Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 11 de maio de 2023 Páx. 29552

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2023 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de abril de 2023, polo que se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado de mellora de accesibilidade e conectividade das paradas de autobús situadas na Rede Autonómica de Estradas de Galicia (RAEG) na zona sur da ATM de Ferrol, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Antecedentes:

Con data do 30 de decembro de 2022, publícase no Diario Oficial de Galicia núm. 248 o anuncio do 22 de decembro de 2022 polo que se someten ao trámite de información pública o proxecto de trazado de mellora de accesibilidade e conectividade das paradas de autobús situadas na RAEG na zona sur da ATM de Ferrol, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, de clave AC/22/045.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

En virtude do disposto no artigo 55.6 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de abril de 2023, polo que se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado de mellora de accesibilidade e conectividade das paradas de autobús situadas na Rede Autonómica de Estradas de Galicia (RAEG) na zona sur da ATM de Ferrol, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, que se recolle como anexo a esta resolución.

Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que lle pon fin á vía administrativa, poderá formular un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; sen prexuízo de que con carácter previo e potestativo poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de ser un suxeito obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración para a interposición do recurso de reposición deberá empregar o modelo IF321B de recurso en materia de infraestruturas dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/ ante a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2023

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de abril de 2023, polo que se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado de mellora de accesibilidade e conectividade das paradas de autobús situadas na Rede Autonómica de Estradas de Galicia (RAEG) na zona sur da ATM de Ferrol, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU

1º. Aprobar o expediente correspondente aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas do proxecto de trazado mellora de accesibilidade e conectividade das paradas de autobús situadas na Rede Autonómica de Estradas de Galicia (RAEG) na zona sur da ATM de Ferrol, de clave AC/22/045.06, coas seguintes modificacións respecto ao trazado sometido a información pública:

• Parada 15-004-8-1 Ares cruzamento Seselle: dotarase dunha solución completa de parada en ambas marxes.

• Parada 15-055-99-1 Bouza Redonda: cambiarase a localización proposta ao p.q. 13+470 da estrada AC-862.

• Parada 15-055-154-1 Cobeluda-Aserradoiro: cambiarase a localización proposta para esta parada á localización da parada existente denominada Cobeluda.

• Parada 15-055-58-1 Mourela Alta (Pobo): cambiarase a localización proposta a 60 metros antes, ao p.q. 7+980 da estrada AC-862.

• Parada 15-055-81-2 Santa María: mantense a localización actual desta no p.q. 3+510 da AC-115, á altura do nº 16 como indican na alegación e non realizarán o seu desprazamento á nova localización proposta no proxecto de trazado.

• Parada 15-055-81-1 Santa María: desprazarase 10 metros a localización do paso peonil semaforizado para liberar totalmente o apartadoiro.

• Parada 15-055-93-1 O Puntal II: desprazarase o refuxio e adaptarase a xeometría evitando a afección ao paso a desnivel de acceso ao predio e aos elementos da traída de auga e acometidas de electricidade.

2º. Aprobar definitivamente o proxecto de trazado mellora de accesibilidade e conectividade das paradas de autobús situadas na Rede Autonómica de Estradas de Galicia (RAEG) na zona sur da ATM de Ferrol, de clave AC/22/045.06, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Consonte establece o artigo 23.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os concellos de Ares, Fene, Mugardos, Narón e Neda, nos que se asentan as infraestruturas obxecto do proxecto, deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no que se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo dun ano e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión. A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para reposición de servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a reformulación do proxecto e as modificacións deste que, se é o caso, puidesen aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, do 28 de xuño.