Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 29 de maio de 2023 Páx. 32036

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 18 de maio de 2023 pola que se convoca a xornada A Lei orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual.

Conforme os fins que lle asigna á Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) a normativa que a regula (Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública),

RESOLVO:

Convocar a xornada A Lei orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual, de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos

A Lei orgánica 10/2022, de garantía integral da liberdade sexual, e a súa recente modificación, cuxa finalidade é a protección integral do dereito á liberdade sexual de todas as persoas, así como a erradicación de todas as violencias sexuais, introduce importantes novidades e modificacións lexislativas, que fan necesaria unha análise profunda dela desde o punto de vista operativo e práctico.

Segunda. Contidos

– Análise da Lei orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual.

– Agresión sexual desde a entrada en vigor da Lei.

– Agresión sexual menores de 16 anos desde a entrada en vigor da Lei.

– Disposicións comúns e novos tipos delituosos.

Terceira. Persoas destinatarias

A xornada esta dirixida ao persoal das frorzas e corpos de seguridade, Xudicatura, Ministerio Fiscal, aos/ás xuristas, profesionais e persoas interesadas en xeral.

Cuarta. Desenvolvemento

Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), na rúa da Cultura, s/n,36680 A Estrada.

Data: 12 de xuño de 2023.

Horario: das 10.00 ás 14.30.

Duración: 4.5 horas.

Prazas ofertadas: sen límite.

Quinta. Solicitudes de participación

1. O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp https://agasp.xunta.gal/gl/course/231145

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano contado desde o momento en que se detecte o feito.

3. É obrigatorio consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil e un correo electrónico co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

4. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

5. Prazo para a presentación de solicitudes

O prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 9 de xuño de 2023.

A Agasp publicará diariamente a listaxe de persoas admitidas desde o día 1 de xuño de 2023 no sitio web: agasp.xunta.gal

Sexta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas, necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2. A presentación das solicitudes comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da Agasp.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán enviar un correo electrónico a formacion.agasp@xunta.gal, coa indicación expresa a este respecto, no cal deberán achegar a documentación que acredite a Administración a que pertenzan, a súa situación administrativa e o tipo de persoal.

Sétima. Obrigas das persoas admitidas

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comuniquen a súa imposibilidade de asistencia con 48 horas, como mínimo, de antelación ao comezo desta. Esta renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp a través do correo electrónico ao enderezo formacion.agasp@xunta.gal

En caso contrario, serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen para as cales reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp).

Oitava. Dereitos e deberes das persoas participantes

Serán obrigatorias a asistencia á sesión da xornada e a puntualidade.

Durante a realización da xornada, realizaranse controis de asistencia.

Novena. Facultades da Agasp

1. A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir, e terá como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas, previstos na normativa vixente.

2. A Agasp garantirá, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Décima. Certificado de asistencia

Ao final desta actividade emitiráselles un certificado electrónico de asistencia, descargable desde o espazo persoal do alumnado (https://agasp.xunta.gal/gl/usuario), a aquelas persoas inscritas que participasen e sempre que a súa asistencia for igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización da actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

A Estrada, 18 de maio de 2023

Santiago Villanueva Álvarez
Director da Academia Galega de Seguridade Pública