Por Resolución do 31 de marzo de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública (DOG núm. 68, do 10 de abril), aprobáronse as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo, pola quenda de acceso libre, para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, convocado pola Resolución do 9 de xuño de 2022 (DOG núm. 116, do 17 de xuño).
Unha vez transcorrido o prazo para a presentación de reclamacións sobre as ditas listaxes, de conformidade co artigo 12 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e coa base I.4.2 das que rexen o proceso selectivo, esta Dirección Xeral
RESOLVE:
Aprobar as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo, pola quenda de acceso libre, para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2.
As persoas aspirantes poderán consultar o estado das solicitudes de inscrición presentadas e a situación como admitidas ou excluídas en fides.xunta.gal
A listaxe definitiva completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación da causa determinante da súa exclusión, poderase consultar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal
A Administración devolverá o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes excluídas de maneira definitiva, ou ben que non figuren en ningunha das listaxes, que así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG das listas definitivas de persoas admitidas e excluídas.
Para iso será necesaria a presentación dun escrito dirixido á Dirección Xeral da Función Pública solicitando a devolución e deberá incluír un número de conta bancaria na aplicación FIDES no punto expediente>datos persoais. A presentación deste escrito fóra de prazo ou a non inclusión dos datos bancarios na aplicación FIDES supoñerá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.
Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas solicitantes admitidas provisional ou definitivamente.
Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto no artigo 8.2 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, en relación co artigo 10.1 do mesmo texto legal.
Santiago de Compostela, 3 de maio de 2023
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública