Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Mércores, 7 de xuño de 2023 Páx. 35150

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 25 de maio de 2023 pola que se convocan axudas dirixidas a escolas de música públicas e escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro (códigos de procedemento ED314E e ED314D).

O artigo 108.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, clasifica como centros públicos aqueles que teñen como titular unha Administración pública.

Determinados concellos da Comunidade Autónoma de Galicia veñen desenvolvendo un importante labor coa iniciativa de creación e co sostemento de centros públicos que imparten estudos de música.

O artigo 48.3 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, establece que poderán cursarse estudos de música ou de danza que non conduzan á obtención de títulos con validez académica ou profesional en escolas específicas, con organización e estrutura diferentes e sen limitación de idade.

A Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 11 de marzo de 1993, regula a creación e o funcionamento das escolas de música da Comunidade Autónoma de Galicia, salientando a especial responsabilidade das corporacións locais nesta materia e, no seu punto 12 clasifica as escolas de música como públicas ou privadas, segundo o seu titular sexa un organismo de carácter público, ou unha persoa física ou xurídica de carácter privado.

As escolas de música dedícanse á formación de afeccionados e á preparación das probas de acceso aos estudos conducentes á titulación daquelas persoas que teñan vocación e aptitudes para a música. Estas escolas abarcan, como oferta básica, os ámbitos de ensino de música e movemento, práctica instrumental, formación musical complementaria á práctica instrumental, e actividades de conxunto.

A notable demanda das ensinanzas de música xustifica o crecemento no número de centros para achegarlles aos interesados a posibilidade de cursar estas ensinanzas para realizar unha formación non regrada nas escolas.

Co fin de potenciar o funcionamento dos centros que imparten ensinanzas de música non regradas, dirixidas ao público en xeral, e co obxecto de prestarlles apoio ás iniciativas para o fomento, difusión e extensión destas ensinanzas por parte tanto dos concellos como das entidades sen ánimo de lucro que teñen entre os seus fins a formación musical, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades considera conveniente convocar esta orde de axudas.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, e ao establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e ao Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Facer pública a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas destinadas a subvencionar o funcionamento dos seguintes centros:

a) Escolas de músicas das cales sexan titulares os concellos (código de procedemento ED314E).

b) Escolas de música dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a formación en ensinanzas de música que non conduzan a títulos académicos ou profesionais (código de procedemento ED314D).

2. Estes centros deberán estar radicados na Comunidade Autónoma de Galicia e as axudas destinaranse ao desenvolvemento das súas actividades docentes desde o 1 de xaneiro ata o 30 de setembro de 2023.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán solicitar estas axudas as persoas titulares das escolas de música sinaladas no punto anterior que conten coa correspondente autorización da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias das axudas previstas nesta orde as corporacións locais ou institucións sen ánimo de lucro en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Estas axudas serán compatibles con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Importe total das axudas

1. Para as escolas de música dependentes de concellos será de cen mil euros (100.000 euros) e librarase con cargo á aplicación orzamentaria 10.07.422E.460.0 da Dirección Xeral de Formación Profesional. En calquera caso, a contía máxima da axuda por entidade beneficiaria non poderá superar a cantidade de nove mil euros (9.000 euros).

2. Para as escolas de música dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro será de cento sesenta e cinco mil euros (165.000 euros) e librarase con cargo á aplicación orzamentaria 10.07.422E.481.0 da Dirección Xeral de Formación Profesional. En calquera caso, a contía máxima da axuda por entidade beneficiaria non poderá superar a cantidade de nove mil euros (9.000 euros).

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados, anexo A (ED314E) no caso das axudas a escolas de música públicas, e anexo B (ED314D) no caso de axudas a escolas de música sen ánimo de lucro, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes serán subscritas electronicamente pola persoa interesada ou pola persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. Nos formularios normalizados, anexos A e B, deberán completarse obrigatoriamente todos os datos para os efectos de notificación, sinalando concello solicitante no caso das escolas de música públicas, ou asociación ou fundación solicitante no caso de escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro, ou persoa ou entidade representante, segundo proceda; e indicando o correo electrónico e/ou teléfono móbil. Tamén será imprescindible que nos datos da escola de música se introduza o código do centro.

4. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico sereap@edu.xunta.gal

5. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

– Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito.

– Unha certificación asinada pola persoa titular do concello no caso de escolas de música públicas, ou do titular da asociación ou fundación no caso de escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro, do número de alumnado matriculado no curso 2022/23 na escola de música.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 6. Alteracións e aclaracións dos datos contidos na solicitude

1. A Dirección Xeral de Formación Profesional poderá requirir do concello, no caso das escolas de música públicas, ou da asociación ou fundación, no caso das escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro, cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementar o expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polas persoas solicitantes.

2. Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que se xunta coa solicitude será comunicada pola persoa solicitante á mencionada dirección xeral, para os efectos previstos no artigo 14 desta orde.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da asociación ou fundación (só se comprobará no procedemento ED314D).

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificación de estar ao día coa AEAT.

d) Certificación de estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificación de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Informe do número de alumnado matriculado no curso 2022/23 na escola de música extraído da aplicación informática https://www.edu.xunta.gal/drdrespe/

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Valoración da solicitude

1. Na valoración de solicitudes terase en conta unicamente o número de alumnado matriculado no curso 2022/23 na escola de música. Para tal fin, deberase introducir no prazo de presentación de solicitudes, o número de alumnado matriculado no curso 2022/23 na aplicación DRDrespe (https://www.edu.xunta.gal/drdrespe/). Este número farase público no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades: https://www.edu.xunta.gal. En todo caso, para a obtención da axuda será requisito ter introducidos os datos de alumnado no curso 2022/23 na aplicación DRDrespe.

No caso de que o número de alumnado introducido na aplicación DRDrespe non sexa coincidente co número de alumnado certificado pola persoa titular do concello ou da asociación ou fundación segundo o indicado no artigo 5 desta orde, requirirase a corrección na aplicación DRDrespe (https://www.edu.xunta.gal/drdrespe/ no prazo de dez días hábiles contados desde a recepción da notificación.

2. A distribución das axudas, tendo en conta o punto anterior, realizarase atendendo ao sistema de rateo entre as entidades beneficiarias da subvención do importe global máximo destinado ás subvencións. Co obxecto de adxudicar o importe íntegro estipulado no artigo 3 desta orde, a cantidade sobrante que resulte como consecuencia dos importes que non se poidan conceder ao concello no caso das escolas de música públicas, ou á asociación ou fundación no caso das escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro, por causa da limitación da cantidade de nove mil euros (9.000 euros), ou para non exceder o importe solicitado, será repartida proporcionalmente entre as demais escolas de música valoradas positivamente das participantes nesta convocatoria, atendendo á proporción que representan como consecuencia dos criterios establecidos neste artigo 8.

Artigo 9. Comisión avaliadora

Baixo a presidencia da persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional constituirase unha comisión encargada de valorar as solicitudes e a documentación xustificativa presentadas e que estará integrada por:

– O/a subdirector/a xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas.

– O/a xefe/a do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente.

– O/a xefe/a do Servizo de Apoio Económico.

– Un/unha asesor/a da Dirección Xeral de Formación Profesional.

– Un/unha funcionario/a da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que actuará como secretario/a con voz e sen voto.

Artigo 10. Proposta de resolución

1. Unha vez finalizada a valoración das solicitudes e da documentación xustificativa, a comisión elaborará unha proposta provisional de adxudicacións e exclusións que poderá ser consultada no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades: https://www.edu.xunta.gal, para que, no prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao desta publicación, se poidan formular as alegacións que se consideren oportunas. Durante ese prazo poderán emendar erros e a falta de documentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal), accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, e achegarán, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Valoradas as alegacións, elevarase unha proposta definitiva de adxudicacións e exclusións á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para a resolución que proceda.

3. As alegacións entenderanse resoltas e notificadas coa publicación da proposta definitiva de adxudicacións e exclusións.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Resolución

1. A resolución de concesión de axudas ditada pola persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de cinco meses contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes, e nos termos que figuran no artigo 34.4 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. No suposto de que non se ditase resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes para os efectos de interpoñer o recurso administrativo ou contencioso-administrativo que proceda.

3. Contra a resolución ditada, que esgotará a vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben os/as interesados/as poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13. Pagamento

O pagamento da subvención realizarase unha vez comprobado polo órgano concedente a xustificación presentada polo concello no caso das escolas de música públicas, ou pola asociación ou fundación no caso das escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro, da realización da actividade subvencionada de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co disposto no artigo 60 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, así como co establecido no artigo 8 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Artigo 14. Documentación necesaria para efectuar o libramento

1. Para que se poida dar curso aos libramentos, as persoas solicitantes deberán achegar:

a) No caso de escolas de música dependentes de concellos:

1º. Certificación do/da secretario/a da entidade local acreditativa da remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas do exercicio 2022.

2º. Conta xustificativa integrada pola documentación que se relaciona a continuación, en virtude dos artigos 8 e 9 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro:

‒ Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control en que conste a toma de razón en contabilidade, o cumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención e a aplicación dos fondos destinados para tal efecto, referentes ao período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2023.

‒ Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, de forma detallada:

3º. Cumprimento da finalidade da subvención.

4º. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados imputables á actuación subvencionada, referentes ao período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2023.

5º. A relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen, se é o caso, a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

b) No caso de escolas de música dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro:

1º. Copia dos estatutos da asociación ou fundación solicitante dos cales debe desprenderse que se trata dunha institución sen ánimo de lucro, e que entre os seus obxectivos figura a formación en ensinanzas de música.

2º. Memoria xustificativa das actividades docentes do curso 2022/23, en que se inclúa, cando menos, o indicado para cada un dos catro ámbitos de ensino das escolas de música de acordo co establecido no punto 5 da Orde do 11 de marzo de 1993 (DOG do 22 de abril):

‒ Música e movemento: indicación do número de alumnos/as desagregados por cada curso de iniciación e de formación básica.

‒ Práctica instrumental: número de alumnos/as por especialidade.

‒ Formación musical complementaria á práctica instrumental: número de alumnos/as por materia relativa ao coñecemento da linguaxe e teoría musical, e ao desenvolvemento da educación auditiva.

‒ Actividades de conxunto: agrupacións vocais e instrumentais con que contou a escola de música, indicando en cada caso o número de alumnado que formou parte delas.

3º. Memoria económica, que incluirá:

– Relación clasificada dos gastos da actividade, referentes ao período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2023, con identificación do/da acredor/a e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento.

– Copia de facturas, nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social, documentos de retencións do imposto da renda das persoas físicas, certificacións bancarias e documentos similares incorporados na relación a que se fai referencia no punto anterior (segundo o estipulado no artigo 48 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), así como os documentos xustificativos do pagamento.

3º. A relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen, se é o caso, a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

2. En todo caso, o concello beneficiario no caso das escolas de música públicas, ou asociación ou fundación beneficiaria no caso de escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro, terá como data límite para a presentación da xustificación completa 15 días hábiles contados desde a publicación da adxudicación definitiva.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

1. A Dirección Xeral de Formación Profesional, a través dos servizos provinciais de inspección educativa, realizará o seguimento da aplicación das axudas nas escolas de música que resulten beneficiadas.

2. Así mesmo, a entidade beneficiaria ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 16. Modificación e reintegro das axudas

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, nos termos establecidos na normativa reguladora da subvención, tal como se establece na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de darse algún dos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria da subvención deberá proceder ao reintegro das cantidades recibidas e máis os xuros de demora, nos termos e condicións establecidos nos artigos 77 ao 83, incluído, do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 17. Comunicacións, publicidade e propaganda

Nas comunicacións, publicidade e propaganda das escolas de música que obteñan estas axudas deberá figurar o logotipo da Xunta de Galicia, acompañado da seguinte expresión literal «Escola de música subvencionada pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades».

Artigo 18. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o enderezo indicado, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 20. Base de datos nacional de subvencións

O contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Disposición adicional primeira. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional terceira

Para o non previsto nesta orde deberá aterse á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e ao Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file