Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 15 de xuño de 2023 Páx. 37198

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 13 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2023-2025 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, para o exercicio 2023 (código de procedemento TR301P).

BDNS (Identif.): 702620.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as convocatorias públicas de subvención das accións formativas para o emprego en unidades formativas nas empresas e con compromiso de contratación (código de procedemento TR301P).

Enténdese por unidade formativa da empresa, a formación con compromiso de contratación impartida con medios propios da beneficiaria, ou a través dunha entidade contratada nos termos desta orde, que teña por obxecto a realización das accións formativas solicitadas e relacionadas coa súa actividade empresarial.

2. As bases reguladoras terán vixencia temporal para o período 2023-2025. Así mesmo, coa publicación desta orde realízase a súa primeira convocatoria para o ano 2023.

Segundo. Finalidade

1. As subvencións que se concedan ao abeiro do disposto nesta orde de bases reguladoras e primeira convocatoria terán como finalidade o financiamento de programas de formación con compromiso de contratación destinados á cualificación profesional das persoas traballadoras desempregadas, e estarán dirixidos á adquisición e mellora das competencias profesionais necesarias para o desempeño dos postos de traballo obxecto da contratación.

2. A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, mediante concesión directa, nos termos establecidos no artigo 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, e de acordo co establecido nos artigos 4 e 5 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, polo que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo.

Terceiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, e as agrupacións temporais de empresas que presenten solicitude conxunta, mediante un convenio que acredite a correspondente agrupación, que adquiran, no marco da actividade subvencionada, o compromiso de contratación das persoas traballadoras aprobadas e/ou formadas a que se refire esta orde.

Entenderase por agrupación temporal de empresas para os efectos desta orde, cando distintas empresas pertencentes a un sector ou actividade acrediten a correspondente agrupación mediante un acordo ou convenio entre elas.

2. Así mesmo, poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións a que se refiren estas bases, as empresas que sexan entidades de formación e que sexan titulares de centros ou entidades de formación inscritos para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia naquelas especialidades formativas para as cales soliciten subvención.

Cuarto. Accións formativas

1. Serán subvencionables ao abeiro do disposto nesta orde, e nos termos establecidos no artigo 28 do Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, as accións formativas para o emprego con compromiso de contratación na Comunidade Autónoma de Galicia, que garden relación coa actividade empresarial das entidades solicitantes e estean incluídas no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal no marco do Sistema de formación para o emprego no ámbito laboral.

2. En aplicación do disposto no punto 1 deste artigo, poderán solicitarse especialidades formativas non conducentes á obtención de certificados de profesionalidade incluídas no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal.

De non existiren, por non estaren dadas de alta no catálogo, especialidades formativas que respondan ás necesidades específicas de formación, as empresas poderán solicitar impartir especialidades que, no momento de presentar a solicitude de subvención, non estean incluídas nel.

Quinto. Persoas destinatarias da formación

As accións formativas obxecto de financiamento dirixiranse ás persoas traballadoras desempregadas. Para tal efecto, a consideración de persoa desempregada virá determinada pola súa inscrición como demandante no Servizo Público de Emprego de Galicia e a súa situación laboral como non ocupada, na data da súa incorporación á acción formativa.

Non será precisa a inscrición como demandante de emprego cando unha norma específica así o determine e, en particular, no suposto de persoas mozas inscritas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil.

Sexto. Compromiso de contratación da primeira convocatoria

Cada acción formativa incluirá un compromiso de contratación do 60 % do alumnado aprobado e/ou formado, en contratos cunha duración mínima de 6 meses, ou do 40 % se a contratación é por un período igual ou superior aos 12 meses.

Non se poderán combinar ambos os tipos de contratos nunha mesma acción formativa.

Sétimo. Financiamento da primeira convocatoria

Destínase á primeira convocatoria, correspondente á anualidade 2023, un crédito por importe total de tres millóns cento corenta e oito mil trescentos trinta e catro euros (3.148.334,00 €), que se imputarán con cargo á aplicación orzamentaria 11.50.323A.471.0, ou aquelas que a substitúan de conformidade coa normativa orzamentaria aplicable, con código de proxecto 2013 00545. Esta aplicación está financiada con fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

Oitavo. Forma e lugar de presentación das solicitudes e documentación complementaria

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, anexo I, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes

Noveno. Prazo de presentación das solicitudes da primeira convocatoria

O prazo de presentación de solicitudes, contado desde o día da entrada en vigor da orde, estará aberto ata o día 30 de setembro de 2023.

Décimo. Prazo de execución das accións formativas da primeira convocatoria

As accións formativas non poderán comezar ata transcorrido un mínimo de cinco días hábiles desde a aceptación da resolución de concesión.

A data límite para o remate das accións formativas será o 1 de decembro de 2023.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2023

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade