Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 5 de xuño de 2023 Páx. 34529

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 26 de maio de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se fai público o primeiro Programa temporal para a transición xeracional do persoal facultativo de institucións hospitalarias deste organismo, dirixido ao novo persoal especialista, e se establece o prazo para a presentación de solicitudes.

Nos próximos cinco anos, un colectivo próximo aos 300 profesionais facultativos/as especialistas dos hospitais do Servizo Galego de Saúde cumprirán os 70 anos (actualmente a idade límite da prolongación do servizo activo). A este colectivo, que supón cerca do 6 % do persoal facultativo especialista hospitalario que está a traballar actualmente, haberá que engadir aquel que opte por xubilarse cunha menor idade. Sen esquecer ademais que o envellecemento dos cadros de persoal do persoal facultativo especialista ten unha grande repercusión na dispoñibilidade de efectivos para a cobertura das gardas.

Para impulsar e promover a remuda deste persoal especialista procede ser proactivo na retención de persoal residente que está a finalizar o seu período de formación, ofertándolle de modo inmediato nomeamentos temporais cunha duración de varios anos que lle outorguen estabilidade no emprego e lle permitan afrontar no futuro próximo a renovación dos cadros de persoal.

En atención ao exposto, procede autorizar un programa temporal de remuda xeracional do persoal facultativo especialista, en virtude do cal as xerencias das áreas sanitarias poderán expedir nomeamentos temporais de tres anos de duración, baseados no artigo 9.1.b) da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, nas especialidades e no número que figuran no anexo I desta resolución. Esas especialidades e o número de vínculos foron determinados en función de varios criterios como as xubilacións de persoal de 70 anos e as probables en diversas especialidades nos próximos anos, as prazas vacantes dispoñibles e o persoal residente que finalizará o seu programa formativo en cada área sanitaria, introducindo tamén un criterio de repartición territorial.

Polo demais, e xa que a finalidade do programa é a remuda xeracional nos próximos anos, o número de nomeamentos que forman parte do programa neste ano 2023 –60 nomeamentos– atende ao feito de que nos vindeiros anos finalizará igualmente o seu período formativo outro persoal residente en formación, co cal será tamén necesario contar no futuro, mediante programas semellantes, para garantir a pretendida transición xeracional.

En último termo, este colectivo de 60 profesionais especialistas pode contribuír dun modo relevante na intensificación da actividade asistencial posta en marcha para reducir os tempos de espera, cuxos datos empeoraron pola diminución da actividade non urxente como consecuencia da pandemia.

Esta resolución inclúe tamén un baremo que determinará a prelación no acceso aos nomeamentos temporais obxecto do programa, para o suposto moi probable de que sexa necesaria a súa aplicación. O dito baremo axústase ao colectivo destinatario do programa –profesionais que están finalizando a súa formación especializada– e establece méritos relativos á formación universitaria, ao coñecemento do idioma galego e á avaliación final do período de residencia. Por outra parte, coa finalidade de procurar a continuidade dos equipos de traballo e da actividade asistencial, e de outorgar valor ao feito de coñecer o funcionamento, a organización e os procesos administrativos e asistenciais de cada institución hospitalaria, o dito baremo tamén inclúe como mérito o feito de ter traballado ata este momento, como persoal residente en formación, na institución en que agora se pretenda prestar servizos acolléndose a este programa. Este mérito específico inclúese no baremo baixo a denominación de «continuidade asistencial».

Finalmente, cómpre recordar que este programa temporal para a transición xeracional, pola súa finalidade, enténdese sen prexuízo de que a cobertura das vacantes derivadas das xubilacións se produza polo sistema ordinario de xestión de chamamentos por listas, coa orde de prelación que resulte, regulado neste momento polo Pacto sobre a selección de persoal estatutario temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria (Diario Oficial de Galicia núm. 240, do 18 de decembro de 2018); listas nas cales obviamente deberá inscribirse o novo persoal especialista, incluído aquel que solicite a súa participación neste programa temporal, para acadar a condición de aspirante a estes chamamentos.

De conformidade co que antecede, no uso das competencias atribuídas nos artigos 18 e seguintes do Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 208, do 31 de outubro), e no artigo 7 da Orde do 22 de abril de 2020, de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 82, do 29 de abril), e logo do tratamento na Mesa Sectorial de Negociación,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto e ámbito do Programa para a transición xeracional do persoal facultativo especialista

Autorízase un programa temporal para a transición xeracional do persoal facultativo especialista, dirixido a que as xerencias das áreas sanitarias expidan nomeamentos temporais de tres anos de duración, baseados no artigo 9.1.b) da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, nas especialidades e no número que figuran no anexo I desta resolución.

Este programa ten por destinatario o colectivo de persoal residente en formación das áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde que finaliza este mes de maio de 2023 o seu período formativo en calquera das especialidades do dito anexo.

Segundo. Presentación de solicitudes

O persoal residente en formación que, consonte o disposto no punto primeiro anterior, sexa destinatario do Programa temporal para a transición xeracional e pretenda acceder a algún dos nomeamentos temporais de tres anos de duración previstos no anexo I, poderá presentar a súa solicitude no prazo de cinco días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Deberá presentarse unha única solicitude, en modelo normalizado e a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e/Sección de Procesos/Transición xeracional).

Os/as participantes poderán solicitar, por orde de preferencia, calquera das áreas sanitarias –de ser o caso distritos– en que, en execución do programa, se incorporará persoal temporal da súa especialidade (ver anexo I).

A solicitude dirixirase necesariamente á unidade de validación da institución hospitalaria do Servizo Galego de Saúde en que o/a residente finalice o seu período de residencia e presentarase polo rexistro electrónico.

Para o rexistro electrónico da solicitude requirirase dun certificado dixital válido: FNMT, DNI electrónico ou Camerfirma.

Na seguinte ligazón figuran a información e as instrucións precisas para acceder ao expediente electrónico (Fides):

https://www.sergas.es/Recursos-Humanos/oficina-profesional-expediente-electronico-sergas?idioma=ga

A presentación dunha solicitude non resultará vinculante para a persoa solicitante, a cal poderá rexeitar o concreto nomeamento de tres anos de duración que lle sexa finalmente ofertado en execución do programa.

Terceiro. Orde de prelación

Cando, polo número de solicitudes presentadas e as preferencias manifestadas nelas, sexa preciso aplicar unha prelación para que o novo persoal especialista acceda aos nomeamentos temporais do programa, a orde virá determinada pola puntuación que resulte do baremo que establece o anexo II desta resolución.

Os méritos relativos á formación universitaria (grao e posgrao), ao coñecemento do idioma galego e á avaliación final do período de residencia deberán estar acreditados documentalmente pola persoa interesada, e debidamente rexistrados no sistema informático Fides/expedient-e, o último día de presentación de solicitudes.

Para o rexistro e a acreditación destes méritos, no prazo referido, atenderase ás normas xerais que se aplican nos procesos de selección do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde; concretamente, ás normas que establece a base 3.2.1 da Resolución do 14 de decembro de 2022, pola que se convocou un concurso-oposición para o ingreso en diversas especialidades da categoría de facultativo/a especialista de área (Diario Oficial de Galicia núm. 3, do 4 de xaneiro de 2023). A solicitude de validación de méritos deberá dirixirse necesariamente á unidade de validación da institución hospitalaria en que o/a residente finalice o seu período de residencia.

Non será necesaria a acreditación documental do mérito correspondente á continuidade asistencial.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpoñer recurso de reposición ante esta dirección xeral no prazo dun mes contado a partir da mesma data, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2023

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO I

Área Sanitaria

Especialidade

Distrito

Total

A Coruña e Cee

Cardioloxía

1

Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía

1

Dermatoloxía Médico-Cirúrxica e Venereoloxía

1

Hematoloxía e Hemoterapia

1

Medicina Interna

1

Nefroloxía

1

Pneumoloxía

1

Radiodiagnóstico

2

Total A Coruña e Cee

9

Ferrol

Endocrinoloxía e Nutrición

1

Hematoloxía e Hemoterapia

1

Medicina Intensiva

2

Medicina Interna

1

Pneumoloxía

1

Psiquiatría

1

Total Ferrol

7

Santiago de Compostela e Barbanza

Anatomía Patolóxica

1

Aparello Dixestivo

1

Cirurxía Pediátrica

1

Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo

1

Dermatoloxía Médico-Cirúrxica e Venereoloxía

1

Microbioloxía e Parasitoloxía

1

Oftalmoloxía

1

Otorrinolaringoloxía

1

Uroloxía

1

Total Santiago de Compostela e Barbanza

9

Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos

Anxioloxía e Cirurxía Vascular

1

Aparello Dixestivo

1

Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía

2

Nefroloxía

1

Anestesioloxía e Reanimación

A Mariña

1

Cardioloxía

A Mariña

1

Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo

A Mariña

1

Obstetricia e Xinecoloxía

A Mariña

1

Total Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos

9

Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras

Anestesioloxía e Reanimación

2

Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía

2

Medicina Interna

2

Radiodiagnóstico

2

Psiquiatría

Ourense-Verín

1

Total Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras

9

Pontevedra e O Salnés

Anestesioloxía e Reanimación

2

Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía

1

Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo

1

Medicina Física e Rehabilitación

1

Medicina Interna

1

Microbioloxía e Parasitoloxía

1

Uroloxía

1

Total Pontevedra e O Salnés

8

Vigo

Anestesioloxía e Reanimación

2

Aparello Dixestivo

1

Medicina Interna

2

Psiquiatría

2

Radiodiagnóstico

2

Total Vigo

9

Total

60

ANEXO II

Baremo (puntuación máxima: 10 puntos)

1. Grao, posgrao e avaliación final do período de formación especializada (máximo 5 puntos).

a) Grao:

1.1. Licenciatura:

Plan antigo:

– Por cada matrícula de honra: 0,50 puntos.

– Por cada sobresaliente: 0,25 puntos.

– Por cada notable: 0,10 puntos.

Non se valorará o sobresaliente cando se obtivese matrícula de honra.

A suma das puntuacións dividirase polo número total de materias avaliadas no plan de estudos, expresando o cociente con dous decimais.

Non se valorarán as materias de idioma, relixión, formación política e educación física.

Plan novo:

A puntuación correspondente aos estudos de cada participante obterase mediante a aplicación do seguinte algoritmo:

0,10 Cn + 0,25 Cs +0,50 Cmh

_____________________

Ca + Cn + Cs + Cmh

As anotacións Ca, Cn, Cs e Cmh corresponden ao número total de créditos que na certificación académica estean adscritos a materias troncais e obrigatorias e nos que, respectivamente, se obtiveron as cualificacións de aprobado, notable, sobresaliente e matrícula de honra. Non se puntuará o sobresaliente cando se obtivese matrícula de honra.

Non serán valorados os créditos correspondentes a materias optativas ou de libre elección/configuración.

A puntuación resultante expresarase con dous decimais.

Non se valorarán as materias de idioma, relixión, formación política e educación física.

1.2. Exame de grao ou memoria de licenciatura: 0,30 puntos (con sobresaliente ou matrícula de honra 0,15 puntos máis).

1.3. Premio extraordinario: 0,30 puntos.

b) Posgrao:

1. Pola realización de todos os cursos de doutoramento (sistema anterior ao Real decreto 185/1985) ou pola realización do programa de doutoramento ata o nivel de suficiencia investigadora segundo os reais decretos 185/1985 e 778/1998, ou pola obtención do diploma de estudos avanzados (DEA): 2 puntos.

2. Título de doutor/a no ámbito das ciencias da saúde: 4,5 puntos.

3. Premio extraordinario de doutoramento no ámbito das ciencias da saúde: 0,50 puntos.

4. Por cada máster universitario oficial (Espazo Europeo de Educación Superior, EEES) no ámbito das ciencias da saúde, que se encontre debidamente acreditado e inscrito no RUCT: 1 punto.

A titulación de máster débea rexistrar o/a participante en Fides/expedient-e na epígrafe de formación continuada recibida/máster.

As alíneas b.1) e b.2) son excluíntes entre si.

c) Avaliación do período de formación polo sistema de residencia.

En atención á avaliación final cuantitativa obtida durante o período de residencia para a obtención do título de especialista na especialidade a que se opta, efectuada polo Comité de Avaliación baseándose nos resultados anuais ponderados de conformidade co establecido no anexo II da Resolución do 21 de marzo de 2018 (Boletín Oficial del Estado núm. 95, do 19 de abril), da Dirección Xeral de Ordenación Profesional:

Avaliación final obtida durante a residencia e puntuación que se vai asignar:

Cualificación entre 5 e 7,5

3 puntos

Cualificación > 7,5 e < 9,5

3,5 puntos

Cualificación ≥ 9,5

4 puntos

2. Coñecemento do idioma galego.

Para lle dar cumprimento á normalización do idioma galego e garantir o dereito das/dos usuarias/os dos distintos servizos sanitarios do Servizo Galego de Saúde ao seu uso, así como a promoción do uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia, valorarase o coñecemento da lingua galega cunha puntuación específica e adicional de 2 puntos.

Terán dereito a esta puntuación os/as participantes no programa que teñan acreditado, na forma e prazo indicados no punto terceiro desta resolución, estar en posesión do certificado acreditativo do coñecemento da lingua galega Celga 4, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia (curso de perfeccionamento de galego), de conformidade co establecido na Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007, que regula os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.

3. Continuidade asistencial (mérito específico).

Para acceder aos nomeamentos temporais do Programa de transición xeracional dunha concreta área sanitaria: 3 puntos por ter finalizado a formación especializada nesa área sanitaria.