Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 29 de maio de 2023 Páx. 32287

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 10 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Alto de Montouto, sito nos concellos da Cañiza e de Covelo (Pontevedra) e promovido por Alto de Montouto, S.L. (expediente IN408A/2017/018).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 10 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Alto de Montouto.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico Alto de Montouto, sito nos concellos da Cañiza e de Covelo (Pontevedra) e promovido por Alto de Montouto S.L., cunha potencia de 21 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Alto de Montouto, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 100.615 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, o promotor deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental de data 21.12.2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de acordo aos puntos 4.1.2 e 4.1.3 da DIA.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 21.12.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Con data 26.10.2017, a promotora, Adelanta Corporación, S.A., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Alto de Montouto, sito nos concellos da Cañiza e de Covelo (Pontevedra). Con data 26.1.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas notificoulle ao promotor a admisión a trámite da dita solicitude.

2. Con data 28.3.2018, a promotora, Adelanta Corporación, S.A., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para a modificación substancial do parque eólico Alto de Montouto, sito nos concellos da Cañiza e de Covelo (Pontevedra) pola modificación da localización do aeroxerador número 1 e do cambio de modelo de aeroxerador. Con data 3.9.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas notificoulle ao promotor a admisión a trámite da dita solicitude.

3. Con data 28.12.2018, Alto de Montouto, S.L. solicitou a transmisión de titularidade do expediente do parque eólico a favor desta sociedade e posteriormente, con data 28.1.2020, mediante resolución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, autorizouse o cambio de titularidade do parque eólico Alto de Montouto de Adelanta Corporación, S.A. a favor de Alto de Montouto, S.L.

4. Con data 22.10.2019, o promotor solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para unha nova modificación substancial do parque eólico Alto de Montouto, sito nos concellos da Cañiza e de Covelo (Pontevedra) pola modificación da localización final da subestación colectora denominada subestación colectora Alto da Telleira 220/30 kV. Con data 7.2.2020 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas notificoulle ao promotor a admisión a trámite da dita solicitude.

5. Con data 3.3.2020, e para os efectos de obter a relación de organismos e persoas interesadas segundo o disposto no artigo 33.4 da Lei 8/2009, así como o informe a que fai referencia o artigo 33.5 (na redacción de entón vixente da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental), esta dirección xeral solicitou a emisión dos ditos informes ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia do territorio.

6. Con data 27.3.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o informe coa relación de organismos e persoas interesadas a que debe pedir informe sobre o estudo de impacto ambiental (EIA), para cumprir co trámite de consultas establecido no artigo 37 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

7. Con data 7.5.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 metros reguladas no punto 3.1 do Psega respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

8. Con data 4.9.2020, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica da modificación substancial do proxecto do parque eólico Alto de Montouto á Xefatura Territorial de Pontevedra para a continuación da tramitación.

9. Mediante a Resolución do 8 de outubro de 2020, da Xefatura Territorial de Pontevedra, sometéronse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do proxecto do parque eólico Alto de Montouto, sito nos concellos da Cañiza e Covelo, da provincia de Pontevedra (expediente IN408A 2017/18).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 22.10.2020 e no xornal Faro de Vigo, do 26.10.2020. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Cañiza e Covelo) e nas dependencias da anterior Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, Xefatura Territorial de Pontevedra, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da anterior Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

10. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no número 11 do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Xefatura Territorial de Pontevedra remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal S.A., Cellnex Telecom, S.A., Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Red Eléctrica de España, S.A., Delegación do Goberno en Galicia (Demarcación de Estradas), Concello da Cañiza e Concello de Covelo.

A continuación cítanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal S.A.: o 25.10.2020; Cellnex Telecom, S.A.: o 29.11.2020; Dirección Xeral de Defensa do Monte: o 8.2.2021 e o 2.8.2021; Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal: o 18.1.2021; Red Eléctrica de España, S.A.: o 15.5.2022 e o 28.7.2022; Delegación do Goberno en Galicia (Demarcación de Estradas): o 15.12.2020, o 29.12.2020, o 8.1.2021, o 11.1.2021, o 17.1.2021 e o 22.2.2022, e Concello de Covelo: o 30.3.2021.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

11. Con data 17.3.2022, a xefatura territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

12. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello da Cañiza e Concello de Covelo.

Formalizada a tramitación ambiental, o 21.12.2022 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 22 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 5, do 9 de xaneiro de 2023).

Tal e como se indica na antedita declaración de impacto ambiental, e como consecuencia do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 19.2.2021, o promotor realiza unha serie de cambios no proxecto, que son unha nova traza para o vieiro V2 que afecta o ben Mámoa 1 do Alto do Montouto, cambio de situación do aeroxerador 1 (83 m ao NE da posición orixinal) e cambio de situación do aeroxerador 2 (57 m ao NO da posición orixinal).

13. Con data 1.2.2023, Alto de Montouto, S.L. presentou a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizados polos distintos organismos que emitiron informes durante o proceso de información pública e achegou unha declaración responsable en que indica que as modificacións incorporadas no Proxecto técnico de execución parque eólico Alto de Montouto. Xaneiro 2023, con número de visado 20230261, de data 31.1.2023, non afectan o sentido dos condicionados emitidos polos organismos e que, con base no anterior, se determina que non é necesario solicitar un novo informe sobre o condicionado técnico ante os seguintes organismos: Red Eléctrica de España, Concello de Covelo, Concello da Cañiza, Cellnex, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia (Ministerio de Fomento), Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal (DXPOF), Retegal, Dirección Xeral de Defensa do Monte (DXDM).

Alto de Montouto, S.L. remitiulle a esta dirección xeral unha addenda de valoración ambiental e un escrito en que indica que, como consecuencia dos informes emitidos polo IET en relación co expediente do Parque Eólico Alto de Montouto, derivan os seguintes cambios no proxecto técnico do parque eólico, respecto ao proxecto para o cal se outorgou a citada DIA (redución da altura do buxeiro dos aeroxeradores e incremento da potencia unitaria).

14. Con data 7.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle a emisión do informe a que fai referencia o artigo 33.7 ao órgano competente en materia do territorio como consecuencia do desprazamento dos aeroxeradores 1 e 2 por informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural mencionado no antecedente de feito décimo segundo.

15. Con data 9.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle a emisión do informe previsto no artigo 52.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, ao órgano competente en materia ambiental achegando a addenda de valoración ambiental remitida por Alto de Montouto, S.L. mencionada no antecedente de feito décimo terceiro.

16. Con data 1.3.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu informe sobre modificación das características do proxecto onde se indica que «Á vista dos cambios do proxecto sinalados na addenda de valoración ambiental comparativa das modificacións do parque eólico Alto de Montouto. Xaneiro 2023, non procede iniciar un novo trámite de avaliación ambiental ao considerar que as modificacións pretendidas non se atopan dentro dos supostos recollidos no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental e que, por outro lado, considérase que non existen obxeccións á modificación pretendida polo promotor, sempre que se cumpra o recollido na dita addenda».

17. Con data 10.3.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se conclúe que as coordenadas dos 5 aeroxeradores recollidas na memoria seguen cumprindo a referida distancia mínima de 500 m ás delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado.

18. Con data 10.3.2023, Alto de Montouto, S.L. presentou ante o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación o proxecto de execución refundido como resposta a un requirimento de emenda de documentación deste servizo do 7.3.2023.

19. O 24.3.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

20. Con data 29.3.2023 Alto de Montouto, S.L. presentou acordo vinculante para o uso compartido das instalacións de conexión de evacuación no nó Fontefría 220 kV.

21. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 21 MW, segundo o informe do xestor da rede do 25.6.2018 e do 16.10.2020.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais