Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Xoves, 25 de maio de 2023 Páx. 31449

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 22 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas á realización de certames de gando bovino selecto e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR562A).

BDNS (Identif.): 697297.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán acollerse ás axudas descritas nesta orde os concellos de Galicia que organicen certames de gando selecto e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

b) Non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Cumprir o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

d) Dispoñer de instalacións axeitadas adaptadas ao tipo de certame, que garantan unhas condicións sanitarias e de benestar animal óptimas.

e) Dispoñer de medios técnicos e de persoal para a celebración deste tipo de eventos.

f) Dispoñer dun regulamento interno no que se establezan as condicións mínimas de presentación, benestar animal, sanidade e calidade xenética que deben cumprir os animais participantes, que deberá ser supervisado polos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural.

g) Contar coa colaboración da correspondente asociación de gandeiros oficialmente recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión do Libro Xenealóxico ou a realización do control de rendementos, que participarán no desenvolvemento do evento e asesorarán sobre as datas idóneas de celebración do certame.

2. Para poder participar nos certames, os animais:

a) Procederán de explotacións galegas cualificadas sanitariamente, e cumprirán os requisitos sanitarios mínimos establecidos no regulamento interno.

b) Estarán inscritos nos Libros Xenealóxicos das razas correspondentes.

3. Os concellos beneficiarios deberán facer constar na publicidade e promoción do evento que se trata de actuacións celebradas en colaboración coa Xunta de Galicia, e facendo constar os símbolos de identidade corporativa.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, as bases reguladoras das axudas para a celebración de certames de gando bovino selecto na Comunidade Autónoma de Galicia, e proceder a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento MR562A).

2. O procedemento de concesión das axudas recollidas nesta orde, de xeito excepcional, non requirirá a comparación nin a prelación das solicitudes presentadas, senón que se tramitarán todas as solicitudes a medida que os concellos interesados as presenten, ata esgotar o crédito orzamentario, e en cumprimento do artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto na Orde de 22 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas á realización de certames de gando bovino selecto e se convocan para o ano 2023.

Cuarto. Importe

A contía global destas axudas será, para o ano 2023, de douscentos mil euros (200.000,00 €), con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

O crédito dispoñible para o financiamento destas axudas poderá ampliarse, previamente á resolución do expediente, se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou pola existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será de:

a) Para os certames celebrados desde o 1 de xaneiro de 2023 ata á data de publicación desta orde: un mes desde o día seguinte ao da súa publicación.

b) Para os certames que se celebren despois da publicación desta orde: un mes a contar desde o día seguinte da celebración do evento e coa data límite do 31 de outubro de 2023.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural