4. Consonte o disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos sinalados, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da devandita lei.
Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data que hai que ter en conta será a data e a hora de presentación da solicitude. No caso de que a solicitude requira emenda, terase en conta a data e a hora en que a persoa solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida.
Artigo 12. Documentación complementaria
As persoas interesadas deberan achegar coa solicitude a seguinte documentación.
1. Para toda persoa interesada:
a) Acreditación da representación da persoa solicitante por calquera medio válido en dereito, se procede.
b) Memoria descritiva da finalidade para a que se solicita a axuda, en que se incluirá a avaliación do impacto de xénero dos proxectos, a argumentación técnica que xustifique que se cumpre o principio de «non causar dano significativo ao ambiente (DNSH)» e do cumprimento da normativa en materia de igualdade. Conterá, como mínimo, a descrición dos traballos ou actividades, os obxectivos ambientais a que contribuirá a actuación, orzamento detallado co IVE desagregado, prazo aproximado de execución e calendario, tendo en conta que as actividades subvencionables deben comezar e rematar no presente exercicio 2023.
c) Tres ofertas de diferentes persoas que teñan a condición de provedoras, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, no caso en que o gasto subvencionable supere os 40.000 €, no caso de obras, ou 15.000 €, no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica. As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir cos seguintes requisitos:
1º. Os prezos das unidades de obra das actuacións subvencionables deben axustarse ao valor do mercado.
2º. As ofertas presentadas deberán incluír os mesmos elementos para ser comparables.
3º. En ningún caso poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a contía deste e eludir o cumprimento dos requisitos de contratación e subcontratación establecidos nestas bases.
4º. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta.
5º. Non poderán proceder de empresas vencelladas entre elas nin coa solicitante, nos termos establecidos pola lexislación de contratos do sector público.
6º. Deberán incluír, como mínimo, o NIF, nome e enderezo da empresa ofertante, o nome ou razón social da solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados.
7º. Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que poderá dar lugar á exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.
8º. Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas características especiais non exista no mercado suficiente número de entidades que o ofrezan, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado no cal se determine xustificadamente o seu valor de mercado.
9º. Non se considerarán subvencionables os gastos en que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados nesta alínea c).
d) No caso de que a actuación se localice nun lugar concreto, achegarase un plano de situación e detalle deste, sen prexuízo dos demais planos de detalle que exixa a definición técnica da actuación.
e) Se é o caso, acreditación de ter realizadas as comunicacións previas necesarias e/ou solicitadas ou concedidas as licenzas e autorizacións necesarias para o exercicio da actividade ou execución das actuacións, segundo corresponda.
f) No caso de que o terreo obxecto dos traballos sexa propiedade de varias persoas copropietarias deberase presentar:
– Documento que acredite o consentimento de todas as persoas copropietarias.
– Representación da persoa solicitante para realizar a acción obxecto da subvención.
g) Declaración responsable relativa ao cumprimento do principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente (DNSH)» (anexo II).
h) Aceptación da cesión de datos entre as administracións públicas implicadas para dar cumprimento ao previsto na normativa europea de aplicación e de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (anexo III).
i) No caso de que a persoa solicitante non sexa titular da propiedade onde se teña previsto executar as actuacións, certificación da persoa titular ou titulares da súa conformidade e dispoñibilidade (anexo IV).
j) Se é o caso, a declaración responsable (anexo V) recollida no artigo 8.3.3º desta orde en que se acredite que as actuacións non foron iniciadas antes da presentación da solicitude de axuda.
k) No caso de que as beneficiarias desenvolvan actividades económicas, acreditarán a súa inscrición no Censo de empresarios, profesionais e retedores da Axencia Estatal de Administración Tributaria, que debe reflectir a actividade económica efectivamente desenvolvida na data de solicitude da axuda.
2. Deberase xuntar, ademais, a seguinte documentación complementaria, dependendo da natureza da persoa beneficiaria:
a) No caso de concesionarios segundo o Decreto de concesións da illa de Ons, documentación que exprese a dita condición.
b) No caso de persoas arrendatarias, documento que acredite a condición, así como manifestación do consentimento, coñecemento ou non oposición pola persoa propietaria das obras, de acordo co disposto no artigo 30 da Lei 29/1994 de arrendamentos urbanos.
c) Para entidades privadas e institucións sen ánimo de lucro, documento acreditativo do acordo adoptado pola entidade para efectuar a solicitude de subvención, así como da representación das persoas que a subscriban.
d) No caso de asociacións, acordo da Xunta de Goberno ou figura similar para solicitar as axudas, e certificación do concello, ou documento semellante, que acredite que máis do 50 % das persoas que teñen a condición de socias residen nalgún dos concellos do Parque Nacional.
e) Para institucións sen ánimo de lucro (fundacións e asociacións): copia dos seus estatutos.
f) No caso de empresas, autónomos/as, institucións sen fins de lucro e comunidades de bens: acreditación de posuír a sede social, ou domicilio, se é o caso, nalgún concello do Parque Nacional.
g) No caso de persoas físicas: certificado de empadroamento.
h) No caso de comunidades de ben, declaración responsable sobre o importe do investimento que se aplicará para cada unha das persoas membro da agrupación, expresada en forma de porcentaxe sobre o total, e identificación de cada unha das persoas integrantes mediante o DNI.
3. De conformidade co artigo 28.3 da lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán recollidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consultas ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
1º. A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
2º. Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3º. As persoas solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa solicitante, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4º. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5º. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
6º. A DXPN poderá requirir motivadamente, consonte prevé o artigo 28 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, calquera documentación aclaratoria necesaria en relación coas subvencións que se van outorgar, que considere conveniente.
Artigo 13. Comprobación de datos.
Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a interesada se opoña á súa consulta
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) Certificación de titularidade da persoa solicitante.
d) Titularidade dunha concesión segundo o Decreto 174/2010, relativo ás concesións da illa de Ons.
e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.
g) Certificado de inscrición da institución sen ánimo de lucro, no rexistro público correspondente.
h) Certificado de inscrición das asociacións no Rexistro de Asociacións.
i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
j) Consulta de concesión de subvencións e axudas.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta de:
a) NIF da entidade solicitante.
b) NIF da entidade representante.
c) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
d) Alta no imposto de actividades económicas (IAE).
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 15. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/o teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario de inicio. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.
4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 16. Instrución do procedemento de concesión de subvencións
1. A instrución das axudas recollidas no artigo 8 da presente orde efectuaraa a Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
2. No proceso de instrución darase traslado das solicitudes recibidas á Comisión de Valoración, que elaborará unha proposta de concesión das axudas, tendo en conta o informe emitido pola Dirección do Parque Nacional.
3. Cumpridos os trámites anteriores, elevaranse as correspondentes propostas de resolución á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, quen resolverá.
4. A proposta de resolución, conforme os criterios contidos no artigo 4 e as dispoñibilidades orzamentarias, fará mención das persoas solicitantes para as cales se propón a concesión de subvención e da contía desta de modo individualizado, especificando a súa avaliación segundo a aplicación dos criterios seguidos para efectuala. As solicitudes para as cales se propoña a súa denegación relacionaranse con indicación da súa causa.
Artigo 17. Inspección
O persoal funcionario do Parque Nacional realizará unha inspección de campo para comprobar os datos da solicitude, comprobar a viabilidade dos traballos e verificar, de ser o caso, as superficies e que os traballos non estean executados. Na inspección de campo comprobarase a compatibilidade do proxecto cos instrumentos de xestión do Parque e co mantemento dos valores que xustificaron a declaración do espazo como Parque Nacional. Esta inspección realizarase antes da resolución de aprobación da axuda.
Artigo 18. Resolución e notificación
1. De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a competencia para a concesión das axudas reguladas nesta orde corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. A resolución que poña fin ao procedemento será motivada con suxeición ao establecido nas bases reguladoras desta orde.
2. O prazo máximo para resolver será de tres meses, contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Consonte o establecido no artigo 25 da Lei 38/2003, xeral de subvencións, unha vez transcorrido o devandito prazo sen que se dite a resolución expresa, as persoas solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude nos termos previstos no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente, de acordo co disposto no artigo 42.1 do mencionado texto legal.
3. A resolución de concesión da axuda levará implícita a autorización para a realización das actuacións incluídas na solicitude coas limitacións que nela se indiquen.
Artigo 19. Aceptación da axuda concedida
O outorgamento da subvención debe ser aceptado polas persoas ou entidades interesadas que fosen propostas como persoas beneficiarias no prazo máximo de dez (10) días desde a súa notificación, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que a persoa ou entidade beneficiaria non comunique a súa aceptación dentro do prazo indicado, considerarase que se entende tacitamente aceptada a axuda concedida.
Artigo 20. Modificación da resolución
1. Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e segundo o establecido na normativa que regula o seu desenvolvemento.
2. Durante a execución das actuacións non se admitirá ningunha modificación dos investimentos para os cales se concedeu a axuda que supoña o incremento do seu importe nin a inclusión de novos elementos ou gastos.
3. Sen necesidade de instar o procedemento de modificación da resolución, a DXPN poderá aceptar variacións nas partidas de gasto aprobadas, coa condición de que as variacións non superen en conxunto o 15 % do orzamento, que non aumente o importe total do gasto aprobado e que non desvirtúen as características do proxecto e as condicións que foron tidas en conta para a resolución da concesión.
Artigo 21. Recursos
1. A resolución ditada porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, ou ser impugnada directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativo conforme dispoñen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Non se poderá interpor recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.
2. O prazo para a interposición de recurso de reposición será de tres meses, se o acto fose expreso. Transcorrido o devandito prazo, unicamente poderá interporse recurso contencioso-administrativo sen prexuízo, se é o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non fose expreso, a persoa solicitante poderá interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.
3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do recurso será dun mes. Contra a resolución dun recurso de reposición non poderá interporse de novo o dito recurso.
4. Poderase interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, se a resolución é expresa.
Artigo 22. Renuncia
De renunciar á subvención concedida, a persoa ou entidade beneficiaria, no prazo de dez días hábiles contados desde o seguinte ao da notificación da resolución de concesión da axuda, deberá notificalo á DXPN segundo o anexo VI desta orde. Se así non o fixer no prazo indicado, entenderase que acepta a axuda.
No caso de renuncias por parte das persoas beneficiarias, poderanse ditar novas resolucións en función das dispoñibilidades orzamentarias derivadas das renuncias, sempre que existan persoas solicitantes que cumpran cos requisitos para beneficiarse das axudas e que a súa solicitude obtivese puntuación suficiente en aplicación dos criterios de valoración.
Artigo 23. Transparencia e bo goberno
Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 24. Propiedade intelectual
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá reproducir, almacenar e distribuír por calquera medio, electrónico, en soporte papel ou outros semellantes, a información obtida nos traballos subvencionados mediante esta orde de convocatoria de axudas, citando as fontes das persoas titulares dos dereitos de propiedade intelectual e respectando, en todo caso, as prescricións contidas na normativa de protección de datos de carácter persoal.
Artigo 25. Publicidade
1. A concesión das axudas reguladas nesta orde será obxecto de inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencionable en Galicia. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
2. As entidades interesadas terán, en calquera momento, o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos seus datos que figuren no Rexistro Público de Subvencións, de conformidade co establecido na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
3. A solicitude para ser entidade beneficiaria das axudas incluídas nesta orde, levará implícita a autorización, no suposto de que se lle conceda a axuda solicitada, para a inscrición, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na solicitude. Non obstante, as entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorran algunha das circunstancias previstas na alínea d), do número 2, do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BNDS). A BNDS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.
5. As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de publicitar a axuda concedida en toda actividade subvencionada durante a realización desta, así como nos anuncios e programas previos.
6. Deste xeito, coa condición de que a execución da actividade o permita, deberá exhibirse un panel de tamaño A3 (297×420 mm), en lugar ben visible, preferentemente no acceso ao recinto nos casos das subvencións concedidas para investimentos materiais (anexo VIII), que fará referencia clara e inequívoca á axuda concedida con expresión dos datos identificativos desta orde, acompañados polo logotipo oficial da Xunta de Galicia e do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, xunto ao logo da Rede de Parques Nacionais.
O cartel de publicidade da subvención, que será a cargo da persoa ou entidade beneficiaria, deberá presentar en todo momento as adecuadas condicións de imaxe. O adxudicatario estará obrigado a mantelo en perfecto estado e substituílo no caso de que sufra unha deterioración significativa.
Este panel deberá manterse durante todo o período de mantemento do investimento.
7. Cando a beneficiaria dispoña dun sitio web para uso profesional, deberá incluír neste unha breve descrición da operación cando poida establecerse un vínculo entre o obxecto do sitio web e a axuda prestada.
Nas publicacións e demais material de divulgación, farase mención a que a actividade foi financiada con cargo ao programa de subvencións da Rede de Parques Nacionais e da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, debendo figurar os correspondentes logos segundo o anexo VIII.
Artigo 26. Xustificación e pagamento da actividade
1. A xustificación da subvención efectuarase do xeito seguinte:
a) A beneficiaria deberá solicitar o pagamento da subvención (anexo VII) unha vez executada a actividade correspondente. A data límite de execución e xustificación é o 30 de novembro de 2023.
b) Só sé admitirán aqueles gastos efectivamente realizados e pagados desde a data de emisión da acta de non inicio ou, se é o caso, da presentación da declaración responsable do anexo V.
2. O servizo técnico do órgano xestor do Parque Nacional deberá certificar que os investimentos se realizaron de acordo coa resolución aprobada. Logo desta certificación poderá tramitarse o pagamento das axudas.
3. O pagamento da subvención realizarase logo da xustificación pola persoa beneficiaria da realización da actividade, da execución do proxecto ou investimento ou da consecución do obxectivo para o que se concedeu, de forma que a súa falta de xustificación ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas na normativa en materia de subvencións determinará a perda do dereito ao cobramento.
4. O incumprimento do prazo ou das obrigas previstas na presente orde producirá a perda total ou parcial das axudas recibidas. A persoa beneficiaria deberá reintegrar á Administración a cantidade que tivese percibida cos xuros que correspondan, sen prexuízo da posible incoación do correspondente procedemento sancionador cando os feitos motivadores do reintegro constitúan unha infracción administrativa.
5. Para realizar o pagamento, deberá presentarse a seguinte documentación:
a) Unha memoria técnica de actuacións, xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, coa descrición das actividades realizadas e dos resultados obtidos. Deberá achegar:
i. Evidencia mediante material gráfico.
ii. Xustificación da vinculación dos gastos á actividade subvencionada.
iii. No caso en que o obxecto da axuda sexa a realización de actividades formativas e divulgativas, detallaranse como mínimo as datas, localidade, o número de participantes, incluíndo evidencia mediante material gráfico.
iv. No caso en que o obxecto da axuda sexa a elaboración de material divulgativo, describiranse os contidos, o tipo de material elaborado, desagregaranse os custos, e incluirase unha copia dixital do material producido.
Todas as accións formativas, divulgativas e de sensibilización deberán estar libres de mensaxes que reproduzan estereotipos de xénero.
b) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, en que se indiquen:
i. Número da factura e data ou outro documento de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil, contrato, nómina, etc.
ii. Persoas ou entidades provedoras: nome ou razón social e NIF.
iii. Importe da factura (IVE excluído) e porcentaxe de imputación á subvención.
iv. Actuación a que corresponde: descrición dos bens ou servizos proporcionados.
v. Forma de pagamento.
vi. Data de pagamento.
A listaxe totalizarase para cada unha das actuacións recollidas na correspondente resolución de concesión e incluirá unha comparación deste total coa cantidade recollida, polo mesmo concepto, na resolución de concesión.
c) Facturas que deberán conter información suficiente como para permitir relacionalas co gasto xustificado.
d) Documentación xustificativa do pagamento, conforme foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución, mediante a presentación do xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante.
Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, o numero da factura, o importe da factura e a súa data de pagamento. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo da entidade provedora, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.
No caso de que o xustificante de pago inclúa varias facturas, deberase achegar unha relación destas, asinada pola persoa representante legal.
e) No caso de particulares que realicen os traballos subvencionados con medios propios, cando non existan facturas polos traballos realizados, os gastos xustificaranse mediante declaración responsable na que consten claramente os custos soportados, segundo o orzamento que se achegase coa solicitude de axuda e que servise de base para a súa concesión. No caso da prestación de servizos de investigación e profesionais, a xustificación farase mediante declaración responsable realizada pola persoa solicitante, en que conste a valoración económica do servizo realizado, sobre a base do prezo de mercado para unha actividade igual ou similar á prestada.
f) No caso de non presentalas con anterioridade, deberán presentarse as diferentes licenzas e/ou autorizacións para a realización das actuacións subvencionadas, exixibles polas diferentes administracións públicas competentes e entidades vencelladas ou dependentes delas, ao abeiro da normativa sectorial que puidese resultar de aplicación.
g) No caso de entidades de dereito público, a xustificación das actuacións realizarase conforme o establecido no artigo 28.5 da Lei xeral de subvencións de Galicia.
6. A acreditación dos gastos tamén poderá efectuarse de forma electrónica, sempre que se cumpran os requisitos exixidos para a súa aceptación no ámbito da Administración tributaria.
7. Os xustificantes de gasto presentados deberán especificar a subvención para cuxo investimento foron presentados e se o importe xustificado se imputa total ou parcialmente a esta, e indicarase, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención. Isto poderase facer mediante copia de documentos orixinais selados ou ben mediante a inclusión no concepto do gasto da información relativa á subvención.
A DXPN poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.
8. A documentación xustificativa deberase presentar do mesmo xeito que para a documentación complementaria, tendo en conta o disposto no artigo 14.
9. No caso de execucións parciais da actividade, e coa condición de que non comprometan a finalidade da actividade obxecto da subvención, detraerase da axuda inicialmente concedida a parte proporcional da actividade non executada. Neste caso de execución parcial, a porcentaxe mínima de execución do proxecto non poderá ser inferior ao 70 % dos custos da actuación subvencionada. Por outra banda, se executada a actividade, o custo xustificado da actividade ou investimento fose inferior ao que figura na resolución de concesión, manterase a axuda pero diminuirase proporcionalmente o seu importe.
O órgano instrutor deberá certificar, despois da inspección realizada in situ de ser o caso, que os investimentos se realizaron de acordo coa resolución aprobada.
10. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que se presente esta, requirirase a beneficiaria para que, no prazo improrrogable de 10 días, sexa presentada. Se transcorrido este último prazo non se recibe a documentación, procederase á liquidación do proxecto.
11. No momento da xustificación do investimento, as beneficiarias deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que a beneficiaria se opoña á consulta ou non preste o consentimento expreso, deberá presentar as certificacións vixentes, xunto co resto da documentación xustificativa.
Artigo 27. Información e control
1. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá inspeccionar e controlar o destino das axudas e o cumprimento dos fins para os cales foron concedidas. De tal forma, o órgano instrutor poderá solicitar inspeccións ou visitas nos distintos lugares onde se desenvolven as actividades para comprobar a súa adecuación á normativa vixente, así como solicitar, en calquera momento da tramitación do procedemento, canta documentación se considere necesaria para comprobar a correcta execución das actividades que foron obxecto das axudas.
2. A beneficiaria comprométese a someterse ás actuacións de control que debe efectuar a entidade concesionaria, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. De maneira xeral na execución dos investimentos, as beneficiarias, así como contratistas e subcontratistas, se é o caso, terán que cumprir coa normativa europea e nacional que lles resulte aplicable, especialmente no principio de «non causar dano significativo ao ambiente (DNSH)», evitar conflitos de intereses, fraude, corrupción, non concorrencia de dobre financiamento, cumprimento da normativa en materia de axudas de Estado, comunicación, publicación obrigatoria, cando corresponda, na base de datos nacional de subvencións (BDNS) e/ou na Plataforma de contratos do sector público (PLACSP) e transferencia de datos, entre outros. Neste sentido, deberán establecerse mecanismos que aseguren que as medidas que vaian desenvolver os beneficiarios finais, no caso de que sexan terceiros, contribúen ao logro dos obxectivos e condicións previstas.
4. As beneficiarias das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida, xa sexa a documentación complementaria que os órganos correspondentes da DXPN poidan exixir durante a tramitación do procedemento, ou a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas.
5. Con todo, segundo o disposto no artigo 79 do Regulamento da Lei xeral de subvencións, as beneficiarias estarán dispensadas da obriga de presentación de libros, rexistros e documentos de transcendencia contable ou mercantil ou calquera outra documentación xustificativa dos gastos realizados, sen prexuízo da obriga da beneficiaria de conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das correspondentes actuacións de comprobación e control, segundo dispón o artigo 14.1.g) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, así como de calquera outra obriga derivada da normativa estatal ou da Unión Europea que así o exixa.
Artigo 28. Revogación e reintegro
1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de mora correspondentes.
2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o número anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. Así mesmo, poderase producir a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da axuda por incumprimento relativo ao principio de «non causar dano significativo ao ambiente (DNSH)».
4. De igual xeito serán motivo de inicio de expediente de reintegro da subvención outorgada, previa audiencia ao interesado, os supostos de incumprimento recollidos no artigo 10 do Real decreto 1229/2005, do 13 de outubro, polo que se regulan as subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado nas áreas de influencia socioeconómica dos parques nacionais:
a) Modificación da finalidade para a cal a subvención foi concedida.
b) Incumprimento da obrigación de execución e xustificación.
c) Incumprimento doutras obrigacións ou compromisos asumidos polos beneficiarios con motivo da concesión da subvención e, en particular, a de divulgar que a actividade foi financiada con cargo ao programa de subvencións da Rede de Parques Nacionais.
d) Obtención da subvención sen reunir as condicións requiridas.
5. En todos estes supostos, a consellería reclamará directamente a devolución das cantidades aboadas en concepto de axudas e os xuros de mora producidos en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para a beneficiaria indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución, de acordo co artigo 7 do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, sen prexuízo das responsabilidades que procedesen.
6. Nos casos de anulación ou minoración por certificación final das cantidades inicialmente aprobadas, as dotacións orzamentarias resultantes poderán ser adxudicadas a outras beneficiarias de acordo coa relación de prioridades e a orde establecida.
7. Naqueles supostos en que o importe das subvencións recibidas pola beneficiaria exceda os custos da actividade, solicitarase a devolución da cantidade percibida que exceda o custo real da actividade cos xuros de mora correspondentes.
8. En todo caso, o procedemento de reintegro observará as prescricións contidas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Artigo 29. Infraccións e sancións
As beneficiarias das axudas quedarán sometidas ao establecido en materia de reintegros, control financeiro e infraccións e sancións administrativas en materia de subvencións no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Disposición adicional primeira
1. As axudas a empresas e particulares que se poidan conceder ao abeiro da presente orde sométense ao réxime de minimis Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352/1, do 24 de decembro de 2013), polo que cada persoa beneficiaria non poderá recibir máis de 200.000 euros de axudas sometidas ao antedito réxime, durante calquera período de tres exercicios fiscais.
2. Para tal efecto, as posibles persoas beneficiarias indicadas nos números 2.1 e 2.2 do artigo 2 da presente orde deberán xuntar, coa súa solicitude, declaración sobre calquera outra axuda sometida ao devandito réxime de minimis recibida nos dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio en curso.
3. Na resolución de concesión farase constar o importe da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, así como a súa natureza de minimis, segundo o Regulamento (UE) núm.1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.
Disposición derradeira primeira. Delegación de funcións
Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural a actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.
Así mesmo, deléganse na persoa titular da DXPN as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento
Facúltase a persoa titular da DXPN para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o cumprimento do establecido nesta orde.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 26 de abril de 2023
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda