Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 11 de maio de 2023 Páx. 29326

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 27 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de persoas escritoras, ilustradoras, tradutoras e editoras nas actividades que se celebren no sector do libro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CT221A).

BDNS (Identif.): 693628.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas físicas, sexan autónomas ou non, ou xurídicas, que sexan escritoras, ilustradoras, tradutoras ou editoras que acrediten esta condición e desenvolvan o seu traballo no sector do libro no ámbito da Comunidade Autónoma galega, e que cumpran, ademais, todos os seguintes requisitos debidamente acreditados:

a) Terse inscrito ou ter asistido ou participado nunha actividade subvencionable realizada no sector do libro e fóra de Galicia, no prazo establecido na presente convocatoria.

b) Acreditaren o desenvolvemento do seu traballo no sector do libro no ámbito da Comunidade Autónoma galega.

c) Ter publicado obra en Galicia, polo menos unha obra, como persoa escritora, ilustradora, tradutora ou editora, para a cal se solicita a subvención, nos cinco anos anteriores á publicación da presente orde.

2. Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aquelas persoas solicitantes que se encontren nos supostos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As persoas xurídicas deben acreditar a condición de editoras ou tradutoras de acordo co establecido na presente orde, para o que deberán estar dadas de alta antes do 1 de xaneiro de 2023, na epígrafe 476.1, edición de libros, ou 774, tradutores e intérpretes, do imposto de actividades económicas, e contar, tamén antes da citada data, cun departamento de edición ou tradución en Galicia, de acordo co establecido na presente orde.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións a persoas físicas ou xurídicas, que sexan escritoras, ilustradoras, tradutoras ou editoras e que desenvolvan o seu traballo no sector do libro e no ámbito da Comunidade Autónoma galega, facilitando a súa participación en actividades do dito sector que se celebren no ano 2023 (código de procedemento CT221A).

Serán obxecto de subvención os gastos de viaxe referidos ao aloxamento e transporte que permitan a asistencia fóra de Galicia, ata un máximo de dúas actividades por solicitante, realizadas no sector do libro de entre as seguintes: feiras, festivais, seminarios, encontros, obradoiros e estadías creativas. No caso das persoas xurídicas, poderán asistir ás activades subvencionadas dous traballadores, previamente designados pola empresa e que figuren na solicitude, a unha actividade cada un ou ben un traballador a dúas actividades.

2. Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2023.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 27 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de persoas escritoras, ilustradoras, tradutoras e editoras nas actividades que se celebren no sector do libro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CT221A).

Cuarto. Importe

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.432A.770.01 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, por un importe de 30.000,00 €.

2. O financiamento dos gastos da viaxe refírese ao aloxamento e transporte e terá o seguinte importe por ámbito xeográfico de destino, sempre que se xustifique:

– España, agás a Comunidade Autónoma galega: 500,00 €.

– Resto de Europa ou países ribeiregos do Mediterráneo: 900,00 €.

– Resto do mundo: 1.600,00 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 2 de novembro de 2023 (incluído).

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades