Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 6 de xuño de 2023 Páx. 34984

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Xesteirón, sito nos concellos de Chandrexa de Queixa e Montederramo (Ourense), promovido por Greenalia Wind Power Xesteirón, S.L.U. (expediente IN408A 2020/032B).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Xesteirón.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Xesteirón, sito nos concellos de Chandrexa de Queixa e Montederramo (Ourense) e promovido por Greenalia Wind Power Xesteirón, S.L.U., cunha potencia de 39,6 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power Xesteiron, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 207.226 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

5. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental, emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 25.11.2022 e recollida no antecedente de feito décimo primeiro, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

6. Con anterioridade ao inicio de obras, segundo se recolle na declaración de impacto ambiental nos seus puntos 4.1.2, 4.1.3 e 4.1.4 , o promotor deberá contar, antes do inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e do Instituto de Estudos do Territorio.

7. Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

8. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

9. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

10. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Ourense inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

11. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

12. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

13. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que o substitúa.

14. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

15. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

16. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

17. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 2.12.2020, Greenalia Wind Power, S.L.U. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, así como a aprobación do proxecto sectorial (actualmente proxecto de interese autonómico) para o parque eólico Xesteirón, sito nos concellos de Chandrexa de Queixa e Montederramo (Ourense).

2. O 22.12.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante Lei 8/2009). O 22.12.2020, a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

3. O 25.1.2021, esta dirección xeral solicitou os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 (da versión anterior á última modificación da Lei 8/2009 conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia) ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia do territorio.

4. O 17.2.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, en que indica o procedemento ambiental que hai que seguir e os organismos que se deben consultar durante a fase de información pública.

5. O 13.4.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia e se recollen os organismos que deben emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

6. O 13.8.2021, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Xesteirón á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Ourense (en diante, a xefatura territorial) para a continuación da tramitación.

7. Mediante o Acordo do 2 de setembro de 2021, da Xefatura Territorial de Ourense, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Xesteirón, situado nos concellos de Chandrexa de Queixa e Montederramo, da provincia de Ourense.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 29 de setembro de de 2021 (DOG núm. 188, do 29 de setembro) e no xornal La Región do 29 de setembro. Así mesmo, remitiuse para exposición ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Chandrexa de Queixa e Montederramo), e permaneceu exposto nas dependencias da Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Asemade, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

8. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Deputación de Ourense, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Retevisión (Cellnex Telecom, S.A.), Retegal (Redes de Telecomunicacións Galegas, S.A.), Concello de Montederramo, Concello de Chandrexa de Queixa, Orange Espagne, S.A.U., Marqués Bidco, S.L., Vodafone España, S.A.U. e Movistar, S.A.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o 7.12.2021, Retegal (Redes de Telecomunicacións Galegas, S.A.) o 19.10.2021, Orange Espagne, S.A.U. o 21.12.2021, Movistar, S.A. o 27.12.2021, Deputación de Ourense o 2.11.2022 e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil o 11.4.2023.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Respecto do resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

9. O 27.1.2022, a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

10. O 20.4.2022, Greenalia Wind Power Xesteirón, S.L.U. solicitou a transmisión de titularidade e pola Resolución do 10.11.2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, autorizouse a transmisión de titularidade do expediente parque eólico Xesteirón, titularidade de Greenalia Wind Power, S.LU., a favor de Greenalia Wind Power Xesteirón, S.L.U.

11. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Chandrexa de Queixa, Concello de Montederramo, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Cumprida a tramitación ambiental, o 25.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 28 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Xesteirón, nos concellos de Chandrexa de Queixa e Montederramo (DOG núm. 236, do 14 de diciembre).

12. O 27.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

13. Con datas 1.2.2023 e 6.2.2023, o promotor, Greenalia Wind Power Xesteirón, S.L.U., en resposta ao requirimento desta dirección xeral, achegou o proxecto refundido e presentou un escrito en que declara «que as afeccións da configuración definitiva do proxecto do parque eólico Xesteirón non modifican as afeccións xa informadas a través das separatas técnicas, polo que non é necesario presentar unhas novas».

As modificacións introducidas, motivadas polos informes sectoriais emitidos durante a tramitación do expediente, consisten na redución do número de aeroxeradores do parque eólico (pasan de 10 a 7 aeroxeradores, elimínanse as máquinas AE06, AE07 e AE09), relocalízase o AE08 (que pasa a denominarse AE03), cambio do modelo de aeroxerador, eliminación da torre meteorolóxica, modificación de gabias, vías e plataformas para adaptalos á alternativa definitiva e, por último, renuméranse as máquinas de norte a sur para facilitar o seguimento en obra e explotación.

14. O 17.2.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático presentou unha aclaración á DIA «No marco da declaración de impacto ambiental (DIA) do parque eólico Xesteirón (clave 2021/0026), detectouse que, na parte de Condicións particulares, para algunhas delas estableceuse que debe cumprirse previamente a autorización por ese órgano substantivo; porén, isto debe ser interpretado como ao inicio das obras».

15. O 27.2.2023, unha vez comprobada a documentación achegada polo promotor segundo o antecedente décimo terceiro, requiríuselle a achega da documentación técnica conforme o establecido no punto 4.1.4 da DIA.

16. O 7.3.2023, Greenalia Wind Power Xesteirón, S.L.U., en resposta ao requirimento desta dirección xeral, achegou documentación definitiva adaptada ás condicións da DIA, consistente na eliminación do aeroxerador AE03, e non achegou novas separatas.

17. O 13.3.2023, a dirección xeral, de acordo co artigo 52 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, comunicoulle ao órgano ambiental a modificación presentada.

18. En resposta a un requirimento da xefatura territorial do 27.3.2023, de mellora do proxecto definitivo, o promotor presentou, o 11.4.2023, novo proxecto que substitúe o anteriormente presentado o 7.3.2023, e que ten a seguinte denominación: Proxecto de execución do parque eólico Xesteirón, nos termos municipais de Chandrexa de Queixa e Montederramo (Ourense), asinado o 10.4.2023 pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez (colexiada núm. 3229 do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste), con visado do 11.4.2023 do referido colexio profesional.

19. O 12.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto definitivo recollido no antecedente de feito décimo oitavo, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, no relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas.

20. O 11.4.2023, Greenalia Wind Power, S.L.U. presentou acordo vinculante en relación co uso compartido da infraestrutura de evacuación, tal e como prescribe o artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

21. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 45 MW con data de acceso do 4.11.2019 e data de conexión do 28.11.2020.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais