Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 8 de xuño de 2023 Páx. 35552

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se aproba a oferta de destinos do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal sanitario e de xestión e servizos no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2023.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, do 20 de novembro de 2017 (DOG núm. 227, do 29 de novembro), modificada pola Resolución do 25 de abril de 2023 (DOG núm. 86, do 5 de maio), aprobáronse as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia.

Na base 3.4 da resolución de bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente establécese que as persoas interesadas poderán presentar a solicitude de participación en calquera momento, sen suxeición a prazo, desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. En cada ciclo anual de adxudicación incluiranse as solicitudes de participación que consten rexistradas en Fides/expedient-e e formalmente presentadas ata o 15 de xaneiro do ano en curso.

Na súa base 7.1 disponse que, dentro do prazo dos quince días naturais seguintes ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da oferta de prazas correspondente a cada ciclo anual de adxudicación, o/a concursante poderá modificar a través de Fides/expedient-e, no seu formulario de participación, a selección de prazas efectuada.

Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes do ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2023, e de conformidade coa Resolución do 20 de novembro de 2017 pola que se aproban as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas do persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 227, do 29 de novembro) e publicada a resolución provisional de admitidos/as e excluídos/as pola Resolución do 20 de marzo de 2023 (DOG núm. 61, do 28 de marzo), esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a oferta de destinos correspondente ao ciclo de adxudicación do ano 2023 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos, salvo na categoría de médica/o de familia de atención primaria, na cal xa foi realizada a oferta pola Resolución do 20 de marzo de 2023 (DOG núm. 61, do 28 de marzo).

A relación de prazas ofertadas por categoría e os centros nos cales poden existir resultas está publicada na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), na sección de emprego público/concurso de traslados/concurso de traslados aberto e permanente 2023.

Ademais, poderá ser consultada polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Segundo. Os/as profesionais que figuren na relación de participantes deste ciclo, salvo na categoría de médico/a de familia de atención primaria, disporán dun prazo de quince días naturais, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen modificar a través de Fides/expedient-e, no seu formulario de participación, a selección de destinos efectuada, se así o desexan.

As modificacións que se realicen na selección de destinos deberanse presentar por rexistro electrónico e non requirirán a entrega de ningunha documentación. Terase en conta a última modificación presentada por rexistro electrónico dentro do prazo indicado.

De igual forma, os/as aspirantes que, resultando admitidos/as con carácter provisional neste proceso, non tivesen seleccionado na instancia de participación ningún destino, disporán do prazo de quince días naturais, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución, para efectuaren a través de Fides/expedient-e, mediante o oportuno rexistro electrónico, a selección de destinos que consideren.

De conformidade coa base 3.5.1 da Resolución do 20 de novembro de 2017, pola que se aproban as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente, aquelas solicitudes de participación que, logo do prazo anteriormente sinalado, non conteñan a selección, polo menos, dun destino non terán a consideración de solicitude validamente presentada e quedarán excluídas automaticamente do ciclo de adxudicación en curso.

Terceiro. Os/as profesionais que opten a algún dos destinos que exixen habilitacións específicas para o seu desempeño deberán rexistrar, dentro do prazo de quince días naturais seguintes ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a posesión de tal competencia en Fides/expedient-e, na epígrafe doutros méritos, e deberán acreditar documentalmente no mesmo prazo, mediante certificación orixinal ou copia compulsada ou auténtica dirixida á mesma unidade de validación en que presentaron a solicitude de participación, a posesión de tal habilitación.

Os/as profesionais que, tendo optado a algún destes postos, non acreditasen na forma e no prazo expostos as condicións exixidas para o seu desempeño, non poderán resultar adxudicatarios/as deles.

Cuarto. A adxudicación dun destino neste proceso de mobilidade voluntaria suporá a obriga para o/a profesional adxudicatario/a do cumprimento dos requisitos e das condicións do posto que se detallan na relación de prazas ofertadas, que se fai pública mediante esta resolución. En caso contrario, o/a profesional decaerá do dereito a obter ou, de ser o caso, manter tal destino con carácter definitivo.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2023

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos