Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Mércores, 7 de xuño de 2023 Páx. 35170

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 25 de maio de 2023 pola que se convocan axudas dirixidas a escolas de música públicas e escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro (códigos de procedemento ED314E e ED314D).

BDNS (Identif.): 700581.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Obxecto

Convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas destinadas a subvencionar o funcionamento dos seguintes centros:

a) Escolas de música das cales sexan titulares os concellos (código de procedemento ED314E).

b) Escolas de música dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a formación en ensinanzas de música que non conduzan a títulos académicos ou profesionais (código de procedemento ED314D).

Segundo. Requisitos

1. Poderán solicitar estas axudas as persoas titulares das escolas de música sinaladas no punto anterior que conten coa correspondente autorización da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

2. Estes centros deberán estar radicados na Comunidade Autónoma de Galicia e as axudas destinaranse ao desenvolvemento das súas actividades docentes desde o 1 de xaneiro ata o 30 de setembro de 2023.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 25 de maio de 2023 pola que se convocan axudas dirixidas a escolas de música públicas e escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro (procedemento ED314E para escolas de música das cales sexan titulares os concellos e procedemento ED314D para escolas de música dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a formación en ensinanzas de música que non conduzan a títulos académicos ou profesionais).

Cuarto. Contía das axudas

1. Para as escolas de música dependentes de concellos a contía máxima da axuda por entidade beneficiaria non poderá superar a cantidade de nove mil euros (9.000 euros).

2. Para as escolas de música dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro a contía máxima da axuda por entidade beneficiaria non poderá superar a cantidade de nove mil euros (9.000 euros).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades