Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 30 de maio de 2023 Páx. 32455

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 15 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o Programa de modernización do comercio: Fondo Tecnolóxico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO300G).

O 21 de xullo de 2020 o Consello Europeo aproba a creación do Programa NextGenerationEU como instrumento de estímulo económico en resposta á crise causada pola COVID-19.

O 10 de novembro de 2020 o Parlamento Europeo e o Consello alcanzan o acordo sobre o paquete de medidas que inclúe os fondos do NextGenerationEU e o Marco financeiro plurianual 2021-2027, creándose o Mecanismo de recuperación e resiliencia como instrumento de apoio aos Estados membros a través de transferencias directas e préstamos para incrementar os investimentos públicos e acometer reformas para paliar os devastadores danos producidos pola COVID-19.

O Regulamento (UE) núm. 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, sinala que os Estados membros elaborarán plans de recuperación e resiliencia nacionais para acollerse a este e alcanzar os obxectivos establecidos. En cumprimento deste regulamento, en virtude da Resolución da Subsecretaría de Asuntos Económicos e Transformación Dixital do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, do 29 de abril de 2021, publícase o Acordo do Consello de Ministros do 27 de abril de 2021 polo que se aproba o Plan de recuperación, transformación e resiliencia que define as estratexias para seguir no desenvolvemento dos fondos europeos de recuperación.

As medidas que recolle o Plan de recuperación, transformación e resiliencia cumpren cos seis piares establecidos polo antedito regulamento e articúlanse ao redor de catro eixes principais: a transición ecolóxica, a transformación dixital, a cohesión social e territorial e a igualdade de xénero. Estes catro eixes desenvólvense a través de dez políticas panca que integran 30 compoñentes ou liñas de acción para contribuír a alcanzar os obxectivos xerais do plan.

Esta orde encádrase no marco do Mecanismo de recuperación e resiliencia dentro do Compoñente 13: Impulso á peme e Investimento I4: Apoio ao comercio, onde se integra o Programa de modernización do comercio: Fondo Tecnolóxico como actuación 1.2.

Neste marco resultan de aplicación o Regulamento (UE) 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece o instrumento de recuperación da Unión Europea para apoiar a recuperación, tras a crise da COVID-19; o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como o Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. Así mesmo, resultan de aplicación a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; a Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; a Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que deben proporcionar as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento dos fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; o Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046, do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión; así como o resto de normas da Unión Europea sobre a materia e estatais de desenvolvemento ou transposición daquelas.

A Conferencia Sectorial de Comercio Interior na súa reunión do día 9 de maio de 2022 aproba o acordo polo que se fixan os criterios de distribución, así como a repartición resultante para as comunidades autónomas e cidades autónomas de Ceuta e Melilla, do crédito destinado ao Programa de modernización do comercio: Fondo Tecnolóxico, por un importe total de 100 millóns de euros para os exercicios 2022 e 2023, no marco do Compoñente 13 Investimento I4.1.2 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. O dito acordo publícase a través da Resolución do 19 de maio de 2022, da Secretaría de Estado de Comercio.

O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na comunidade autónoma para este período, así como o Plan de investigación e innovación de Galicia 2022-2024, que concreta desde un punto de vista operativo este marco estratéxico.

A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e a sociedade galega. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres prioridades temáticas transversais e, pola outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos, arredor dos cales articula os instrumentos e actuacións que se van desenvolver integrados nos correspondentes programas.

Neste contexto, o segundo reto da RIS3 impulsa o aumento da intensidade tecnolóxica e a innovación nos procesos produtivos a través de tecnoloxías facilitadoras. En relación con este reto, dúas prioridades son a sustentabilidade e a dixitalización das cadeas de valor, non só na xeración de novos produtos, senón tamén na mellora dos procesos. Nesta liña, a RIS3 impulsa a mellora das vías de comercialización.

Os instrumentos, apoios e actuacións que se desenvolven no marco da RIS3 en relación con cada obxectivo estratéxico recóllense nos correspondentes programas. Estes instrumentos poden ser horizontais en relación cos retos e prioridades, pero tamén poden dirixirse a prioridades e ámbitos de priorización concretos, debido á existencia de características ou necesidades diferenciadas dos axentes, cadeas de valor e mercados relacionados con cada un deles, ou polo tipo de fondo que as financia.

O obxectivo estratéxico 2 busca incrementar o número de empresas innovadoras, facilitando en especial que as máis pequenas incorporen a innovación nas diferentes etapas do seu proceso produtivo.

En consecuencia, a presente convocatoria enmárcase na RIS3 respondendo ao reto 2, a través das prioridades 1 (Sustentabilidade) e 2 (Dixitalización). Ten como obxectivo estratéxico incrementar o número de empresas innovadoras (obxectivo estratéxico 2), integrándose polo tanto no programa Innova e Emprende.

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.1.4 do Estatuto de autonomía de Galicia lle atribúe á nosa comunidade autónoma.

O Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, indica que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, a coordinación e o control das competencias da consellería en materia de comercio interior. Dentro destas cabe sinalar, especificamente, a promoción, o fomento, a modernización e o desenvolvemento do comercio e a programación e a xestión de axudas destinadas a estes fins, así como a modernización tecnolóxica e a mellora da eficiencia dos comercios do tecido de Galicia.

No Diario Oficial de Galicia do 30 de decembro de 2022 publicouse unha primeira convocatoria de axudas para a adaptación e incorporación de infraestruturas tecnolóxicas que constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio. É preciso continuar promovendo a modernización e a dixitalización do tecido comercial para dar resposta ás novas necesidades tanto dos/das comerciantes como das persoas consumidoras, o que permitirá a rexeneración comercial das vilas e cidades galegas.

Esta liña de axudas fomentará a incorporación de novas tecnoloxías que permitan ás pemes do comercio local, de forma individual ou mediante as asociacións do sector, dar resposta aos novos hábitos de consumo e que impacten na transformación dixital e sustentabilidade dos propios establecementos e do seu modelo de negocio, co obxectivo xeral de axudar ás pequenas e medianas empresas a adaptarse á dixitalización do sector comercial e ao cambio de comportamento das persoas consumidoras.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación para o Programa de modernización do comercio: Fondo Tecnolóxico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento CO300G).

Así mesmo, por medio desta orde procédese á segunda convocatoria das devanditas subvencións para o ano 2023.

2. A xestión destas subvencións realizarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata o esgotamento do crédito de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

3. Para a concesión destas subvencións destinaranse 3.800.000,00 € con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea NextGenerationEU, que serán imputados ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023:

Aplicación orzamentaria

Importe (€)

Persoas beneficiarias

05.04.751A.770.7

3.300.000,00

Artigo 3.1.1.1 do anexo I

05.04.751A.781.2

500.000,00

Artigo 3.1.1.2 do anexo I

4. Esta cantidade poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou a existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser unha persoa beneficiaria da subvención deberá presentarse unha solicitude dirixida á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar, forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

1. Unha vez recibidas as solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As solicitudes presentaranse en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta orde de convocatoria e resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade.

Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data para ter en conta será a data e hora de presentación da solicitude. No caso de presentación de achegas ou de que a solicitude requira emenda, terase en conta a data e hora en que a persoa solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida.

No caso de que máis dunha solicitude teña a mesma data de presentación, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.

3. As subvencións serán concedidas ata o esgotamento do crédito orzamentario de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A proposta de concesión formularaa o órgano instrutor, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos exixidos para conceder a subvención.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación das solicitudes entre si, polo interese excepcional en promover actuacións que favorezan a dixitalización e contribúan á sustentabilidade do pequeno comercio.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que a persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código CO300G, poderase obter información a través dos seguintes medios:

1) Na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal

2) Na páxina web oficial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación http://ceei.xunta.gal/portada, na súa epígrafe de axudas.

3) Nos teléfonos da Dirección Xeral de Comercio e Consumo 881 99 55 29 e 981 54 55 57.

4) No enderezo electrónico cei.dxc.axudas@xunta.gal

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

2. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Artigo 9. Recursos

Contra a presente orde, que pon fin a vía administrativa, poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional única. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2023

Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia
non competitiva, de subvencións para o Programa de modernización
do comercio: Fondo Tecnolóxico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento CO300G)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o financiamento de proxectos de contido tecnolóxico, innovador e sustentable dirixidos a impulsar o emprego das novas tecnoloxías no sector comercial.

Establécense dúas liñas de axudas:

– Liña destinada a persoas autónomas e pequenas e medianas empresas comerciais.

– Liña destinada a asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro.

2. As axudas financiadas de acordo con esta orde enmárcanse no Compoñente 13 Impulso á peme, Investimento I4 Apoio ao comercio, actuación 1.2 Programa de modernización do comercio: Fondo tecnolóxico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (en diante, PRTR).

Os proxectos subvencionables no marco do PRTR son os seguintes:

– Proxectos de novas tecnoloxías dirixidas a mellorar diferentes áreas da estratexia comercial en liña e en comunicación, do modelo de negocio e da experiencia de compra (gastos referidos á transformación dixital).

– Proxectos de novas tecnoloxías para a adaptación do espazo físico de venda, tanto ás novas necesidades e hábitos dos/das consumidores/as como aos novos modelos de xestión (gastos referidos á transformación do punto de venda).

– Proxectos de solucións tecnolóxicas para mellorar a eficiencia e sustentabilidade da entrega da última milla (gastos relativos á cadea de subministración e rastrexabilidade).

– Proxectos de aplicación de solucións tecnolóxicas para mellorar a eficiencia no consumo enerxético e dos recursos (gastos relativos á sustentabilidade e economía circular).

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).

4. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.

En concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas no artigo 4 destas bases reguladoras sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 29 de setembro de 2023.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. Para a concesión destas subvencións destínanse 3.800.000,00 € con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea NextGenerationEU, que se imputarán ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023:

Aplicación orzamentaria

Importe (€)

Persoas beneficiarias

05.04.751A.770.7

3.300.000,00

Artigo 3.1.1.1 do anexo I

05.04.751A.781.2

500.000,00

Artigo 3.1.1.2 do anexo I

2. De existir remanente nunha aplicación orzamentaria, poderase reasignar a contía sobrante na outra aplicación. A reasignación levarase a cabo, logo da modificación orzamentaria pertinente, sen necesidade de facer unha nova publicación do importe dos créditos.

3. A natureza destas subvencións xustifica realizar pagamentos anticipados, que supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes a estas, de ata un 50 % da subvención concedida nos termos establecidos no artigo 6 destas bases reguladoras.

4. A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

5. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas e subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.

1. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos procedentes de calquera Administración ou entidade, pública ou privada, nacional ou internacional, que cubran os mesmos custos, e non se poderá incorrer en dobre financiamento, de conformidade co artigo 9 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento e do Consello, do 12 de febreiro de 2021.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas persoas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1. Liña de axudas destinada a persoas autónomas e pequenas e medianas empresas comerciais.

As persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que o establecemento comercial para o cal se solicita a axuda teña carácter físico e permanente e estea situado na Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de comerciantes que realicen a actividade comercial en liña ou comerciantes ao retallo fóra dun establecemento comercial permanente, deberán ter o domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia. As páxinas web deberán cumprir os requisitos que figuran no anexo XIII.

b) Que teña a condición de peme conforme o establecido no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 187, do 26 de xuño).

Para a consideración de pequena e mediana empresa observarase o disposto na Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOUE núm. L 124/36, do 20 de maio de 2003), establecendo para estes efectos que:

Categoría de empresa

Persoal: unidades
de traballo anual

Volume de negocio anual (€)

Balance xeral anual (€)

Micro

<10

≤ 2 millóns

≤ 2 millóns

Pequena

<50

≤ 10 millóns

≤ 10 millóns

Mediana

<250

≤ 50 millóns

≤ 43 millóns

c) Que a actividade principal do negocio se corresponda con algunha das actividades incluídas nos códigos 46 ou 47 da Clasificación nacional de actividades económicas 2009 (CNAE-2009) aprobada polo Real decreto 475/2007, do 13 de abril, polo que se aproba a Clasificación nacional de actividades económicas 2009 (CNAE-2009).

En todo caso, requirirase que a actividade principal estea dada de alta nalgunha epígrafe do imposto de actividades económicas que se corresponda coas actividades incluídas nos CNAE 46 ou 47, agás as epígrafes 616, 654 e 655 así como calquera outra actividade económica que non se considere subvencionable de acordo co disposto nestas bases reguladoras.

No caso de que no establecemento se exerzan de maneira simultánea actividades subvencionables con outras non subvencionables, a persoa solicitante deberá acreditar mediante declaración responsable que a actividade comercial subvencionable é a principal (anexo III).

1.2. Liña de axudas destinada a asociacións de comerciantes.

As asociacións e federacións de comerciantes sen ánimo de lucro, legalmente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que teñan entre os seus fins estatutarios a defensa dos intereses do sector comercial.

b) Que teñan a sede social e ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que teñan unha antigüidade mínima de tres anos na data da publicación desta orde.

d) No caso de asociacións de ámbito municipal, que teñan o número mínimo de comercios asociados dados de alta nalgunha das epígrafes do IAE establecidas na liña 1.1.c) deste artigo, en función da poboación do concello, que se indica a continuación:

Poboación concello

Mínimo comercios asociados

Menos de 5.000 habitantes

10

De 5.000 a 20.000 habitantes

20

Máis de 20.000 habitantes

50

En todo caso, o número de comercios asociados debe representar, como mínimo, o 40 % do número de socios da asociación.

e) No caso de federacións, que teñan ámbito provincial ou autonómico e teñan asociadas un mínimo de 15 asociacións de comerciantes que cumpran, ademais, os requisitos establecidos na letra d).

2. Non serán beneficiarios destas axudas as empresas que se atopen en situación de crise, conforme a definición que, para estes efectos, se realiza no Regulamento UE 651/2014, do 17 de xuño de 2014, e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación da Comisión, 2014/C 249/1, do 31 de xullo de 2014); os/as solicitantes incluídos/as na epígrafe 1.1.1. deste artigo que resultasen beneficiarios/as no ano 2023 da Orde CO300G para o mesmo programa subvencionable; os/as solicitantes incluídos/as no punto 1.1.2. deste artigo que resultasen beneficiarios/as no ano 2023 da Orde CO300G para a mesma actuación subvencionable nin os/as solicitantes que fosen obxecto dun procedemento de reintegro total nas axudas convocadas en materia de comercio pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación nos anos 2021 e 2022.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. Consideraranse actuacións subvencionables a implantación e posta en marcha de:

1.1. Liña de axudas destinada a persoas autónomas e pequenas e medianas empresas comerciais.

1.1.1. Programa smart retail dirixido á transformación dixital do punto de venda e modelo de negocio, a través das seguintes actuacións:

a) Software de xestión de experiencia da clientela (aplicacións big data e análise de datos).

b) Etiquetado electrónico para lineais de venda.

c) Tecnoloxía de control stocks e tecnoloxía RFID.

d) Xestor de colas automatizado.

e) Sistemas de click and collect e locker dixitais.

f) Probadores interactivos.

g) Software para a xestión loxística do e-commerce.

h) Solucións de ciberseguridade.

i) Asistentes virtuais e sistemas dixitais interactivos (chatbots).

j) Aplicacións para dispositivos móbiles (m-commerce).

k) Terminais de autopagamento para a clientela.

1.1.2. Programa visual merchandising dirixido á mellora da experiencia de compra, a través das seguintes actuacións:

a) Escaparates virtuais con ou sen interacción coa clientela.

b) Estantes virtuais.

c) Pantallas e mesas interactivas.

d) Tótems publicitarios.

e) Encerados dixitais.

f) Aplicacións de realidade virtual e aumentada.

En todo caso, as actuacións comprendidas nas letras a), b), c), d) e e) deberán situarse no punto de venda e incluír o software para a programación e emisión de contidos dixitais. Consideraranse subvencionables os gastos relativos á elaboración destes contidos.

1.1.3. Programa Green Store dirixido á mellora da eficiencia enerxética do local e dos recursos, a través das seguintes actuacións:

a) Portas automáticas con sensores de proximidade que redunden nunha mellora da eficiencia enerxética no ámbito térmico do local.

b) Sistemas de iluminación enerxeticamente eficientes e sensores de presenza para a regulación automática de luces que melloren e optimicen o consumo de enerxía eléctrica.

c) Sistemas de climatización enerxeticamente eficientes.

1. Liña de axudas destinada a asociacións de comerciantes.

a) Mupis dixitais, interactivos ou non, de sinalización e promoción das áreas comerciais en espazos públicos.

b) Ferramentas dixitais colaborativas entre os asociados.

c) Sistemas de click and collect e lockers dixitais.

d) Redes wifi nas áreas comerciais.

e) Redución de insumos por parte dos comercios e das persoas consumidoras nos establecementos mediante a implantación de alternativas respectuosas co ambiente.

f) Elaboración e posta en marcha de procesos ecoeficientes para a correcta separación dos residuos e a súa posterior reciclaxe e valoración que inclúan a participación de todos os asociados. Consideraranse subvencionables os gastos relativos á adquisición de elementos para o correcto reciclaxe dos residuos.

g) Proxectos de aplicación de solucións tecnolóxicas conxuntas para mellorar a eficiencia no consumo enerxético que inclúan a participación de todos os asociados.

2. Investimentos máximos subvencionables (IVE excluído):

2.1. Liña de axudas destinada a persoas autónomas e pequenas e medianas empresas comerciais.

Persoas beneficiarias

Investimento máximo subvencionable

Persoas autónomas e pemes de 0 a 10 persoas traballadoras

50.000,00 €

Persoas autónomas e pemes de 11 a 50 persoas traballadoras

100.000,00 €

Persoas autónomas e pemes de 51 a 250 persoas traballadoras

200.000,00 €

2.2. Liña de axudas destinada as asociacións de comerciantes.

Persoas beneficiarias

Investimento máximo subvencionable

Asociacións de 10 a 19 comercios asociados

20.000,00 €

Asociacións de 20 a 49 comercios asociados

40.000,00 €

Asociacións de 50 ou máis comercios asociados

60.000,00 €

Federacións de comerciantes

100.000,00 €

3. Investimento mínimo subvencionable (IVE excluído):

O investimento mínimo que se debe realizar para que o proxecto se considere subvencionable ascende a 2.000,00 € (IVE excluído).

4. Intensidade da axuda:

A porcentaxe da subvención será do 90 % dos investimentos máximos subvencionables establecidos neste artigo.

5. Non se considerarán gastos subvencionables:

– Os ordenadores persoais e servidores, televisores, impresoras, terminais de punto de venda, tablets, displays, consolas ou similares, agás o mobiliario tecnolóxico previsto no punto 1 deste artigo.

– Os gastos realizados en establecementos dedicados exclusivamente ás máquinas de venda automática.

– Os gastos dedicados a actividades que non constitúan a actividade comercial principal da persoa solicitante.

– Os custos de adquisición de investimentos ou os gastos subvencionables superiores ao valor de mercado.

– Os impostos indirectos nin os tributos de calquera natureza, licenzas, permisos ou gastos similares. O IVE non será subvencionable en ningún caso.

– Os gastos de arrendamento de establecementos ou gastos correntes da actividade da persoa beneficiaria nin os gastos de persoal.

– O seguimento, mantemento ou calquera outro gasto relacionado co funcionamento e mellora da solución tecnolóxica tras a súa implementación.

– Os traballos realizados pola propia persoa solicitante da subvención nin aquelas actuacións cando o/a vendedor/a dos activos ou o/a prestador/a da actividade sexa da propia empresa ou asociación solicitante ou se dese un suposto análogo do que se puidese derivar autofacturación.

– Os elementos de transporte.

– Os gastos financeiros, reestruturacións de pasivo ou refinanzamentos, circulante e outros impostos ou taxas. Así mesmo, non serán subvencionables os gastos bancarios de calquera tipo de operación, así como aqueles que xeren autofacturación.

– Os inmobles ou artigos de exposición e de proba susceptibles de posterior venda ao público e a instalación de expositores de carácter temporal.

– Nos proxectos de redución de insumos, os elementos de packaging que non sexan reutilizables (no caso de bolsas) e elaborados con materiais que non sexan 100 % reciclados e biodegradables. O investimento máximo subvencionable para os elementos de packaging non poderá superar o 5 % do investimento máximo subvencionable establecido para cada persoa beneficiaria na epígrafe 2.2 deste artigo.

– Os proxectos desenvolvidos polas federacións e asociacións de comerciantes que sexan coincidentes no mesmo territorio e teñan a mesma identidade en canto a actuación, finalidade e obxectivos. En caso de coincidencia, aplicarase a orde de prelación establecida no artigo 4 da orde de convocatoria.

– Os proxectos cuxo investimento non se axuste ao volume de negocio anual e ás necesidades da persoa solicitante.

– Os proxectos que non respecten plenamente as normas e prioridades da Unión Europea en materia climática e ambiental e o principio de «non causar un prexuízo significativo» no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2019/2088. En calquera caso, non serán financiables as actividades incluídas en lista de exclusión establecida na Decisión de Execución do Consello para este investimento:

• As actividades relacionadas cos combustibles fósiles, incluída a utilización ulterior destes (excepto os proxectos no marco desta medida relacionados coa xeración de electricidade e/ou calor utilizando gas natural, así como coa infraestrutura de transporte e distribución conexa, que cumpran as condicións establecidas no anexo VIII da Guía técnica sobre a aplicación do principio de «non causar un prexuízo significativo» (DO C 58 de 18.2.2021, p.1).

• As actividades no marco do réxime de comercio de dereitos de emisión da UE (RCDE) en relación coas cales se prevexa que a emisións de gases de efecto invernadoiro que van provocar non se situarán por baixo dos parámetros de referencia pertinentes (cando se prevexa que as emisións de gases de efecto invernadoiro provocadas pola actividade subvencionada non van ser significativamente inferiores aos parámetros de referencia pertinentes, deberá facilitarse unha explicación motivada respecto diso. Parámetros de referencia establecidos para a asignación gratuíta de dereitos de emisión en relación coas actividades que se inscriben no ámbito de aplicación do réxime de comercio de dereitos de emisión, segundo o establecido no Regulamento de Execución (UE) 2021/447 da Comisión).

• As actividades relacionadas con vertedoiros de residuos, incineradoras (esta exclusión non se aplica ás accións emprendidas no marco desta medida en plantas dedicadas exclusivamente ao tratamento de residuos perigosos non reciclables, nin ás plantas existentes, cando as ditas accións teñan por obxecto aumentar a eficiencia enerxética, capturar os gases de escape para o seu almacenamento ou utilización, ou recuperar materiais das cinzas de incineración, sempre que tales accións non comporten un aumento da capacidade de tratamento de residuos das plantas ou unha prolongación da súa vida útil; estes pormenores deberán xustificarse documentalmente por cada planta), plantas de tratamento mecánico-biolóxico (esta exclusión non se aplica ás accións emprendidas no marco desta medida nas plantas de tratamento mecánico-biolóxico existentes, cando as ditas accións teñan por obxecto aumentar a súa eficiencia enerxética ou o seu reacondicionamento para operacións de reciclaxe de residuos separados, como a compostaxe e a dixestión anaerobia de biorresiduos, sempre que tales accións non comporten un aumento da capacidade de tratamento de residuos das plantas ou a unha prolongación da súa vida útil; estes pormenores deberán xustificarse documentalmente por cada planta).

• As actividades en que a eliminación a longo prazo de residuos poida causar danos ao ambiente.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo II, a seguinte documentación:

1.1. Liña de axudas destinada a persoas autónomas e pequenas e medianas empresas comerciais.

a) Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, debidamente legalizados, de ser o caso. A referida documentación deberá acreditar que o obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención.

b) Documento acreditativo de poder bastante para actuar ante a Administración da persoa representante legal da persoa solicitante ou o modelo de representación para procedementos ante a Xunta de Galicia que figura na sede electrónica, debidamente cuberto e asinado.

c) No caso de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, os compromisos de execución asumidos por cada persoa integrante da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada unha, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. Deberá nomearse unha persoa representante única da agrupación, con poder suficiente para cumprir as obrigas que corresponden á agrupación. Non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo IV).

d) Declaración responsable do cumprimento das condicións para o acceso a axuda (anexo III).

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar os documentos preceptivos co obxecto de efectuar as comprobacións oportunas. De non cumprir co asinado na declaración responsable, procederase ao inicio do expediente de reintegro da subvención concedida de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Informe emitido pola Seguridade Social de todos os códigos de conta de cotización da persoa solicitante en que figure o número de persoas traballadoras na data de presentación de solicitudes ou acreditación de non estar inscrita como empresario/a, se é o caso.

1.2. Liña de axudas destinada a asociacións de comerciantes.

a) Acta e estatutos de constitución e modificacións posteriores e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente, se é o caso.

b) Poder suficiente da persoa representante da entidade solicitante.

c) Composición actualizada da xunta directiva da entidade asociativa.

d) Declaración responsable da persoa que ten a presidencia ou a representación da entidade solicitante de ter aprobadas as contas anuais pola xunta directiva da entidade asociativa nos tres últimos exercicios previos a esta orde de convocatoria (anexo III).

e) Declaración responsable da persoa que ten a presidencia ou a representación da entidade solicitante do número total de membros asociados e do número de comercios asociados (anexo III). Achegarase a listaxe dos comercios asociados detallando, para cada un deles, o nome do local, a actividade que desenvolve e o código de clasificación do imposto de actividades económicas (IAE).

f) De solicitar mupis dixitais, comunicación ao concello da súa instalación.

1.3. Documentación común ás liñas 1.1 e 1.2.

a) Memoria detallada de cada unha das actuacións para as cales se solicita a subvención, anexo V, que deberá incluír:

– Unha descrición detallada de cada unha das actuacións concretas para as cales se solicita a subvención.

– Os obxectivos e a valoración económica das actuacións que se pretenden executar cun orzamento desagregado en que se detallen de forma separada os conceptos e custos obxecto da axuda.

– Unha descrición dos contidos e da planificación da súa emisión, así como o software para a dita emisión, no caso de solicitar as seguintes actuacións:

Probadores interactivos.

Aplicación para dispositivos móbiles (m-commerce).

Escaparates virtuais con ou sen interacción coa clientela.

Pantallas e mesas interactivas.

Tótems publicitarios.

Encerados dixitais.

Aplicación de realidade virtual e aumentada.

Mupis dixitais de sinalización e promoción en áreas comerciais.

b) Facturas ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades ou adquisicións para as cales se solicita subvención.

Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas pola persoa solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto, nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nel.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de persoas ou entidades que as realicen, presten ou subministren ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección dos provedores cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, errores idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

c) Declaración responsable sobre o cumprimento do principio de non causar prexuízo significativo aos seis obxectivos ambientais (DSNH) de acordo co artigo 17 do Regulamento (EU) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (EU) 2019/2088 e de que as actuacións subvencionables cumpren a normativa ambiental autonómica, estatal e comunitaria (anexo VI).

d) Declaración de cesión e tratamento de datos en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) (anexo VII).

e) Declaración de compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) (anexo VIII).

f) Compromiso de conceder os dereitos e os accesos necesarios para garantir que a Comisión, a Oficina Europea da Loita contra a Fraude (OLAF), o Tribunal de Contas Europeo, a Fiscalía Europea e as autoridades nacionais competentes exerzan as súas competencias (anexo III).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Pagamento anticipado

1. A persoa solicitante poderá solicitar, no prazo de dez días hábiles desde a notificación da concesión da subvención, o pagamento anticipado, que supoñerá entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, de ata un 50 % da subvención concedida, coa obriga de constituír garantía no caso de subvencións superiores a 18.000,00 euros, nos termos previstos a continuación.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria.

3. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

4. Unicamente serán admisibles as garantías presentadas por terceiros cando o fiador preste fianza con carácter solidario, renunciando expresamente ao dereito de excusión.

5. A persoa avalista ou aseguradora será considerada parte interesada nos procedementos que afecten directamente a garantía prestada nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. As garantías deberán constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nas delegacións territoriais da consellería competente en materia de facenda.

7. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude de anticipo, anexo X, a declaración doutras axudas, anexo XI, debidamente asinadas e, no caso de que a subvención concedida sexa superior a 18.000,00 euros, deberán achegar, ademais, o resgardo orixinal do depósito da garantía na Caixa Xeral de Depósitos.

8. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano correspondente.

9. En ningún caso poderán realizarse pagamentos anticipados a persoas beneficiarias cando se solicitase a declaración de concurso, fosen declaradas insolventes en calquera procedemento ou se atopen declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estean suxeitas a intervención xudicial ou sexan inhabilitadas conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) Imposto de actividades económicas.

e) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa AEAT para subvencións e axudas.

f) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Facenda da Xuntade Galicia.

h) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

j) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario que corresponda e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 8. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, así como para realizar a proposta de resolución, e corresponderalle á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación ditar a resolución que corresponda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

Artigo 9. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fai, se considerará por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 7 destas bases reguladoras resulta que a entidade solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma ou coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na alínea d) do artigo 53.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderáselle requirir á persoa solicitante que xunte cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarias para a tramitación e resolución do procedemento.

Así mesmo, o órgano instrutor poderá realizar, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido no artigo 3 da orde de convocatoria.

Artigo 10. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poñeráselles de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas.

Artigo 11. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o/a instrutor/a formulará a proposta de resolución que se elevará, a través do órgano instrutor, á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

2. A persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

A dita resolución será publicada na web http://ceei.xunta.gal e notificada ás persoas beneficiarias de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá a persoa beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de cinco meses contados a partir do seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as/os interesadas/os poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Nesa notificación comunicarase o importe previsto da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, e o seu carácter de axuda de minimis, en aplicación do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).

As resolucións de inadmisión ou desestimación de solicitudes notificaranse individualmente, con indicación das súas causas. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia, coa indicación de que as persoas non beneficiarias consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, a persoa solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria, para o cal se cumprirán, en todo caso, os seguintes requisitos:

1º. Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

2º. Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

3º. Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

3. A persoa beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de trinta días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia ás entidades interesadas na forma prevista no artigo 10 destas bases reguladoras.

Artigo 14. Renuncia

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Con carácter xeral, son obrigas das persoas beneficiarias as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En concreto, as seguintes:

1º. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

2º. Xustificar, ante o órgano concedente, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

3º. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, ou a calquera outra actuación, xa sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4º. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.3 destas bases reguladoras. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

5º. Acreditar, con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6º. Manter os investimentos subvencionados destinados ao fin concreto para o que se concedeu a subvención durante un período de catro anos desde a súa concesión ou durante a súa vida útil, conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O cumprimento deste requisito estará suxeito a comprobacións a criterio do órgano xestor das axudas.

7º. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso.

8º. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9º. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

10º. Dar cumprimento á obriga da adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do disposto no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e artigo 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Así mesmo, deben cumprir coas obrigas de información e publicidade que as autoridades competentes establezan relativas ao financiamento do Mecanismo de recuperación e resiliencia, indicadas no artigo 16 destas bases reguladoras.

2. Así mesmo, son obrigas das persoas beneficiarias as relativas ao financiamento do Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea. En concreto, as seguintes:

1º. Someterse ás actuacións de control das institucións da Unión en virtude do artigo 22.2.e) do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro.

2º. Recadar, para efectos de auditoría e control do uso de fondos e en formato electrónico, as categorías harmonizadas de datos recollidas no artigo 22.2.d) do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro. Os ditos datos serán incorporados nunha base de datos única.

3º. Ser responsable da fiabilidade e o seguimento da execución das actuacións subvencionables, de maneira que poida coñecerse en todo momento o nivel de consecución de cada actuación.

4º. Establecer mecanismos que aseguren que as actuacións que van desenvolver terceiros contribúen ao logro das actuacións previstas e que os ditos terceiros acheguen a información que, de ser o caso, sexa necesaria para determinar o valor dos indicadores, fitos e obxectivos pertinentes do plan de recuperación.

5º. Asumir o mantemento dunha adecuada pista de auditoría das actuacións realizadas no marco desta subvención e a obriga de mantemento da documentación soporte.

6º. Ter a obriga de asegurar a regularidade do gasto subxacente e a adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude e a corrupción, previr o conflito de interese e o dobre financiamento.

7º. Manter un rexistro e conservar os documentos da actividade financiada polo Mecanismo de recuperación e resiliencia, os datos estatísticos e demais documentación que concirna ao financiamento, así coma os rexistros e documentos en formato electrónico durante un período de cinco anos a partir do pagamento do saldo ou, na falta do dito pagamento, da operación. Este período será de tres anos se o financiamento é dun importe inferior ou igual a 60.000 euros, de acordo co establecido no artigo 22.2 letra f) do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e ao artigo 132 do Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018.

8º. No deseño e execución das actuacións subvencionadas, garantir o respecto ao principio de «non causar un prexuízo significativo» ou segundo as súas siglas en inglés «DNSH» de Do Not Substancial Harm conforme o previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), no Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e a súa normativa de desenvolvemento, en particular a Comunicación da Comisión, Guía técnica sobre a aplicación do principio de «non causar un prexuízo significativo» en virtude do Regulamento relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia, así como co requirido na Decisión de Execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do plan de recuperación e resiliencia de España, así como cumprir coa normativa ambiental autonómica, estatal e comunitaria (anexo VI).

9º. Cumprir coas obrigacións relacionadas coa cesión e o tratamento de datos sobre a execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) e de compromiso en relación coa execución de actuacións do mesmo plan (PRTR), coa finalidade de cumprir cos puntos 2 e 3 do artigo 22 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021 (anexo VII).

10º. As obrigas relacionadas co compromiso de cumprimento dos principios transversais establecidos no PRTR (anexo VIII).

11º. En caso de adquirir equipamentos de tecnoloxías de información permitidos, asegurarse de que estes cumpran cos requisitos relacionados coa enerxía establecidos de acordo co disposto no Real decreto 187/2011, do 18 de febreiro, relativo ao establecemento de requisitos de deseño ecolóxico aplicables aos produtos relacionados coa enerxía para servidores de computadoras ou pantallas electrónicas. Nestas adquisicións activar medidas para asegurar a compra daqueles equipamentos enerxeticamente eficientes, que sexan absolutamente respectuosos co Código de conduta para as TIC da Comisión Europea, e tomar medidas para que aumente a durabilidade, a posibilidade de reparación, de actualización e de reutilización dos produtos, dos aparellos eléctricos e electrónicos implantados.

Artigo 16. Obrigas específicas de publicidade

1. De acordo co artigo 34.2 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, os perceptores de fondos da Unión farán mención da orixe deste financiamento e velarán por darlle visibilidade, incluído, cando cumpra, mediante o emblema da Unión e unha declaración de financiamento adecuado que indique «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU», en particular, cando promovan as accións e os seus resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público.

En concreto, as persoas beneficiarias das axudas estarán obrigadas a dar publicidade e identificar a participación das administracións públicas no financiamento dos proxectos e actividades subvencionables. Esta difusión realizarase de conformidade coas prescricións contidas no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei, e no Acordo de financiamento entre a Comisión Europea e o Reino de España na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

2. Para o adecuado cumprimento do previsto no artigo 10 do Acordo de financiamento, en todos os proxectos e subproxectos que se desenvolvan en execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia en carteis informativos, placas, publicacións impresas e electrónicas, material audiovisual, páxinas web, anuncios e insercións en prensa, certificados, etc. deberanse incluír os seguintes logos que poden encontrarse no enlace https://planderecuperacion.gob.es/identidad-visual:

1º. O emblema da Unión Europea.

2º. Xunto co emblema da Unión, incluirase o texto «Financiado pola Unión Europea-NextGeneration EU» xunto ao logo do PRTR.

3º. Teranse en conta as normas gráficas e as cores normalizadas establecidas no anexo II do Regulamento de execución 821/2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ás modalidades concretas de transferencia e xestión das contribucións do programa, a presentación de información sobre os instrumentos financeiros, as características técnicas das medidas de información e comunicación das operacións, e e o sistema para o rexistro e o almacenamento de datos. Tamén se puíde consultar a seguinte páxina web: http://publications.europa.eu/code/es/es-5000100.htm e descargar distintos exemplos do emblema en: https://europa.eu/european-union/about-eu/symbols/flag_es#download

Toda a información relativa ao financiamento deberá colocarse nun lugar ben visible e accesible ao público, así como adecuarse á actuación subvencionada tanto na súa forma como na súa duración.

Para os efectos do cumprimento da obriga establecida no artigo 15 destas bases reguladoras, no caso de actuacións anteriores á data da publicación desta orde de convocatoria, as persoas beneficiarias deberán dar publicidade do financiamento do proxecto mediante carteis informativos, placas, publicacións impresas e electrónicas, material audiovisual, páxinas web, anuncios e insercións en prensa, certificados etc. cos logos e lendas establecidas neste artigo.

Artigo 17. Subcontratación

Enténdese que unha persoa beneficiaria subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a persoa beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Faise especial indicación de que as persoas ou entidades subcontratadas non poderán estar vinculadas coa persoa solicitante salvo que concorran as seguintes circunstancias:

1ª. Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

2ª. Que se solicite e conceda a súa autorización previa.

Artigo 18. Xustificación da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, na forma sinalada no artigo 7 da convocatoria e ata o 29 de setembro de 2023, dunha copia da seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa das actuacións desenvolvidas, asinada, que deberá conter:

– Unha memoria sobre o cumprimento das condicións e a finalidade para a que se concedeu a subvención en que se describa de maneira detallada cada unha das actuacións levadas a cabo e as datas en que se executaron cunha avaliación de resultados obtidos.

b) Memoria económica xustificativa do custo das actuacións desenvolvidas, asinada, que deberá conter:

– Unha relación clasificada por actuacións e conceptos, dos gastos das actuacións desenvolvidas, con indicación do acredor, o tipo de documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento (anexo XII).

– Os xustificantes dos investimentos: facturas dos provedores e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa nos termos que se establezan regulamentariamente (importe sen IVE e importe total), en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 29 de setembro de 2023.

No concepto deberase incluír, ademais da descrición dos gastos, a seguinte indicación: «Programa de modernización do comercio: Fondo Tecnolóxico (C13. I4)», agás no caso de actuacións anteriores á data de publicación desta orde de convocatoria.

Os gastos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, pagados, en orixinal ou copias auténticas electrónicas.

Cando a persoa beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

No obstante, neste procedemento admitiranse os documentos en papel ou copias debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da comunidade autónoma en relación coa organización da emisión das copias auténticas electrónicas.

– A xustificación dos pagamentos: acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite da xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como o número de factura obxecto do pagamento e a súa data. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

c) No caso de que as persoas se opoñan expresamente á consulta dos datos, certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa Administración pública correspondente, poderase presentar copia do dito documento.

d) Declaración responsable doutras axudas (anexo XI).

e) Declaración responsable de ausencia de conflito de intereses (DACI) (anexo IX).

f) Material fotográfico ou gráfico que evidencie a realización das actuacións e da publicidade establecida no artigo 16 destas bases reguladoras.

2. Os órganos competentes da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación dos investimentos que consideren convenientes, así como para dar cumprimento adecuado ao sistema de xestión do PRTR, informando do que sexa preciso para alimentar o dito sistema, así como as aplicacións informáticas ou bases de datos que a normativa autonómica, nacional ou europea prevexa para a xestión, o seguimento e o control do financiamento e os obxectivos.

Artigo 19. Pagamento

1. Unha vez recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, antes de proceder ao seu pagamento, comprobarán a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinou a concesión e, de ser o caso, realizarán as actuacións de comprobación materiais para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. O libramento da subvención aboarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira ao número de conta designado pola persoa beneficiaria.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto.

Artigo 20. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Nos supostos de falta de xustificación, de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou de incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida cando, ao non cumprir a obriga establecida no artigo 15.1 destas bases reguladoras de manter a actividade durante catro anos, se aproxime de maneira significativa a ela, entendendo como tal ter mantido a actividade durante, polo menos, corenta meses e que a persoa beneficiaria acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos catro anos.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda deste dereito será o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro.

O alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberanse reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, deberase reintegrar o total da cantidade percibida para unha o varias actuacións establecidas no artigo 4 destas bases reguladoras cando o cumprimento de cada unha delas non acade o 60 % do investimento subvencionado.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da dita Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Control e medidas antifraude

1. A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Á parte do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

3. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación cos proxectos financiados con cargo a fondos procedentes da Unión Europea, como é o caso, poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado, nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, do citado servizo, a través da canle habilitada na web https://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf. Sen prexuízo disto, tamén poderá empregar a canle de denuncias sobre irregularidades ou condutas de fraude que terá a súa sede no Sistema integrado de atención á cidadanía (SIACI) (https://www.xunta.gal/sistema-integrado-de-atencion-a-cidadania?langId=gl_ES).

A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente, segundo o establecido no Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro.

4. Coa finalidade de dar cumprimento ás obrigas que o artigo 22 do Regulamento (UE) núm. 241/2021 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, impón a España en relación coa protección dos intereses financeiros da Unión como beneficiaria dos fondos do MRR, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo dispón dun plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude co fin de garantir que, no seu respectivo ámbito de actuación, os fondos correspondentes se utilizaron de conformidade coas normas aplicables, en particular no que se refire á prevención, detección e corrección da fraude, da corrupción e dos conflitos de intereses, segundo o estipulado no artigo 6 da Orde HFP/1030/2021 do 29 de setembro.

O dito plan divulgárase a través do portal de transparencia da Xunta de Galicia.

Artigo 22. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, a persoa beneficiaria, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia e será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade; no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1), o Regulamento (UE) 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un Instrumento de Recuperación da Unión Europea para apoiar a recuperación tras a crise da COVID-19; no Regulamento (UE) núm. 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia; na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como no resto de normas da Unión Europea sobre a materia e estatais de desenvolvemento ou transposición daquelas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO XIII

Características das páxinas web

As páxinas web deberán ter as seguintes características técnicas:

– Rexistro do dominio por un período dun ano, en que figure como titular o negocio para o que se desenvolve o servizo.

– Proporcionar o aloxamento (hosting) durante un ano, para que a web estea dispoñible durante ese período de tempo.

– O hosting deberá dispoñer de certificado para comunicacións seguras SSL e estar configurado para que empregue o protocolo HTTPS.

– A páxina web debe conter polo menos 4 seccións ou epígrafes tales como inicio, empresa, servizos ou produtos e contacto.

– Sen prexuízo das seccións ou epígrafes anteriores, a web deberá incluír aqueles textos legais necesarios para o cumprimento normativo, así como un sistema de xestión de cookies que permita seleccionar ao usuario as cookies ou grupos de cookies que desexa autorizar instalar segundo a finalidade destas.

– Web autoxestionable: deberá contar cun panel de xestión dos contidos para que o beneficiario poida cambiar a información do sitio web.

– Web responsive: debe estar adaptada a todos os dispositivos.

– Incorporaranse ligazóns ás redes sociais da empresa se esta dispón delas.

– A web deberá ser desenvolvida para o comercio nun xestor de contidos (CMS) ou a medida, de forma que permita o aceso ao código para futuros cambios e melloras da web con independencia da empresa que a desenvolva. A web deberá ser en propiedade e nunca en aluguer. Exclúense desta subvención as solucións cloud propietarias e pechadas, así como os marketplace.

– A páxina web contará cunha optimización SEO básica que implicará que todas as páxinas leven título, descrición e os elementos fundamentais como un robots.txt axeitado e un sitemap do sitio.

– A carga de imaxes na web deberá estar optimizada usando formatos dixitais como WebP, HEIC ou AVIF ou contar con carga diferida de imaxes.

– Deberá ter instalada unha ferramenta de analítica web para o coñecemento do tráfico da páxina por parte do negocio.

– Dispoñer dun sistema de xestión para a venda dos produtos por parte do comerciante.

– Ter pasarela de pagamento.

As páxinas webs deberán cumprir as seguintes consideracións legais en materia de información:

Todas as webs deberán cumprir coa Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e do comercio electrónico. Especificamente, deberán contar cun aviso legal onde figure a información do responsable do sitio e as condicións xerais de uso da web. Incluirán, polo tanto: a páxina de política de cookies e aviso legal.

Adicionalmente, incluirán a páxina de política de privacidade, en que se especificarán as condicións do tratamento dos datos persoais (RGPD e LOPDGDD).

Así mesmo, deberán cumprir cos requisitos exixidos no Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias, en especial o contido no artigo 97 (información contractual), e nos artigos relativos as cláusulas abusivas (artigos 82 a 91).

Deberán ter en conta, ademais, o establecido no Regulamento da UE 524/2013 do Parlamento Europeo e Consello, do 31 de maio de 2013, sobre resolución de litixios en liña en materia de consumo e polo que se modifica o Regulamento da CE núm. 2006/2004 e a Directiva 2009/22/CE, así como a Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral de persoas consumidoras e usuarias.

Todo isto sen prexuízo do cumprimento das demais disposicións vixentes que en materia de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico e de defensa dos consumidores lles sexa de aplicación.