Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 29 de maio de 2023 Páx. 32270

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Alto de Montouto, sito nos concellos da Cañiza e de Covelo (Pontevedra) e promovido por Alto de Montouto, S.L. (expediente IN408A/2017/018).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Alto de Montouto, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Alto de Montouto, constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data 26.10.2017, a promotora, Adelanta Corporación, S.A., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Alto de Montouto, sito nos concellos da Cañiza e de Covelo (Pontevedra). Con data 26.1.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas notificoulle ao promotor a admisión a trámite da dita solicitude.

Segundo. Con data 28.3.2018, a promotora, Adelanta Corporación, S.A., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial, para a modificación substancial do parque eólico Alto de Montouto, sito nos concellos da Cañiza e de Covelo (Pontevedra) pola modificación da localización do aeroxerador número 1 e do cambio de modelo de aeroxerador. Con data 3.9.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas notificoulle ao promotor a admisión a trámite da dita solicitude.

Terceiro. Con data 28.12.2018, Alto de Montouto, S.L. solicitou a transmisión de titularidade do expediente do parque eólico a favor desta sociedade e posteriormente, con data 28.1.2020, mediante Resolución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas autorizouse o cambio de titularidade do parque eólico Alto de Montouto de Adelanta Corporación, S.A. a favor de Alto de Montouto, SL.

Cuarto. Con data 22.10.2019, a promotora solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para unha nova modificación substancial do parque eólico Alto de Montouto, sito nos concellos da Cañiza e de Covelo (Pontevedra) pola modificación da localización final da subestación colectora denominada subestación colectora Alto da Telleira 220/30 kV. Con data 7.2.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas notificoulle ao promotor a admisión a trámite da dita solicitude.

Quinto. Con data 3.3.2020, e para os efectos de obter a relación de organismos e persoas interesadas segundo o disposto no artigo 33.4 da Lei 8/2009, así como o informe a que fai referencia o artigo 33.5 (na redacción de entón vixente da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental), esta dirección xeral procedeu a solicitar a emisión dos ditos informes ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia do territorio.

Sexto. Con data 27.3.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o informe coa relación de organismos e persoas interesadas a que debe pedir informe sobre o estudo de impacto ambiental (EIA) para cumprir co trámite de consultas establecido no artigo 37 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Sétimo. Con data 7.5.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 metros regulada no punto 3.1 do Psega respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Oitavo. Con data 4.9.2020, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica da modificación substancial do proxecto do parque eólico Alto de Montouto á Xefatura Territorial de Pontevedra para a continuación da tramitación.

Noveno. Mediante a Resolución do 8 de outubro de 2020, da Xefatura Territorial de Pontevedra, someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do proxecto do parque eólico Alto de Montouto, sito nos concellos da Cañiza e Covelo, da provincia de Pontevedra (expediente IN408A 2017/18).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 22.10.2020 e no xornal El Faro de Vigo, do 26.10.2020. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Cañiza e Covelo) e nas dependencias da anterior Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial de Pontevedra, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da anterior Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Décimo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no número 11 do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Xefatura Territorial de Pontevedra remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A., Cellnex Telecom, S.A., Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Red Eléctrica de España, S.A., Delegación do Goberno en Galicia (Demarcación de Estradas), Concello da Cañiza e Concello de Covelo.

A continuación cítanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal, S.A.: o 25.10.2020; Cellnex Telecom, S.A.: o 29.11.2020, Dirección Xeral de Defensa do Monte: o 8.2.2021 e o 2.8.2021; Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal: o 18.1.2021; Red Eléctrica de España, S.A.: o 15.5.2022 e o 28.7.2022; Delegación do Goberno en Galicia (Demarcación de Estradas): o 15.12.2020, o 29.12.2020, o 8.1.2021, o 11.1.2021, o 17.1.2021 e o 22.2.2022, e Concello de Covelo: o 30.3.2021.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo primeiro. Con data 17.3.2022, a Xefatura Territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo segundo. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Concello da Cañiza e Concello de Covelo.

Cumprimentada a tramitación ambiental, o 21.12.2022 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 22 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 5, do 9 de xaneiro de 2023).

Tal e como se indica na antedita declaración de impacto ambiental, e como consecuencia do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 19.2.2021, a promotora realiza unha serie de cambios no proxecto, que son unha nova traza para o vieiro V2 que afecta o ben Mámoa 1 do Alto do Montouto, cambio de situación do aeroxerador 1 (83 m ao NE da posición orixinal) e cambio de situación do aeroxerador 2 (57 m ao NO da posición orixinal).

Décimo terceiro. Con data 1.2.2023, Alto de Montouto, S.L. presentou a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos que emitiron informes durante o proceso de información pública e achegou unha declaración responsable en que indica que as modificacións incorporadas no Proxecto técnico de execución parque eólico Alto de Montouto. Xaneiro 2023, con número de visado 20230261, de data 31.1.2023, non afectan o sentido dos condicionados emitidos polos organismos e que, con base no anterior, se determina que non é necesario solicitar un novo informe sobre o condicionado técnico ante os seguintes organismos: Red Eléctrica de España, Concello de Covelo, Concello da Cañiza, Cellnex, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia (Ministerio de Fomento), Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal (DXPOF), Retegal, Dirección Xeral de Defensa do Monte (DXDM).

Alto de Montouto, S.L. remitiulle a esta dirección xeral unha addenda de valoración ambiental e un escrito no que indica que que, como consecuencia dos informes emitidos polo IET en relación co expediente do Parque Eólico Alto de Montouto, derivan os seguintes cambios no proxecto técnico do parque eólico, respecto ao proxecto para o cual se outorgou la citada DIA (redución da altura do buxeiro dos aeroxeradores e incremento da potencia unitaria).

Décimo cuarto. Con data 7.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle a emisión do informe a que fai referencia o artigo 33.7 ao órgano competente en materia do territorio como consecuencia do desprazamento dos aeroxeradores 1 e 2 por informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural mencionado no antecedente de feito décimo segundo.

Décimo quinto. Con data 9.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle a emisión do informe previsto no artigo 52.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia ao órgano competente en materia ambiental e achegou a addenda de valoración ambiental remitida por Alto de Montouto, S.L. mencionada no antecedente de feito décimo terceiro.

Décimo sexto. Con data 1.3.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu informe sobre modificación das características do proxecto onde se indica que «Á vista dos cambios do proxecto sinalados na addenda de valoración ambiental comparativa das modificacións do parque eólico Alto de Montouto. Xaneiro 2023, non procede iniciar un novo trámite de avaliación ambiental ao considerar que as modificacións pretendidas non se atopan dentro dos supostos recollidos no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental e que, por outro lado, considérase que non existen obxeccións á modificación pretendida pola promotora sempre que se cumpra o recollido na dita addenda.

Décimo sétimo. Con data 10.3.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se conclúe que as coordenadas dos 5 aeroxeradores recollidas na memoria seguen cumprindo a referida distancia mínima de 500 m ás delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado.

Décimo oitavo. Con data 10.3.2023, Alto de Montouto, S.L. presentou ante o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación o proxecto de execución refundido como resposta a un requirimento de emenda de documentación deste servizo do 7.3.2023.

Décimo noveno. O 24.3.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Vixésimo. Con data 29.3.2023, Alto de Montouto, S.L. presentou acordo vinculante para o uso compartido das instalacións de conexión de evacuación no nó Fontefría 220 kV.

Vixésimo primeiro. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 21 MW, segundo os informes do xestor da rede do 25.6.2018 e do 16.10.2020.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro) e polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, débese indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 21.12.2022, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido recibíronse informes dos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio e Concello de Covelo.

2. Con respecto á fragmentación do expediente do parque eólico Alto de Montouto (IN408A/2017/018) con outros proxectos industriais, cómpre efectuar as seguintes consideracións:

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria). Dito noutras palabras, as presuntas vantaxes que, desde o punto de vista da tramitación ambiental, podería ter un fraccionamento non son tales, xa que a existencia doutros parques eólicos nas proximidades obriga á realización do trámite ambiental ordinario para o novo parque.

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, esa suposta «fragmentación» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O estudo de impacto ambiental do parque eólico obxecto da presente resolución inclúe un estudo dos efectos sinérxicos con parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que que «...unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministro e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido delas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na dita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se debe perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo a superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, o parque eólico Alto de Montouto comparte infraestruturas de evacuación cos outros parques eólicos, o que non impide que os ditos parques teñan carácter unitario e que poidan funcionar de forma independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipos de corte e medida da enerxía, e que ao mesmo tempo supón unha redución dos impactos ambientais xerados.

Tal e como se menciona no antecedente de feito vixésimo, con data 29.3.2023 Alto de Montouto, S.L. presentou acordo vinculante para o uso compartido das instalacións de conexión de evacuación no nó Fontefría 220 kV, tal e como prescribe o artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, modificado polo Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica.

3. As alegacións de carácter urbanístico, relativas á cualificación do solo correspondente aos terreos afectados, serán consideradas no momento de proceder á resolución da aprobación do proxecto de interese autonómico. No que respecta ás distancias aos núcleos de poboación, cómpre manifestar que o proxecto que se aproba mediante esta resolución conta co informe favorable da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como se recolle no antecedente de feito décimo sétimo e onde se acredita que todos os núcleos poboacionais se encontran a unha distancia superior aos 500 metros da instalación.

4. No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en canto non se aprobe un novo, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «en canto non se aprobe un novo Plan sectorial eólico de Galicia, entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, e incorpora aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, é preciso manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, e publicouse o acordo no DOG do 15 de decembro.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos se cumpriu co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Xa que logo, este procedemento ambiental soamente obriga para aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

5. No caso de alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013 do 9 de decembro, de avaliación ambiental, por presentárense fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da dita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 21.12.2022, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso, sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan na vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo cal se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Alto de Montouto, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 21.12.2022, e recollida no antecedente de feito décimo segundo desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Alto de Montouto, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Alto de Montouto.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa das instalacións do parque eólico Alto de Montouto, sito nos concellos da Cañiza e de Covelo (Pontevedra) e promovido por Alto de Montouto, S.L., para unha potencia de 21 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción do proxecto de execución das instalacións do parque eólico Alto de Montouto, composto polo documento Proxecto de execución parque eólico Alto de Montouto, asinado polo enxeñeiro industrial José Ernesto Rodríguez Blanco (colexiado nº 1.185 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado no referido colexio co número 20230684, do 9.3.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

– Solicitante: Alto de Montouto, S.L.

– Domicilio social: Parque de San Lázaro nº 7, planta 1, 32.003 Ourense.

– Denominación: parque eólico Alto de Montouto.

– Potencia instalada: 22,5 MW.

– Potencia autorizada/evacuable: 21 MW.

– Produción neta: 68.393 MWh/ano.

– Horas equivalentes netas: 3.257 horas.

– Concellos afectados: A Cañiza e Covelo (Pontevedra).

– Orzamento de execución material (sen IVE): 16.110.214 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

556.330,00

4.678.424,00

2

557.000,00

4.678.424,00

3

557.000,00

4.675.400,00

4

556.650,00

4.674.700,00

5

556.650,00

4.673.000,00

6

556.150,00

4.671.000,00

7

554.500,00

4.671.000,00

8

554.500,00

4.673.650,00

9

554.000,00

4.674.000,00

10

554.003,00

4.674.501,00

11

556.000,00

4.675.400,00

12

556.330,00

4.676.919,00

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

555.258,00

4.673.773,00

2

555.112,00

4.673.390,00

3

555.339,00

4.673.119,00

4

555.310,00

4.672.785,00

5

555.260,00

4.672.457,00

Coordenadas do centro de seccionamento e medida (e da súa envolvente) e da arqueta receptora na subestación colectora Alto da Telleira:

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

CSM

555.254,57

4.673.753,28

A

555.256,15

4.673.758,27

B

555.259,20

4.673.755,72

C

555.253,00

4.673.748,29

D

555.249,94

4.673.750,85

Arqueta

556.163,00

4.677.975,00

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 5 aeroxeradores modelo V136 de 4,5MW de potencia nominal unitaria limitada a 4,2 MW do fabricante Vestas, cunha altura de buxa de 82 m, diámetro de rotor de 136 m, cos seus correspondentes centros de transformación, con potencia aparente de 5.300 kVA e relación de transformación de 0.72/30 kV.

– Rede eléctrica soterrada a 30 kV, dotada de dous circuítos, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e o centro de seccionamento e medida con condutores tipo RHZ1 18/30 Al de distintas seccións, e de saída do centro de seccionamento e medida ata a subestación colectora Alto da Telleira 220/30 kV con condutor tipo RHZ1 18/30 3×(1×400) Al. A mesma gabia incluirá ademais cablaxe de terra de Cu de 50 mm2 e condutores de fibra óptica.

– Centro de seccionamento e medida que conterá os seguintes elementos: celas de media tensión 30 kV para medida, seccionamento e protección de liñas de entrada/saída de circuítos; cela de medida con transformador de intensidade e tensión; cela de servizos auxiliares; armario de contadores para medida; armario rectificador-cargador. Tensión de 220 V AC e 48 V DC; armario de servizos auxiliares; cadro de control; armario de comunicacións e sistema de posta a terra en anel, que estará conectada coa posta a terra de ligazón do parque eólico.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Alto de Montouto, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 100.615 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberalle achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental de data 21.12.2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de acordo cos puntos 4.1.2 e 4.1.3 da DIA.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano As Built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para la Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 21.12.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais