Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 29 de maio de 2023 Páx. 32040

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións para a aceleración cultural no ámbito das artes escénicas ao abeiro dos fondos de NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) número 2021/241, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT207O).

O Consello Europeo aprobou o 21 de xullo de 2020 a creación do programa NextGenerationEU, como instrumento de estímulo económico en resposta á crise causada polo coronavirus.

O 10 de novembro de 2020, o Parlamento Europeo e o Consello alcanzaron o acordo sobre o paquete de medidas que inclúe os fondos de NextGenerationEU e o Marco financeiro plurianual 2021-2027, e creouse o Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia, como instrumento de apoio aos Estados membros a través de transferencias directas e préstamos para incrementar os investimentos públicos e acometer reformas para paliar os devastadores danos producidos pola COVID-19.

O Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, sinala que os Estados membros elaborarán plans de recuperación e resiliencia nacionais para acollerse a el e acadar os obxectivos establecidos, e serán presentados formalmente polos Estados como moi tarde o 30 de abril.

A Resolución do 29 de abril de 2021, da Subsecretaría do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, dá publicidade ao Acordo do Consello de Ministros, do 27 de abril de 2021, polo que se aproba o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, que define as estratexias que se seguirán no desenvolvemento dos fondos europeos de recuperación. As medidas que recolle o Plan cumpren cos seis alicerces establecidos polo Regulamento da UE e articúlanse ao redor de catro eixes principais (a transición ecolóxica, a transformación dixital, a cohesión social e territorial e a igualdade de xénero). Estes catro eixes de traballo desenvólvense a través de dez políticas panca, que integran, pola súa vez, trinta compoñentes ou liñas de acción, para contribuír a acadar os obxectivos xerais do plan.

O compoñente 24, Revalorización da industria cultural, recolle reformas e investimentos orientados a fortalecer a cadea de valor das industrias culturais españolas promovendo tres eixes estratéxicos: a competitividade, a dinamización e cohesión do territorio, e a dixitalización e sustentabilidade dos grandes servizos culturais. Dentro deste atópanse diversos proxectos dos que participarán as comunidades autónomas, entre os que está o C.24.I1. P1.2, Apoio a aceleradoras culturais.

O Pleno da Conferencia Sectorial de Cultura, na súa reunión do 7 de abril de 2022, aprobou a distribución territorial dos créditos correspondentes aos proxectos do compoñente 24, Revalorización da industria cultural, do Plan de recuperación, que serán xestionados polas comunidades autónomas e cidades de Ceuta e Melilla nos exercicios 2022 e 2023, nos termos autorizados polo Consello de Ministros na súa reunión do 5 de abril de 2022.

Finalmente, a Conferencia Sectorial de Cultura dos días 15 e 16 de decembro de 2022 aprobou a modificación dos documentos reitores dos proxectos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia dos compoñentes 24 e 25, e puntualizou as accións, fitos e prazos para a execución das diferentes medidas.

En cumprimento coa regulamentación antes descrita, todos os proxectos de investimento financiados a través desta convocatoria deben respectar o «principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (principio DNSH, do no significant harm) e as condicións da etiquetaxe climática e dixital. Iso inclúe o cumprimento das condicións específicas asignadas previstas nos compoñentes 24 e 25, así como nos investimentos en que se enmarcan os devanditos proxectos, tanto no referido ao principio DNSH como á etiquetaxe climática e dixital.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, ten a responsabilidade de promocionar e fomentar a cultura galega, e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é o ente instrumental no cal centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas.

A Axencia Galega das Industrias Culturais, creada pola Lei 4/2008, do 23 de maio, concíbese, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5, como unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego.

O obxectivo da Axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singulares.

A Agadic pretende fomentar a industrialización dos produtos culturais na sociedade galega, polo que dirixe a súa actividade principalmente ás empresas culturais privadas dedicadas á produción, distribución e comercialización dos produtos culturais.

Neste contexto, a Agadic proponse, como unha das súas finalidades, ampliar a base das industrias culturais e creativas en Galicia, apostando pola profesionalización de todos os axentes.

Por esta razón, a Agadic está a desenvolver diferentes programas de impulso no ámbito das industrias culturais e creativas co obxectivo de situar Galicia como un referente na xeración de bens e servizos culturais con alto valor innovador, que permita incrementar a súa competitividade a nivel global, posibilitando un crecemento das empresas galegas de toda a cadea de valor do ámbito cultural.

Neste sentido, a Axencia Galega das Industrias Culturais no marco do compoñente 24, Revalorización da industria cultural, do Plan de recuperación, transformación e resiliencia establece o escenario de apoio ás industrias culturais e creativas que lles permita profundar no necesario cambio cara á dixitalización, a incorporación das novas tecnoloxías, así como a mellora de ámbitos e aspectos vinculados á propia estrutura empresarial, como a comunicación, o márketing ou o financiamento.

Polo exposto, en virtude das atribucións e competencias,

RESOLVO:

Primeiro. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a aceleración cultural no ámbito das artes escénicas ao abeiro dos fondos de NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) nº 2021/241, e convocalas para o ano 2023 (código de procedemento CT207O).

2. As actuacións recollidas nesta liña de acción financiaranse ao 100 % con fondos do Plan de transformación e resiliencia, no marco do compoñente 24, Revalorización da industria cultural. C24.I1.P1, Competitividade e profesionalización das ICC. Actuación 2, Apoio a aceleradoras culturais, sen que este financiamento supere o 80 % do custo total da actividade, tal e como exixe o Regulamento xeral de exención de categorías (Regulamento (UE) nº 651/2014).

Segundo. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias as persoas profesionais rexistradas no réxime especial de traballadores autónomos, as pemes e as microempresas, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) A actividade empresarial debe desenvolverse de forma habitual e maioritariamente en Galicia.

b) Que conten cunha sucursal ou oficina permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.

c) Estaren dadas de alta nas correspondentes epígrafes do imposto de actividades económicas e ter un obxecto ou fin social acorde con algún dos subsectores que compoñen as industrias culturais e creativas en Galicia no ámbito das artes escénicas. Para os efectos destas bases, o ámbito das artes escénicas queda restrinxido ás disciplinas de teatro, en calquera das súas manifestacións, de danza e artes do movemento, de circo e de maxia.

2. Ademais, para seren persoas beneficiarias deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para seren persoas beneficiarias da axuda, e cumpriren as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

Terceiro. Financiamento, contías e intensidade

1. Estas actuacións dispoñerán dun crédito de 336.000 euros, que se financiará con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.1 (código de proxecto 2022 00001) dos créditos orzamentarios da Axencia Galega das Industrias Culturais asignados para tal finalidade nos orzamentos de 2023 e 2024.

2. As actuacións subvencionables con cargo a estas axudas estarán financiadas no 100 % polos fondos de NextGenerationEU e o Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea, a través dos créditos orzamentarios da Axencia Galega das Industrias Culturais do ano 2023, polo que deberán cumprirse as obrigas específicas e demais disposicións que se establecen respecto diso nestas bases reguladoras.

3. A achega financeira da Axencia Galega das Industrias Culturais será do 80 % do custo total da actividade, porcentaxe máxima permitida en aplicación do Regulamento xeral de exención de categorías (Regulamento (UE) nº 651/2014).

4. A contía máxima de subvención que pode recibir un solicitante é de 42.000 euros, sen que este importe supere o 80 % do total dos gastos subvencionables do proxecto presentado.

Cuarto. Solicitudes

1. Para poder ser persoa beneficiaria das axudas que comporta participar no Programa de aceleración cultural deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá xunto cos documentos que se especifican no artigo 9 das bases reguladoras.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo de duración do procedemento de concesión de axudas non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes que se presenten a esta convocatoria serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

Sexto. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais: http://agadic.gal

b) Nos teléfonos 881 99 60 77/881 99 60 78.

c) No enderezo electrónico agadic@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

Sétimo. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Oitavo. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do citado artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2023

Román Rodríguez González
Presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases reguladoras das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a aceleración cultural no ámbito das artes escénicas ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) nº 2021/241 e convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CT207O)

Artigo 1. Obxecto

1. Estas bases teñen por obxecto aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para participar no Programa de aceleración cultural coa finalidade de contribuír á consolidación e transformación das industrias culturais e creativas no ámbito das artes escénicas estimulando a profesionalización empresarial.

2. O obxectivo principal da aceleración cultural é iniciar un proceso de aceleración poñendo á disposición das persoas e entidades seleccionadas ferramentas dirixidas a obter habilidades emprendedoras e financeiras para o desenvolvemento da súa actividade empresarial co fin de:

– Acelerar o crecemento do tecido empresarial e profesional das ICC.

– Impulsar a transformación á cultura dixital e a incorporación de novas tecnoloxías nas ICC.

– Favorecer as interconexións entre as ICC e destas con outros sectores económicos.

– Mellorar o acceso ao financiamento das ICC.

Artigo 2. Réxime das subvencións

1. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias desta convocatoria as persoas profesionais rexistradas no réxime especial de traballadores autónomos, as pemes e as microempresas, cuxa actividade empresarial se desenvolva de forma habitual en Galicia.

Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter unha oficina permanente, ou sucursal, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

b) Estar dentro da definición de peme ou microempresa segundo o anexo I do Regulamento núm. 651/2014 da Comisión.

c) Que realicen o seu traballo maioritariamente na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Que estean dadas de alta nas correspondentes epígrafes do imposto de actividades económicas e ter un obxecto ou fin social acorde con algún dos subsectores que compoñen as industrias culturais e creativas en Galicia, entendendo por isto aquelas empresas do ámbito das artes escénicas. Para os efectos destas bases, o ámbito das artes escénicas queda restrinxido ás disciplinas de teatro, en calquera das súas manifestacións, de danza e artes do movemento, de circo e de maxia.

e) Que estean ao día das súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para seren persoas beneficiarias da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

2. Non poderán obter a condición de persoa beneficiaria:

a) As agrupacións de interese económico.

b) As asociacións ou outras formas xurídicas sen ánimo de lucro, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas que carezan de personalidade xurídica propia, tales como comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado.

c) As entidades de natureza pública e, en todo caso, as entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia, definidas no artigo 3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

d) As persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes declararán non estar incursas en tales circunstancias, conforme o establecido no anexo II desta convocatoria.

e) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

f) As empresas que estaban en crise no momento da presentación da solicitude, de acordo co artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, circunstancia que será comprobada pola Agadic.

g) De conformidade co previsto na Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España (Council Implementing Decision – CID) para a medida C24.I1, só poderán ser beneficiarias das presentes subvencións as persoas ou entidades que realicen actividades que cumpran a lexislación ambiental nacional e da UE pertinente; así, quedarán expresamente excluídas aquelas que realicen algunha das seguintes actividades:

– As actividades relacionadas cos combustibles fósiles, incluída a utilización ulterior destes.

– As actividades no marco do réxime de comercio de dereitos de emisión da UE (RCDE) en relación coas cales se prevexa que as emisións de gases de efecto invernadoiro que van provocar non se situarán por baixo dos parámetros de referencia pertinentes.

– As actividades relacionadas con vertedoiros de residuos, incineradoras e plantas de tratamento mecánico-biolóxico.

– As actividades en que a eliminación de residuos a longo prazo poida causar un prexuízo ao ambiente.

3. O cumprimento de tales requisitos deberá manterse desde o momento de presentación da solicitude de axuda ata a liquidación da subvención que se conceda.

Artigo 4. Financiamento, concorrencia e límites

1. A concesión destas axudas financiaranse cun crédito total de 336.000 euros, imputables á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.1, código de proxecto 2022 00001, dos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais, para as anualidades 2023 e 2024, coa seguinte distribución:

a) Anualidade 2023: 80.000 euros.

b) Anualidade 2024: 256.000 euros.

2. As persoas beneficiarias destas axudas son entidades xurídicas privadas, e é de aplicación a normativa comunitaria en materia de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, de conformidade co disposto no artigo 53 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión do 17 de xuño de 2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108.

En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais supere a intensidade da normativa comunitaria.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse á Agadic tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que a entidade colaboradora presente documentación xustificativa do proxecto realizado. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

4. Poderán ampliarse os créditos dedicados a esta convocatoria logo da declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

5. No caso de existiren solicitudes que non alcanzan o dereito á subvención por esgotarse o orzamento dispoñible, pasarán a formar unha lista de espera formada polas entidades solicitantes que poderán ser susceptibles de recibir a axuda, segundo a orde de prelación que se estableza, se se produce un incremento de crédito, ben por dispoñer de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta liña de axudas.

6. Estas axudas están financiadas ao 100 % polos fondos de NextGenerationEU a través do Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia establecido polo Regulamento (UE) nº 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un instrumento de recuperación da Unión Europea para apoio da recuperación tras a crise da COVID-19, e regulado segundo o Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. O dito financiamento queda legalmente vinculado á realización das actuacións subvencionadas, medidas integradas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, no marco do compoñente 24, Revalorización da industria cultural, CP24.I1.P1, Competitividade e profesionalización das ICC, actuación 2, Apoio a aceleradoras culturais.

Esta actuación está incluída na submedida C.24.I1c, coa denominación Reforzo da competitividade das industrias culturais/competitividade e profesionalización e apoio aos aceleradores culturais, incluído o impulso da transformación á cultura dixital e a incorporación de novas tecnoloxías nas industrias culturais e creativas. E, pola súa vez, esta submedida está asociada ao campo de intervención 5: dixitalización das empresas, dimensión 4 do DESI: integración das tecnoloxías dixitais, co código 018 denominado Incubación de empresas segregadas, semente e incipientes e apoio a estas, á cal lle corresponde un coeficiente de tagging dixital do 40 %, aínda que este só se aplicará cando a intervención se centre en elementos directamente relacionados coa dixitalización das empresas, como produtos dixitais, activos informáticos etc.

7. A achega da Agadic non poderá ser superior ao 80 % do custo subvencionable do proxecto presentado co límite de 42.000 euros, contía máxima á cal pode optar a persoa solicitante.

Artigo 5. Proxectos e gastos subvencionables

1. Serán gastos subvencionables, de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable, que resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto presentado e fosen executados e pagados, desde o día seguinte ao da presentación da solicitude de axuda ata o 20 de outubro de 2024, ambos incluídos. O período subvencionable, por tanto, abrangue desde o día seguinte ao da presentación da solicitude ata o 20 de outubro de 2024.

2. Para os efectos desta convocatoria, a aceleración cultural enténdese como un conxunto de ferramentas á disposición das persoas beneficiarias para contribuír a impulsar a súa actividade empresarial, polo que os proxectos que se presenten teñen que ter un alto grao de definición sobre o obxectivo que se persegue a través do proceso de aceleración e a estratexia de investimento que o acompaña.

3. Os proxectos que se presenten a esta convocatoria teñen que responder a un ou varios dos obxectivos marcados no artigo 1.2 das presentes bases, e constituír unha unidade integral que vincule as diferentes liñas de gastos subvencionables descritas a seguir:

A) Aceleración:

Liña 1. Acompañamento ás empresas, formación, mediación, incubación ou mentoría en materia de comunicación, márketing, internacionalización ou financiamento. Nesta liña estarían gastos relativos a programas de formación intensiva, mediación, incubación, mentoría, gastos de consultoría e de asistencia técnica externa, estudos de prospección e documentación, dinámicas de intercambio de experiencias, boas prácticas e networking, así como todos aqueles labores que impulsen a competitividade e a estratexia das organizacións nos ámbitos anteriormente sinalados (comunicación, internacionalización ou financiamento).

Para os efectos desta convocatoria enténdese por «acompañamento ás empresas» os servizos de carácter profesional contratados pola persoa beneficiaria nos ámbitos de formación, mediación, incubación ou mentoría nos campos anteriormente descritos e impartidos por empresas e/ou entidades legalmente constituídas de recoñecido prestixio que poidan acreditar traballos e labores similares nos últimos tres anos.

En ningún caso, a persoa beneficiaria pode ter relación profesional ou persoal, directa ou indirecta, cos servizos de carácter profesional que impartan e acompañen o proceso de aceleración.

Liña 2. Participación da empresa en xornadas, obradoiros e seminarios. Terán a consideración de gastos subvencionables os gastos de matrícula, así como o desprazamento, aloxamento e manutención pola participación dun máximo de dúas persoas por persoa beneficiaria en xornadas, obradoiros e seminarios impartidos por organismos públicos dependentes da Unión Europea, do Goberno de España, das comunidades autónomas e entidades locais, así como das universidades e os seus entes dependentes, sempre que estean vinculados ás industrias creativas en todas as súas facetas. O importe dos subconceptos de desprazamento, aloxamento e manutención serán os determinados no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia. Os gastos de matrícula aboaranse integramente.

B) Investimento:

Liña 3. Apoio á apertura de novas liñas de negocio e/ou novos mercados. Consideraranse subvencionables todos os gastos derivados dos servizos profesionais necesarios para o deseño da idea e nova liña de negocio, así como aqueles servizos profesionais que contribúan á súa configuración e lanzamento: estudos de mercado, plan de márketing e comercialización, establecemento de sinerxías con outras empresas do ámbito cultural e creativo etc.

Liña 4. Apoio á transformación dixital. Consideraranse subvencionables os gastos vinculados á dixitalización e aplicación de novas tecnoloxías á actividade principal, ben sexa en produto ou servizo, conectividade, integración de tecnoloxía dixital, big data, adopción de medidas de desenvolvemento sustentable e impacto ambiental positivo, e outros investimentos en activos materiais que revertan na organización impulsando a súa aceleración.

O investimento que realice a persoa solicitante debe ser acorde coa actividade desenvolta na liña 1 que permita a aceleración. Os investimentos en activos materiais refírense a aqueles investimentos en inmobilizado material necesario para levar a cabo a aceleración proposta e/ou a apertura das novas liñas de negocio, novos mercados ou a transformación dixital da empresa.

4. O proxecto que se presente debe destinar, polo menos, o 20 % do custo subvencionable á parte de aceleración e o importe restante ao investimento que a acompaña.

4. Non serán considerados gastos subvencionables:

a) Gastos xerais, entendendo por tales: alugamentos, teléfono, gastos xerais de informática e outras subministracións etc.

b) Custos fixos e gastos fixos de persoal.

c) Investimentos periódicos (mellora ou substitución de consumibles ordinarios salvo os vinculados a sustentabilidade).

d) A adquisición de bens inmobles (terreos e construcións), vehículos ou outros elementos de transporte nin maquinaria pesada.

e) Aqueles que non teñan relación coa natureza do proxecto no marco dun proceso e apoio a aceleradoras culturais no ámbito das industrias culturais e creativas.

f) En ningún caso se considerarán subvencionables os gastos financeiros, notariais e rexistrais nin os gastos periciais, os xuros debedores das contas bancarias, os xuros, recargas e sancións administrativas e penais nin os gastos de procedementos xudiciais. Igualmente, non serán subvencionables os tributos nin os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación. En ningún caso se subvencionará o imposto sobre o valor engadido (IVE) nin os impostos persoais sobre a renda (IRPF).

Artigo 6. Subcontratación

1. Para os efectos destas bases, enténdese que a entidade beneficiaria subcontrata cando concerta con outros a execución total ou parcial da actividade subvencionable. Para determinar a existencia de subcontratación atenderase ao obxecto social con que se pretenda contratar a actividade.

2. En materia de subcontratación, observarase o establecido no artigo 27.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009 polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo do proxecto subvencionado, non acheguen valor engadido ao seu contido e nos supostos establecidos no artigo 27.7 da Lei 9/2007:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que devanditos pagamentos estean xustificados con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas coa persoa beneficiaria, agás que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a autorización previa do órgano concedente nos termos que se fixen nestas bases reguladoras.

e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen a subvención por non reunir os requisitos ou non acadar a valoración suficiente.

Artigo 7. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de maneira presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Nas solicitudes, as persoas interesadas deberán realizar as seguintes declaracións responsables recollidas no anexo II:

2.1. Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicita a participación.

2.2. Declaración responsable de que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

2.3. Declaración responsable de que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación.

2.4. Declaración responsable de ser microempresa ou, se é o caso, peme.

Artigo 8. Prazo para presentar as solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta, non se achegase a documentación exixida ou non se reunisen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non facelo, se considerará que desiste da súa petición, despois de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas solicitantes deberán achegar xunto coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación complementaria:

Documentación administrativa:

1.1. Certificado do acordo social da solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritas no Rexistro Mercantil ou o que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

1.4. Alta no réxime xeral de autónomos se a persoa solicitante é persoa física.

Documentación específica:

1.1. Declaración do cumprimento do principio de non causar un prexuízo significativo aos obxectivos ambientais (anexo VI).

1.2. Ficha resumo-memoria do proxecto que se vai desenvolver no ámbito da aceleración cultural da persoa solicitante, onde se especificarán as actuacións que se desenvolverán tanto no ámbito da aceleración como no investimento que a acompaña, explicando a necesidade e a coherencia da proposta. Como mínimo, esta memoria (anexo III) deberá recoller de cada liña o que segue a continuación:

Liña 1. Acompañamento ás empresas, formación, mediación, incubación ou mentoría en materia de comunicación, internacionalización ou financiamento. Neste caso, presentarase o programa que se vai desenvolver, así como unha descrición da empresa ou entidades que o desenvolverán xunto coa acreditación da capacitación desta. A ficha resumo-memoria do proxecto deberá describir todas as actividades que se desenvolverán dentro desta liña e un calendario de execución.

Liña 2. Participación da empresa en xornadas, obradoiros e seminarios. Indicación das xornadas, obradoiros e seminarios a que se pretende asistir e xustificación da súa participación neles en termos de beneficio para a empresa e/ou traballadores desta. Estas actividades deberán estar directamente relacionadas co proxecto que se presenta.

Liña 3. Apoio á apertura de novas liñas de negocio e/ou novos mercados. Descrición da nova liña de negocio que se pretende implantar dentro da empresa e a mellora que se espera conseguir con esta actuación e/ou a apertura de novos mercados.

Liña 4. Apoio á transformación dixital. Describirase o proxecto que se pretende levar a cabo, incidindo na mellora que supoñerá para a empresa a implementación das medidas de investimento expostas nel.

Esta memoria terá como máximo 20 páxinas, nun tamaño de letra non superior a 10.

1.3. Declaración responsable onde se describan os traballos de similar natureza realizados nos últimos tres anos, no suposto da liña 1 antes descrita.

1.4. Plan económico/orzamento do proxecto (anexo IV). Deberá presentar un orzamento equilibrado entre gastos e ingresos previstos, indicando a cantidade solicitada a esta convocatoria, que non poderá exceder o 80 % do orzamento total de gastos subvencionables. Este plan incluirá unha previsión de financiamento, público ou privado, para completar o 100 % do custo total do proxecto presentado.

1.5. Relación nominal de traballadores (RTN) do ano 2022 da Seguridade Social.

1.6. Acreditación da participación en accións e programas formativos de emprendemento, con certificado do organismo que os realizou. Só se computarán, para os efectos desta liña de axudas, aquelas accións e programas formativos cun número igual ou superior a 30 horas.

1.7. Descrición/currículo da entidade ou entidades que realizarán as accións enmarcadas no proceso de aceleración. O máximo de páxinas é de dúas por entidade participante.

1.8. Declaración responsable de cesión e tratamento de datos en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), establecida no artigo 8 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, para a identificación do perceptor final de fondos conforme o modelo contido no anexo IV.B da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, e declaración autorizando o acceso das entidades de control financeiro da Unión Europea para o exercicio das funcións que lles son atribuídas polo regulamento financeiro en relación co outorgamento de axudas económicas incluídas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, de acordo co disposto na letra e) do número 2 do artigo 22 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación, transformación e resiliencia, e segundo o modelo destas bases (anexo VII).

1.9. Declaración responsable de compromiso coa execución de actuacións do PRTR, entre as que están os estándares máis exixentes en relación co cumprimento das normas xurídicas, éticas e morais, adoptando as medidas necesarias para previr e detectar a fraude, a corrupción e os conflitos de intereses, así como o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (DNSH) e o recollido no número 2 da norma cuarta conforme o modelo contido no anexo IV.C da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, e segundo o modelo destas bases (anexo VIII).

1.10. Calquera outra documentación que a persoa solicitante xulgue conveniente para a mellor defensa do proxecto.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración.

Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE da persoa solicitante.

– NIF da entidade solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día nas obrigas de pagamento coa Comunidade Autónoma.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. O presente procedemento de concesión de subvencións está suxeito á análise sistemática e automatizada do risco de conflito de intereses previsto na disposición adicional centésimo décimo segunda da Lei 31/2022, do 23 de decembro, e na Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de intereses nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

De acordo co establecido no artigo 7 da Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, o órgano de concesión da subvención poderá solicitar aos solicitantes da axuda a información da súa titularidade real cando a AEAT non dispoña desa información e así o indicase mediante a correspondente bandeira negra, tendo en conta a análise realizada a través de Minerva. Este suposto non implicará a suspensión automática do procedemento en curso, pero a devandita información deberá achegarse ao órgano de concesión da subvención no prazo de 5 días hábiles desde que se formule a solicitude de información. A falta desta información no prazo sinalado será motivo de exclusión do procedemento. Os datos, unha vez recibidos, serán adecuadamente custodiados de acordo co Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016 (Regulamento xeral de protección de datos), e coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. A través de Minerva, o responsable de operación levará a cabo un novo control ex ante do risco de conflito de intereses, indicando, no lugar do solicitante da axuda, os titulares reais recuperados polo órgano de concesión da subvención.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo a Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Procedemento de concesión das subvencións: instrución e competencia para a avaliación das solicitudes

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1.1. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

1.2. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

1.3. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria ás persoas interesadas, a persoas profesionais e expertas na materia, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

En todo caso, a Dirección da Agadic poderá requirir os solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

3. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar en todo momento a aplicación das axudas concedidas para os fins programados, e levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases.

Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención.

Artigo 15. Comisión de Valoración

1. Para a avaliación das solicitudes presentadas constituirase unha comisión de valoración, nomeada polo director da Agadic, que será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes, de acordo cos criterios fixados na base seguinte, así como de emitir o informe ante o órgano instrutor para determinar a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A Comisión de Valoración estará formada polas seguintes persoas: dous profesionais de recoñecido prestixio nos ámbitos do sector das industrias culturais e creativas, dos cales un exercerá como presidente, e dous profesionais pertencentes ao persoal da Agadic de entre os grupos I e II, un dos cales actuará como secretaria ou secretario.

3. A condición de vogal da Comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso. Os membros da comisión declararán por escrito non ter relación coas entidades solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria.

4. A comisión puntuará cada un dos criterios e para cada unha das solicitudes, de forma motivada, e realizará un informe no cal constará a puntuación acadada por cada solicitude, establecendo unha orde de prelación decrecente.

Previamente á súa cualificación, os membros da Comisión de Valoración concretarán cada un dos criterios subxectivos para aplicalos de forma homoxénea. A dita concreción será incorporada na acta levantada polo secretario/a. Unha vez examinados os proxectos, a Comisión emitirá informe motivado das puntuacións de cada unha das solicitudes.

Artigo 16. Criterios de valoración

A puntuación total que pode recibir unha solicitude é de 100 puntos, repartidos segundo consta no cadro seguinte:

Criterios automáticos

55 puntos

1) Antigüidade da entidade solicitante

5

a) Menos de tres anos

5

b) De 3 a 5 anos

3

c) Máis de 5 anos

1

2) Domicilio social. Concello onde ten a sede social a entidade solicitante

10

a) Menos de 5.000 habitantes

10

b) Entre 5.001 e 10.000 habitantes

8

c) Entre 10.001 e 20.000 habitantes

6

d) Máis de 20.000 habitantes

4

3) Emprego. Valorarase o emprego fixo no último ano 2022 da entidade solicitante

10

a) Menos de 4 persoas empregadas

4

b) De 4 a 9 persoas empregadas

6

c) Máis de 9 persoas empregadas

10

4) Porcentaxe de subvención solicitada con respecto ao orzamento do proxecto

10

a) Ata o 30 %

10

b) Entre o 31 % e o 50 %

7

c) Entre o 51 % e o 80 %

3

5) Outros criterios de valoración

20

Participación en accións e programas formativas de emprendemento nos últimos tres anos.

3

Dispón dun plan de negocio. A entidade solicitante dispón dun plan de negocio con anterioridade á solicitude desta axuda.

3

Emprego feminino. A maioría dos compoñentes do cadro de persoal da entidade solicitante son mulleres (máis do 40 %).

3

Emprego novo. A maioría dos compoñentes do cadro de persoal da empresa teñen menos de 30 anos.

3

Emprego persoas con discapacidade. A entidade solicitante conta con algunha persoa con discapacidade entre o seu cadro de persoal.

3

Uso da lingua galega.

5

Criterios técnicos

45 puntos

1) Adecuación do proxecto ás finalidades e obxectivos establecidos nestas bases. Valorarase positivamente a presentación dun programa integral de aceleración desenvolto e coherente cos obxectivos do proxecto e a estratexia de investimento. Valorarase, así mesmo, a complementariedade das actuacións que forman parte do proxecto e a súa conexión.

Ata 15 puntos

2) Potencial de crecemento do proxecto no ámbito das industrias culturais e creativas. Valorarase a capacidade do proxecto de xerar sinerxías con outros axentes sectoriais.

Ata 10 puntos

3) Viabilidade e sustentabilidade do proxecto no tempo. Valorarase a coherencia entre os medios dispoñibles e os obxectivos establecidos no proxecto.

Ata 10 puntos

4) Incorporación de ferramentas de medición e avaliación de impacto. Valorarase a definición de indicadores que permitan o seguimento do proceso e os seus resultados, así como a súa repercusión na transición dixital.

Ata 10 puntos

Para poder ser seleccionado terase que acadar unha puntuación mínima de 20 puntos nos criterios automáticos e de 20 puntos nos criterios técnicos.

Artigo 17. Audiencia

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada que deberá serlles notificada aos interesados para que, nun prazo de 10 días, poidan formular alegacións de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 18. Resolución e notificación

1. Concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor, á vista do expediente, elevará a proposta de resolución definitiva á Presidencia da Agadic para ditar a resolución de concesión que deberá estar debidamente motivada.

2. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic ditará resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución.

3. A resolución expresará, cando menos:

a) A relación de entidades beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda para cada entidade, que será equitativa para todas as entidades, e a desagregación do devandito importe por anualidades.

c) A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

4. En todo caso, deberá notificarse a cada persoa beneficiaria un documento no cal deberá figurar, como mínimo, a identificación da persoa beneficiaria, a axuda que supón e as obrigas que lle correspondan, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operacións que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DACI).

Recibida esta notificación, a persoa solicitante deberá aceptar a súa condición de persoa beneficiaria no prazo máximo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicar a aceptación ou sen producirse unha manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

5. No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que as persoas beneficiarias cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

6. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao de finalización do prazo para a presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no devandito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

7. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Con todo, a notificación individual de concesión da axuda poderase acompañar tamén coa publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://agadic.gal, con indicación da data da convocatoria, da persoa beneficiaria, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e forma que se determine nas resolucións de concesión e deben obter a autorización previa da Axencia Galega das Industrias Culturais para realizar calquera cambio.

2. Cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda, isto poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión polo órgano concedente.

3. Tamén se poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia da persoa beneficiaria se se cumpren os seguintes requisitos:

a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.

b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que fosen determinantes para a concesión da axuda, a determinación da persoa beneficiaria, nin danen dereitos de terceiros.

c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non puideron preverse no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de concorreren na concesión inicial, non poderían supoñer a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. A solicitude de modificación debe ser formulada polo representante legal da persoa beneficiaria, expresando os motivos dos cambios que se propoñen e xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

Salvo naqueles supostos en que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se admitirán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.

5. A persoa beneficiaria ten o deber de solicitar á Administración a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación, deberán ser previamente aceptadas pola Administración. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

6. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos para poder optar á subvención exixidos no artigo 3 desta resolución.

7. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado e poderá implicar unha minoración proporcional á subvención concedida derivada das alteracións. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa e notificaráselle ao interesado.

8. Para os efectos de facilitar a xestión do orzamento adxudicado, poderase solicitar unha redistribución entre as anualidades variando proporcionalmente a seguinte anualidade orzada, sempre respectando as limitacións establecidas no artigo 35.5 do Decreto 11/2009.

Artigo 20. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 23 da citada norma.

Artigo 21. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais. O prazo para interpoñer o recurso de reposición será dun mes, se o acto é expreso ou desde o día seguinte a aquel en que se produciu o acto presunto. Transcorrido o citado prazo, unicamente se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non é expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 22. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, as persoas beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigadas a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención e a acreditala ante o órgano concedente, así como ao cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión, e no documento no cal se establecen as condicións da axuda.

b) Xustificar ante a Axencia Galega das Industrias Culturais, de acordo co previsto nestas bases e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e desfrute da subvención.

c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto de casos previstos na Lei 9/2007.

d) Subministrar á Administración, despois de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

e) Cumprir coa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento destas bases reguladoras.

f) Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión, así como ás comprobacións da Comisión Europea, da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), do Tribunal de Contas da Unión Europea, e aos controis derivados do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia, que se realicen a través de autoridades nacionais ou europeas, facilitando canta información e documentación lle sexa requirida.

g) Comunicar á Axencia Galega das Industrias Culturais a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

h) Desenvolver as actividades financiadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Solicitarlle á Axencia Galega das Industrias Culturais autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobadas que estean suxeitas a autorización previa. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento subvencionable supoñerá a non admisión das cantidades desviadas.

j) Dar publicidade ás axudas recibidas nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución da actuación, incluída a subcontratación, e en axudas, publicacións, conferencias, equipamentos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiadas con elas, mencionando expresamente a súa orixe e o financiamento con fondos de NextGeneration da Unión Europea. Ademais, deberán publicar a concesión da axuda na páxina web e mantela actualizada. Na páxina web deberán figurar, como mínimo, os obxectivos que se perseguen. Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberá figurar que o proxecto foi financiado con cargo aos Fondos da UE e do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. Así mesmo, deberá informarse de que foi apoiado pola Xunta de Galicia e incluír o logotipo da Xunta de Galicia.

k) Conservar a documentación xustificativa desde a operación realizada durante un período de tres anos se o financiamento é dun importe igual ou inferior a 60.000 euros, de conformidade co establecido no artigo 22.2.f) do Regulamento (UE) nº 2021/241.

As instrucións detalladas relativas ás obrigas de publicidade da axuda estarán á disposición na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais (http://www.agadic.gal), na súa epígrafe de axudas.

2. Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos europeos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, as persoas beneficiarias adquiren igualmente as obrigas que se relacionan a continuación, de conformidade co establecido na normativa comunitaria e nacional aplicable como consecuencia deste financiamento:

a) As persoas beneficiarias terán a obriga de achegar a información que permita ao órgano concedente medir a contribución da actividade subvencionada ao correspondente indicador.

b) As persoas beneficiarias deberán establecer mecanismos que aseguren que as actuacións que desenvolvan terceiros (subcontratacións) contribúen ao logro das actuacións previstas e que os devanditos terceiros acheguen a información que, se é o caso, sexa necesaria para determinar o valor dos indicadores de seguimento do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

c) Solicitarán, para os efectos de auditoría e control do uso dos fondos e en formato electrónico, as categorías harmonizadas de datos recollidas no artigo 22.2.d) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro.

d) As persoas beneficiarias deben cumprir coas obrigas en materia de información, comunicación e publicidade recollidas no artigo 34 do Regulamento (UE) nº 2021/241, relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia, sobre o financiamento da Unión Europea das medidas incluídas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia. En particular, nas medidas de información e comunicación das actuacións (carteis informativos, placas, publicacións impresas e electrónicas, material audiovisual, páxinas web, anuncios e insercións en prensa, certificados etc.), deberanse incluír os seguintes logos:

• O emblema da Unión Europea.

• Xunto co emblema da Unión, incluirase o texto Financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

• Usaranse tamén os seguintes logos: teranse en conta as normas gráficas do emblema da Unión e as cores normalizadas establecidas no anexo II do Regulamento de execución 821/2014. Tamén se pode consultar a seguinte páxina web: http://publications.europa.eu/
code/es/es-5000100.htm e descargar distintos exemplos do emblema en: https://europa.eu/european-union/about-eu/symbols/flag_es#download. Todos os carteis informativos e placas deberán colocarse nun lugar ben visible e de acceso ao público.

e) As persoas beneficiarias deberán gardar a rastrexabilidade de cada un dos investimentos e actuacións realizadas, así como a correspondente documentación acreditativa durante tres anos contados desde o último pagamento, de conformidade co artigo 132 do Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre normas financeiras aplicables ao orzamento da Unión, ao ser a contía máxima da axuda inferior a 60.000 euros. Someteranse ás medidas de control e auditoría recollidas no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia e no Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión. En particular, deberán autorizar a Comisión, a OLAF, o Tribunal de Contas Europeo e, cando cumpra, a Fiscalía Europea para exercer os dereitos que lles recoñece o artigo 129, número 1, do referido Regulamento financeiro.

f) As medidas cofinanciadas mediante os fondos europeos do Mecanismo de recuperación e resiliencia deberán respectar o principio de «non causar un prexuízo significativo» no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852.

g) As persoas beneficiarias deberán asegurar a regularidade do gasto subxacente e a adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude e a corrupción, previr o conflito de intereses e o dobre financiamento.

h) As persoas beneficiarias serán responsables da fiabilidade e o seguimento da execución das actuacións subvencionadas, de maneira que poida coñecerse en todo momento o nivel de consecución de cada actuación e dos fitos e obxectivos que se estableceron respecto diso.

i) As persoas beneficiarias deberán asumir calquera outra obriga comunitaria e nacional que resulte de aplicación por razón do financiamento do Mecanismo de recuperación e resiliencia.

Artigo 23. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica a través dá Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación das subvencións aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas persoas beneficiarias, poñerá no seu coñecemento esta circunstancia e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Igualmente, efectuarase un requirimento por parte da Agadic no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e comunidades autónomas.

3. No caso de que transcorra o prazo establecido para a xustificación sen presentarse documentación ningunha, requirirase igualmente a persoa beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente. A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme a lei, correspondan.

4. Só serán computados para os efectos de xustificación os gastos que fosen efectivamente pagados no momento da xustificación do gasto e así se acredite documentalmente, mediante facturas ou outros documentos de valor probatorio equivalente no tráfico mercantil, que teñan como destinataria a persoa beneficiaria e cuxo expedidor quede identificado nelas, así como mediante nóminas que estean emitidas pola entidade beneficiaria. As facturas e documentos xustificativos similares serán expedidos conforme o disposto na normativa reguladora das obrigas de facturación que resulte aplicable. En todos os supostos deberán presentarse facturas ou documentos xustificativos orixinais, acompañados da documentación acreditativa do pagamento, en concreto os extractos e certificacións bancarias que deixen constancia do pagamento dos gastos pola persoa beneficiaria.

5. De conformidade co disposto na Lei 18/2022, do 28 de setembro, de crecemento e creación de empresas, que modifica os artigos 13 e 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, cando a persoa beneficiaria dunha subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables deberán ser aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e no suposto de subvencións superiores a 30.000 euros, non poderán obter a condición de persoa beneficiaria no caso de que incumpran os prazos citados. A dita circunstancia deberase acreditar coa presentación da conta de perdas e ganancias abreviada, e no suposto de que non poida presentarse acreditarase cunha certificación emitida polo auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

6. O investimento xustificado ten que coincidir coa resolución de concesión da subvención, ou as modificacións autorizadas. Se a xustificación é inferior ao investimento previsto, sempre que se manteña o cumprimento da finalidade da subvención, minorarase a concesión proporcionalmente ao investimento non xustificado. No caso de que non se xustifique a subvención en prazo ou de que o executado non cumprise o fin para o cal se concedeu, a subvención quedaría anulada na súa totalidade.

7. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas, en caso de habelas, e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso a persoa titular da Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 24. Documentación xustificativa da subvención

1. Os documentos de xustificación deberán presentarse dentro do prazo establecido nestas bases reguladoras e, nese momento, os proxectos deben estar plenamente realizados, operativos, de ser o caso, e verificables.

2. Os prazos para presentar a documentación xustificativa de cada anualidade serán os seguintes:

Anualidade 2023

1 de decembro

Anualidade 2024

20 de outubro

Os gastos subvencionables efectuados a partir do 1 de decembro de 2023 poderán ser computados na xustificación da anualidade 2024.

3. A documentación xustificativa que ten que presentar a entidade beneficiaria é a seguinte:

a) Conta xustificativa composta de copias das facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copias. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos.

b) No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

c) A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

d) No caso de que o proxecto sexa financiado, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, orixe e aplicación de tales fondos, de conformidade co disposto no artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o modelo de declaración de axudas do anexo V.

e) De ser o caso, os tres orzamentos que se requiren en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditados de estar ao día nas súas obrigas tributarias coa Axencia Tributaria Estatal e a Axencia Tributaria da Comunidade Autónoma, así como nas súas obrigas coa Seguridade Social e non ter débedas pendentes por ningún concepto con ningunha Administración Pública, só no caso de que se denegue expresamente ao órgano xestor para solicitalos.

g) Documentación de realizar a publicidade adecuada (fotografías, carteis informativos, publicidade a través de páxina web etc.) que xustifique o cumprimento das obrigas establecidas no artigo 22.2.d) das presentes bases.

h) Dossier fotográfico que reflicta o desenvolvemento do proxecto obxecto de subvención.

i) Plan económico/orzamento do investimento realizado (anexo IV).

j) Declaración do cumprimento do principio de non causar prexuízo significativo aos obxectivos ambientais (DNSH) (anexo VI).

k) Declaración de axudas (anexo V).

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas pola propia persoa beneficiaria da subvención).

As persoas e entidades provedoras non poderán estar vinculadas co organismo solicitante ou coa empresa beneficiaria final, ou cos seus órganos directivos ou xestores.

4. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

1º. Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria, xustificante bancario do ingreso efectivo polo portelo), en que conste: o titular da conta desde a cal se realiza a operación ou a persoa que realiza o ingreso efectivo, que debe coincidir, en todo caso, coa persoa beneficiaria da subvención, receptor do pagamento (empresa ou autónomo) e número de factura obxecto do pagamento.

2º. Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, nota promisoria, letra de cambio): presentarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta da persoa beneficiaria, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá presentar, ademais, xustificante de recepción asinado e selado polo provedor en que se especifiquen o número de factura pagada, o número e data do cheque, e o NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como da nota promisoria, para os efectos de data de pagamento, considerarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se considerará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

3º. Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras.

En ningún caso poderá concertar a persoa beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos previstos nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Pagamento da subvención

1. Para ter dereito ao pagamento da axuda deberá presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención, ademais dos formularios establecidos para o efecto nesta fase.

2. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase coa condición de que se acreditase que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego e o cumprimento das obrigas establecidas na presente resolución, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados ou pagamentos á conta, para o que se observará o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu Regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Pagamentos anticipados.

As entidades beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar un anticipo de ata o 80 % da subvención concedida, en virtude do disposto no artigo 63.3 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 1/2009, do 8 de xaneiro, que establece que o Consello da Xunta poderá autorizar unha porcentaxe maior á determinada no decreto. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada e non poderá exceder o importe de subvención da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

4. Pagamentos á conta.

Poderanse realizar pagamentos á conta respondendo ao ritmo de execución do proxecto obxecto da subvención e logo de xustificación dos gastos conforme o establecido nestas bases para a xustificación, tal e como se establece no artigo 62.2 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

5. Constitución de garantías.

As entidades beneficiarias que soliciten, e se lles concedan, pagamentos anticipados ou pagamentos á conta quedarán exoneradas de constituír as garantías previstas no Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, Decreto 11/2009, logo de aprobación do Consello da Xunta, de conformidade co seu artigo 67.4.

Artigo 26. Perda do dereito ao cobramento da subvención

1. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento da persoa beneficiaria da súa obriga de estar ao día nas súas obrigas coa Facenda estatal e autonómica, e coa Seguridade Social.

2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro se non se aboou a axuda.

3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.

Artigo 27. Causas de reintegro

1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como cos compromisos asumidos durante o tempo de duración da axuda. Pola contra, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

2. Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.

3. Son causas de reintegro as seguintes:

a) A falsidade, inexactitude ou omisión dos datos subministrados pola persoa beneficiaria que servisen de base para a concesión da axuda, ou a ocultación daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a cal a axuda foi concedida.

c) O incumprimento do deber de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda, nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) O incumprimento do deber de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 22 desta resolución.

e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) A obtención de financiamento de distintas orixes ou concorrencia de subvencións por encima do custo das actividades subvencionadas.

g) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

Artigo 28. Gradación dos incumprimentos

1. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do proxecto ou do deber de xustificación, será causa de perda do dereito ao cobramento de reintegro total da subvención.

En particular, consideraranse incumpridos os obxectivos da axuda cando non se xustifique polo menos o 60 % dos custos previstos no proxecto con respecto ao gasto que se realizará en Galicia.

2. O incumprimento parcial dos obxectivos ou a non execución de actividades concretas do proxecto dará lugar á perda parcial do dereito ao cobramento da subvención nas porcentaxes que se determinen nos parágrafos seguintes ou, de ser o caso, ao reintegro parcial da subvención.

O alcance do incumprimento determinarase en proporción ao investimento deixado de practicar ou practicado indebidamente, e minorarase a subvención proporcionalmente.

3. Son causas de reintegro parcial:

a) Se se incumprise o deber de dar publicidade do financiamento do proxecto, conforme o establecido nesta resolución, ou o deber de comunicar a obtención doutras axudas para o mesmo proxecto, aplicarase un factor de corrección do 4 % en cada caso.

b) Se se incumprisen as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do proxecto, dando lugar a un informe final negativo, o incumprimento valorarase en función deste e supoñerá a aplicación dun factor de corrección igual á porcentaxe de incumprimento sinalado no informe técnico.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á intensidade da axuda o factor que resulte da suma de todos os factores de corrección. No caso de que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.

A aplicación do factor de corrección realizarase coa revisión da xustificación da última anualidade e, de ser o caso, requirirase a entidade beneficiaria para que devolva os fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación do expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.

No caso das condicións que constitúan obrigas que a persoa beneficiaria debe acreditar na fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto soamente resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecten en controis posteriores ao pagamento por algún incumprimento relativo a estas obrigas.

Artigo 29. Procedemento de reintegro

1. Se, aboada parte ou a totalidade da axuda, acaecesen os motivos que se indican no artigo 28 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento de pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente destas, e comunicarase á persoa beneficiaria a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro, e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución do procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa. Contra esta resolución de reintegro, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta é expresa. Se o acto non é expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

Transcorrido o devandito prazo, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, sen prexuízo, se é o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión.

5. Sen prexuízo do anterior, ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 30. Fiscalización e control

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega das Industrias Culturais, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade da orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro da subvención concedida.

3. Así mesmo, no caso de axudas plurianuais, a Axencia Galega das Industrias Culturais poderá convocar anualmente as persoas beneficiarias a unha entrevista para coñecer a planificación das actividades en curso e valorar a consecución dos obxectivos e resultados do ano anterior.

4. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establecen o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión dos fondos de recuperación e resiliencia, e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 31. Normativa aplicable

1. Será de aplicación, entre outra, a seguinte normativa:

1.1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións e, supletoriamente, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións.

1.2. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

1.3. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

1.4. Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

1.5. Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e apoio económico de Galicia.

1.6. Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

2. As axudas obxecto desta convocatoria réxense polas normas comunitarias aplicables por razón do financiamento pola Unión Europea e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas. En particular, seralles de aplicación a seguinte normativa:

2.1. Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

2.2. Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

2.3. Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

2.4. Lei 47/2003, do 26 de novembro, xeral orzamentaria.

2.5. Resolución do 29 de abril de 2021, da Subsecretaría, pola que se publica o Acordo do Consello de Ministros do 27 de abril de 2021, polo que aproba o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

2.6. Disposición adicional primeira da Lei 11/2020, do 30 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para 2021.

2.7. Artigo 148 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

2.8. Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

2.9. Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que proporccionarán as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

2.10. Disposición adicional centésimo décimo segunda da Lei 31/2022, do 23 de decembro.

2.11. Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de intereses nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Artigo 32. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 33. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os citados feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto:

https://www.conselleriadefacenda.gal/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VII

Modelo de declaración de cesión e tratamento de datos en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR)

……………………………………………………, DNI ………………, como conselleiro delegado/xerente da entidade ………………………………………………………………………….., con NIF …………………………., e domicilio fiscal en ……………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………….beneficiaria de axudas financiadas con recursos provenientes do PRTR, que participa como contratista/subcontratista no desenvolvemento de actuacións necesarias para a consecución dos obxectivos definidos no compoñente 24 I1, declara coñecer a normativa que é de aplicación, en particular os seguintes puntos do artigo 22 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia:

1. A letra d) do número 2: «solicitar, para os efectos de auditoría e control do uso de fondos en relación coas medidas destinadas á execución de reformas e proxectos de investimento no marco do Plan de recuperación e resiliencia, nun formato electrónico que permita realizar procuras e nunha base de datos única, as categorías harmonizadas de datos seguintes:

i. O nome do perceptor final dos fondos;

ii. O nome do contratista e do subcontratista, cando o perceptor final dos fondos sexa un poder adxudicador de conformidade co dereito da Unión ou nacional en materia de contratación pública;

iii. Os nomes, apelidos e datas de nacemento dos titulares reais do perceptor dos fondos ou do contratista, segundo se define no artigo 3, número 6, da Directiva (UE) nº 2015/849 do Parlamento Europeo e do Consello (26);

iv. Unha lista de medidas para a execución de reformas e proxectos de investimento no marco do Plan de recuperación e resiliencia, xunto co importe total do financiamento público das ditas medidas e que indique a contía dos fondos desembolsados no marco do Mecanismo e doutros fondos da Unión».

2. Número 3: «Os datos persoais mencionados no número 2, letra d), do presente artigo só serán tratados polos Estados membros e pola Comisión para os efectos e duración da correspondente auditoría da aprobación da xestión orzamentaria e dos procedementos de control relacionados coa utilización dos fondos relacionados coa aplicación dos acordos a que se refiren o artigo 15, número 2, e o 23, número 1. No marco do procedemento de aprobación da xestión da Comisión, de conformidade co artigo 319 do TFUE, o Mecanismo estará suxeito á presentación de informes no marco da información financeira e de rendición de contas integrada a que se refire o artigo 247 do Regulamento financeiro e, en particular, por separado, no informe anual de xestión e rendemento».

Conforme o marco xurídico exposto, manifesta acceder á cesión e tratamento dos datos cos fins expresamente relacionados nos artigos citados.

……………………………..., XX de …………… de 202X

Asdo. …………………………………………….

Cargo: …………………………………………

ANEXO VIII

Modelo de declaración de compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR)

……………………………..., con DNI ………………, como titular do órgano/conselleiro delegado/xerente da entidade ……………………………………………………………………….., con NIF …………………………., e domicilio fiscal en ………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………., na condición de órgano responsable/órgano xesto, beneficiaria de axudas financiadas con recursos provenientes do PRTR, que participa como contratista/ente destinatario do encargo/subcontratista, no desenvolvemento de actuacións necesarias para a consecución dos obxectivos definidos no compoñente 24 I1, manifesta o compromiso da persoa/entidade que representa cos estándares máis exixentes en relación co cumprimento das normas xurídicas, éticas e morais, adoptando as medidas necesarias para previr e detectar a fraude, a corrupción e os conflitos de intereses, e comunicará, se é o caso, ás autoridades que proceda os incumprimentos observados.

……………………………..., ….. de …………… de 2023

Asdo. …………………………………………….

Posto: …………………………………………