Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 10 de maio de 2023 Páx. 29121

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se declaran con carácter definitivo as persoas aspirantes admitidas e excluídas e as exentas e non exentas do exercicio de lingua galega no concurso-oposición para o ingreso nas clases de ATS/DUE e inspector/a médico/a persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e Administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro), convocado pola Resolución do 24 de novembro de 2021, modificada pola Resolución do 27 de decembro de 2022.

Mediante a Resolución do 24 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 235, do 9 de decembro), convocouse concurso-oposición para o ingreso en diversas clases de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro).

A dita resolución foi modificada pola Resolución do 27 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 3, do 4 de xaneiro), incrementando o número de postos que se van convocar e reabrindo o prazo para a presentación de solicitudes de participación nas clases de ATS/DUE e inspector/a médico/a.

Mediante a Resolución do 30 de marzo de 2023 (Diario Oficial de Galicia núm. 66, do 4 de abril), publicouse a relación provisional de aspirantes admitidas/os, e excluídas/os así como das/dos exentas/os e non exentas/os do exercicio de lingua galega no concurso-oposición para o ingreso nas clases de ATS/DUE e inspector/a médico/a persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 7/1989, do  23 de outubro).

Logo de finalizado o prazo de emenda previsto na base sexta da resolución de convocatoria, e de conformidade co disposto na citada base, este centro directivo, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Declarar, con carácter definitivo, persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como exentas e non exentas da realización do exercicio de lingua galega no concurso-oposición para o ingreso como persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria nas clases de inspector/a médico/a e ATS/DUE aqueles/as aspirantes que presentaron solicitude de participación logo da publicación da Resolución desta dirección xeral do 27 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 3, do 4 de xaneiro).

Segundo. As listas coa relación de admitidos/as e excluídos/as, con indicación do motivo de exclusión, e dos/das declarados/as exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio de lingua galega poderanse examinar na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Nas ditas listas figuran as persoas aspirantes xa declaradas admitidas, con carácter definitivo, así como as exentas e non exentas da realización do exercicio de lingua galega pola Resolución do 15 de xuño de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 120, do 23 de xuño), e aquelas persoas aspirantes que presentaron solicitude de participación no proceso logo da publicación da Resolución do 27 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 3, do 4 de xaneiro), aspirantes que neste momento resultan definitivamente admitidos/as e excluídos/as e declarados/as exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio de lingua galega.

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos

Terceiro. De conformidade coa base 6.3 da Resolución do 24 de novembro de 2021, contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto nos artigos 8.2 e 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpoñer recurso de reposición, ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde a mesma data.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2023

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos