Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 1 de xuño de 2023 Páx. 33518

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 11 de maio de 2023 pola que se autoriza a Fundación Cidade da Cultura de Galicia a outorgar subvencións e se aproban as bases reguladoras relativas ás axudas Rega e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT898A).

A disposición derradeira sétima, número 2, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, dá nova redacción ao número 1 da disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que pasa a dispoñer que as fundacións do sector público unicamente poderán conceder subvencións cando así se autorice á correspondente fundación de forma expresa mediante acordo do ministerio de adscrición ou órgano equivalente da Administración ao cal a fundación estea adscrita.

Esta modificación normativa, que segundo a disposición derradeira primeira ten o carácter de lexislación básica, entrou en vigor o 3 de outubro de 2015, de conformidade coa disposición derradeira décimo oitava.2 da citada Lei 40/2015, polo que, a partir desa data, o outorgamento de subvencións pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia require a autorización expresa da consellería de adscrición, no presente caso, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Así mesmo, conforme establece a mesma disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, na redacción dada pola disposición derradeira sétima da Lei 40/2015, do 1 de outubro, a aprobación das bases reguladoras será exercida polos órganos da Administración que financien en maior proporción a subvención correspondente.

Conforme o Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades queda adscrita a esta consellería, sen prexuízo da súa personalidade xurídica propia, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

A Fundación Cidade da Cultura de Galicia foi constituída como unha organización de natureza fundacional, de interese galego, sen ánimo de lucro, cun patrimonio afecto de maneira duradeira á realización dos fins de interese xeral propios da institución.

Esta Fundación Cidade da Cultura de Galicia forma parte do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia; na actualidade está adscrita á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e foi declarada como fundación de interese galego.

Segundo o artigo 6 dos estatutos da Fundación Cidade da Cultura de Galicia constitúe o seu obxecto social «a creación, explotación e promoción de áreas ou centros de conservación, produción, exhibición e consumo cultural, comunicativo e tecnolóxico, que constitúa un espazo multifuncional, multidisciplinar e aglutinador, propicio á interacción cultural».

Para a consecución dos fins mencionados no punto anterior, e consonte o previsto no artigo 7 dos seus estatutos, a Fundación pode realizar, entre outras, as seguintes actividades:

g) As que impulsen o emprendemento empresarial no ámbito das industrias culturais e creativas, con especial énfase en proxectos que favorezan a innovación, tanto tecnolóxica como non tecnolóxica, e a súa transferencia aos sectores máis maduros do tecido produtivo, servindo como plataforma de desenvolvemento e promoción da marca país Galicia.

Así pois, en virtude do mandamento estatutario, a Fundación leva a cabo todo tipo de accións de fomento e promoción do emprendemento cultural en toda a súa extensión e en todas as súas disciplinas, incluída a promoción económica e o impulso do emprendemento empresarial e tecnolóxico.

Dentro do II Plan estratéxico da Cidade da Cultura de Galicia recóllese a acción 1.4.4. Amplificación das residencias artísticas do Gaiás e outros, que xurdiu ante a necesidade de manter unha liña de programación e contidos primordial nos vindeiros exercicios, para atender as necesidades do tecido artístico galego nas disciplinas máis diversas, poñendo énfase no proceso de creación in situ de principio a fin: idea, concepto, residencia, produción e exhibición. Dentro dos obxectivos desta acción atópanse:

• Consolidar o programa Rega con plans de acción estendidos.

• Deseñar novos formatos de residencias, atendendo a unha aproximación completa de todas as fases do proceso creativo.

• Afondar no percorrido de programas como EAN, para que teñan unha continuidade en forma de residencias máis aló das propias xornadas de celebración deste.

• Facer partícipes das residencias non só os artistas senón tamén os programadores, xestores e demais axentes do sector cultural.

O Gaiás está intimamente ligado ao fomento do emprendemento en toda a súa extensión, programando actividades formativas e de asesoramento que redunden nas empresas emprendedoras, con especial énfase en proxectos que favorezan o crecemento económico e a creación de emprego, actuando como elementos vehiculares na transmisión da identidade cultural, aspecto este esencial na difusión e promoción da diversidade cultural e a súa transferencia aos sectores máis maduros do tecido.

Neste contexto nace REGA-Residencias artísticas do Gaiás pola que a Cidade da Cultura de Galicia pon á disposición espazos, recursos e equipamentos técnicos ao servizo de creadores e creadoras de dentro e fóra da nosa comunidade que acudirán ao Gaiás para desenvolver os seus proxectos culturais vencellados coa música, coa escena, coa danza, coas artes visuais, performativas e audiovisuais e coa literatura, grazas á colaboración con institucións e colectivos culturais para consolidar o Gaiás como viveiro cultural creativo.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das competencias que me foron atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único. Autorización e aprobación

Autorizo a Fundación Cidade da Cultura de Galicia para conceder axudas e aprobo as bases reguladoras relativas ás axudas Rega para o ano 2023 que figuran en anexo, polas que se rexerá a concesión en réxime de concorrencia competitiva, as axudas Rega para o ano 2023.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades

Bases reguladoras relativas as axudas Rega para o ano 2023
(código de procedemento CT898A)

1. Liñas xerais.

1.1. Obxecto, finalidade e principios de xestión.

1. O obxecto da presente convocatoria é ofrecer catro axudas, para o desenvolvemento de proxectos artísticos con acompañamento de mentor a través de residencias. Para iso se realizará unha selección dun máximo de catro proxectos vencellados ás artes visuais, escénicas, musicais ou de deseño, valorando positivamente o enlace con outras disciplinas non recollidas nestas bases e tendo en conta o carácter híbrido da cultura actual, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.

2. Esta iniciativa pretende o apoio á creación contemporánea de persoas que desenvolvan residencias de traballo entre tres semanas e mes e medio máximo, nos espazos dispoñibles para este obxectivo na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela.

3. Poderanse presentar persoas físicas artistas segundo o indicado no punto 2 destas bases.

4. As residencias celebraranse entre os meses de setembro e novembro de 2023.

5. Os artistas presentarán na Cidade da Cultura de Galicia o resultado da súa actividade ou tema de investigación ou produción durante a súa residencia ou ata o prazo de xustificación sinalado no artigo 14. O resultado pode ter unha vertente de investigación, unha dimensión práctica ou mixta e deberán incluír unha referencia á colaboración da Fundación Cidade da Cultura de Galicia con inclusión do logotipo desta entidade. Os proxectos poderán formar parte do programa cultural da Cidade da Cultura de Galicia, se así se considera, e sempre que o resultado poida ser obxecto de encaixe no programa de Acción Cultural da Fundación.

6. A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto nestas bases de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e demais normativa de xeral aplicación.

7. A xestión e a concesión destas axudas realizaranse mediante o procedemento de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola entidade outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

1.2. Persoas beneficiarias.

Poderá participar nesta convocatoria calquera persoa física, estea ou non dada de alta no réxime especial de persoas autónomas, que desenvolva un proxecto artístico, vencellado ás artes visuais, escénicas, musicais ou de deseño. Estas persoas deberán desenvolver as residencias de traballo nos espazos dispoñibles para este obxectivo na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela, sempre que cumpra cos seguinte requisitos:

1. Cada proxecto pode ser presentado por unha persoa física individual, estea ou non dada de alta no réxime especial de persoas autónomas. Cada participante poderá presentar unha única solicitude e non se poderá optar a máis dunha axuda por solicitude. Os proxectos serán de creación específica, orixinais e inéditos.

2. De non cumprir con algún dos requisitos ou non poder executarse dentro do prazo determinado pola convocatoria, o proxecto quedará automaticamente excluído, e procederá a devolución das cantidades xa desembolsadas da axuda.

2. Forma e lugar de presentación.

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria, persoas traballadoras autónomas e as persoas representantes dunha das anteriores.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as súas solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes e da documentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.

4. Axuda para o desenvolvemento da residencia artística.

1. Cada proxecto seleccionado recibirá unha axuda de oito mil euros (8.000,00 €). Nesta cantidade inclúense o seu desenvolvemento, os gastos de transporte, estancia, manutención e posibles gastos de presentación pública do proxecto. Se o conxunto dos gastos que ocasiona a residencia é maior, a axuda non será superior á cantidade indicada. O importe da axuda estará suxeito ás retencións que sexan de aplicación, e ás persoas beneficiarias non terán ningún outro dereito de carácter económico.

2. Ademais das axuda recollidas no parágrafo anterior, a Fundación porá á disposición das persoas beneficiarias en calquera dos catro proxectos o seguinte:

– O espazo en condicións axeitadas para o seu uso, con conexión wifi, seguridade, limpeza e climatización.

– Os recursos humanos propios de seguimento técnico de cada proxecto, segundo a dispoñibilidade e horario pactados de común acordo coas persoas beneficiarias dos proxectos seleccionados.

– Persoa mentora que acompañará cada proxecto.

As persoas beneficiarias das axudas comprométense a coidar e conservar o espazo onde se desenvolva a residencia.

3. Para ter dereito ao aboamento do importe da axuda é necesario que as persoas beneficiarias cumpran coas obrigas e requisitos establecidos nas presentes bases.

4. O pagamento desta cantidade será aboado en dous prazos; o 75 % ao inicio do período de residencia e o 25 % restante, coa presentación dunha memoria final onde se establezan os logros, melloras e oportunidades conseguidos respecto do proxecto orixinal. Estes pagamentos anticipados realizaranse de acordo co disposto no artigo 63.Un do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007. Deberá, ademais, de realizar unha presentación do resultado en data anterior ao 28 de novembro de 2023. O último pagamento efectuarase sempre que a persoa beneficiaria empregase o espazo habilitado para a realización da residencia correspondente. En calquera caso, o pagamento da axuda está vinculado ao informe favorable da persoa acompañante ou mentor, documento imprescindible para o pagamento da axuda.

5. As persoas beneficiarias adquiren o compromiso de recoñecer a colaboración da Fundación da Cidade da Cultura de Galicia respecto do resultado final da residencia, incluíndo o logotipo da entidade e sinalando a colaboración da Fundación en futuros elementos vinculados ao proxecto.

6. As persoas beneficiarias deberán estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social. No caso de que as persoas beneficiarias se opoñan a esta consulta, ou no presten o consentimento expreso, deberán achegar as certificacións acreditativas de que están ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento de recoñecer as obrigas e ordenar o pagamento de conformidade co disposto no artigo 8.

7. Os pagamentos realizaranse por transferencia bancaria á conta declarada pola persoa seleccionada no formulario normalizado (anexo I).

5. Financiamento e concorrencia.

1. A dotación económica global é de trinta e dous mil euros (32.000,00 €), e será sufragada con cargo á conta contable 6501 da Fundación Cidade da Cultura de Galicia para o ano 2023, destinada a financiar gasto corrente.

2. O procedemento para a concesión dos premios será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A concesión da axuda será incompatible con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, de acordo co disposto no artigo 14.1.p) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación.

1.1. Memoria do proxecto que se vai presentar en que deberá constar detalladamente:

A) Nome do proxecto e identificación da persoa física que solicita a axuda.

B) Concepto/idea artística incluíndo obxectivos que se pretenden acadar.

C) Viabilidade da súa materialización, tanto no resultado práctico como no resultado de investigación, incluíndo orzamento previsto a modo de valoración.

D) Xustificación da oportunidade na traxectoria artística do/dos participante/s.

Este documento serve de base para a valoración, polo que deberá reflectir claramente o contido do proxecto.

A extensión máxima do proxecto será de 30 páxinas en formato PDF; serán excluídos os proxectos que excedan este límite de páxinas.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha desas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta Cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigacións tributarias coa Atriga.

e) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

f) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

g) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

9. Transparencia e bo goberno.

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

10. Instrución do procedemento e competencia para a avaliación de solicitudes.

1. A Área de Contratación do Departamento Económico Financeiro da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1.1. Examinar as solicitudes e a documentación presentadas.

1.2. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

1.3. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria ás persoas interesadas, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, ou aos profesionais ou expertos consultados.

En todo caso, o instrutor poderá requirir os solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, o órgano instrutor e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases.

Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención.

11. Tribunal de valoración.

Constituirase un tribunal único para a avaliación dos proxectos presentados que se reunirá as veces que considere oportuno para exercer o seu cometido.

A Tribunal de Valoración axustarase aos preceptos contidos na sección 3ª da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público, e estará composta polos seguintes membros:

– Presidencia; a persoa titular da Dirección de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

– Secretaría; exerceraa unha persoa de entre o persoal da Fundación Cidade da Cultura de Galicia designada pola Xerencia da Fundación.

– Catro vogalías por capítulo, designados pola Directora Xerente entre persoas de recoñecida competencia do sector cultural.

O Tribunal de Valoración poderá requirir ás persoas solicitantes das axudas información ou documentación adicional aclaratoria, que, non estando en poder da Fundación, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

O Tribunal de Valoración realizará a valoración das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios establecidos a continuación, a cal se realizará proporcionalmente ás puntuacións obtidas.

Logo de que o Tribunal de Valoración realice a valoración das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios de valoración, da cal quedará constancia en acta motivada, elaborará un informe de valoración o cal trasladará ao órgano instrutor. A Área de Contratación do Departamento Económico-Financeiro da Fundación Cidade da Cultura de Galicia elevará ese informe de valoración xunto coa proposta de avaliación ao órgano encargado de resolver o procedemento, de conformidade co previsto no artigo 21.4 da Lei de subvencións de Galicia.

Para o nomeamento do xurado respectarase a presencia equilibrada de mulleres e homes, en cumprimento do disposto no capítulo I, artigo 5.2.d) do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

As persoas que integren o xurado estarán sometidas ao deber de abstención nos casos sinalados no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

A composición dos tribunais publicarase na páxina web da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, con anterioridade á súa reunión, co fin de que poidan interpor, de ser o caso, os recursos legais pertinentes.

Para os efectos da validez da constitución dos tribunais aplicarase o disposto no artigo 17 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e será necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros.

As deliberacións serán secretas e delas será redactada a acta correspondente.

O tribunal valorará as solicitudes e formulará a súa proposta de concesión, que será motivada e que atenderá aos seguintes criterios e a unha puntuación máxima de 100 puntos;

A) Avaliación do concepto/idea artística: 45 puntos.

Valorarase a súa calidade, obxectivos que se van acadar, orixinalidade e argumentación dos contidos presentados.

B) Viabilidade da súa materialización: 30 puntos.

Valorarase o resultado práctico, naqueles proxectos presentados que teñan no seu obxectivo un resultado concreto, atendendo aos criterios de produción e viabilidade práctica destes. No caso de proxectos de investigación, atendendo á contribución no eido do encadramento do proxecto e na traxectoria do artista ou colectivo. En ambos os casos, valorarase a desagregación do orzamento previsto e a súa pertinencia para que se desenvolva na Cidade da Cultura de Galicia.

C) Avaliación da oportunidade artística para a traxectoria do artista ou colectivo presentado: 25 puntos.

O tribunal motivará e obxectivará, no momento da valoración e deixando constancia na oportuna acta, a valoración da puntuación obtida por cada solicitude.

O tribunal fará unha primeira valoración de todos os proxectos admitidos. Aqueles proxectos que non acaden a metade dos puntos, isto é, 50 puntos, serán excluídos dunha segunda valoración a partir da cal sairán os seleccionados.

O tribunal poderán declarar desertas as axudas cando a calidade das proposta presentadas non acade os criterios mínimos para a súa concesión.

12. Resolución da convocatoria.

1. A instrutora no procedemento elevará a proposta do tribunal á directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Unha vez recibida a proposta, a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, á vista do expediente, da documentación requirida e unha vez entregado o informe instrutor por parte do tribunal de valoración, ditará resolución no prazo máximo de quince días desde a recepción do informe.

2. De acordo co disposto no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de cinco meses, contados a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entender desestimadas por silencio administrativo as solicitudes presentadas.

3. A resolución da convocatoria será dada a coñecer mediante a publicación na páxina web www.cidadedacultura.gal e producirá os efectos de notificación ás persoas interesadas, polo que a presentación leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos solicitantes e da súa publicación na citada páxina web.

Contra a resolución definitiva, poderán ser interpostos, con carácter potestativo, os seguintes recursos:

– Recurso de reposición, perante o titular do ente a que está adscrita a Fundación ou a que corresponda a súa tutela, isto é, ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes.

– Recurso contencioso-administrativo, perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses.

Ambos os dous prazos contaranse desde o día seguinte ao da notificación da resolución. A presentación dos recursos sinalados non poderá facerse con carácter simultáneo.

13. Notificacións.

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos, e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou se fose expresamente elixida pola persoa interesada, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

14. Xustificación da subvención.

1. O prazo de xustificación da axuda rematará o 28 de novembro de 2023, este incluído. Transcorrido este prazo sen que se presente a xustificación ante a Fundación, requirirase a persoa beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de cinco días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da axuda, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

A persoa beneficiaria deberá presentar dentro do prazo de xustificación unha memoria final onde se establezan as actividades realizadas, os resultados obtidos, logros, melloras e oportunidades. O pagamento da axuda efectuarase sempre que a persoa beneficiaria empregase o espazo habilitado para a realización da residencia correspondente e sempre que se informe favorablemente por parte da persoa acompañante ou mentor.

15. Realización do proxecto e obrigas da persoas seleccionadas.

1. Coa finalidade de acreditar a realización do proxecto, as persoas seleccionadas terán que cumprir todas as normas establecidas nos puntos anteriores e, ademais:

– A persoa beneficiaria realizará ao finalizar a súa residencia unha presentación pública en que exporá o traballo realizado. As datas deberán ser consensuadas coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia e sempre antes do 28 de novembro de 2023.

– Manter unha relación de comunicación fluída e constante respecto do proxecto presentado coa persoa que se asigne como titora ao longo do seu proceso de desenvolvemento.

– Terán a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Cooperar coa Fundación nas actuacións de comprobación que sexan necesarias para verificar o cumprimento das condicións determinantes da concesión.

– Comunicar calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento do cumprimento e efectividade das condicións determinantes da concesión.

– Comunicar a renuncia ao proxecto no caso de que se produza unha causa determinante desta renuncia.

2. O incumprimento das condicións recollidas nas presentes bases, así como a renuncia, terá como efecto a obrigatoriedade, de ser o caso, de devolución da cantidade percibida, á cal se lle engadirán os correspondentes xuros de mora.

3. A persoa beneficiaria ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da axuda percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file