Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 13 de xuño de 2023 Páx. 36414

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 5 de xuño 2023 pola que se amplía o crédito orzamentario establecido na Resolución do 21 de marzo de 2022 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en diferentes sectores da economía, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento IN422N).

O programa de incentivos vinculado á realización de instalacións de enerxías renovables térmicas nos distintos sectores da economía está regulado polo Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro. Na Comunidade Autónoma de Galicia convocouse, mediante a Resolución do 21 de marzo de 2022, o programa de incentivos 1, relativo á realización de instalacións de enerxías renovables térmicas nos sectores industrial, agropecuario, servizos e/ou outros sectores da economía, incluído o sector residencial. As súas bases reguladoras foron modificadas posteriormente polo Real decreto 377/2022, do 17 de maio.

Mediante a Resolución do 8 de agosto de 2022 redistribuíronse os créditos orzamentarios por epígrafes recollidas na convocatoria de axudas.

Consonte as bases reguladoras, a Xunta de Galicia solicitou unha ampliación do orzamento asignado e aprobouse unha ampliación de crédito para o programa de incentivos 1, por 6.145.270,6 euros, mediante a Resolución do 22 de decembro de 2022, da presidenta da EPE Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía MP (IDAE).

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliar os fondos destinados ao programa de incentivos 1 vinculados á realización de instalacións de enerxías renovables térmicas nos sectores industrial, agropecuario, servizos e/ou outros sectores da economía, incluído o sector residencial, modificando os puntos 1 e 2 do artigo 4 da Resolución do 21 de marzo de 2022, que quedarán redactados da seguinte maneira:

«1. As subvencións previstas nesta convocatoria con cargo aos orzamentos do Inega e coa repartición plurianual recollida na seguinte táboa financiaranse con fondos europeos procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 12.290.541,20 euros, coa seguinte distribución orzamentaria por anualidades:

Importe 2022 (€)

Importe 2023 (€)

Importe 2024 (€)

Importe 2025

Importe total (€)

290.436,39

4.400.801,47

6.835.258,83

764.044,51

12.290.541,20

O orzamento por partida e anualidade redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 06.A3.733A.714.2, 06.A3.733A.760.5, 06.A3.733A.760.9, 06.A3.733A.770.5, 06.A3.733A.770.6, 06.A3.733A.781.1, 06.A3.733A.781.6.

2. O crédito máximo segundo a tecnoloxía renovable será o seguinte:

Tecnoloxía renovable térmica

Orzamento (€)

Biomasa

8.250.000, 00

Xeotermia e hidrotermia

2.400.000,00

Aerotermia

1.540.000,00

Solar térmica

100.541,20

Total

12.290.541,20

Os orzamentos por tecnoloxía renovable poderán ser redistribuídos pasados tres meses desde a apertura do prazo de solicitudes para adaptarse á evolución da axuda solicitada en cada unha das epígrafes».

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 5 de xuño 2023

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia