Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 9 de maio de 2023 Páx. 28599

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 3 de maio de 2023 pola que se modifica a Orde do 29 de decembro de 2022 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2023, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia.

Mediante a Orde do 29 de decembro de 2022 reguláronse os criterios de repartición e establecéronse as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2023, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (DOG núm. 19, do 27 de xaneiro).

Esta orde tramitouse como expediente anticipado de gasto de acordo coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e co establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do 18 de outubro de 2022, na que se acordou a remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

A distribución inicial do Fondo de Compensación Ambiental destina un total de 1.707.578,00 € ao financiamento de subvencións en concorrencia competitiva. Tamén prevé a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Co fin de poder amparar un maior número de solicitudes presentadas estímase conveniente ampliar a dotación orzamentaria consignada para a liña en concorrencia competitiva, que se financiará con incorporacións de crédito procedente de exercicios anteriores, suposto previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no artigo 2.1.b) da Orde do 29 de decembro de 2022. De conformidade cos devanditos preceptos regulamentarios, o órgano concedente debe publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Esta ampliación do crédito garante o cumprimento da normativa de aplicación ao canon eólico como ingreso afectado que debe xestionarse a través do Fondo de Compensación Ambiental e a execución do mandato legal de aplicar os ingresos derivados do canon eólico á finalidade determinada na orde anual distribuidora do Fondo, de conformidade co establecido no artigo 25 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (DOG núm. 252, do 29 de decembro).

En consecuencia co exposto, de acordo coa Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións, co Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e co disposto na Orde do 29 de decembro de 2022 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2023, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida

DISPOÑO:

Artigo único

1. Amplíase a dotación orzamentaria destinada a financiar a liña en concorrencia competitiva das subvencións do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2023, que se establece nos artigos 2.1.a) e 13 da Orde do 29 de decembro de 2021.

2. O incremento da dotación será de 798.188,15 €, distribuído entre 210.669,49 € na aplicación orzamentaria 06.04.141A.461.0 e 587.518,66 € na 06.04.141A.761.0, ambas as dúas consignadas no estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

3. A contía máxima das subvencións que se concedan na liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2023 queda establecida en 2.505.766,15 €, coa seguinte distribución por aplicacións:

Aplicación orzamentaria

Crédito inicial

Incremento do crédito

Total

06.04.141A.461.0

778.789,00

210.669,49

989.458,49

06.04.141A.761.0

928.789,00

587.518,66

1.516.307,66

Total

1.707.578,00

798.188,15

2.505.766,15

4. Esta ampliación de crédito non afecta ao prazo establecido no artigo 18.4 da Orde do 29 de decembro de 2022 para a presentación de solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro
de Presidencia, Xustiza e Deportes