Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 14 de xuño de 2023 Páx. 36857

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 6 de xuño de 2023 pola que se aproban as bases xerais reguladoras e se convoca proceso selectivo unitario para o acceso por oposición libre nunha praza de vixilante municipal no concello de Rábade (código de procedemento PR461E).

De conformidade co establecido no Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local (Diario Oficial de Galicia núm. 222, do 22 de novembro), esta vicepresidencia, en virtude da delegación conferida para o efecto polo concello interesado,

DISPÓN:

Aprobar as bases xerais reguladoras e convocar o proceso selectivo unitario para o acceso por oposición libre dunha praza de vixilante municipal no concello de Rábade, subgrupo C2.

1. Obxecto da convocatoria.

O obxecto do proceso selectivo é cubrir 1 praza de vixilante municipal, escala Administración especial, subescala servizos especiais, subgrupo C2 no concello de Rábade.

Este proceso rexerase polo establecido nestas bases e para o non previsto haberá que aterse ao disposto na Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, no Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, que a desenvolve, na Orde do 28 de xaneiro de 2009, pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, promoción interna e mobilidade nos corpos de policías locais, para a integración dos vixilantes e auxiliares de policía local ou interinos, para o acceso como vixilantes municipais e a contratación de auxiliares de policía de temporada, e no Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local.

O código do procedemento regulado nesta orde é PR461E.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

As persoas interesadas en participar no proceso deberán posuír na data que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manter ata a toma de posesión como persoal funcionario os seguintes requisitos:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ter feitos os dezaoito anos e non exceder, se é o caso, da idade de xubilación forzosa.

c) Estar en posesión do título oficial de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente. Así mesmo, haberá que aterse ao establecido na Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño, pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharelato regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou a credencial de recoñecemento do título para efectos profesionais.

d) Non padecer enfermidade ou defecto físico que impida o desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario de que a persoa fose separada ou inhabilitada.

f) Carecer de antecedentes penais por delito doloso.

g) Ser titular dos permisos de conducir das clases A2 e B.

3. Solicitudes.

3.1. Forma e prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e que é o anexo I desta orde.

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da presente convocatoria no Boletín Oficial del Estado. O anuncio desta convocatoria será publicado tamén nos boletíns provinciais das catro provincias galegas.

3.2. Idioma da primeira proba.

As persoas aspirantes deberán indicar na súa solicitude, no punto de «Idioma do exame» se o texto do primeiro exercicio deberá de entregarse en idioma galego ou en idioma castelán. Unha vez realizada a opción e presentada a solicitude, a persoa aspirante non poderá modificar a opción.

3.3. A participación neste proceso de selección é voluntaria, e implica que se presta consentimento para realizar as probas e os exercicios psicotécnicos, aceptando que o resultado desas probas sexa empregado como factor de valoración, de conformidade co previsto nestas bases.

3.4. Taxas.

3.4.1. Por imperativo legal, de conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, como requisito necesario para participar neste proceso, deberase aboar dentro do prazo de presentación de solicitudes en concepto de dereitos de inscrición o importe de 26,99 euros e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes.

Para o pagamento da taxa deberase actuar da seguinte maneira:

– Pagamento electrónico: deberá introducir os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

– Pagamento electrónico-con certificado dixital: poderán realizar o pagamento con cargo á conta da persoa titular do certificado desde a opción de pagamento electrónico e nese momento obterán o xustificante 730 correspondente.

– Pagamento presencial: deberá seleccionar esta opción na solicitude, imprimir o documento de pagamento (modelo 739) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante. Unha vez feito o pagamento presencial na entidade financeira deberá achegarse coa solicitude de participación no proceso o xustificante selado pola entidade bancaria.

Os códigos para cubrir as taxas son os seguintes:

Consellería: Presidencia, Xustiza e Deportes

Código 04

Delegación: Servizos Centrales

Código 13

Servizo: Academia Galega de Seguridade Pública

Código 19

Taxa: Denominación: Inscrición nos procesos selectivos para a selección de vixilantes municipais

Código 30.03.04

A falta de pagamento da taxa correspondente, se é o caso, determinará a exclusión no proceso da persoa aspirante, e non será posible a súa emenda fóra do prazo de solicitudes.

A presentación do xustificante do aboamento das taxas non suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude de participación no proceso.

3.4.2. Exención e bonificación no aboamento da taxa.

3.4.2.1. Estarán exentos do pagamento desta taxa por dereito de inscrición:

– Persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– Persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

3.4.2.2. Aplicarase unha bonificación do 50 % do importe da taxa:

– Persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

– As vítimas do terrorismo, entendendo por tales, para os efectos regulados neste artigo, as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista e así o acrediten mediante sentenza xudicial firme ou en virtude de resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición, o seu cónxuxe ou persoa que convivise con análoga relación de afectividade, o cónxuxe do falecido e os fillos dos feridos e falecidos.

As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando coa solicitude a documentación que figura nas letras b), c) ou d) do punto 3.5.1 desta orde.

3.5. Documentación complementaria.

3.5.1. As persoas interesadas no proceso deberán achegar coa solicitude correspondente ao procedemento PR461E (anexo I) a seguinte documentación:

a) Xustificante do pagamento da taxa (código 30.03.04).

b) Certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter, sempre que non sexa expedido pola Xunta de Galicia, de ser o caso.

c) Tarxeta acreditativa do grao de discapacidade ou certificado de discapacidade expedido polo órgano competente na materia, sempre que non sexa expedido pola Xunta de Galicia, de ser o caso.

d) Resolución administrativa pola que se recoñeza a condición de vítima de terrorismo, de ser o caso.

e) Certificado de Celga 3 ou equivalente, sempre que non sexa expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, de ser o caso.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3.5.2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3.5.3. A consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación achegada polos/as aspirantes sancionarase coa anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

3.5.4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

3.5.5. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3.6. Comprobación de datos.

Para a tramitación do proceso consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Título oficial non universitario exixido (graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente).

d) Certificado de inexistencia de antecedentes penais.

e) Consulta dos permisos de conducir da persoa solicitante.

f) Certificado de Celga 3 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Título de familia numerosa expedido pola Xunta de Galicia.

b) Certificado de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia.

c) Situación de desemprego.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

3.7. Notificacións.

3.7.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

3.7.2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3.7.3. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3.7.4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3.7.5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

3.7.6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3.8. Publicación dos actos.

3.8.1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:

– Relación provisional de persoas admitidas e non admitidas.

– Relación definitiva de persoas admitidas e non admitidas e data e lugar de realización da primeira proba.

3.8.2. Na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (en diante, Agasp) (https://agasp.xunta.gal/es) publicaranse, ademais, as resolucións coas datas e lugares de realización das restantes probas selectivas, os resultados destas, relación de persoas aprobadas e demais comunicacións deste proceso.

3.9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral da Agasp publicará no DOG e na páxina web da Agasp a resolución pola que se declaren con carácter provisional as persoas admitidas e excluídas, co motivo da exclusión, así como as persoas aspirantes exentas e non exentas da realización da proba de coñecementos da lingua galega. No caso de non existir persoas excluídas, ou que as persoas excluídas o estean por motivos non emendables, a listaxe será considerada como definitiva.

4.2. As persoas excluídas e as persoas declaradas non exentas da realización da proba de coñecementos da lingua galega, disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no DOG, para poder emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión ou a non exención da proba de coñecementos da lingua galega.

Disporán do mesmo prazo de reclamación as persoas que, tendo presentado debidamente a solicitude de participación no proceso, non consten nin como admitidas nin como excluídas na relación publicada.

4.3. Non se poderá emendar a presentación de solicitude fora do prazo habilitado a este efecto, nin o non pagamento da taxa establecida. As estimacións ou desestimacións das solicitudes de emenda entenderanse implícitas na resolución da Dirección Xeral da Agasp pola que se aprobe a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas, así como a listaxe definitiva de persoas exentas e non exentas da proba de coñecementos da lingua galega, que se publicará no DOG e na páxina web da Agasp.

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso. Cando da documentación que deben presentar, tras superar o proceso, se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas interesadas decaerán en todos os dereitos que puideren derivar da súa participación.

4.4. Na resolución pola que se declaren con carácter definitivo as persoas admitidas e excluídas, co motivo da exclusión, así como as persoas aspirantes exentas e non exentas da realización da proba de coñecementos da lingua galega indicarase o lugar, a data e a hora da realización do primeiro exercicio.

5. Desenvolvemento do proceso.

5.1. O sistema de selección será o de oposición libre e constará de cinco exercicios, eliminatorios cada un deles, de modo que non poderán pasar ao seguinte as persoas aspirantes que non tivesen alcanzado a cualificación mínima establecida para cada un deles.

5.2. A oposición consistirá na realización dos exercicios que se enumeran no anexo II desta orde, coa forma e sistema de cualificación nel descritos.

6. Desenvolvemento dos exercicios do proceso.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes será a orde alfabética e comezará por aquelas persoas cuxo primeiro apelido comece pola letra V, consonte o establecido na Resolución do 23 de xaneiro de 2023 pola que se fai público o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 18, do 26 de xaneiro).

O tribunal, unha vez finalizado o primeiro exercicio, establecerá por orde decrecente de puntuación o número de aspirantes que deberán desenvolver o resto das probas, por quendas consecutivas de resultar necesario.

6.2. As persoas aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistas de DNI ou outro documento fidedigno que a xuízo do tribunal acredite a súa identidade.

En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

6.3. As persoas aspirantes deberán acudir ás probas nas horas e nas datas dos respectivos chamamentos, sen posibilidade de aprazamento calquera que fose a causa que lles impida acudir, agás que a escusa sexa posible por ter abeiro nun precepto legal, así como o suposto que se describe a seguir.

Nos casos de aspirantes embarazadas, ou en período de parto ou posparto, debidamente acreditados, poderase aprazar para as aspirantes nas que concorra a devandita circunstancia ata seis meses o desenvolvemento das probas físicas que lles correspondese realizar, prazo que podería prorrogarse como máximo outros seis meses en caso xustificado. Este aprazamento das probas físicas non afectará por si só ao resto das probas.

En calquera caso, darase por superado o proceso a aquelas persoas aspirantes que obtivesen una puntuación final que non puidese ser alcanzada, aínda coa obtención da máxima puntuación posible nas probas físicas aprazadas, polas aspirantes que se acollesen ao dereito de aprazamento.

As mulleres embarazadas que prevexan que polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación e previsión de parto, ou eventualmente os primeiros días despois do parto, a súa coincidencia coas datas de realización de calquera dos exames ou probas previstos no proceso poderán poñelo en coñecemento do tribunal, achegando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro dos dous días seguintes ao anuncio da data do exame e o tribunal determinará con base na información de que dispoña, se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo ou ben un aprazamento da proba, ou ben ambas as dúas medidas conxuntamente.

En ningún caso as probas de recoñecemento médico estimarán como circunstancias negativas para os efectos do proceso calquera que fose derivada da situación de embarazo e lactación. Ante a solicitude da muller que acredite atoparse nestas circunstancias, os tribunais poderán determinar que estas probas se realicen en calquera outra fase ou momento do proceso.

6.4. Durante o tempo fixado para a realización das probas selectivas, non se poderán utilizar nin manipular de ningunha maneira aparatos de telefonía móbil, reloxos ou soportes con memoria, e queda prohibido o acceso ao recinto con tales dispositivos, constituíndo causa de inadmisión ao chamamento a simple tenza destes.

6.5. O anuncio de realización dos exercicios publicarase na páxina web de Agasp, con dous días de antelación, polo menos, á data sinalada para o seu inicio.

6.6. Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións que as persoas interesadas poden presentar, anulase algunha ou algunhas preguntas incluídas na proba de coñecementos, anunciarao na páxina web da Agasp.

Neste suposto, e no caso que se tivesen realizado, serán tidas en conta as cuestións de reserva, que terán unha puntuación igual ás do resto de exercicio.

6.7. As cualificacións obtidas polas persoas aspirantes nos exercicios da oposición publicaranse na sede da Agasp e na súa páxina web.

Concederase un prazo de cinco días para os efectos de alegacións, que se contarán desde a publicación da resolución do tribunal pola que se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

6.8. En calquera momento do proceso, se o tribunal tivese coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, logo de audiencia da persoa interesada, comunicarallo á Agasp para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que a persoa aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, suporá a súa exclusión do proceso.

6.9. A puntuación das persoas aspirantes que superen todas as probas do proceso virá determinada pola puntuación do primeiro exercicio.

Tendo en conta que nos corpos de Policía Local de Galicia existe infrarrepresentación feminina, no suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

a) Criterio de desempate recollido no artigo 49 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, segundo o cal o empate se resolverá a favor da muller.

b) Menor tempo acadado na proba de resistencia xeral, carreira de 1.000 metros lisos.

c) Menor tempo acadado na proba de velocidade, carreira de 50 metros lisos.

d) En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

7. Tribunal cualificador.

7.1. O nomeamento do tribunal cualificador correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de seguridade, e estará composto por cinco persoas titulares e cinco persoas suplentes (presidente/a, tres vogais e secretario/a) pertencentes a un corpo, escala ou categoría profesional en que se requira para o seu ingreso a titulación de graduado en educación secundaria obligatoria ou superior, e a súa composición será paritaria segundo o establecido no artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

Sen prexuízo das competencias de ordenación material e temporal propias da Agasp, correspóndenlle ao tribunal as funcións relativas á determinación concreta do contido das probas, a cualificación das persoas aspirantes, a emisión de cantos informes lle sexan requiridos derivados da súa intervención no proceso, así como, en xeral, a adopción de cantas medidas sexan precisas na orde do correcto desenvolvemento das probas selectivas e resolución de incidencias.

7.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas mediante Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007, e no acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010.

A persoa titular da presidencia deberalles solicitar aos membros do tribunal e, de ser o caso, ao persoal asesor e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos unha declaración expresa de non atoparse incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, as persoas aspirantes poderán recusar aos membros do tribunal cando concorra neles algunha das circunstancias referidas nos termos establecidos no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.

7.3. A persoa titular do órgano que nomee o tribunal publicará no DOG a resolución correspondente pola que se nomeen os novos membros do tribunal que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

7.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na devandita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle corresponda para o correcto desenvolvemento do proceso.

A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia de, polo menos, tres dos seus membros, con presenza en todo caso das persoas titulares da Presidencia e da Secretaría.

Por acordo dos seus membros, o tribunal poderá decidir a autoconvocatoria para a seguinte ou seguintes sesións que teñan lugar sen necesidade de citación por escrito.

Das sesións realizadas polo tribunal redactarase a acta correspondente, que será asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da presidente/a.

7.5. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases; na Lei 40/2015, do 1 de outubro; nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ao resto do ordenamento xurídico.

7.6. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que coide pertinentes, quen se deberá limitar a colaborar nas súas especialidades técnicas e terá voz, pero non voto.

7.7. En ningún caso poderá o tribunal aprobar nin declarar que superou o proceso un número de aspirantes superior ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

7.8. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da Dirección Xeral da Agasp, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

8. Relación de persoas aprobadas e lista de reserva, elección de prazas, presentación de documentación e nomeamento como persoal funcionario en prácticas.

8.1. Relación de persoas aprobadas e lista de reserva.

Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal proporá como persoa aprobada a que acade a mellor puntuación de conformidade co establecido no punto 6.9 desta convocatoria.

Así mesmo, o órgano de selección elaborará unha lista de reserva na que constará unha persoa que será a persoa aspirante coa puntuación inmediatamente inferior á obtida pola persoa aprobada de conformidade co establecido no apartado 6.9 desta convocatoria.

Ambas as dúas listas serán publicadas na páxina web da Agasp.

8.2. Elección de praza.

A Dirección Xeral da Agasp, a través da súa páxina web, convocará a persoa aprobada a unha reunión presencial para adxudicarlle praza.

A concorrencia por parte da persoa aprobada á reunión prevista neste artigo soamente poderá aprazarse nos supostos e nos termos previstos nos artigos 16 e 17 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, para as probas das oposicións.

No caso de que á persoa aprobada non se lle tivese aprazado a reunión citada nesta base e non compareza persoalmente, ou por medio de representante, seralle adxudicada a praza convocada.

Asignada a praza de acordo co previsto nesta base, a Dirección Xeral da Agasp publicará na súa páxina web o nome da persoa á cal lle foi adxudicada e comunicaralle os datos desta ao Concello de Rábade, xunto coa data prevista para o comezo do preceptivo curso selectivo de formación e a documentación precisa que acredita o cumprimento dos requisitos exixidos para o seu nomeamento como funcionario/a en prácticas.

A partir do día seguinte ao da publicación da adxudicación da praza, a persoa á que se lle adxudicase disporá dun prazo de cinco días hábiles para a presentación ante o concello para os efectos que correspondan.

As persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos non poderán ser nomeadas persoal funcionario en prácticas e quedarán sen efecto as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

8.3. Nomeamento como persoal funcionario en prácticas.

Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, e inmediatamente antes do comezo do curso selectivo de formación, a persoa aspirante será nomeada persoal funcionario en prácticas mediante resolución da correspondente alcaldía, que se publicará no Boletín Oficial da provincia (BOP).

A persoa así nomeada permanecerá na dita situación desde o comezo do curso selectivo ata que se produza o seu nomeamento como persoa funcionaria de carreira ou a súa exclusión do proceso.

O curso selectivo de formación será convocado a través de resolución da Dirección Xeral da Agasp na que se indicará a data de inicio.

En caso de renuncia, falecemento, falta de xustificación dos requisitos para o nomeamento, incapacidade absoluta sobrevida ou concorrencia de calquera outra causa que impida o nomeamento dunha persoa aspirante como persoal funcionario en prácticas ou prive de eficacia o nomeamento xa realizado, o concello comunicará esta circunstancia á Dirección Xeral da Agasp, que substituirá a persoa afectada pola que figure na lista de reserva, sempre con anterioridade ao desenvolvemento do correspondente curso selectivo de formación.

8.4. Curso selectivo de formación.

A persoa aspirante aprobada deberá superar un curso selectivo de formación teórico-práctico na Agasp como requisito indispensable para acceder á condición de persoal funcionario vixilante municipal, de conformidade co disposto no artigo 92 da Lei 4/2007, do 20 de abril, e o artigo 45 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro.

A superación do curso selectivo é obrigatoria para acceder á praza de vixilante municipal. Aquelas persoas que xa o superaron con anterioridade na Academia Galega de Seguridade Pública estarán dispensadas de realizar o devandito curso.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo seguinte, o curso selectivo de ingreso será de tipo presencial e desenvolverase na Academia Galega de Seguridade Pública.

As súas características mínimas, en canto duración, estrutura e contidos modulares, serán as seguintes:

a) Duración mínima: 200 horas.

b) Estrutura: curso teórico-práctico.

c) Contidos modulares mínimos: módulos xurídico, técnico e operativo.

d) Un módulo específico en materia de igualdade e loita contra a violencia de xénero.

Con carácter extraordinario, por causas que imposibilitasen á Academia Galega de Seguridade Pública a realización do curso teórico-práctico de forma presencial, poderase realizar ata o 40 % de forma telepresencial nas materias de contido teórico.

No caso da non incorporación ao curso ou de abandono deste sen rematalo, salvo por causas excepcionais considerarase que a persoa aspirante non superou o proceso.

O alumnado que non supere o curso teórico-práctico na Agasp, incluídas as probas de carácter extraordinario, perderá todos os dereitos alcanzados no proceso.

Aos funcionarios e funcionarias en prácticas seralles de aplicación o regulamento de réxime interior da Agasp durante o seu curso de formación, e con carácter supletorio cando os feitos non constitúan falta en dito regulamento seralles de aplicación as normas do réxime disciplinario da Policía Local de Galicia recollidas na Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais e normativa de desenvolvemento.

A cualificación do curso de formación quedará en suspenso ante a concorrencia sobrevida de calquera causa de exclusión ata que non se resolva o expediente que se incoe.

9. Procedementos penais ou administrativos pendentes.

Cando as persoas que participan no proceso selectivo teñan aberto, ou se lles abra con posterioridade un procedemento penal ou administrativo que puidese rematar cunha condena por delito doloso, coa separación do servizo das administracións públicas ou a inhabilitación para o exercicio das funcións públicas, a admisión ao procedemento selectivo, a permanencia neste, así como o seu ingreso no corpo da Policía Local quedará condicionado ao feito que nos citados procedementos non se produza a condena ou separación referida.

O persoal participante no suposto de atoparse nas situacións descritas no parágrafo anterior debe comunicar tal situación, e a dirección xeral da Agasp poderá solicitar en calquera momento do proceso selectivo unha declaración xurada de non atoparse nas ditas situacións.

A falsidade ou omisión de datos nesta declaración xurada dará lugar as responsabilidades que se establezan no regulamento de réxime interior da Agasp en relación ao incumprimento das ordes ou disposicións ditadas pola dirección xeral da Academia.

10. Información ás persoas interesadas.

Sobre esta convocatoria, poderase obter información adicional na Agasp a través dos seguintes medios:

a) https://sede.xunta.gal/portada

b) Páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal)

c) No enderezo electrónico seleccion.agasp@xunta.gal

d) Nos teléfonos da Agasp 886 20 61 09, 886 20 61 16, 886 20 61 35 e 886 20 61 27.

e) No Servizo de Coordinación, Planificación e Selección (avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra).

Disposición adicional única

En virtude do establecido no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo acorda delegar a facultade de nomear o Tribunal que deberá cualificar este proceso, e se é o caso, a substitución dos membros que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base 7.2 desta convocatoria na persoa titular da Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública.

Igualmente acórdase delegar na persoa titular da Dirección Xeral da Agasp a resolución dos recursos de alzada que se interpoñan contra os acordos do tribunal nomeado para cualificar este proceso.

Disposición derradeira única

1. Esta convocatoria e as súas bases vinculan á Administración, o tribunal encargado de xulgar o proceso selectivo e as persoas que nel participen.

2. Así mesmo, cantos actos administrativos sexan producidos polo tribunal, pola autoridade convocante ou o órgano encargado da xestión, poderán ser impugnados polos/as interesados/as de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da consellería competente en materia de seguridade no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, consonte a Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Exercicios

1. Primeiro exercicio: proba de avaliación dos coñecementos.

Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de 50 preguntas tipo test, con 4 respostas alternativas cada unha, que serán propostas polo tribunal e deberan amosar o dominio dos contidos do temario que figura como anexo III desta orde.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do temario que no momento de publicación no DOG desta convocatoria conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior, esta mesma data terase en conta igualmente para todos aqueles datos do temario que se poidan valorar.

As persoas aspirantes disporán dun tempo máximo dunha hora para a súa realización.

O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que esta proba sexa corrixida sen que se coñeza a identidade dos/das aspirantes. Cando finalice entregarase a cada aspirante a folla autocopiativa do seu exame. A plantilla coas respostas correctas publicarase no mesmo lugar no que se realizou e no portal web da Agasp.

O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

As decisións e os acordos que afecten a cualificación e a valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade das persoas aspirantes ás que corresponden os resultados obtidos.

A proba será cualificada polo tribunal de cero a dez puntos, sendo preciso acadar cinco puntos como mínimo. A cualificación farase atendendo a seguinte fórmula:

N=(A-F/3)/5

Sendo N=nota final da proba; A=cuestións acertadas; F=cuestións erradas ou non contestadas.

Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes, con anterioridade á realización da proba, os criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nestas bases.

2. Segundo exercicio: proba de avaliación do coñecemento da lingua galega.

Realizarase a continuación da proba de coñecementos, e consistirá na tradución dun texto do castelán para o galego e doutro texto do galego para o castelán. Os textos serán elixidos polo tribunal inmediatamente antes de realizarse a proba.

O exercicio terá unha duración máxima dunha (1) hora.

O exercicio valorarase como apto/a ou non apto/a e para superalo será necesario obter o resultado de apto/a.

As persoas aspirantes que estivesen en posesión do Celga 3 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo) estarán exentos da realización desta proba.

3. Terceiro exercicio: probas de aptitude física.

Este terceiro exercicio consistirá na realización de todas as probas físicas que se indican a seguir.

1. Probas físicas.

As probas de aptitude física terán a cualificación de apto ou non apto. Para obter a cualificación de apto é necesario non superar as marcas establecidas como máximas para as probas 1.1, 1.4 e 1.5, e alcanzar ou superar os mínimos das probas 1.2 e 1.3. Os exercicios realizaranse pola orde en que están relacionados e cada un é eliminatorio para realizar o seguinte.

As persoas aspirantes entregarán ao tribunal un informe médico en que se faga constar expresamente que o aspirante reúne as condicións físicas e sanitarias para a realización dos exercicios físicos que se especifiquen na correspondente proba da oposición, o que non excluirá as comprobacións posteriores do que se reflicta no informe médico.

Este informe médico deberá ser expedido dentro dos 15 días inmediatamente anteriores á data de realización da primeira proba de aptitude física.

Establécense diferentes marcas para cada sexo. As probas realizaranse de forma individual, agás as de velocidade, resistencia xeral e natación, que poderán facerse de forma colectiva se así o considera o tribunal cualificador. Nas probas de resistencia xeral e natación, disponse dunha soa posibilidade de execución, no resto permitirase unha segunda realización cando na primeira non se obteña a cualificación de apto.

O desenvolvemento de cada unha das probas físicas deberá realizarse en lugares axeitados ao tipo de proba que se vaia executar. En todas as probas deberase empregar un sistema de medición que garanta a exactitude e certeza das marcas individuais obtidas por cada opositor.

1.1. Proba de velocidade: carreira de 50 metros lisos.

Realizarase nunha pista de atletismo ou calquera zona totalmente chaira de terreo compacto.

A persoa aspirante colocarase na pista no lugar sinalado e poderá realizar a saída de pé ou agachado, sen utilizar tacos de saída.

As marcas máximas (en segundos) exixidas para a superación da proba son:

Homes: 7.40”

Mulleres: 8.20”

1.2. Proba de potencia de tren superior: os homes realizarán flexións de brazos e as mulleres suspensión en barra.

1.2.1. Flexións de brazos.

Realizarase en ximnasio ou campo de deportes.

Iniciarase desde a posición de suspensión pura, agarrando a barra coas palmas das mans núas, á fronte, e cos brazos totalmente estendidos.

A flexión completa realizarase de maneira que o queixo asome por enriba da barra. Antes de iniciar outra nova flexión será necesario estender totalmente os brazos. Non se permite o balanceo do corpo ou a axuda con movementos das pernas e efectuaranse de forma continuada.

Contaranse soamente as flexións completas e realizadas correctamente. O número mínimo esixible é de 10 flexións.

1.2.2. Suspensión en barra.

Realizarase en ximnasio ou campo de deportes.

O exercicio consiste en quedar, o maior tempo posible, na posición que se describe: brazos flexionados, presa coas palmas da man cara atrás, pernas completamente estendidas e sen tocar o chan, queixo situado por enriba da barra e sen ter contacto con ela.

O tempo mínimo exixido para a superación da proba é de 52 segundos.

1.3. Proba de potencia de tren inferior: salto horizontal.

Realizarase en ximnasio ou campo de deportes, con chan horizontal e, coa superficie adecuada para efectuar a medición das marcas.

A persoa aspirante colocarase de pé detrás dunha liña sen pisala, cos pés separados, paralelos entre si e á mesma altura (realizarase o salto desde a posición de parado). Realizará un salto horizontal caendo cos dous pés ao chan. Medirase a distancia entre a liña de saída ata a marca do apoio de caída máis próximo á liña.

As marcas mínimas exixidas (en centímetros) para a superación da proba son:

Homes: 210 cm.

Mulleres: 185 cm.

1.4. Proba de resistencia xeral: carreira de 1.000 metros lisos.

Realizarase en pista de atletismo ou en calquera zona totalmente chá de terreo compacto.

A persoa aspirante colocarase na pista no lugar indicado. A saída realizarase en pé.

Será eliminado o corredor que abandone a pista durante a carreira.

As marcas máximas (en minutos e segundos) exixidas para a superación da proba son:

Homes: 3’30”

Mulleres: 4’10”

1.5. Proba de natación: 25 metros estilo libre.

Realizarase nunha piscina que permita efectuar o percorrido sen facer viraxes.

A persoa aspirante poderá colocarse para a saída, ben sobre a plataforma, ben no bordo da piscina, ou ben no interior do vaso, debendo permanecer neste último caso en contacto co bordo da saída.

Unha vez que se dea o sinal de saída, as persoas aspirantes, ben en mergullo ou por impulsión sobre a parede, segundo a situación de partida adoptada, iniciarán a proba empregando calquera estilo para a súa progresión.

As marcas máximas (en segundos) para a superación da proba son:

Homes: 0’ 24”

Mulleres: 0’ 28”

A non superación de calquera das probas na forma indicada dará lugar á eliminación da persoa aspirante.

As persoas aspirantes deberán presentarse á realización das probas coa roupa e co calzado que consideren adecuados e cun informe médico expedido dentro dos 15 días inmediatamente anteriores á data de realización da primeira proba deste exercicio. A non presentación de dito documento suporá a exclusión da persoa aspirante do proceso selectivo.

Para a proba de natación as persoas aspirantes utilizarán traxes de baño (que achegarán elas mesmas) e do modelo que desexen. Queda prohibida a utilización de traxes de neopreno ou similares e axudas para a flotabilidade e/ou o incremento da velocidade de calquera tipo.

4. Cuarto exercicio: probas psicotécnicas.

Estas probas están dirixidas a determinar as actitudes e aptitudes persoais dos/das aspirantes e a súa adecuación as funcións policiais que deberán desempeñar, comprobando que presentan un perfil psicolóxico axeitado.

Terán que efectuarse e valorarse por persoal especialista e cualificaranse como apto/a ou non apto/a. Para superalas será necesario obter o resultado de apto/a no conxunto das probas realizadas.

a) Proba de intelixencia.

Realizarase unha valoración do nivel intelectual e doutras aptitudes específicas, explorando todos ou algúns dos seguintes factores: intelixencia xeral, comprensión e fluidez verbal, comprensión de ordes, razoamento cognitivo, atención discriminativa e resistencia á fatiga intelectual.

b) Probas de personalidade.

As probas orientaranse á avaliación dos trazos de personalidade máis significativos e relevantes para o desempeño da función policial, así como o grao de adaptación persoal e social das persoas aspirantes. Así mesmo, deberá descartarse a existencia de síntomas ou trastornos psicopatolóxicos e/ou de personalidade. Entre outros, exploraranse os seguintes aspectos: estabilidade emocional, autoconfianza, capacidade empática e interese polos demais, habilidades interpersoais, control axeitado da impulsividade, axuste persoal e social, capacidade de adaptación ás normas, capacidade de afrontar o estrés e motivación polo traballo de vixilante.

Os resultados obtidos nas dúas probas anteriores serán contrastados mediante unha proba individual que consistirá na contestación a un cuestionario formulado verbalmente coa finalidade de valorar tamén o estado psicolóxico das persoas aspirantes.

Á parte das características de personalidade sinaladas anteriormente, exploraranse ademais os seguintes aspectos: existencia de niveis disfuncionais de estrés ou de trastornos do estado de ánimo; problemas de saúde; consumo excesivo ou de risco de alcohol ou outros tóxicos e grao de medicación; expectativas respecto da función policial.

5. Quinto exercicio: recoñecemento médico.

O recoñecemento médico será efectuado por persoal facultativo e o seu fin é garantir que as persoas aspirantes estean en condicións idóneas para o exercicio das funcións policiais propias do posto de traballo.

Cualificarase como apto/a ou non apto/a e para superalo será necesario obter o resultado de apto/a.

Para os efectos da exclusión da persoa aspirante, terase en conta o seguinte:

a) Obesidade-delgadeza.

Obesidade ou delgadeza manifestas que dificulten ou incapaciten para o exercicio das funcións propias do cargo.

Índice de masa corporal (IMC) non inferior a 18,5 nin superior a 29,9. Considerando o IMC como a relación resultante de dividir o peso da persoa expresado en quilos polo cadrado da estatura expresada en metros.

b) Calquera enfermidade, padecemento ou alteración de carácter físico, psíquico ou sensorial que, a xuízo dos facultativos médicos, impida, limite ou dificulte o exercicio das funcións policiais.

Para os diagnósticos establecidos neste anexo teranse en conta os criterios das sociedades médicas das especialidades correspondentes, en todo caso coa publicación da data e lugar desta proba o tribunal publicará o cadro de exclusións médicas que se vai aplicar.

As exclusións garantiranse coas probas complementarias necesarias para o diagnóstico.

ANEXO III

Temario

O temario para a realización da proba de coñecementos é:

1. O Estado. Concepto. Elementos. A división de poderes. Funcións. Organización do Estado español. Antecedentes constitucionais en España. A Constitución española de 1978. Estrutura e contido. A reforma da Constitución española. O Estado español como Estado social e democrático de dereito.

2. Dereitos fundamentais e liberdades públicas. Os dereitos fundamentais recoñecidos na Constitución.

3. Dereitos e deberes dos cidadáns. Os principios reitores da política social e económica. As garantías dos dereitos e liberdades. Suspensión xeral e individual destes. O Defensor do Pobo.

4. A Coroa. As Cortes Xerais. Estrutura e competencias. Procedemento de elaboración das leis. Formas de Goberno. O Goberno e a Administración. Relacións do Goberno coas Cortes Xerais. Funcións do Goberno.

5. O Poder Xudicial. Principios constitucionais. Estrutura e organización do sistema xudicial español. O Tribunal Constitucional.

6. Organización territorial do Estado. As comunidades autónomas. O Estatuto de autonomía de Galicia. Estrutura e disposicións xerais. Institucións: Parlamento. Presidente e Consello de Goberno. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O Valedor do Pobo.

7. Relación da Xunta de Galicia coa Administración do Estado e con outras comunidades autónomas. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia. A reforma do Estatuto de autonomía para Galicia.

8. O dereito administrativo. Fontes e xerarquía das normas. O acto administrativo. Concepto. Elementos. Clases. A validez dos actos administrativos; nulidade e anulabilidade. Notificación de actos administrativos. Cómputo de prazos. Recursos administrativos. Alzada e reposición; o recurso extraordinario de revisión.

9. O procedemento administrativo. Concepto e principios xerais. Clases. Os interesados. A estrutura do procedemento administrativo.

10. O réxime local español. Tipos de entidades locais. O municipio. Concepto e elementos. Competencias municipais. A organización e funcionamento do municipio. O Pleno. O alcalde. A Xunta de Goberno Local. Outros órganos municipais.

11. Ordenanzas, regulamentos e bandos. Clases e procedemento de elaboración e aprobación. A licenza municipal. Tipos. Actividades sometidas a licenza. Tramitación.

12. Función pública local. A súa organización. Adquisición e perda da condición de funcionario. Dereitos, deberes e incompatibilidades dos funcionarios. Situacións administrativas.

13. Lei orgánica de forzas e corpos de seguranza. Lei de coordinación das policias locais de Galicia e normas de desenvolvemento.

14. Delitos e faltas. Circunstancias modificativas da responsabilidade criminal. Persoas responsables: autores e cómplices.

15. Delitos contra a seguranza viaria. Faltas cometidas con ocasión da circulación de vehículos de motor. Lesións e danos imprudentes.

16. Lei de seguranza viaria. Regulamentos de desenvolvemento. Estrutura e conceptos xerais.

17. Normas xerais de circulación: lugar na vía, velocidade, prioridade de paso. Cambios de dirección e sentido. Adiantamentos. Parada e estacionamento. Vehículos e transportes especiais. Cinto e casco de seguranza.

18. Circulación por zonas peonís. Comportamento en caso de emerxencia. Sinais de circulación. Clasificación e orde de prioridade. Carencia do seguro obrigatorio.

19. Os vixilantes municipais. Funcións. Responsabilidade dos vixilantes municipais.

20. Deontoloxía profesional. Obrigas dos funcionarios. O servizo público.