Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 9 de maio de 2023 Páx. 28596

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 27 de abril de 2023 pola que se modifica a Orde do 15 de marzo do 2023 pola que se determinan as federacións deportivas que teñen que presentar informe de auditoría das contas anuais de 2022 e auditorías operativas.

Consonte o establecido no artigo 57.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, a Administración deportiva autonómica ten atribuída a competencia de realizar ou solicitar auditorías financeiras ou de xestión ou operativas ás federacións deportivas galegas. Na liña da referida previsión, o artigo 37.2 do Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, recolle que deberán presentar no rexistro «(...) un informe de auditoría das súas contas anuais aquelas federacións deportivas galegas que resulten obrigadas conforme o plan de auditorías aprobado pola Administración deportiva autonómica a inicios de cada exercicio. Anualmente incorporarase ao plan unha porcentaxe de federacións, de forma que, cada catro anos, todas presenten o dito informe».

Segundo o establecido no artigo 4 da Resolución do 5 de outubro de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se aproba o Plan de auditoría das federacións deportivas de Galicia para o período 2021-2024 e pola que se establece o procedemento para a presentación dos informes de auditoría, na Orde do 15 de marzo de 2023, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, concretouse cales son as federacións obrigadas a presentar auditoría das súas contas correspondentes ao exercicio 2022, así como as auditorías operativas ou de xestión.

Para tal efecto, no seu artigo 5.2 determínase como prazo de presentación dos informes de auditoría desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de xullo de 2023. Non obstante, para o desenvolvemento destes servizos de auditoría autorizouse por Resolución do 7 de abril de 2022, da Secretaría Xeral para o Deporte, a iniciación dun expediente para a contratación, polo procedemento aberto mediante acordo marco, dos servizos de auditoría das contas anuais de 2021-2022-2023 e operativas das federacións deportivas galegas. De conformidade co clausulado do Acordo marco formalizado o 20 de outubro de 2022 coa empresa adxudicataria, no cadro de características dos contratos baseados no acordo marco establécese como prazo de execución para a entrega das auditorías operativas ata o 29 de novembro do ano en curso.

En consecuencia, en congruencia coas cláusulas que rexen as condicións do contrato para o desenvolvemento dos servizos de auditoría, na modalidade de auditoría operativa, procede establecer un prazo diferenciado para a presentación das citadas auditorías.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 60/2022, do 15 de maio, polo que se nomean os titulares dos departamentos da Xunta de Galicia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modifícase o número 2 do artigo 5 da Orde do 15 de marzo de 2023, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se determinan as federacións deportivas que teñen que presentar informe de auditoría das contas anuais de 2022 e auditorías operativas, que queda redactado como segue:

«2. O prazo de presentación dos informes de auditoría, nos termos establecidos nesta orde, abrirase a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e terá como data límite para a súa presentación a do 30 de xullo de 2023 para as auditorías das contas anuais de 2022, e a do 29 de novembro de 2023 para as auditorías operativas».

Disposición adicional primeira. Réxime de recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase á persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte para ditar, no ámbito das súas competencias, cantos actos e medidas sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes