Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 26 de maio de 2023 Páx. 31754

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2023, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se acorda publicar as bases reguladoras dos premios de Artesanía de Galicia e a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN200A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.17º, atribúelle á nosa comunidade autónoma competencias exclusivas en materia de artesanía. A Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia, establece o marco legal de actuación do sector artesán.

En Galicia, as actividades artesanais supoñen unha gran reserva desde o punto de vista cualitativo e cuantitativo. Forman parte do tecido produtivo básico sobre o cal se constrúe a nosa sociedade, ao tempo que actúan como fío condutor que posibilita a continuidade da nosa identidade e da nosa cultura.

O Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, atribúelle á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, a coordinación e o control das competencias da consellería en materia de artesanía.

De acordo co anteriormente exposto, e de conformidade co establecido no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo, no exercicio das atribucións que ten conferidas

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e ámbito da convocatoria

Esta disposición ten por obxecto establecer as bases que rexen os premios Artesanía de Galicia, que se aproban no anexo I, e proceder á súa convocatoria para o ano 2023 co obxectivo de recoñecer a mellora continua no labor dos profesionais do sector artesán galego e contribuír ao seu desenvolvemento económico e promocional (código de procedemento IN200A).

Os premios Artesanía de Galicia constan das seguintes modalidades:

a) Premio Artesanía de Galicia 2023.

b) Premio Traxectoria 2023.

c) Premio Bolsa Eloy Gesto 2023.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

A dotación global dos premios é de 13.000 euros con cargo aos orzamentos da Fundación Pública Artesanía de Galicia e estarán suxeitos ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión.

Artigo 3. Solicitudes e prazo de presentación

1. Para a modalidade Premio Artesanía de Galicia 2023, a obra a concurso xunto coa solicitude, que se inclúe como anexo II desta resolución, deberá presentarse presencialmente na forma indicada no artigo 4 das bases reguladoras, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. Para as modalidades Premio Traxectoria 2023 e Premio Bolsa Eloy Gesto 2023, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

3. O prazo de presentación de candidaturas iníciase a partir das 8.00 horas do 18 de setembro de 2023 e remata ás 14.30 horas do 29 de setembro de 2023.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

2. O prazo máximo para ditar e notificarlles ás persoas interesadas a resolución expresa será de tres meses a partir do remate do prazo de presentación das solicitudes.

Artigo 5. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN200A, poderase obter información na Fundación Pública Artesanía de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Fundación Pública Artesanía de Galicia http://artesaniadegalicia.xunta.gal/
e da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación
https://economia.xunta.gal/

b) Na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo
https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos

c) Nos teléfonos 881 99 91 71 ou 881 99 91 74 da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

d) No enderezo electrónico centro.artesania@xunta.gal

e) Presencialmente na Fundación Pública Artesanía de Galicia, L25 MN Área Central, 15707 Santiago de Compostela.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Para as modalidades Premio Traxectoria 2023 e o Premio Bolsa Eloy Gesto 2023 todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Respecto á modalidade Premio Artesanía de Galicia 2023 os trámites con posterioridade ao inicio do expediente débense realizar presencialmente na sede da Fundación Pública Artesanía de Galicia co fin de avaliar fielmente, por parte do xurado que ditaminará a peza gañadora, a calidade, o deseño e a presentación de todas as obras a concurso e a documentación que a acompaña. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos para facilitar a realización dos ditos trámites que poderán ser empregados por elas.

Artigo 7. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

O órgano competente para ditar a resolución de concesión é a xerencia da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2023

Manuel Heredia Pérez
Director xeral de Comercio e Consumo

ANEXO I

Bases reguladoras dos premios Artesanía de Galicia 2023

Artigo 1. Obxecto e réxime

Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos premios Artesanía de Galicia como un recoñecemento á mellora continua no labor dos profesionais do sector artesán galego e contribuír ao seu desenvolvemento económico e promocional.

Artigo 2. Características dos premios

Os premios Artesanía de Galicia constan das seguintes modalidades:

1. Premio Artesanía de Galicia 2023.

Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación, a boa presentación e a calidade da obra tanto nos seus materiais como no desenvolvemento desta.

2. Premio Traxectoria 2023.

Premio honorífico en recoñecemento á traxectoria profesional consolidada dunha persoa artesá galega. O premio será concedido tendo en conta as propostas dos obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, as asociacións profesionais de artesáns e artesás de Galicia e outras entidades públicas ou privadas encargados de facer a presentación das candidaturas. Valorarase a traxectoria recoñecida da persoa candidata, a súa contribución, posta en valor e promoción da artesanía galega, a calidade dos seus traballos realizados e o compromiso coa divulgación e transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da nosa artesanía.

3. Premio Bolsa Eloy Gesto 2023.

Esta modalidade ten a finalidade de potenciar o relevo xeracional na artesanía, o acceso de novos talentos ao sector e a súa profesionalización. Premiarase a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e o deseño. Valorarase o carácter innovador do proxecto, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo da persoa candidata e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador. Tamén se terá en conta o grao de madurez, calidade na presentación da proposta, así como a colaboración entre distintas actividades artesanais.

Artigo 3. Participantes

1. Premio Artesanía de Galicia 2023.

Obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia cuxo titular sexa unha persoa artesá rexistrada como tal, de acordo coa Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia, e co Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía.

2. Premio Traxectoria 2023.

Artesáns/ás en activo ou retirados que están ou estiveron inscritos como tales no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de 20 anos. Os encargados de facer a presentación das candidaturas desta categoría serán os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, as asociacións profesionais de artesáns e artesás de Galicia ou outras entidades públicas ou privadas. Estas propostas serán sempre realizadas por terceiros, é dicir, ningún obradoiro poderá realizar a proposta do titular ou dun traballador do propio obradoiro.

3. Premio Bolsa Eloy Gesto 2023.

Obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cuxo titular sexa unha persoa artesá rexistrada como tal e que acadara unha idade máxima de 40 anos no ano 2023.

Artigo 4. Solicitudes e documentación que hai que presentar

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión dos premios presentaranse no prazo que se indica no artigo 3.3 da convocatoria.

a) Para a modalidade Premio Artesanía de Galicia 2023, co fin avaliar fielmente a calidade, o deseño e a presentación de todas as obras a concurso por parte do xurado que ditaminará a peza gañadora, requírese que a obra xunto coa súa documentación e solicitude se presenten nas oficinas da Fundación Pública Artesanía de Galicia utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. As persoas interesadas deberán consultar previamente no correo electrónico centro.artesania@xunta.gal o enderezo e o horario de apertura das oficinas. Cando a candidatura se remita por correo o solicitante deberá xustificar a data de imposición do envío na oficina de Correos (será requisito indispensable que se trate dunha oficina de correos prestadora do servizo postal universal) e anunciarlle á Fundación Pública Artesanía de Galicia a remisión da candidatura mediante correo electrónico no mesmo día. Sen a concorrencia de ambos os dous requisitos non será admitida a proposta se é recibida pola Fundación con posterioridade á data en que remata o prazo sinalado nas presentes bases. Transcorridos, porén, os dez días naturais seguintes á data indicada sen recibir a proposta de candidatura, esta non será admitida en ningún caso. Dada a incompatibilidade funcional e loxística derivada do volume das pezas presentadas non se admitirá a presentación nos lugares e nos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administartivo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Fundación Pública Artesanía de Galicia poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

b) Para as modalidades Premio Traxectoria 2023 e Premio Bolsa Eloy Gesto 2023, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

c) De acordo co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no caso de que a solicitude e a documentación non reúnan os requisitos exixidos nestas bases, requirirase á persoa solicitante que a complete no prazo de 10 días coa advertencia de que transcorridos eses días sen que se achegue a documentación, teráselle por desistida da súa solicitude, logo de resolución expresa.

2. As persoas interesadas deberán achegar a seguinte documentación:

1. Premio Artesanía de Galicia 2023.

A) Presentación da peza orixinal e no caso de que non poida ser presentada por cuestións de volume, peso ou localización, exixirase unha maqueta cuxo volume non exceda o metro cúbico e os 40 quilogramos de peso, xunto con material fotográfico do orixinal.

B) Sobre pechado A no cal figurará o título da proposta e que conterá en papel a seguinte documentación:

a) Anexo II. É obrigatorio que, de ser o caso, leve a sinatura e o selo da empresa.

b) Currículo do obradoiro artesán.

c) Declaración asinada de que a peza presentada é autoría e propiedade da persoa solicitante e non foi presentada a outros concursos nin publicada con anterioridade en ningún tipo de soporte (redes sociais, web, publicacións e outros).

No caso de que a peza presentada sexa resultado dunha colaboración de varios obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía, o sobre deberá conter a documentación sinalada anteriormente cuberta por cada un dos participantes na elaboración da peza.

C) Sobre pechado B en que figurará o título da proposta e conterá en soporte dixital a seguinte documentación:

a) Ficha técnica do proxecto que inclúa nome ou título da obra, peso, medidas, técnica utilizada, materiais empregados e ano de elaboración.

b) Mínimo de 5 imaxes da obra presentada en formato .jpg en alta calidade.

c) Memoria descritiva do proceso produtivo e memoria conceptual en que se indique a intencionalidade da peza, as fontes de inspiración e calquera outro dato que axude á comprensión e ao bo entendemento da obra.

Esta documentación non poderá estar asinada nin conter distintivos que a identifique cunha marca ou cunha autoría determinada.

O número máximo de obras por participante será de dous. Asemade, os autores que desexen participar con máis dunha obra deberán cubrir toda a documentación por obra presentada.

Importante: tanto a peza como a memoria que se propón como candidata ao premio non poderán estar asinadas nin conter distintivos que as identifiquen cunha marca ou cunha autoría determinada.

2. Premio Traxectoria 2023.

a) Anexo II. É obrigatorio que leve a sinatura da persoa representante e o selo do obradoiro, asociación profesional ou entidade pública ou privada que realiza a proposta.

b) Memoria de presentación en que se sinalen as razóns polas cales se propón ao premio.

c) Currículo da persoa candidata.

d) Un mínimo de 15 imaxes en formato .jpg, das cales un mínimo de 5 serán de pezas rematadas e un mínimo de 5 da persoa candidata ao premio.

3. Premio Bolsa Eloy Gesto 2023.

a) Anexo II. É obrigatorio que leve a sinatura e o selo da empresa, de ser o caso.

b) Currículo da persoa artesá ou do obradoiro artesán.

c) Memoria descritiva que inclúa o traballo principal da persoa candidata no eido da artesanía, programa ou principais contidos da formación que desexa adquirir a través da bolsa de formación, información principal do centro de formación ou obradoiro de artesanía para o cal solicita a bolsa e unha proposta razoada pola que considera que a súa candidatura debe de ser elixida como gañadora nesta categoría.

d) Será preciso achegar un mínimo de 10 imaxes de produto en formato .jpg.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade solicitante ou representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de débedas coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos correspondentes.

3. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselle solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Premios

A dotación dos premios será a seguinte:

Premio Artesanía de Galicia 2023:

Dotación de 9.000 € e trofeo acreditativo.

A persoa gañadora cederalle á Fundación Pública Artesanía de Galicia a propiedade da obra premiada. No caso de que as características físicas ou de propiedade do produto gañador impidan a súa cesión hase substituír por documentación gráfica ou visual deste.

Premio Traxectoria 2023:

Trofeo acreditativo e sen dotación económica.

Premio Bolsa Eloy Gesto 2023:

Bolsa de formación de 4.000 € e diploma acreditativo. A persona gañadora deste premio deberá entregarlle á Fundación Pública Artesanía de Galicia unha memoria descritiva e xustificativa dos gastos realizados unha vez completada a formación pola que lle foi concedida a bolsa.

Os premios estarán suxeitos ás retencións vixentes na data de concesión destes.

Artigo 7. Xurado

Constituirase un xurado cuxos/as membros serán nomeados/as pola persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, competente en materia de artesanía, e estará integrada por un/unha presidente/a, un/unha secretario/a e un máximo de 5 vogais.

Actuará como presidente/a a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo ou a persoa en quen delegue, como vogais actuarán profesionais e persoas expertas de recoñecido prestixio no eido da artesanía, do deseño e do comercio e a secretaría recaerá na persoa xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, con voz pero sen voto.

A composición do xurado farase pública antes da resolución dos premios na páxina web http://artesaniadegalicia.xunta.gal/

No seu funcionamento, o xurado aterase ao seguinte:

a) A deliberación do xurado será secreta e a súa decisión inapelable.

b) O xurado proporá nas súas deliberacións unha única persoa gañadora para cada unha das categorías. No caso de empate, decidirá o voto de calidade do/da presidente/a. No momento das votacións, só se terán en conta os votos emitidos polos membros presentes, xa que non se admitirá a delegación do voto.

c) O xurado poderá facer mencións honoríficas sen dotación económica a aquelas persoas candidatas que desexen destacar nalgún aspecto.

d) O xurado poderá propoñer declarar desertos os premios se considera que as obras presentadas non reúnen os méritos necesarios para acadar o galardón.

e) O xurado queda facultado para resolver sobre aspectos non recollidos nestas bases, así como todas as cuestións que poidan suscitarse con motivo dos premios.

f) O xurado axustará o seu funcionamento ao sinalado nestas bases e ao disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 8. Resolución de concesión

1. O xurado efectuará a proposta de resolución de concesión, á cal deberá incorporar o contido da avaliación realizada por este.

O órgano competente para ditar a resolución de concesión do procedemento é a xerencia da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

2. A Fundación Pública Artesanía de Galicia poderá suspender unha convocatoria anual cando concorran circunstancias que impidan o normal desenvolvemento do proceso de convocatoria e a concesión do premio.

3. O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a concesión do premio será de tres meses contados a partir do día seguinte á data límite de recepción das candidaturas indicada no artigo 3.2 da convocatoria.

Transcorrido o citado prazo sen que se notifique a resolución de concesión expresa lexítima ás persoas interesadas, entenderase desestimada a súa candidatura por silencio administrativo.

4. A persoa gañadora do Premio Bolsa Eloy Gesto deberá entregarlle á Fundación Pública Artesanía de Galicia unha memoria descritiva e xustificativa dos gastos realizados unha vez completada a formación pola cal lle foi concedida a bolsa. Esta documentación débese de remitir a centro.artesania@xunta.gal nun prazo máximo dun ano contado desde a entrega de premios en que se darán a coñecer publicamente os gañadores. Se por causas de forza maior a formación non se puidese levar a cabo neste prazo, a persoa gañadora poderá solicitarlle unha prórroga á Fundación Pública Artesanía de Galicia que avaliará esta solicitude e será a encargada de autorizar o aprazamento.

O incumprimento desta obriga por parte da persoa gañadora será motivo de reintegro íntegro á Fundación Pública Artesanía de Galicia da dotación económica da bolsa.

Artigo 9. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Publicidade

A Fundación Pública Artesanía de Galicia fará publicidade das persoas galardoadas e dos finalistas, se os houbese, coa merecida notoriedade nos medios que considere máis axeitados dadas as características dos premios.

Artigo 11. Entrega de premios

A entrega dos premios realizarase nun acto público convocado para tal efecto, ao cal se lle dará a publicidade e a transcendencia axeitadas.

Artigo 12. Compatibilidade do premio

Estes premios serán compatibles con calquera outra subvención, axuda, ingreso ou recurso procedente de calquera Administración, ente público ou privado, galego, estatal ou europeo, ou organismos internacionais, que se lle puidese outorgar á persoa beneficiaria despois da concesión do presente galardón.

Artigo 13. Recuperación das pezas presentadas

Os autores que desexen recuperar as pezas presentadas e non premiadas deberán recollelas persoalmente na Fundación Pública Artesanía de Galicia. As obras que non se recollan pasados 30 días desde a publicación das persoas gañadoras na páxina web http://artesaniadegalicia.xunta.gal/ pasarán a ser propiedade da Fundación xa que se entenderá que as persoas candidatas renuncian aos seus dereitos de propiedade sobre estas.

Artigo 14. Aceptación das bases

A participación neste concurso supón a plena aceptación das bases cuxa interpretación corresponde ao xurado.

missing image file
missing image file
missing image file