Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Xoves, 25 de maio de 2023 Páx. 31429

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 22 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas á realización de certames de gando bovino selecto e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR562A).

Os certames gandeiros son concentracións de animais que teñen finalidades precisas e concretas como a exposición para a exhibición dos mesmos, a participación nun concurso, a venda e comercialización ou ben unha combinación das anteriores. Teñen un gran interese zootécnico, xa que serven, dunha parte, para poñer de manifesto os avances acadados tras a aplicación dos distintos programas de mellora gandeira, fomentando as razas criadas en pureza e por outra contribúen a estimular o espírito competitivo dos gandeiros expositores, á vez que se constitúen en escola de aprendizaxe para mozos gandeiros.

A participación do gando de razas puras nos certames é un compoñente primordial dos programas de difusión da mellora que con carácter xeral teñen que desenvolver as asociacións de criadores de gando de raza pura. Así mesmo, os certames de gando selecto son o marco idóneo para fomentar o coñecemento das razas gandeiras por medio da promoción das mesmas, contribuíndo desta maneira na identificación dos elementos de identidade cultural relacionados con estas razas.

Para a celebración de certames gandeiros resulta imprescindible contar coa participación das asociacións de criadores de razas puras, xa que son elas as que manteñen nos programas de cría establecidos para cada raza a información que permite determinar a calidade xenética dos animais participantes, polo que o feito de que os animais presentes nos certames a celebrar concorran co aval das asociacións de criadores oficialmente recoñecidas en Galicia para a xestión do Libro Xenealóxico da raza correspondente ou ben a realización do control de rendementos, supón un aliciente máis para garantir a súa calidade e os seus méritos.

Dentro deste marco xeral, os certames de gando selecto están definidos no Real decreto 45/2019, do 8 de febreiro, polo que se establecen as normas zootécnicas aplicables aos animais reprodutores de raza pura.

A Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, establece que os certames de gando selecto deberán estar autorizados antes da súa celebración polo órgano competente da comunidade autónoma onde se celebren, de acordo coa normativa vixente en cada momento.

O obxectivo da axuda é fomentar a celebración de certames de gando selecto a realizar en diferentes puntos da xeografía galega, onde as gandarías participantes poidan expoñer con distintos fins os animais selectos. É necesario potenciar esta actividade, xa que supoñen un incentivo para a recría de animais selectos en Galicia, facilitando o seu coñecemento para o resto das gandarías, ademais de posibilitar a súa comercialización e supoñer un estímulo para a mellora gandeira.

Por todo o exposto, a Consellería do Medio Rural considera necesaria a convocatoria destas axudas, de maneira que os concellos organizadores deste tipo de eventos poidan facer fronte aos gastos correntes derivados dos mesmos.

Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, as bases reguladoras das axudas para a celebración de certames de gando bovino selecto na Comunidade Autónoma de Galicia, e proceder á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento MR562A).

2. O procedemento de concesión das axudas recollidas nesta orde, de xeito excepcional, non requirirá a comparación nin a prelación das solicitudes presentadas, senón que se tramitarán todas as solicitudes a medida que os concellos interesados as presenten, ata esgotar o crédito orzamentario, e en cumprimento do artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 2. Finalidade da axuda

1. A finalidade inmediata desta orde é a promoción e difusión dos certames de gando bovino selecto criado en pureza en Galicia, mediante o fomento da celebración dunha rede de eventos a realizar en diferentes puntos da xeografía galega.

2. Os obxectivos finais que se perseguen son:

– O aumento da rendibilidade das explotacións gandeiras galegas, da súa viabilidade e do nivel de vida dos gandeiros.

– A modernización do sector gandeiro galego en materia de xenética, sanidade e produción animal.

– A mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades nas súas producións.

– A optimización na utilización das oportunidades e recursos dispoñibles.

– O apoio aos elementos de identidade cultural relacionados coas razas gandeiras.

– A formación de novos gandeiros e gandeiras.

Artigo 3. Requisitos dos beneficiarios e obrigas

1. Poderán acollerse ás axudas descritas nesta orde os concellos de Galicia que organicen certames de gando selecto e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

b) Non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Cumprir o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

d) Dispoñer de instalacións axeitadas adaptadas ao tipo de certame, que garantan unhas condicións sanitarias e de benestar animal óptimas.

e) Dispoñer de medios técnicos e de persoal para a celebración deste tipo de eventos.

f) Dispoñer dun regulamento interno no que se establezan as condicións mínimas de presentación, benestar animal, sanidade e calidade xenética que deben cumprir os animais participantes, que deberá ser supervisado polos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural.

g) Contar coa colaboración da correspondente asociación de gandeiros oficialmente recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión do Libro Xenealóxico ou a realización do control de rendementos, que participarán no desenvolvemento do evento e asesorarán sobre as datas idóneas de celebración do certame.

2. Para poder participar nos certames, os animais:

a) Procederán de explotacións galegas cualificadas sanitariamente, e cumprirán os requisitos sanitarios mínimos establecidos no regulamento interno.

b) Estarán inscritos nos Libros Xenealóxicos das razas correspondentes.

3. Os concellos beneficiarios deberán facer constar na publicidade e promoción do evento que se trata de actuacións celebradas en colaboración coa Xunta de Galicia, e facendo constar os símbolos de identidade corporativa.

Artigo 4. Actuacións e gastos subvencionables

1. As actuacións obxecto da axuda deberán ter sido realizadas no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2023, ambos incluídos.

2. As actividades subvencionables serán as seguintes:

a) A selección e preparación dos animais previas ao evento, o manexo, a estabulación e alimentación dos mesmos durante a celebración do certame.

b) O transporte dos animais para a celebración do evento.

c) Gastos derivados do acondicionamento para o evento do recinto onde teña lugar.

d) Os gastos administrativos de tramitación documental e de xestión do certame.

e) Os custos publicitarios e o material promocional derivados.

f) Gastos de mantemento, seguridade e limpeza do recinto.

g) Gastos de seguros relativos á celebración do evento.

h) Os honorarios e gastos do persoal técnico que participe no evento (xuíces recoñecidos oficialmente, directores da poxa, etc.).

i) Gastos en trofeos e escarapelas.

3. Non será en ningún caso subvencionable o cumprimento da lexislación obrigatoria en materia de medio ambiente, sanidade, benestar e identificación animal.

4. Non se considerarán gastos subvencionables os premios en metálico, pagamentos directos a gandeiros, nin outros gastos que non estean directamente vinculados coa celebración do certame.

5. O imposto sobre o valor engadido (IVE) non se considerará subvencionable.

Artigo 5. Contía, límites e compatibilidade das axudas

1. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra que para a mesma finalidade e obxecto puidesen establecer outras administracións públicas ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

2. O importe máximo subvencionable por evento, independentemente do tipo ou tipos de actividade que inclúa o mesmo (poxa, concurso, exposición ou combinación dos anteriores) será o seguinte:

– 4.000 € para razas de aptitude láctea e 3.500 € para razas de aptitude cárnica se o número de animais participantes no evento é de 10 ou menos.

– 6.000 € para razas de aptitude láctea e 5.000 € para razas de aptitude cárnica cando o número de animais participantes estea entre 11 e 25.

– 10.000 € para razas de aptitude láctea e 7.500 € para razas de aptitude cárnica, se o número de animais participantes é superior a 25.

O número máximo de eventos subvencionables por esta orde de axudas por concello solicitante será de 2.

3. A intensidade da axuda poderá chegar ao 100 % dos custos subvencionables.

4. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá superar o custo da actividade subvencionada.

Artigo 6. Solicitudes de axuda, forma de presentación e prazos

1. O procedemento de concesión das axudas iniciarase por instancia de parte, coa presentación das solicitudes de axuda por parte das entidades interesadas, e empregando o formulario que figura anexo nesta orde (MR562A).

2. O prazo para a presentación de solicitudes será de:

a) Para os certames celebrados desde o 1 de xaneiro de 2023 ata á data de publicación desta orde: un mes desde o día seguinte ao da súa publicación.

b) Para os certames que se celebren despois da publicación desta orde: un mes a contar desde o día seguinte da celebración do evento e coa data límite do 31 de outubro de 2023.

De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación ou celebración segundo o caso; se o último día do prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades locais interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

4. Recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán examinadas polo órgano xestor que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao solicitante, concedéndolle un prazo de dez días, consonte o artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Transcorrido este prazo sen que se producira a emenda ao expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

5. A falsidade do declarado na solicitude determinará a imposibilidade de percibir, de ser o caso, a axuda concedida, dende o momento en que se teña constancia da falsidade, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedan.

6. No caso de que unha mesma entidade local solicite a axuda para a celebración de máis dun evento, deberá presentar unha solicitude para cada un deles.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do secretario ou secretaria do concello na que consten os seguintes extremos:

1º. A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude para o caso de que non se trate do representante legal.

2º. A aprobación da solicitude de subvención polo órgano competente.

3º. A disposición de financiamento para as partidas orzamentarias que sexan financiadas por aquela.

b) A autorización previa por parte dos Servizos Veterinarios Oficiais para a celebración do evento.

c) Unha memoria da actividade realizada, indicando o obxectivo perseguido, os destinatarios da mesma e a súa repercusión. A memoria deberá conter o tipo de certame celebrado, a raza ou razas presentes, o número de animais participantes segundo o tipo de certame de ser o caso, así como a descrición das instalacións, dos medios técnicos empregados, o persoal destinado aos eventos así como calquera outro aspecto relacionado co certame que se considere de interese.

d) Un regulamento interno no que se establezan as condicións mínimas de presentación, benestar animal, sanidade e calidade xenética que deben cumprir os animais participantes, supervisado polos SSVVOO do Medio Rural.

e) Certificación da colaboración no certame da correspondente asociación de gandeiros oficialmente recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión do Libro Xenealóxico ou a realización do control de rendementos, e na que se avale a calidade xenética dos animais a presentar.

f) Documentación que acredite, de ser o caso, o cumprimento dos criterios sinalados nas alíneas b) e c) do artigo 3 punto 1 desta orde. Para elo, deberá presentarse unha certificación do secretario ou secretaria do concello que conteña a relación de certames celebrados, as datas de celebración dos mesmos, e a raza ou razas presentes.

No caso de que unha mesma entidade local solicite a axuda para a celebración de varios certames, non terá que volver a presentar esta documentación.

Coa solicitude da axuda, presentarase a documentación xustificativa e económica da mesma, tal como se indica no artigo 16.

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén, e que fai constar os extremos seguintes:

O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As entidades locais interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Se algunha das entidades locais interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña a consulta.

a) DNI ou NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicite a concesión da subvención.

b) NIF da entidade solicitante.

c) As certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, referido ás entidades locais.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o esixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 11. Tramitación e resolución

1. Nas bases reguladoras desta axuda non se recolle unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas, senón que se tramitarán todas as solicitudes a medida que os concellos interesados as presenten, ata esgotar o crédito orzamentario, sempre e cando cumpran todos os criterios e requisitos establecidos na presente orde.

2. O órgano competente para a instrución e tramitación do procedemento é a Subdirección Xeral de Gandaría. Unha vez recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán examinadas polo órgano xestor, que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao solicitante, concedéndolle un prazo de dez días, consonte o artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Transcorrido este prazo sen se producir a emenda do expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

3. Efectuadas as comprobacións e estudos pertinentes, e unha vez avaliadas as solicitudes presentadas, o servizo de Producións Gandeiras e Benestar Animal emitirá un informe para cada solicitude de axuda no que se proporá a concesión da subvención e a contía ou, de ser o caso, a denegación da subvención solicitada. Á vista deste informe, o subdirector xeral de Gandería elevará a proposta de resolución ao órgano administrativo competente, que resolverá as solicitudes presentadas.

4. A resolución do expediente corresponde á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de dous meses desde o día seguinte da finalización do prazo de presentación de solicitudes recollido no artigo 6.2.b). Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 23 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/o teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear a dirección indicada, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. A notificación da resolución de concesión de axuda realizarase conforme o disposto nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

7. Unha vez notificada a devandita resolución, o interesado terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

Artigo 13. Recursos administrativos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación; ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se transcorrido o prazo para resolver o establecido no artigo anterior non lle é notificada a resolución aos interesados, poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo e caberá interpor o recurso potestativo de reposición contra a desestimación por silencio administrativo en calquera momento, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, como sinala o artigo 124 da Lei 39/2015, ou o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 14. Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas

Xunto coa xustificación o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

Artigo 15. Control da execución das actuacións

1. O control da execución das actuacións levarao a cabo a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, realizando as comprobacións e inspeccións que considere necesarias, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como do lóxico seguimento e control das axudas concedidas.

2. Os beneficiarios están obrigados a facilitar todas as labores de inspección ao persoal técnico da administración, achegando todos os datos que sobre o particular lles sexan solicitados.

3. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 16. Xustificacións e pagamento

1. A presentación das xustificacións técnicas e económicas realizarase coa solicitude de axuda. De acordo co disposto nos artigos 14.2 e 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as xustificacións deberanse presentar a través de medios electrónicos; a documentación xustificativa a presentar é a seguinte:

a) Certificación expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

i) O cumprimento da finalidade da subvención, indicando o tipo ou tipos de certame celebrado, o número de animais que participaron en cada caso e as conclusións do mesmo.

ii) Avaliación económica certificada polo/a secretario/a ou interventor/a da entidade local: conterá a relación de investimentos realizados e a finalidade deles.

iii) Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: actuación/concepto, identificación do/da acredor/a, NIF, número de factura ou documento equivalente, importe sen IVE, IVE, importe total, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Non será esixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

b) Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios, e a indicación, no seu caso, dos criterios de repartición dos custes xerais e/ou indirectos incorporados na relación que se fai referencia na letra a).

c) Facturas e xustificantes de gasto.

Todos os gastos virán acompañados do documento que verifique o pagamento efectivo; é dicir, un xustificante bancario do pagamento debidamente selado pola entidade, o cal pode ser un xustificante de transferencia bancaria, un xustificante bancario de ingreso de efectivo por mostrador ou unha certificación bancaria.

No xustificante de pagamento constará o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberase xuntar unha relación delas.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento, así como acompañarse dunha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, a xustificación do pagamento realizarase mediante a achega do correspondente extracto bancario, acompañado dun dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibo do provedor.

Todos os pagamentos efectuados polos beneficiarios xustificaranse mediante facturas e documentos de pagamento. Cando isto non sexa posible, os pagamentos xustificaranse mediante documentos de valor probatorio equivalente.

2. A contía das axudas será satisfeita unha vez realizados os investimentos previstos en cada caso, tras a súa comprobación por parte dos servizos correspondentes da Consellería do Medio Rural. O IVE non é subvencionable.

3. O incumprimento das obrigas asumidas polo beneficiario suporá a perda total ou parcial da axuda, así como a obriga de restituír as cantidades percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades en que puideren incorrer os beneficiarios.

4. De acordo co previsto no artigo 27 da Lei de 9/2007, do 13 de xuño, os beneficiarios poderán subcontratar totalmente a realización das actividades subvencionadas.

No caso de subcontratación, cumpriranse ademais os restantes requisitos establecidos no citado artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e en particular o relativo ás prohibicións establecidas no punto 7 do dito artigo.

A citada subcontratación non exime da obriga de xustificar a subvención segundo o establecido no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 16 desta orde, de forma que permita acreditar que os gastos obxecto da axuda destináronse a realizar as actividades subvencionables do artigo 4 desta orde.

Artigo 17. Modificación das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da axuda no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 18. Reintegro da axuda, infraccións e sancións

1. O interesado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida, xunto cos xuros de demora xerados desde o seu pagamento nos casos establecidos no artigo 37 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. No tocante a infraccións e sancións, será de aplicación o título IV, Infraccións e sancións administrativas en materia de subvención, da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

Artigo 19. Financiamento

1. O financiamento das axudas recollidas na presente orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.713C.760.0, da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, na cal existe crédito adecuado para o ano 2023 de douscentos mil euros (200.000,00 €).

2. Segundo o establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o crédito dispoñible para o financiamento destas axudas poderá ampliarse, previamente á resolución do expediente, se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou pola existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Disposición adicional primeira

En todas aquelas cuestións non previstas na presente orde será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da citada lei e nas súas normas de desenvolvemento, sen prexuízo da aplicación das normas de organización e procedemento dispostas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de Datos Nacional de Subvencións a información e o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional terceira

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derradeira primeira

Facúltase á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para ditar cantas instrucións sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file