Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 11 de maio de 2023 Páx. 29393

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 3 de maio de 2023 pola que se convocan tres edicións do curso básico de auxiliares de policía local.

Dentro das actividades programadas para o ano 2023 no plan de formación aprobado polo seu Consello Reitor, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria de tres edicións do curso básico de auxiliares de policía local, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: básico de auxiliares de policía local.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 24.

Modalidade: presencial.

Obxectivos: dotar os auxiliares de policía local dunha formación teórico-práctica que os capacite para o posterior desempeño da súa función como auxiliares temporais dos corpos de policía local.

Contido:

– Intervención policial.

– Tráfico e seguridade viaria.

– Policía administrativa.

– Primeiros auxilios.

– Aplicacións policiais básicas do dereito penal e procesual-penal.

– Relacións co cidadán.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as:

Persoal seleccionado e proposto polos concellos, que puidese prestar servizo como auxiliar de policía local de forma temporal, de acordo co previsto nos artigos 46 a 48 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.

Persoal seleccionado dentro do proceso selectivo unitario que desenvolve a Agasp dentro dos convenios asinados cos concellos.

Persoal integrante da lista de contratación creada ao abeiro dos procesos selectivos unitarios dos anos precedentes e que o curso realizado fose anterior ao ano 2019.

Para estes efectos, como se recolle no artigo 49.2 do citado decreto, non terán a obrigación de facer o curso as persoas que o superasen nos últimos 4 anos, é dicir, a partir do ano 2019.

Prazas ofertadas: 50 prazas por edición.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación: o prazo para de inscrición e presentación de solicitudes de participación comezará ao día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Os concellos que se atopen nesta situación deberán remitir un escrito asinado polo/a alcalde/alcaldesa dirixido á Academia Galega de Seguridade Pública (avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada (fax 886 20 61 22), en que figure a lista de persoas seleccionadas segundo o artigo 47 do Decreto 243/2008, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

O alumnado procedente do proceso selectivo unitario, será inscrito automaticamente pola Agasp.

Listaxe de solicitudes seleccionadas: antes do comezo de cada edición do curso básico publicará no sitio web http://agasp.xunta.gal, o persoal admitido a súa realización.

4. Desenvolvemento da actividade.

Presentación: as persoas admitidas a este curso deberán presentarse ás 10.00 horas do día que comece o curso.

Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública.

Horario lectivo: das 10.00 ás 14.00 e das 15.30 ás 20.30 horas.

Datas:

1ª edición: 29, 30 e 31 de maio de 2023.

2ª edición: 5, 6 e 7 de xuño de 2023.

3ª edición: 12, 13 e 14 de xuño de 2023.

Certificado de superación do curso:

Ao remate da actividade entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nela, e superen as probas que se determinen de ser o caso.

5. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 3 de maio de 2023

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública