Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 29 de maio de 2023 Páx. 32014

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 19 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos gandeiros afectados polos danos ocasionados pola rata toupa (Arvicola scherman) en determinados concellos da provincia de Lugo, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR465D).

En Galicia nos últimos anos está a darse con moita periodicidade incrementos poboacionais naturais de roedores que, con maior ou menor virulencia, chegan a afectar a cultivos e producións agrícolas con suficiente transcendencia económica. Os seus efectos en praderías e pasteiros están a producir danos graves que se traducen en dificultades para a recollida e perda de producións de herba e danos irreversibles en terreos de cultivo de forraxes para o gando. Gandeiros de comarcas lucenses poñen de manifesto recurrentemente a alta densidade de danos que están a causar estes tamaños poboacionais.

As especies características destes procesos explosivos son roedores da familia Microtinae, en concreto Arvicola scherman, comunmente denominada rata toupa. Esta é sen dúbida a especie cuxos efectos revisten maior consideración. Iso é froito da súa bioloxía explosiva, dos seus ciclos repetitivos de alta intensidade reprodutiva, do seu relativo tamaño e da súa especial adaptación a hábitats de pradería e froiteiros.

O control das poboacións de Arvicola scherman reviste unha especial dificultade froito do seu propio comportamento ecolóxico, e tamén da consolidación no sentir colectivo dunha maior sensibilidade ambiental. Conclusión diso é que calquera actuación de control sobre a especie non pode conducir ao desencadeamento de situacións de risco ambiental para os ecosistemas, os seres vivos, ou as persoas.

E desde estas premisas, a realidade evidencia que determinados produtos rodenticidas utilizados no pasado (en particular os derivados da bromadiolona) non poden entenderse, en base á información científica dispoñible, como o suficientemente seguros e estables para que, no caso de liberación no medio natural, a redución da poboación desta especie se realice sen consecuencias colaterais para o medio ambiente. Esta evidencia xustifica, obviamente, declinar radicalmente a súa utilización por simple aplicación do principio de precaución.

O control das súas poboacións reviste especial dificultade debido a que se trata dunha especie autóctona, con ciclos multianuales de densidade, podendo alcanzar densidades de 500 ou mesmo 1.000 exemplares/ha durante explosións demográficas debido ao seu elevado potencial reprodutivo.

Por tanto, é aconsellable actuar preventivamente e de maneira sustentable en situacións e épocas nas que non existe unha relación directa cos danos que aparecerán posteriormente. Por outra banda, esta especie pode portar microorganismos causantes de importantes enfermidades zoonóticas. A determinación do papel que xoga Arvicola scherman, xunto con outros micromamíferos, como portadores e/o reservorios de enfermidades na cornisa cantábrica é crucial para a saúde das poboacións animais e humanas, especialmente cando as poboacións alcanzan altas densidades.

No programa control establécense un conxunto de medidas baseadas en estratexias preventivas para conter o desenvolvemento demográfico dos topillos, mediante o coñecemento da evolución da praga, medidas culturais, control das zonas de refuxio das poboacións, fomento dos inimigos naturais, trampeos sistemáticos e emprego restrinxido de produtos rodenticidas cando se excedan os limiares poboacionais de tratamento pero que teñen unha eficacia limitada.

A Consellería do Medio Rural ten atribuída as accións referentes aos sistemas de produción agraria e de conservación do medio rural, segundo o establecido no Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural.

Por outra banda, estas axudas outorgaranse ao amparo do disposto no Regulamento (UE) nº 1408/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE nº L 352, do 24.12.2013), quedando condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas aos titulares de explotacións gandeiras de determinados concellos da provincia de Lugo afectados polos danos ocasionados polo incremento poboacionais da rata toupa (Arvicola scherman) nos pastizais das súas explotacións (procedemento MR465D), en réxime de concorrencia non competitiva, establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Convocar a concesión de axudas para o ano 2023 (código de procedemento MR465D).

Artigo 2. Réxime de aplicación

1. Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) nº 1408/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE n° L 352, do 24.12.2013), que quedarán condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas os titulares de explotacións gandeiras situadas nos concellos das Nogais, Baleira, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, Fonsagrada, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Samos ou Triacastela. A explotación non poderá ter a cualificación de autoconsumo.

Artigo 4. Requisitos para todas as persoas beneficiarias da axuda

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas indemnizacións as persoas físicas e xurídicas titulares que:

a) Sexan titulares dunha explotación gandeira inscrita no rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia cuxas explotacións se viran afectados polos danos ocasionados pola rata toupa e a súas parcelas estean situadas nos concellos mencionados. (segundo o mapa de danos elaborado pola Consellería do Medio Rural).

b) Ter parcelas incluídas na Solicitude Unificada de axudas PAC da convocatoria 2022 nas zonas que se consideren de afección polo servizo territorial de Explotacións Agrarias dentro dos concellos mencionados nas que se produciran perdas de forraxes por mor dos danos causados pola especie Arvicola scherman e que se publicarán no anexo II.

2. Cumprir cos requisitos establecidos nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Compromisos das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias colaborarán nas medidas implementadas polo persoal do servizo territorial de Explotacións Agrarias dentro das medidas culturais de loita contra Arvicola sherman.

2. As persoas beneficiarias con superficie declarada dentro de parcelas con aproveitamento comunal colaborarán:

a) Na instalación de pousadoiros para favorecer a depredación por rapaces nas parcelas e segundo as características que se lle indique.

b) Coa achega de maquinaria e man de obra no caso de se realice algunha aplicación dun produto fitosanitario autorizado para a loita contra Arvicola sherman.

Artigo 6. Conceptos subvencionables

Será subvencionable toda a superficie dos recintos declarados con uso Pastizal (PS) declarada na Solicitude Unificada de axudas PAC da convocatoria 2022 sitos dentro da zona de afección recollida no anexo II, e afectadas polos danos causados pola rata toupa.

As parcelas para as que se presente a solicitude e non figuren dentro da zona demarcada pola afección da rata toupa poderán ser obxecto de inspección por parte do persoal do Servizo de Explotacións Agrarias de Lugo. Se se considera que existe un dano evidente producido pola rata toupa poderán ser incluídas dentro das parcelas subvencionadas.

Artigo 7. Contía e tipo de axuda

1. Establécese unha axuda de referencia de 300 € por hectárea. No caso de fraccións de superficie menores dunha hectárea a axuda será de 0,03 €/m².

Non se concederán axudas cun importe inferior a 25 € nin superiores aos 10.000 € por explotación.

2. No caso de que o crédito dispoñible non sexa suficiente para facer fronte a todas as persoas beneficiarias, procederase ao rateo, segundo o establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O importe máximo a percibir, xunto coas restantes axudas de minimis recibidas, para un período de tres exercicios fiscais (o actual e os dous anteriores), non poderá ser superior ao establecido no Regulamento (UE) nº 1408/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola.

Artigo 8. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude, deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Tramitación e resolución das axudas

1. Os servizos provinciais competentes en materia de sanidade vexetal instruirán os expedientes correspondentes ao seu ámbito xeográfico, realizando de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales informará da admisibilidade dos expedientes.

Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos previstos, ou non se presenta cos documentos preceptivos, requirirase para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co disposto nos artigos 68.1 e 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A persoa titular da subdirección xeral competente en materia de sanidade vexetal emitirá as correspondentes propostas de resolución, e estas remitiranse á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, para os efectos de resolver as indemnizacións

3. A persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural, en virtude da Orde da Consellería do Medio Rural do 17 de novembro de 2015, vista a proposta, ditará a correspondente resolución no prazo de 5 meses contados a partir da data de remate do prazo de solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, a persoa solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude.

4. Modificación da resolución. A resolución de concesión da indemnización poderá ser modificada:

a) Por alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión.

b) Pola obtención concorrente da mesma axuda outorgada por outras administracións (da UE, nacionais, internacionais, autonómicas), de maneira que se supere a intensidade máxima establecida para a axuda.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, aos efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Modificación da resolución de concesión

A resolución de concesión da indemnización poderá ser modificada:

a) Por alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión.

b) Pola obtención concorrente da mesma axuda outorgada por outras administracións (da UE, nacionais, internacionais, autonómicas), de maneira que se supere a intensidade máxima establecida para a axuda.

Artigo 13. Recursos

As resolucións de subvención ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes dende o día seguinte ao da súa notificación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados dende o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Incompatibilidade das axudas

Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda.

Artigo 15. Reintegro

O incumprimento pola persoa beneficiaria de calquera das condicións establecidas nesta orde dará lugar á perda do dereito á indemnización e á devolución, se é o caso, das cantidades indebidamente percibidas.

Igualmente, procederá ao reintegro nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo doutras responsabilidades que procedan.

Artigo 16. Control

As persoas beneficiarias deberán someterse ás actuacións de comprobación do cumprimento dos requisitos e das finalidades das axudas acollidas a estas bases, así como ao control financeiro realizado polas entidades competentes e, en particular, pola Consellería do Medio Rural, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano nacional ou comunitario de inspección ou control.

Artigo 17. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural, ás persoas beneficiarias das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control do Estado ou da Unión Europea.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

CAPÍTULO II

Convocatoria

Artigo 19. Convocatoria

Convócanse para o exercicio orzamentario 2023, en réxime de concorrencia non competitiva, axudas aos titulares de explotacións gandeiras afectados polos danos ocasionados pola rata toupa (Arvicola scherman) en determinados concellos da provincia de Lugo, de acordo coas bases reguladoras establecidas no capítulo I desta orde.

Artigo 20. Prazo de solicitude

O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 21. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Acreditación da persoa representante, se é o caso.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 22. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións  públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante (se for o caso).

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Concesións de subvencións e axudas.

i) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

j) Concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 23. Xustificación e pagamento da axuda

Tendo en conta a natureza e fins das axudas reguladas na presente orde, non se precisa de prazo de xustificación da subvención por parte do beneficiario, xa que tódolos datos necesarios obran en poder da Administración. Deste xeito, despois de analizar e validar as solicitudes de axuda, procederase a realizar a resolución de aprobación e o pagamento da axuda.

Artigo 24. Financiamento

1. As axudas financeiras reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.712B.772.0 (código de proxecto 2010.01153) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2023 por un importe de seiscentos mil euros (600.000 €).

2. A dita cantidade poderá ser incrementada con fondos adicionais procedentes desta ou doutras administracións, tendo en conta o disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen que tal incremento orzamentario implique a apertura de novo prazo para a presentación de solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Disposición adicional primeira. Réxime xurídico

As axudas a que se refire esta orde, ademais do previsto por ela e polas súas normas de desenvolvemento, rexeranse por:

– A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– O Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Regulamento (UE) nº 1408/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE n° L 352, do 24.12.2013).

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición adicional terceira. Protección de datos

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en gandaría, agricultura e industrias agroalimentarias para ditar as instrucións que considere oportunas para a execución da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Zonas de afección

missing image file
missing image file
missing image file