Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 13 de xuño de 2023 Páx. 36407

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 1 de xuño de 2023 pola que convoca o Curso superior de Administración electrónica.

De acordo co convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), para a convocatoria e o desenvolvemento de actividades de formación e divulgación en materia de administración electrónica e protección de datos,

RESOLVO:

Convocar, conforme ao antedito convenio, e en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Curso superior de Administración electrónica que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Primeira. Obxectivos

Nos últimos anos puxéronse en marcha unha serie de iniciativas a nivel europeo, nacional e autonómico para impulsar o desenvolvemento da Administración electrónica. Con elas preténdese aproveitar as innovacións que as tecnoloxías dixitais, na súa constante evolución, poden achegar para construír un modelo de administración máis transparente, sinxelo, eficaz e inclusivo, facilitando a interacción coa cidadanía, empresas e outras administracións.

Neste sentido, a formación do persoal empregado público en administración electrónica é esencial, pois permite a mellora das súas competencias dixitais e a asunción de novos procedementos de traballo, o que contribúe, en gran medida, a conseguir unha administración máis eficaz, eficiente, próxima, transparente e accesible.

O Curso superior de Administración electrónica pretende afondar nos aspectos máis importantes da Administración electrónica desde unha tripla perspectiva, xurídica, técnica e práctica. Deste xeito, poden destacarse como principais obxectivos do curso os seguintes:

• Concienciar o alumnado sobre a importancia que ten a implantación da Administración electrónica nas distintas administracións da nosa comunidade.

• Proporcionar coñecementos teóricos e prácticos de informática e do réxime xurídico da administración dixital.

Segunda. Contidos

Este curso superior abordará os seguintes contidos:

• Réxime xurídico dunha Administración dixital.

• Identidade dixital: identificación e sinatura dixitais.

• Sede electrónica e Carpeta cidadá.

• Sistema único de rexistro. Canles electrónicas e presenciais.

• Notificación electrónica.

• Seguridade da Información. Impacto do Regulamento xeral de protección de datos.

• Cooperación interadministrativa. Instrumentos de coordinación no desenvolvemento da administración electrónica. Iniciativas no marco europeo.

• GovTech. Transformación e innovación para novos servizos públicos. Automatización de procesos.

• Interoperabilidade de datos e documentos.

• Arquivo electrónico, documento electrónico e copia.

• Licitación e factura electrónicas.

• Atención á cidadanía. Transparencia e reutilización.

Terceira. Número de prazas

Setenta (70).

Cuarta. Persoas destinatarias

O curso está dirixido ao persoal empregado público en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, que se encadren nas seguintes categorías:

• Grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

• Grupos I e II do persoal laboral.

No caso de non se cubrir a totalidade das prazas convocadas, ás vacantes que resulten poderá acceder o persoal empregado público das ditas categorías, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración local e da Administración de xustiza.

Para os efectos do establecido na Resolución do 25 de xaneiro de 2022, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración de cursos de formación e perfeccionamento para os efectos do baremo de méritos xerais do persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 1,5 puntos.

Quinta. Desenvolvemento

Datas: o curso desenvolverase desde o 12 de setembro ata o 24 de outubro de 2023.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP); rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Duración: 114 horas lectivas, 30 horas de clases prácticas presenciais e 84 de teleformación.

As clases prácticas presenciais desenvolveranse os días 12, 19 e 26 de setembro; 3 e 10 de outubro de 2023.

Horario das clases presenciais: das 11.00 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 19.00 horas.

A proba final en liña será o último día do curso, 24 de outubro, na aula virtual da EGAP.

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e requisitos de selección establecidos nas bases cuarta e oitava respectivamente desta convocatoria.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar, en primeiro lugar, a área na que está integrada esta actividade (Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa) e, despois, seleccionar en «nome do curso»: Curso superior de Administración electrónica.

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 30 de xuño de 2023.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal ou, das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección, consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

2. No caso de que a persoa interesada se opoña a esta consulta deberá indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar, ademais, os documentos a cuxa consulta se opón, que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración, a través do seguinte correo: <novas.egap@xunta.gal>.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de admisión

A admisión levarase a cabo de acordo cos criterios indicados para as persoas destinatarias na base cuarta desta convocatoria. A orde de admisión virá determinada pola data e hora de inscrición.

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas e reservas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as listaxes das persoas seleccionadas para participar neste curso superior, en reserva, no caso de que o número de solicitudes fose superior ao número de prazas, e, de ser o caso, as persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección. Renuncia. Asistencia. Seguimento

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada o máis axiña posible e, se é o caso, como máximo o día 7 de setembro, por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións presenciais da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia nas actividades presenciais:

c.1. Non poden superar, en ningún caso, o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, estas faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de dez (10) días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

d) Seguimento das actividades de teleformación:

As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décimo primeira. Certificado electrónico de aproveitamento

Na parte final do curso o alumnado deberá realizar un traballo e un exame final en liña, que serán requisito previo para obter o certificado de aproveitamento.

Superado o exame e o traballo emitirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas rexistradas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa: o contido, a carga lectiva, as datas e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP e de Amtega

1. A Amtega e a EGAP reservan para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, caso no que empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A Amtega e a EGAP garantirán, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2023

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública