Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 11 de maio de 2023 Páx. 29479

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2023 pola que, en execución de sentenza, se modifica a do 15 de xullo 2021 pola que se convocan probas selectivas para cubrir prazas da escala auxiliar, subgrupo C2, pola quenda de acceso libre, vacantes no cadro de persoal funcionario.

O 23 de marzo de 2023 notificóuselle á USC a Sentenza 243/2023, da Sección 1 da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, do 22 de marzo, que na súa resolución indica:

«Estimar o recurso contencioso-administrativo interposto por Wenceslao Alonso Nieto e revogar a sentenza apelada, ditada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago de Compostela, con data do 30 de xuño de 2021.

Estimar o recurso contencioso-administrativo, ao abeiro do procedemento especial para a protección dos dereitos fundamentais da persoa, de Wenceslao Alonso Nieto contra a Resolución da Universidade de Santiago de Compostela (USC), do 15 de xullo de 2021, pola que se convocan probas selectivas para cubrir prazas da escala auxiliar, subgrupo C2, pola quenda libre, vacantes no cadro de persoal funcionario.

Anular a valoración recollida na epígrafe II (fase de concurso) do anexo I da citada Resolución do 15 de xuño de 2021, por conculcación do artigo 23.2 da Constitución española, en canto establece unha desproporcionada valoración dos servizos prestados, segundo o fosen na USC ou noutras administracións públicas».

O 21 de abril de 2023 notificóuselle á USC o Auto do 19 de abril de 2023, ditado en solicitude de aclaración de sentenza efectuada pola USC. Ben que o auto denega a aclaración da sentenza, no seu fundamento xurídico segundo si dá resposta afirmativa ás cuestións presentadas pola USC, polas seguintes razóns:

a) A anulación por vulneración do artigo 23.2 CE, en atención á manifesta desproporción no baremo de valoración dos méritos a que se refire a resolución da sentenza, se contrae ao anexo I, epígrafe II (fase de concurso), no concreto particular que, en cursiva, se transcribe no fundamento de dereito primeiro da referida sentenza.

b) Lóxico resulta que, anulada a dita epígrafe, esta deba ser substituída por outra que resulte proporcionada e non vulnerador do dereito fundamental citado, o que deberá levar a cabo a Universidade de Santiago de Compostela e con relación ao proceso de selección convocado pola Resolución do 15 de xullo de 2021. O dito novo baremo deberá ser publicado polo mesmo conduto que a convocatoria expresada e aplicado, nese proceso selectivo, coas consecuencias que diso resulten.

c) Tendo en conta que a fase de oposición, xa rematada, non foi obxecto de anulación, nada impide que os actos da dita fase non afectados pola dita anulación poidan ser conservados.

Para dar cumprimento á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia coas precisións do auto, logo de negociación e acordo coa Xunta de Persoal, procede modificar a epígrafe II do anexo I da convocatoria, que terá o seguinte contido:

«II. Fase de concurso: consistirá na valoración ás persoas aspirantes que superaron a fase de oposición dos seguintes méritos, referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Puntuación da fase de concurso: máximo 40 puntos.

Valoraranse os servizos prestados da seguinte forma:

– Na escala auxiliar na USC: 0,25 puntos por mes.

– Nas categorías de persoal laboral da USC: auxiliar, auxiliar administrativo e administrativo realizando funcións propias da escala auxiliar, en postos de traballo da RPT de persoal funcionario: 0,25 puntos por mes.

– En corpos ou escalas doutras administracións públicas que teñan atribuídas as mesmas funcións que as da escala auxiliar da USC: 0,10 puntos por mes».

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o órgano que a ditou. Neste caso, non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo devandito mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2023

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela