Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 15 de xuño de 2023 Páx. 37110

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 13 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2023-2025 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, para o exercicio 2023 (código de procedemento TR301P).

A presente orde, pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento TR301P para o período 2023-2025, ten por obxecto concretar os criterios que rexerán a concesión de axudas para impartir accións formativas de formación para o emprego que impliquen compromiso de contratación para as empresas e entidades beneficiarias delas.

Ao abeiro das bases reguladoras establecidas na presente orde aprobaranse, de ser o caso, as sucesivas convocatorias para o período de vixencia destas.

A Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, regula a planificación e o financiamento do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a calidade e a gobernanza do sistema.

A Lei 30/2015 estableceu un marco normativo que trata de consolidar no sistema produtivo unha cultura de formación profesional favorecedora da formación de emprego estable e de calidade garantindo o exercicio do dereito á formación das persoas traballadoras.

Entre as iniciativas de formación para o emprego que regula a Lei 30/2015 considérase, no seu artigo 8.1.c), a oferta formativa das administracións competentes para persoas traballadoras desempregadas, que inclúe, entre outros, os programas formativos con compromiso de contratación. Nesta liña, a lei, no seu artigo 11.2, recolle os programas formativos que inclúan compromiso de contratación como un dos piares da oferta formativa para persoas traballadoras desempregadas.

O Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, recolle nos seus artigos 27 e 28 os programas formativos que inclúan compromiso de contratación.

Así mesmo, a Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, en relación coa oferta formativa das administracións competentes e o seu financiamento, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento, considera, no seu artigo 1.3, os programas formativos con compromiso de contratación.

A finalidade destes programas formativos consiste en financiar as empresas para a impartición de accións formativas dirixidas a formar persoas traballadoras desempregadas naquelas competencias, habilidades e perfís laborais específicos demandados polo sistema produtivo para a cobertura dun posto de traballo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, no seu artigo 29 atribúelle á Comunidade Autónoma galega a execución da lexislación do Estado en materia laboral e de fondos de ámbito nacional e de emprego.

A Comunidade Autónoma de Galicia, en aplicación do Decreto 69/1993, do 10 de marzo, asume as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado en materia de formación profesional ocupacional.

O orzamento destinado ás distintas convocatorias que poidan publicarse ao abeiro destas bases reguladoras está financiado por fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

O Decreto 123/2022, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, atribúe á Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación as competencias relativas á formación profesional para o emprego.

Con base na análise de resultados e a experiencia acumulada na xestión de anteriores convocatorias, e para os efectos de dotar dunha maior axilidade o procedemento, púxose de manifesto a oportunidade de aprobar unhas novas bases reguladoras para a execución de programas formativos con compromiso de contratación aplicando o réxime de concorrencia non competitiva.

A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, regula os requisitos de concesión e xustificación das subvencións concedidas na Administración do Estado, incluíndo aqueles de carácter básico que son de aplicación na normativa desta comunidade autónoma e, en consecuencia, a esta orde, considerando, no seu artigo 22, dúas formas de procedemento de concesión de subvencións: o procedemento ordinario en réxime de concorrencia competitiva e o procedemento de concesión directa.

O artigo 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, regula o procedemento de concesión directa.

A Lei 30/2015, do 9 de setembro, reguladora do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, establece no seu artigo 6.5.d) que a concesión directa de subvencións poderá aplicarse, entre outras, á formación con compromiso de contratación, ao abeiro do disposto no artigo 22.2.c) da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións.

Para tal efecto, o artigo 28.2 do Real decreto 694/2017, dispón que os programas formativos que inclúan compromisos de contratación poderán financiarse de acordo coas formas previstas no artigo 6.5.d) da Lei 30/2015, de 9 de outubro, cando se prevexa por real decreto a concesión directa de subvencións ao abeiro do disposto no artigo 22.2.c) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, en relación co artigo 28.2 e 3 da dita Lei.

Pola súa vez, o Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos do emprego e da formación profesional ocupacional, en virtude do disposto no artigo 2.1.m), autoriza a concesión directa de subvencións a empresas e entidades para a impartición de accións de formación profesional para o emprego cando as ditas empresas ou entidades adquiran para si mesmas o compromiso expreso de contratar unha porcentaxe do alumnado formado.

A recente Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego, modifica a redacción do artigo 6 da Lei 30/2015, do 9 de outubro, sen variar, como consecuencia do novo redactado, os criterios xa establecidos no relativo á posibilidade de aplicar a concesión directa á formación con compromiso de contratación.

Vista a viabilidade legal da súa aplicación, este procedemento de concorrencia non competitiva ten como obxectivo o financiamento de actividades formativas que non requiren dunha valoración comparativa con outras propostas, polo que as resolucións de concesión se ditarán en orde de presentación das solicitudes, unha vez verificado o cumprimento dos requisitos exixidos, e ata o esgotamento do orzamento dispoñible en cada convocatoria.

O obxectivo desta orde consiste en axilizar o proceso de concesión de subvencións e axustar ao máximo posible o momento en que xorden as necesidades de contratación ás cales vai dirixida a formación, facilitando, así, a creación de emprego de xeito inmediato mediante a contratación directa dunha porcentaxe das persoas desempregadas formadas e permitindo crear postos de traballo especializados e sustentables.

A presente norma vencella de xeito directo formación e emprego, asociando a necesidade da empresa de contar con persoas traballadoras cualificadas e adaptadas ás súas formas de produción, coa procura activa de emprego por parte das persoas traballadoras desempregadas.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dispón no seu artigo 5.2. que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos que se axusta esta disposición. Tamén será de aplicación o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, regula os requisitos de concesión e xustificación das subvencións concedidas na Administración do Estado, incluíndo aqueles de carácter básico que son de aplicación na normativa desta comunidade autónoma e, en consecuencia, a esta orde.

No relativo ao compromiso de contratación a asumir polas empresas, aplicáronse as modificacións do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, incluídas no Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía de estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo.

A concesión e xustificación da subvención realizarase a través do réxime de módulos previsto nos artigos 3 e 4 da Orde TMS/368/2019. Para os efectos de aplicar o dito réxime, os módulos económicos determinaranse aplicando criterios obxectivos en atención aos valores medios de mercado dos distintos compoñentes dos custos directos e indirectos da actividade formativa e en función da familia ou área profesional, e/ou a especialidade formativa.

Consecuentemente con todo o anterior, logo de consultar ao Consello Galego de Formación Profesional e ao Consello Galego de Relacións Laborais, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as convocatorias públicas de subvención das accións formativas para o emprego en unidades formativas nas empresas e con compromiso de contratación (código de procedemento TR301P).

Enténdese por unidade formativa da empresa, a formación con compromiso de contratación impartida con medios propios da beneficiaria, ou a través dunha entidade contratada nos termos desta orde, que teña por obxecto a realización das accións formativas solicitadas e relacionadas coa súa actividade empresarial.

Poderán participar nas referidas accións formativas reguladas por esta orde aqueles colectivos que, para tales efectos, se determinan no artigo 28.

2. As bases reguladoras terán vixencia temporal para o período 2023-2025.

Así mesmo, coa publicación desta orde realízase a súa primeira convocatoria para o ano 2023.

Artigo 2. Finalidade e principios que rexen a concesión das subvencións

1. As subvencións que se concedan ao abeiro do disposto nesta orde de bases reguladoras e primeira convocatoria terán como finalidade o financiamento de programas de formación con compromiso de contratación destinados á cualificación profesional das persoas traballadoras desempregadas, e estarán dirixidos á adquisición e mellora das competencias profesionais necesarias para o desempeño dos postos de traballo obxecto da contratación.

2. A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, mediante concesión directa, nos termos establecidos no artigo 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, e de acordo co establecido nos artigos 4 e 5 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, de 3 de xullo.

Artigo 3. Financiamento

1. Cada convocatoria determinará o importe total do crédito que se destinará á subvención das actividades de formación, con indicación das anualidades en que se distribuirá, as aplicacións orzamentarias a que se imputará, así como o financiamento e as reservas de crédito que, se for o caso, se establezan para determinadas accións formativas.

2. Así mesmo, cada convocatoria poderá establecer, de ser o caso, reservas de crédito dirixidas a desenvolver aquelas liñas formativas que, en función da caracterización dos contidos da acción formativa ou do perfil do alumnado, requiran de especial apoio.

Artigo 4. Accións formativas subvencionables

1. Serán subvencionables ao abeiro do disposto nesta orde, e nos termos establecidos no artigo 28 do Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, as accións formativas para o emprego con compromiso de contratación na Comunidade Autónoma de Galicia, que garden relación coa actividade empresarial das entidades solicitantes e estean incluídas no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal no marco do Sistema de formación para o emprego no ámbito laboral.

2. En aplicación do disposto no punto 1 deste artigo, poderán solicitarse especialidades formativas non conducentes á obtención de certificados de profesionalidade incluídas no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal.

De non existiren, por non estaren dadas de alta no catálogo, especialidades formativas que respondan ás necesidades específicas de formación, as empresas poderán solicitar impartir especialidades que, no momento de presentar a solicitude de subvención, non estean incluídas nel. Neste caso, deberá presentarse xunto coa solicitude de subvención a proposta de alta da nova especialidade formativa achegando, para estes efectos, a documentación que se referencia no artigo 9.1.h) desta orde.

Artigo 5. Compromiso de contratación

1. Cada acción formativa incluirá o correspondente compromiso de contratación, nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, dunha porcentaxe do alumnado aprobado e/ou formado que, para cada convocatoria, se determine.

O compromiso concreto de contratación por acción formativa a que estará obrigada a beneficiaria especificarase, para cada convocatoria, no artigo correspondente aos límites e criterios particulares a que estará suxeita esta.

2. O contrato de traballo formalizarase segundo a normativa laboral vixente.

Non se poderán subscribir contratos formativos para a obtención da práctica profesional adecuada ao nivel de estudos.

No suposto de contratos a tempo parcial, o mínimo da xornada será do 50 % da correspondente a unha persoa traballadora a tempo completo comparable.

3. A contratación deberá efectuarse no prazo máximo de dous meses desde o remate da acción formativa e deberá realizarse nunha ocupación e categoría relacionada coa especialidade formativa impartida. Entenderase como colocación relacionada aquela que teña por obxecto o desempeño de traballos vencellados aos coñecementos teórico-prácticos adquiridos durante a formación previa.

A superación do período de dous meses para a formalización do contrato dará lugar á minoración recollida no artigo 40 desta orde. En ningún caso se admitirán contratos formalizados con posterioridade ao prazo de seis meses contados desde a data de remate da acción formativa.

4. Na memoria técnica do compromiso de contratación a que fai referencia o artigo 9.1.e) desta orde, deberá incluírse a seguinte información:

• Exposición de motivos da necesidade de realizar o proxecto formativo e descrición das necesidades laborais e as accións formativas a impartir dirixidas a capacitar o alumnado para desempeñar os postos de traballo que se pretenden cubrir.

• Descrición dos perfís profesionais das persoas traballadoras que se pretende contratar, así como do proceso de selección do alumnado previo á formación.

• Tipo e número de contratos laborais comprometidos, con indicación da súa duración, das ocupacións e categorías profesionais, así como das localidades e centros de traballo nos que se localizarán estes.

• Número de persoas empregadas no cadro laboral da empresa ou entidade contratante na data de publicación da convocatoria.

Para estes efectos, no compromiso de contratación deberá priorizarse o alumnado aprobado sobre o alumnado formado, definida cada unha destas categorías de acordo co criterio establecido no artigo 38.4.II desta orde.

5. Os contratos laborais en que se plasme o compromiso de contratación, de conformidade co último parágrafo do número 4 do artigo 28 do Real decreto 694/2017, poderanse beneficiar dos incentivos ou beneficios na cotización á Seguridade Social ou doutro tipo de axudas que puidesen corresponder polo mesmo contrato e de conformidade coa normativa que regule tales incentivos ou beneficios.

6. Para os efectos do cumprimento do compromiso de contratación será considerada como contratación a incorporación do alumnado como socia ou socio traballador, ou de traballo, dunha sociedade cooperativa ou dunha sociedade laboral, debendo achegarse a documentación que acredite a dita incorporación.

7. As empresas beneficiarias están obrigadas, ao comezo da acción formativa, a informar o alumnado das condicións básicas da contratación proposta e, con carácter previo ao seu inicio, pór en coñecemento das persoas representantes legais das persoas traballadoras na empresa a aprobación do programa con compromiso de contratación que se vai executar, así como as condicións básicas da contratación proposta e unha relación do alumnado participante na acción formativa.

Artigo 6. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, e as agrupacións temporais de empresas que presenten solicitude conxunta, mediante un convenio que acredite a correspondente agrupación, que adquiran, no marco da actividade subvencionada, o compromiso de contratación das persoas traballadoras aprobadas e/ou formadas ao que se refire esta orde.

2. Entenderase por agrupación temporal de empresas aos efectos desta orde, cando distintas empresas pertencentes a un sector ou actividade acrediten a correspondente agrupación mediante un acordo ou convenio entre elas.

Nas agrupacións temporais de empresas que presenten solicitude conxunta, deberá facerse constar expresamente, tanto na solicitude de subvención coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, o período de vixencia da agrupación que, como mínimo, deberá ser o do tempo de duración da acción ou accións formativas, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias.

Todas as empresas agrupadas deberán cumprir todos os requisitos da convocatoria para seren beneficiarias.

Así mesmo, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación. Cada empresa que forme parte desta agrupación temporal deberá reunir os requisitos exixidos para acceder ás axudas.

Calquera modificación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación deberá ser previamente solicitada, mediante documento asinado por todos os seus membros, á Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación para a súa autorización, e estará suxeita ao disposto neste artigo e no punto 7 do artigo 17 desta orde. Os ditos cambios non poderán, en ningún caso, minorar o compromiso de contratación adquirido pola agrupación.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións a que se refiren estas bases, as empresas que sexan entidades de formación e que sexan titulares de centros ou entidades de formación inscritos para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia naquelas especialidades formativas para as cales soliciten subvención.

Neste caso será a entidade de formación beneficiaria a que se faga cargo da responsabilidade da execución da actividade formativa subvencionada e do cumprimento do compromiso de contratación, podendo asumir o dito compromiso mediante acordos ou convenios con outras empresas que efectuarán a contratación laboral.

As entidades de formación, coa excepción establecida no punto 4 deste artigo, deberán estar inscritas con carácter previo á presentación da solicitude de subvención.

4. As beneficiarias deberán dispor, ben por si mesmas ou mediante acordo cunha entidade de formación, do equipamento e instalacións no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para a impartición das especialidades formativas solicitadas no seu programa formativo, así como dos recursos humanos requiridos de acordo coa normativa reguladora.

As empresas beneficiarias desenvolverán as accións formativas utilizando os medios de execución propios ou contratados establecidos no artigo 20.

Cando, atendendo ao disposto no artigo 9.1.h) desta orde, se soliciten especialidades formativas ou itinerarios formativos non incluídos no Catálogo de especialidades formativas, a inscrición deberá formalizarse, caso de que se autorice a solicitude, con anterioridade ao comezo da acción formativa.

5. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as entidades e institucións sen ánimo de lucro, as administracións públicas, as sociedades públicas, as empresas públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

Tampouco poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde de bases, as empresas e entidades que, nos seis meses anteriores á solicitude, reducisen o seu cadro de persoal nunha porcentaxe igual ou superior ao 15 %. Para estes efectos, só se terán en conta as persoas con contrato indefinido, non sendo computables as extincións de contrato por causas obxectivas ou despidos disciplinarios declarados ou recoñecidos como procedentes, nin as baixas producidas por vontade propia da persoa traballadora, dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez.

6. Non poderán obter a condición de entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde aquelas nas cales concorran algunhas das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 6.7 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo.

A xustificación polas entidades solicitantes de non estar incursos en ningunha das anteditas circunstancias realizarase mediante unha declaración responsable incluída no modelo de solicitude definido no anexo I de cada convocatoria, cuxo contido deberá respectar o que establece o artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Coa finalidade de garantir o cumprimento das exixencias deste punto, poderán realizarse comprobacións por mostra estatística durante calquera das fases do procedemento por parte do persoal técnico da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, das cales poderán derivar, de ser o caso, as consecuencias sinaladas no artigo 8.2 desta orde para os supostos de falseamento do contido das declaracións responsables.

De ser o caso, estas actuacións de comprobación poderán ser efectuadas por outra entidade, pública ou privada, se así se lle encomenda a través do instrumento xurídico correspondente.

Capítulo II

Inicio do procedemento. Presentación e tramitación
das solicitudes de subvención

Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, anexo I, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude ou a documentación presencialmente, requiriráselle para que a emende mediante a súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados nas bases reguladoras e/ou a correspondente convocatoria, ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a persoa solicitante para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

En caso de que o requirimento afecte só algunha das accións formativas da solicitude, entenderanse como desistidas unicamente estas, continuándose coa tramitación do resto do expediente.

Non se admitirán a trámite, e por conseguinte non existirá a posibilidade de emenda, as solicitudes presentadas fóra de prazo.

2. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

As empresas ou entidades de formación poderán formular unha única solicitude de subvención para cada unha das liñas formativas que, de ser o caso, se establezan en cada convocatoria, e incluirán nela, dentro da súa capacidade real de execución respecto aos límites e requisitos que se determinan nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria, e de acordo co compromiso de contratación a que se obriga, todas e cada unha das accións formativas incluídas nesa liña para as que solicita subvención.

Para os posibles efectos de superación, de ser o caso, do límite máximo do importe de subvención a conceder que se estableza en cada convocatoria, ou de esgotamento do orzamento dispoñible, as accións formativas para as que se solicita subvención deberán ir ordenadas en función da prioridade de impartición que lles outorgue a entidade solicitante, de xeito que estas figuren ordenadas segundo criterio de maior a menor preferencia.

Non poderán formularse solicitudes de subvencións para impartir accións formativas que teñan previsto comezar nunha data anterior ao prazo ou data que para cada convocatoria se estableza.

3. A solicitude, que incluirá a ficha das accións formativas que se pretende impartir (anexo II), deberá presentarse acompañada da documentación complementaria relacionada no artigo 9 desta orde.

Artigo 8. Declaración responsable que forma parte da solicitude

1. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela e na cal se farán constar os aspectos seguintes:

a) Que, en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas:

• Non se solicitou nin se concedeu ningunha outra axuda para este mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita esta subvención.

• De se solicitar e/ou conceder outras axudas para este mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita esta subvención, deberán relacionarse estas.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se xuntan son certos.

c) Que coñece as estipulacións da presente orde, que cumpre cos requisitos sinalados nela e que se compromete a destinar o importe da axuda ao obxecto da subvención indicada.

d) Que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 6.7 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo.

f) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

g) Que as dotacións, equipamentos, medios materiais e instalacións en que se desenvolverán as accións formativas serán as adecuadas para tal fin, e, no caso das entidades de formación, aquelas para as que están inscritas, nos termos do artigo 15 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, e do artigo 6 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, e que son aptos para impartir a formación e cumpren e manterán durante todo o período de impartición das accións formativas, as condicións e requisitos que exixe a normativa aplicable á correspondente especialidade formativa.

h) Que conta con capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, así como, de ser o caso, de aulas, talleres e instalacións en xeral, para asumir na súa totalidade a execución completa das accións formativas que solicita.

i) Que dispón da documentación que acredita o cumprimento dos anteriores aspectos e que a porá á disposición da Administración cando lle sexa requirida, ademais de que se compromete a manter os ditos requisitos durante todo o período de tempo inherente ao recoñecemento de tal dereito.

j) Que, de ser o caso e de acordo co disposto no artigo 23.9 da presente orde, as pegadas dixitais do alumnado e persoal docente rexistradas pola propia entidade formadora para o seguimento e control das actividades formativas presenciais se corresponden coas das persoas que din ser.

2. A presentación dunha declaración responsable que falsee ou oculte circunstancias que impidan ou limiten a concesión da subvención ou o seu pagamento terá a consideración dunha infracción moi grave nos termos do artigo 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas posibles consecuencias sancionadoras que se recollen na dita norma e no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Ficha da acción formativa (anexo II).

b) Acreditación da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude (escritura notarial de poderes ou calquera outro medio válido en dereito).

c) Acreditación da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude no nome e representación da agrupación, no caso de agrupacións temporais de empresas.

d) Copia da documentación de constitución da entidade solicitante ou dos estatutos sociais debidamente legalizados.

e) Memoria técnica explicativa do compromiso de contratación do alumnado, asinado pola persoa ou persoas representantes da empresa ou empresas vencelladas ao proxecto presentado, que deberá incluír a información detallada no artigo 5.4 desta orde.

Este compromiso, de conformidade co artigo 28.1 do Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, deberano adquirir a/s empresa/s beneficiaria/s con respecto a si mesmas, salvo que se trate de entidades de formación, suposto en que serán estas as que asumirán a responsabilidade do cumprimento do compromiso da contratación, así como da execución da actividade formativa subvencionada.

f) Para todas as especialidades, agás no caso de que a formación se desenvolva en centros xa inscritos para impartir a especialidade formativa, relación detallada de dotacións, equipamentos e medios materiais que se van utilizar no seu desenvolvemento, así como unha descrición das aulas e talleres, indicando os seus metros cadrados e xuntando planos oficiais das instalacións onde estea previsto impartir a formación.

g) No caso de solicitudes conxuntas de agrupacións temporais de empresas, deberá achegarse:

• Documento de constitución da agrupación, en que deberá constar a persoa designada como representante desta.

• Convenio entre as partes que fan a solicitude conxunta que incluirá os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, o período de vixencia da agrupación que, como mínimo, deberá ser o do tempo de duración da acción ou accións formativas, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán, igualmente, a consideración de persoas beneficiarias.

• Documentación acreditativa da capacidade legal suficiente para asinar o convenio, en nome e representación da entidade, para cada unha das entidades que formen parte da agrupación.

• Comprobación de datos para pluralidade de solicitantes (anexo IV).

h) Cando se soliciten especialidades formativas non incluídas no Catálogo de especialidades formativas a que se refire o artigo 20.3 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, as entidades solicitantes deberán achegar a documentación que a seguir se referencia, nos termos recollidos na Orde TMS/283/2019, do 12 de marzo, pola que se regula o Catálogo de especialidades formativas no marco do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral.

• Solicitude de alta da nova especialidade formativa.

• Proposta de programa formativo.

• Ficha coa proposta da nova especialidade formativa.

• Informe motivado da necesidade de dar de alta a nova especialidade formativa no Catálogo de especialidades formativas.

Para estes efectos, a actualización do citado catálogo e as correspondentes altas e baixas de especialidades serán realizadas polo Servizo Público de Emprego Estatal.

Na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/especialidades-formativas, está dispoñible para a súa consulta unha guía informativa coas actuacións que hai que realizar para dar de alta novas especialidades formativas no Catálogo de especialidades formativas.

O informe motivado e os programas que se citan na guía deberán ser remitidos en soporte informático editable para os efectos, nos termos do artigo 6 da Orde TMS/283/2019, da correspondente xestión e tramitación dos procesos de alta, modificación e reactivación, segundo proceda, da especialidade ou itinerario formativo.

As accións formativas obxecto de financiamento non poderán en ningún caso iniciarse con carácter previo á finalización favorable do proceso de alta, modificación ou reactivación que corresponda.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. De existir discrepancia entre a información contida na solicitude (anexo I) e/ou na ficha da acción formativa (anexo II), en relación coa información achegada no resto de documentación a presentar, será considerada como correcta, para os efectos de tramitar e revisar a solicitude, a alegada nos citados anexos I e II, con independencia, de ser o caso, de que para ter validez esta deba acreditarse documentalmente.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os correspondentes documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites posteriores á presentación da solicitude e documentación complementaria

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban efectuar tras a presentación da solicitude deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática SIFO, debendo adecuarse a presentación de documentación derivada das notificacións practicadas pola Administración ao disposto no punto 6 do artigo 13 da presente orde.

Artigo 12. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde a data de entrada en vigor da convocatoria ata a data límite que nela se determine.

Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 13. Réxime das notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal

Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.

Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico.

En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. A presentación de documentación derivada das notificacións practicadas será realizada exclusivamente mediante o programa informático SIFO ou, de ser o caso, a través do programa de notificación xenérico do aplicativo FORMAN, https://emprego.xunta.es/forman, que disporá dun punto único para efectuar todos os envíos de documentación á Administración.

Unicamente no caso de que non fose posible, por problemas técnicos acreditados que imposibilitasen a presentación de documentación polos medios establecidos no parágrafo anterior, o interesado podería realizar a súa presentación por medio dos trámites comúns da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), a través do procedemento PR004A.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Capítulo III

Instrución e resolución do procedemento

Artigo 15. Procedemento

1. O órgano instrutor do procedemento é a Subdirección Xeral de Formación para o Emprego, que será competente para revisar as solicitudes que se presenten, analizar os proxectos formativos, verificar o cumprimento dos requisitos e formular a proposta de resolución.

O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas concrecións que se establecen na presente orde.

2. Para a concesión das subvencións reguladas nesta orde seguirase o procedemento de concesión directa, nos termos establecidos nos artigos 19 e 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Presentada unha solicitude de subvención, procederase ao seu estudo e revisión. Serán obxecto de desestimación todas aquelas solicitudes que no reúnan os requisitos exixidos para a súa concesión.

4. As solicitudes de subvención tramitaranse e resolveranse de acordo coa orde de presentación destas, en función do cumprimento dos requisitos exixidos e sempre que a solicitude e a documentación a achegar estean completas. No caso de que fose necesaria a emenda da solicitude, entenderase como data de presentación, para os efectos de determinar a orde de prelación antes citada, a da súa emenda.

5. As axudas concederanse ás persoas solicitantes que reúnan todos os requisitos establecidos nesta orde, seguindo a orde de prelación temporal da presentación electrónica das solicitudes e ata o esgotamento do orzamento dispoñible ou, de ser o caso, o remate do prazo límite de presentación de solicitudes.

O esgotamento do crédito publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e procederá a inadmisión de todas as solicitudes presentadas que non fosen tramitadas ata ese momento sen necesidade de ningunha actuación previa.

No suposto de que, en atención ao disposto nos artigos 4.2 e 9.1.g) desta orde, a solicitude de subvención inclúa a proposta de alta de novas especialidades no Catálogo de especialidades formativas, non poderá emitirse a resolución de concesión de subvención ata que se produza a alta da nova especialidade no catálogo. Esta circunstancia non alterará a orde de prelación das solicitudes segundo o punto 4 deste artigo.

6. No suposto de opoñerse á consulta ou, de ser o caso, de non prestar o consentimento expreso ao que se refire o artigo 10 desta orde, as entidades deberán acreditar, tanto antes de ditarse a resolución de concesión como de proceder ao cobramento das subvencións, que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso das entidades recollidas no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, esta obriga poderá ser substituída pola declaración responsable da persoa solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

7. A proposta de resolución xerarase en función dos criterios establecidos no primeiro parágrafo do apartado 5 deste artigo.

Á vista da proposta de resolución, o órgano competente, de acordo co disposto no artigo 17 da presente orde, ditará a resolución correspondente.

8. De se produciren dispoñibilidades de crédito como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de formación para o emprego, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia, ou como consecuencia de posibles minoracións, renuncias ou modificacións nas subvencións concedidas, o órgano instrutor poderá realizar novas propostas de concesión de proxectos continuando coa orde de prelación temporal da presentación electrónica das solicitudes ata esgotar o novo crédito.

9. Nos supostos en que no referido procedemento de selección das accións formativas se esgote o crédito dalgunha anualidade orzamentaria da correspondente convocatoria, caso de ser esta plurianual, entenderase que se poderán seleccionar as accións formativas para ser impartidas noutro exercicio orzamentario diferente do solicitado, salvo que na súa solicitude a entidade manifeste expresamente que non se acepta cambio de anualidade, caso en que se entenderá que desisten da súa solicitude de axuda para a acción formativa afectada.

10. Así mesmo, de incluír a convocatoria diferentes liñas de formación e caso de que se esgotase o crédito reservado para algunha delas, poderá utilizarse o crédito dispoñible nas outras liñas para atender as solicitudes de subvención que correspondan á liña para a que se consumiron os fondos previstos.

11. De ser o caso, cada convocatoria poderá establecer un prazo máximo para iniciar, unha vez notificada a resolución de concesión de subvención á beneficiaria, a impartición das accións formativas incluídas no expediente resolto favorablemente. O incumprimento do dito prazo poderá dar lugar, logo de resolución da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, á revogación da resolución de concesión coa conseguinte dispoñibilidade do importe do crédito concedido.

Artigo 16. Determinación da subvención

1. O anexo III de cada convocatoria incluirá os módulos económicos específicos establecidos como límite máximo para solicitar para cada familia profesional ou especialidade formativa, de acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo.

Para os efectos do previsto nesta orde, enténdese por módulo económico o custo por participante e hora de formación que poderá ser obxecto de financiamento público.

2. A contía da subvención para conceder por cada acción formativa calcularase en función do número de participantes previstos, do número de horas da acción formativa, e dos módulos económicos específicos solicitados por participante e hora de formación recollidos, para cada familia ou área profesional, ou especialidade formativa, no anexo III de cada convocatoria.

O importe económico do módulo que se vai aplicar na impartición dos módulos transversais será o mesmo que o correspondente aos módulos económicos correspondentes á especialidade formativa que se imparta.

Os módulos transversais poderán impartirse na modalidade de teleformación. Neste caso o módulo económico a aplicar será o 70 % da contía do dito módulo para a modalidade presencial.

3. Realizada a acción formativa, a liquidación da subvención efectuarase en función das persoas participantes que remataran a formación, nos termos recollidos no capítulo VI desta orde.

En ningún caso a liquidación poderá superar a contía da subvención inicialmente concedida.

Artigo 17. Resolución

1. Instruído o expediente, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta de resolución.

A resolución dos expedientes de axudas corresponderalle, unha vez fiscalizada a proposta pola Intervención competente, á persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, por delegación da persoa titular da consellería.

2. As resolucións dos expedientes comunicaranse ao Consello Galego de Formación Profesional.

3. O prazo para resolver e notificar será dun mes contado desde a data de presentación da solicitude de subvención.

O dito prazo suspenderase, cando deba requirirse á entidade interesada a emenda de deficiencias ou a achega de documentos e elementos de xuízo necesarios, polo tempo que medie entre a notificación do requirimento e o seu efectivo cumprimento pola entidade interesada.

Transcorrido o prazo dun mes para resolver sen que se notifique resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. A resolución da concesión de subvención fixará expresamente a contía total concedida, con indicación das accións formativas subvencionadas e o importe do orzamento aprobado para cada unha delas. Así mesmo, incorporará, de ser o caso, as obrigas e determinacións accesorias a que deba estar suxeita a empresa beneficiaria.

5. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, a beneficiaria disporá dun prazo de dez días hábiles para a súa aceptación, a través da aplicación informática SIFO; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase, de acordo co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tacitamente aceptada.

A aceptación da concesión da subvención implica que a beneficiaria recoñece que conta con capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, para asumir na súa totalidade a execución completa das accións formativas concedidas, así como que se compromete a dispor deles ao longo de todo o período de execución da actividade subvencionable.

6. No suposto de que as empresas beneficiarias decidan renunciar, parcial ou totalmente, de xeito sobrevido con posterioridade á súa aceptación a través do aplicativo SIFO, só se considerarán causas xustificadas as seguintes:

• Imposibilidade acreditada de atopar alumnado suficiente para comezar a acción formativa. Esta imposibilidade xustificarase mediante unha memoria explicativa das actuacións realizadas e dos medios aplicados para a cobertura das prazas en que deberán documentarse as accións de difusión e publicidade realizadas para o efecto e as peticións de persoas candidatas efectuadas ás oficinas de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia.

• Imposibilidade acreditada de contratar persoal docente que cumpra os requisitos exixidos para impartir a especialidade formativa. Esta imposibilidade xustificarase mediante unha memoria explicativa das actuacións realizadas e dos medios aplicados para a contratación do persoal docente en que deberán documentarse as accións de difusión e publicidade realizadas para o efecto e os trámites efectuados para a contratación do profesorado.

• Por circunstancias de gravidade e excepcionalidade sobrevidas debidamente acreditadas.

A empresa estará obrigada a comunicar a súa renuncia motivada no prazo de cinco días hábiles desde que se produza a circunstancia causante. Esta renuncia deberá presentarse a través do aplicativo informático de notificación xenérica FORMAN, https://emprego.xunta.es/forman, accedendo ao menú «Documentación -> Remitir documentación», para, tras indicar o expediente e acción formativa correspondente, seleccionar no campo «Tipo de anexo» a epígrafe «Solicitude de renuncia a curso».

No caso de non producirse unha renuncia expresa, se a acción formativa non dá comezo na data de inicio prevista, ben inicialmente ou ben nas sucesivas solicitudes de cambio aceptadas pola Administración, unha vez transcorridos cinco días hábiles desde a data en que esta debería terse iniciado o órgano xestor poderá iniciar a tramitación da dita renuncia.

A Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación deberá ditar resolución expresa sobre a renuncia, nos termos preceptuados pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As renuncias por causas non xustificadas que fosen comunicadas fóra do prazo establecido ou que se produzan, entre outras causas, por ter solicitado accións formativas por riba da capacidade formativa, poderán dar lugar á perda do dereito da beneficiaria a obter unha subvención para impartir accións formativas con compromiso de contratación, procedemento TR301P, na convocatoria inmediatamente seguinte a que tivo lugar o incumprimento.

A penalización establecida no parágrafo anterior aplicarase naqueles supostos en que o número de accións formativas renunciadas por causas non xustificadas, sexa igual ou superior ao 20 % do número de accións formativas que estaba previsto impartir en base á subvención concedida.

7. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

8. En aplicación da orde TES/26/2022, do 20 de xaneiro, pola que se modifica a orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, unha vez recaída a resolución de concesión, a persoa beneficiaria poderá solicitar a modificación ou modificacións desta. Calquera modificación, incluída a ampliación do prazo de execución do programa formativo, poderá solicitarse cando concorran circunstancias de toda índole, excepcionais e alleas á beneficiaria, especialmente por razóns sanitarias, catástrofes naturais ou calquera outra de natureza análoga que se poidan incluír na resolución da convocatoria, que imposibiliten a realización da formación nas condicións establecidas na resolución de concesión.

A petición deberá fundamentarse, mediante memoria xustificativa, en circunstancias sobrevidas tras a resolución e durante o prazo de execución da actividade subvencionada para cada empresa ou entidade beneficiaria e haberá de formalizarse con carácter inmediato ao seu acaecemento e, en todo caso, antes do remate do citado prazo de execución.

Ás modificacións que afecten exclusivamente o número de participantes nas accións formativas non lles será de aplicación o disposto neste punto.

As solicitudes de modificación serán resoltas polo órgano concedente da subvención. A modificación só poderá autorizarse se non dana dereitos de terceiros.

O órgano competente ditará resolución motivada no prazo dun mes desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido este prazo sen notificarse resolución expresa, a solicitude entenderase como desestimada. As resolucións poderán retrotraer os seus efectos, como máximo, ao momento de presentación da solicitude de modificación.

Artigo 18. Recursos

As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa, e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, se o acto for expreso, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, se o acto non for expreso, de conformidade co que preceptúan os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 19. Publicidade das subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as empresas e entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. Así mesmo, e tal como se recolle no artigo 15.1 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, os órganos administrativos concedentes procederán a publicar no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas, indicando a convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputan, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

3. Igualmente, publicaranse na páxina web oficial da Consellería de Emprego e Igualdade nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Capítulo IV

Medios de execución, documentación, dereitos e obrigas

Artigo 20. Medios de execución das accións formativas

1. As empresas beneficiarias desenvolverán as accións formativas a través de medios propios ou poderán recorrer á súa contratación, por unha soa vez, sempre que resulten adecuados para tal fin, nos termos da letra a) do número 2 do artigo 14 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral.

No caso de que as empresas beneficiarias opten pola contratación para impartir a formación, que poderá ser do 100 % da actividade formativa subvencionada, deberán comunicarllo á Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación con anterioridade ao comezo da acción formativa e subscribir un contrato por escrito cunha entidade de formación inscrita para impartir a formación.

2. No suposto de que a empresa beneficiaria sexa unha entidade de formación, non poderá subcontratar con terceiros a execución da actividade formativa.

3. A contratación de persoal docente para a impartición da formación subvencionada por parte da empresa beneficiaria non se considerará subcontratación, entendéndose, para estes efectos, por contratación de persoal docente a contratación de persoas físicas.

4. A beneficiaria deberá contar con medios propios que lle permitan desenvolver as funcións de planificación e coordinación do proxecto, e asumirá, en todo caso, a responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, debendo garantir, tanto esta como, de ser o caso, o subcontratista, o desenvolvemento e realización das funcións dos organismos de seguimento e control.

5. As beneficiarias desenvolverán as accións formativas nas súas instalacións.

No caso de que as beneficiarias carezan de instalacións axeitadas para a impartición do proxecto formativo, poderase autorizar a súa impartición nas instalacións dun centro inscrito en Galicia no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego.

Os centros e entidades onde se imparta a formación deberán estar en posesión da licenza municipal de apertura da actividade de que se trate. Na súa falta, este documento poderá ser substituído por unha declaración responsable da súa representación legal en que se faga constar a idoneidade dos locais de impartición.

Se as accións formativas teñen lugar en espazos cedidos por outras entidades, a licenza de apertura só poderá ser substituída, nos seguintes supostos, por algún destes documentos:

a) Centros de titularidade municipal: certificación da persoa titular da secretaría municipal en que se acredite que os lugares de impartición das accións formativas son aptos para esta finalidade.

b) Entidades públicas (centros de formación, centros sanitarios etc.): calquera outro documento que acredite suficientemente a súa idoneidade para impartir formación.

En calquera dos casos, esta circunstancia deberá acreditarse tanto nos locais onde se imparta a parte teórica como a práctica.

6. Para o caso de que as beneficiarias teñan comunicado que a impartición da formación se efectuará a través da contratación con entidades de formación, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para os contratos menores no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, as entidades beneficiarias deberán solicitar, como mínimo, tres ofertas, de diferentes provedores non vinculados entre si, con carácter previo á contratación do servizo, salvo que, polas súas especiais características, non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, nos termos do artigo 29 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As ofertas presentadas deberán conter os mesmos conceptos ofertados.

7. No caso de que a subcontratación sexa con entidades vencelladas, deberán concorrer as seguintes circunstancias:

• Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

• Que se obteña a autorización previa da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación emitida no prazo de 15 días contados desde o día seguinte ao da solicitude de autorización.

Entenderanse por empresas vinculadas aquelas que se atopen nalgunha das situacións previstas no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. As empresas beneficiarias non poderán exceder os límites na imputación de custos relativos á subcontratación da docencia a través dun servizo externo. Para estes efectos, será de aplicación o disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia en virtude da previsión establecida no artigo 131.1 do Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas.

Artigo 21. Información e documentación para a xestión da execución das accións formativas

1. Os datos correspondentes á xestión das accións formativas deberán introducirse en liña a través da aplicación informática SIFO que a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación pon á disposición das entidades e centros de formación.

2. Como mínimo cinco días hábiles antes do inicio de cada acción formativa deberá incorporarse ao sistema informático SIFO a seguinte información:

a) A relación nominal do alumnado seleccionado con indicación do seu DNI.

Nunha acción formativa non se poderán compaxinar os perfís de persoa alumna e persoal docente, nin o de persoa alumna co de persoal de apoio.

b) Os instrumentos de avaliación válidos e fiables a aplicar, cun sistema de puntuación e corrección obxectivo.

c) A relación de persoal docente, con especificación dos seus DNI, que vai impartir a acción formativa coa relación dos contidos que impartirá cada un deles, facendo constar a súa formación metodolóxica e a documentación acreditativa da súa formación e experiencia cando esta non estea en poder da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

d) A identificación, con especificación do DNI, do persoal de preparación de clases e titorías para o reforzo formativo e a impartición da docencia.

e) A identificación do persoal, con especificación dos seus DNI, que asuma as tarefas de administración e dirección estritamente necesarias para a preparación, xestión e execución da acción formativa.

f) As datas de inicio e remate da acción formativa, así como o horario de impartición.

g) A planificación temporal da acción formativa, incluídos os módulos transversais, indicando, así mesmo, a previsión de visitas didácticas para realizar ao longo do curso.

h) O compromiso verificable de calidade na xestión, transparencia e eficiencia na utilización de recursos públicos. Este compromiso estará referido ao seguimento da impartición e asistencia de todas as persoas que participan na acción, á súa satisfacción co desenvolvemento da acción formativa, aos seus contidos, aos seus resultados e á calidade do profesorado.

i) O seguro de accidentes das persoas participantes.

3. O día de inicio de cada acción formativa introducirase no sistema informático SIFO a seguinte información:

a) Certificación xustificativa do seu comezo e, de ser o caso, das modificacións producidas respecto dos datos relacionados no punto 2 deste artigo.

b) Certificación acreditativa e asinada polo alumnado do cumprimento do deber de informar o alumnado das condicións básicas da contratación proposta descritas no artigo 5 da presente orde.

De acordo co establecido no artigo 23.1 desta orde, non poderá comezar ningunha acción formativa que non conte coa validación previa do persoal técnico da unidade administrativa competente, a través da aplicación informática SIFO.

4. No momento da incorporación do alumnado á acción formativa requiriráselle a este a seguinte documentación que se incorporará ao expediente electrónico localizado no aplicativo informático SIFO.

a) Ficha individual que, para os efectos de posibles notificacións, envío de diplomas ou remisión de certificados emitidos á solicitude da persoa interesada, deberá incluír o enderezo de correo electrónico das persoas participantes na actividade formativa.

b) Copia do DNI.

c) Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos de acceso para realizar a formación correspondente.

De ser o caso, documentación acreditativa de ter iniciado e pendente de resolución un proceso de homologación de títulos e estudos estranxeiros e sempre e cando estes se correspondan cos requisitos exixidos para poder asistir á actividade de formación.

d) Documentación acreditativa necesaria para a exención do módulo formativo transversal, de ser o caso.

e) Documento de autorización de captura da pegada dixital, segundo modelo dispoñible no aplicativo informático SIFO, debidamente asinado.

Este documento deberá ser asinado igualmente polo persoal docente que participe na acción formativa.

f) Documento asinado pola persoa alumna de ter sido informada sobre os dereitos e obrigas da empresa e do alumnado por participar na acción formativa.

g) Documento informativo firmado pola persoa alumna, de que foi informada dos requisitos necesarios para poder participar na acción formativa.

h) Documento asinado pola persoa participante, no marco da normativa vixente en materia de protección de datos, autorizando a utilización dos seus datos persoais para o control e seguimento da acción formativa.

Así mesmo, de acordo co disposto no artigo 30 desta orde, no prazo de tres días hábiles desde que sexan efectivas, deberán comunicarse á oficina de emprego correspondente e actualizarse no sistema informático SIFO as baixas de persoas alumnas e as datas en que estas se produzan.

5. Mensualmente achegarase a seguinte información:

a) De terse producido incidencias no sistema de control biométrico de asistencia debidamente acreditadas perante o equipo de soporte informático, partes diarios e mensuais de asistencia no modelo xerado pola aplicación informática SIFO asinados polo alumnado participante e polo persoal formador ao inicio e ao final de cada xornada, así como da persoa responsable da beneficiaria.

Os ditos partes deberán identificar as persoas participantes e expresar as horas realizadas diariamente por cada unha delas, reflectindo expresamente o número de horas e minutos de ausencia.

b) Comunicación das incidencias producidas, de ser o caso.

6. No prazo de dous meses dende o remate da acción formativa, deberase:

a) Completar calquera información relativa ao remate da acción formativa no aplicativo informático SIFO.

b) Proceder á xustificación da realización da acción formativa a efectos de liquidación nos termos recollidos no artigo 38 desta orde.

7. A non comunicación da información ou achega da documentación requirida nos prazos establecidos implicará a aplicación, de ser o caso, das minoracións recollidas no artigo 40 desta orde.

Artigo 22. Requisitos para cumprir en relación co persoal formador

1. Toda persoa que fose validada como formadora por unha unidade administrativa dunha Administración pública competente en materia de formación profesional para o emprego para impartir unha determinada especialidade formativa entenderase que cumpre cos requisitos para impartila, na modalidade para a que foi validada, en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e durante o período que se determine en cada unha das convocatorias.

2. As persoas docentes encargadas da impartición do módulo de formación sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e corresponsabilidade familiar e doméstica establecido no artigo 31 da orde, deberán acreditar 150 horas de formación en materia de xénero ou de experiencia profesional ou docente en materia de xénero, séndolles de aplicación os mesmos criterios de equiparación da acreditación que se establecen no punto anterior.

Así mesmo, poderá impartir este módulo o persoal inscrito no Rexistro de Persoal Docente acreditado para impartir a formación en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero (códigos de procedemento SI500A e SI500B). A resolución de inscrición no rexistro será condición suficiente para xustificar o cumprimento dos requisitos exixidos no parágrafo anterior.

Artigo 23. Obrigas das empresas na execución das accións formativas

As entidades poderán executar as accións formativas no período comprendido entre a data de aceptación da resolución de concesión da subvención e a data límite que para cada convocatoria se determine.

Ademais das obrigas establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e das establecidas con carácter xeral para todos os centros e entidades de formación no artigo 7 do Decreto 106/2011, do 19 de maio, e sen prexuízo das determinadas na Lei 30/2015, do 9 de setembro, no Real decreto 694/2017, de 3 de xullo, e no artigo 9 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, as entidades beneficiarias deberán cumprir as seguintes obrigas:

1. Realizar a execución do expediente subvencionado de acordo coas condicións e requisitos formais e materiais que se establezan na orde de bases e na correspondente convocatoria.

A subvención outorgada terá o carácter de importe máximo e destinarase á realización das accións formativas autorizadas.

Non poderá comezar ningunha acción formativa que non conte coa validación previa do persoal técnico da unidade administrativa competente, a través da aplicación informática SIFO.

2. Comunicar á Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación a obtención de subvencións ou axudas para esta mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público.

3. Expor no taboleiro de anuncios do centro no que se imparta a formación, e, de ser o caso, na súa páxina web, o programa completo da acción formativa, a porcentaxe do compromiso de contratación en relación co alumnado que teña a consideración de aprobado e/ou formado, os dereitos e obrigas do alumnado, así como a relación do persoal docente, as datas de impartición e o horario da acción formativa.

No anuncio deberá facerse constar necesariamente o carácter público do financiamento da acción subvencionada, incluíndose nel o emblema da Xunta de Galicia e o dos organismos que a financian.

Esta información deberá estar redactada en lingua galega, sen prexuízo de que, así mesmo, se publique noutros idiomas.

4. Informar o alumnado do alcance e obxectivos da formación e dos requisitos necesarios para poder participar na actividade formativa. Tamén deberá informarse o alumnado se os módulos transversais se imparten na modalidade de teleformación.

Da comunicación ás persoas asistentes da dita información deberá quedar constancia mediante escrito asinado polo alumnado que se incorporará ao expediente electrónico recollido en SIFO.

5. Respectar o carácter gratuíto da formación para o alumnado.

6. Informar as persoas participantes en situación de desemprego das axudas e bolsas que poden solicitar aos servizos de Formación para o Emprego e Orientación das xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade localizados naquelas provincias en que teña lugar a formación, e facilitarlles apoio para a cobertura telemática da solicitude normalizada a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Aboar mensualmente a remuneración do persoal formador a través de transferencia bancaria. Non exime desta obriga o feito de que a empresa beneficiaria non percibise os anticipos previstos nesta orde.

8. Someterse ás actuacións de supervisión, seguimento e control que, en calquera momento, poidan acordar os servizos competentes da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, tanto no relativo ao desenvolvemento das accións formativas como á súa xestión e tramitación administrativa, e facilitar toda a documentación que, para tales efectos, se lles requira.

9. Dispor dun sistema de control biométrico para o seguimento e control de asistencia do alumnado e do persoal docente compatible co sistema establecido polo Servizo Público de Emprego de Galicia.

Para estes efectos, o control de asistencia realizarase mediante control biométrico e controis de asistencia que deberán asinar diariamente ao inicio e ao finalizar a actividade (de ser a acción formativa en horario de mañá ou de tarde), e catro veces ao día, de impartirse a acción formativa en xornada partida: ao inicio e ao fin da xornada de mañá e ao inicio e ao remate da xornada de tarde.

Tanto o conxunto do alumnado como o persoal docente estarán obrigados a efectuar o referido control de presenza, de entrada e saída diaria, mediante o control biométrico e, simultaneamente e con carácter subsidiario, mediante partes de asistencia.

Para os efectos de poder efectuar o devandito control de asistencia, o alumnado participante e o persoal docente poderán rexistrar a súa pegada dixital na propia entidade formadora con carácter previo á data de inicio ou de incorporación á acción formativa. Neste caso, tanto o alumnado coma o persoal docente deberá ser informado da necesidade de captar a súa pegada para poder realizar o seguimento e control de asistencia á actividade formativa, así como a finalidade e destino da impresión dixital recollida, e outros aspectos básicos relativos á protección de datos persoais, debendo asinar o modelo informativo e de autorización de captura da impresión dixital que está dispoñible para a súa descarga no sistema informático SIFO.

A correspondencia entre as impresións dixitais e a persoa que identifican acreditarase mediante declaración responsable da entidade, cuxo contido deberá respectar o disposto no artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tanto a declaración responsable como o documento de autorización de captura da pegada dixital debidamente asinado se deberán engadir ao expediente da acción formativa a través da aplicación informática SIFO. A presentación dunha declaración responsable que falsee as condicións requiridas para a concesión da subvención ou oculte as circunstancias que a impedisen ou limitasen terá os efectos recollidos no artigo 8.2 da presente orde.

10. Contratar un seguro de accidentes para o alumnado, que cubra tanto os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento da acción formativa, como o risco in itinere en concepto de desprazamento ao lugar de impartición das clases teóricas, prácticas, visitas didácticas, titorías e probas presenciais.

A súa duración abranguerá o período da acción formativa, incluíndo expresamente as prácticas en empresas cando estas se realicen, sen que poida admitirse restrición nin exclusión ningunha por razón do medio de transporte utilizado. Non se admitirán pólizas con franquías.

O seguro deberá ter a seguinte cobertura mínima:

a) No caso de morte: 60.000 €.

b) No caso de invalidez permanente: 60.000 €.

c) Asistencia médico farmacéutica: durante un ano a partir do sinistro.

11. Contratar unha póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que poidan derivar para os bens e as persoas cando se realicen prácticas en empresas ou outras actividades relacionadas coa acción formativa.

Non se admitirán pólizas con franquías.

12. Pór á disposición do alumnado os materiais didácticos que se precisen para a axeitada realización da formación, así como os equipamentos necesarios tanto para a realización das prácticas como para a súa protección e seguridade, do que deberá quedar constancia documental, que se incorporará ao expediente electrónico de SIFO, asinada por cada un dos alumnos e alumnas.

13. Comunicar á Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución das accións formativas programadas. Esta comunicación deberá realizarse no prazo de dous días hábiles desde que se teña coñecemento de que se vai producir ou, caso de non ter coñecemento previo, dun día hábil desde que se produza.

14. Comunicar aos servizos de Formación para o Emprego e Orientación das xefaturas territoriais da provincia en que teña lugar a acción formativa, con cinco días hábiles de antelación ao día en que vaian ter lugar, a realización de viaxes ou visitas de carácter didáctico.

Estas actividades só poderán denegarse mediante resolución motivada cando o seu contido non supoña unha achega formativa para o alumnado ou reitere actividades xa realizadas.

15. Facilitar toda a información que lles sexa requirida polo órgano competente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas ou polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como someterse a todas as actuacións de comprobación e control previstas no artigo 11.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

16. Dispor de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa identificación en conta separada ou epígrafe específico da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións formativas, coa referencia común en todos eles á formación para o emprego, de maneira que exista pista de auditoría adecuada.

17. Para o caso do persoal interno vencellado á impartición da docencia, a entidade deberá crear, documentar e custodiar un sistema con valor probatorio suficiente, para acreditar as horas diarias dedicadas por cada persoa a estes labores de preparación e titoría, e as tarefas realizadas con indicación do seu custo.

18. Dispor de follas de reclamación á disposición de todos os usuarios e usuarias, en aplicación do disposto na Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias.

19. Efectuar cando menos dous cuestionarios sobre a valoración da acción formativa por parte do alumnado a realizar durante o primeiro cuarto da acción formativa e ao remate desta.

Así mesmo e para esta finalidade, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade realizará, ao remate da acción formativa, unha enquisa electrónica de avaliación de calidade e captura dos resultados desta para cubrir polas persoas participantes.

20. Verificar que no momento do comezo da acción formativa a especialidade segue en alta no Catálogo de especialidades formativas no marco do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral e que o programa de alta non difire do programa autorizado.

Non serán subvencionadas as accións formativas que no momento do seu inicio non estivesen de alta no Catálogo de especialidades formativas.

21. Verificar o cumprimento dos requisitos de acceso a cumprir polo alumnado.

No proceso de liquidación da subvención, non serán obxecto de cómputo na determinación do importe a liquidar aqueles alumnos ou alumnas que non cumpran os requisitos exixidos para o acceso á acción formativa.

Non obstante o disposto no anterior parágrafo, poderán participar nunha acción formativa, e xerarán dereitos liquidatorios para a entidade, de acordo cos criterios establecidos nesta orde, as persoas candidatas que teñan iniciado e pendente de resolución un proceso de homologación de títulos e estudos estranxeiros e sempre e cando estes se correspondan cos requisitos exixidos para poder asistir á actividade de formación. Estas persoas no suposto de cumprir os requisitos establecidos na orde reguladora (procedemento TR301V) terán dereito á percepción de bolsas e axudas.

Así mesmo, mediante unha instrución da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación e para os efectos de dar cumprimento ás disposicións legais que regulen o acceso a esta formación, poderán admitirse outros colectivos que non cumpran os requisitos de acceso e que, de ser o caso, poderán ter dereito á percepción de bolsas e axudas.

En ningún caso, coas excepcións citadas, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade adquirirá ningunha responsabilidade respecto daquelas persoas que puidesen participar na formación sen reunir os requisitos de acceso exixidos para ser persoa destinataria da formación ou os establecidos polas especialidades formativas que se van impartir. Tampouco será responsable no suposto de que a formación se impartise sen cumprir os requisitos exixibles de conformidade coa normativa aplicable.

Neste sentido, non se expedirán diplomas nin certificados de ningún tipo ás persoas alumnas que participen na formación sen reunir os referidos requisitos, nin se asumirá ningún tipo de responsabilidade económica derivada da súa participación, o que inclúe que non terán dereito a percibir ningún tipo de bolsas e axudas.

Para o caso concreto do alumnado admitido inmerso nun proceso de homologación de estudos estranxeiros, o recoñecemento oficial da formación estará condicionado a que se produza a validación ou homologación dos ditos estudos. Caso de que finalmente esta non teña lugar, o curso de formación para o emprego realizado terase, para os efectos da expedición do diploma ou certificado oficial, como non efectuado, xerando non obstante para a entidade dereitos liquidatorios de acordo cos criterios establecidos para estes efectos nesta orde.

As entidades beneficiarias deberán comunicar por escrito os termos deste punto, coas especificidades aplicables á correspondente especialidade formativa, a todas as persoas que participen no proceso de selección do alumnado, con constancia asinada que acredite a recepción e a comprensión deste comunicado.

Artigo 24. Dereitos e deberes do alumnado

1. A formación será de balde para todo o alumnado participante nas accións formativas realizadas ao abeiro desta orde.

2. O alumnado desempregado que cumpra os requisitos establecidos pola correspondente normativa reguladora terá dereito a percibir as axudas ou bolsas que se establezan pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego (código de procedemento TR301V).

3. Dentro da programación de formación profesional para o emprego financiada con fondos públicos, o alumnado que resulte seleccionado para unha acción formativa non poderá asistir en ningún caso a outra simultaneamente.

Será excepción a este criterio a asistencia a cursos de formación non formal; suposto en que poderá asistir simultaneamente ata un máximo de dúas accións formativas, sempre que exista compatibilidade horaria entre ambas as actividades e que a convocatoria da programación de formación non formal permita a dita simultaneidade.

Tampouco poderá causar baixa nunha acción formativa financiada dentro desta programación para acceder a outra diferente financiada con fondos públicos, salvo autorización expresa previa da persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación e por causas excepcionais debidamente xustificadas.

As beneficiarias informarán todo o alumnado desta incompatibilidade antes do comezo de cada acción formativa a través dun medio que permita acreditar e deixar constancia de tal comunicación.

4. O alumnado participante terá a obriga de:

• Asistir e de seguir con aproveitamento a acción formativa.

• Rexistrar a súa asistencia e seguimento da acción formativa mediante o uso daqueles sistemas de control de presenza establecidos nesta orde e que, para tales efectos, aplique a entidade formadora.

• Facilitar, segundo o disposto no artigo 21 desta orde, e nos prazos que nela se establecen, a documentación que lle ten que ser requirida pola entidade de formación.

• Responder ao formulario da enquisa de avaliación da calidade da acción formativa que se lle remitirá por vía telemática ao remate da actividade formativa, ou, de ser o caso, se lle entregará en soporte de papel para a súa cobertura.

5. Serán causa de exclusión:

a) Por incumprimentos horarios ou de asistencia:

I. Incorrer nun número de faltas de asistencia superior ao 25 % das horas lectivas, sexan estas xustificadas ou non. Para estes efectos, computaranse como faltas de asistencias tanto as ausencias a unha xornada como os tempos de incumprimento horarios.

Entenderase por incumprimento horario cando, sen causa xustificada, a suma dos minutos de atraso na hora de entrada e dos de antelación na saída en relación co horario oficial establecido, así como das ausencias durante parte das horas lectivas, sexa superior a 15.00 minutos por cada día lectivo.

II. Incorrer en sete incumprimentos horarios nun mes, sen xustificación.

A xustificación dos incumprimentos horarios deberá facerse mediante documentos ou calquera outro medio que acredite de modo fidedigno o motivo. As persoas alumnas disporán dun prazo de tres días hábiles para presentar os xustificantes á beneficiaria. Unha vez transcorrido este prazo sen que os presentasen, a falta será considerada como sen xustificar.

III. A impartición da formación mediante aula virtual, caso de que esta se autorice na correspondente convocatoria, entenderase como formación presencial e seranlle de aplicación os criterios recollidos nos puntos I e II.

Para os efectos do disposto nesta epígrafe, a relación de causas que se consideran xustificadas figuran relacionadas no artigo 39.1 desta orde.

b) Por causas disciplinarias:

I. Atentar contra os dereitos das persoas alumnas, do persoal docente ou da entidade formadora.

II. A falta de aproveitamento da acción formativa ou mostrar un comportamento indebido que dificulte ou obstaculice o seu normal desenvolvemento.

III. Negarse a efectuar os controis biométricos de asistencia ou os que, de ser o caso, procedan.

IV. Non entregar a documentación necesaria requirida pola entidade formadora ou a unidade administrativa correspondente para dar cumprimento á normativa aplicable.

V. Non cumprir nin respectar as medidas de seguridade e saúde establecidas polas autoridades competentes para facer fronte, de ser o caso, a emerxencias sanitarias, así como as debidas normas de hixiene e salubridade.

VI. Simultanear, coas excepcións establecidas nesta orde, accións formativas de formación profesional para o emprego. Neste caso, a exclusión aplicarase ás accións formativas ás que se incorporase máis recentemente a persoa alumna.

O procedemento que se seguirá para dilucidar se procede a exclusión será o seguinte:

• O proceso iniciarase mediante solicitude debidamente motivada presentada pola persoa beneficiaria.

• No prazo de cinco días hábiles desde a presentación da solicitude, a persoa proposta para exclusión será obxecto de audiencia polo órgano instrutor, o servizo de Formación para o Emprego e Orientación da provincia en que teña lugar a acción formativa, logo da cal esta unidade formulará a súa proposta de resolución.

• A resolución corresponderá á persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.

• Durante a tramitación do procedemento a persoa alumna que o motiva poderá ser suspendida de asistencia á acción formativa ata a notificación da resolución definitiva, contra a cal, que non pon fin á vía administrativa, poderán interpoñer recurso de alzada as persoas interesadas.

Capítulo V

Execución das accións formativas

Artigo 25. Accións formativas

1. Para os efectos desta norma enténdese por acción formativa a dirixida á adquisición e mellora das competencias e capacidades profesionais necesarias para o desempeño dos postos de traballo obxecto da contratación.

A acción formativa está constituída polo contido específico das especialidades formativas incluídas no Catálogo de especialidades formativas no marco do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, e polos módulos transversais a que se refire esta orde.

2. Todas as especialidades formativas que se impartan dentro da programación de formación para o emprego deberán estar incluídas no Catálogo de especialidades formativas no marco do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, regulado pola Orde TMS/283/2019, do 12 de marzo, e o seu programa, duración, contidos e requisitos serán os establecidos nel, e comprenderán as especificacións técnico-docentes e o contido formativo establecido de acordo co seu nivel e grao de dificultade.

As especialidades formativas programaranse completas.

No suposto de que a especialidade a impartir non estea dada de alta no Catálogo de especialidades formativas, a empresa solicitante deberá, de acordo co disposto no artigo 9.1.h), elaborar un programa formativo que presentará xunto coa solicitude de subvención para os efectos de que desde a Subdirección Xeral de Formación para o Emprego se realice a tramitación necesaria para a súa alta no Catálogo de especialidades formativas.

3. As accións formativas impartiranse en modalidade presencial e de acordo cos criterios establecidos no artigo 26 desta orde.

4. As accións formativas poderán impartirse en xornadas de mañá, tarde ou mañá e tarde, non estando permitida a súa realización en horario nocturno. Para estes efectos, enténdese como horario nocturno o período de tempo comprendido entre as 22.00 e as 6.00 horas.

As sesións de formación non poderán superar as 8 horas por día e as 40 horas semanais. En todo caso deberá cumprirse o descanso mínimo de 12 horas contados desde o remate dunha sesión formativa e o comezo da seguinte.

Salvo autorización da Subdirección Xeral de Formación para o Emprego outorgada a través do aplicativo informático SIFO e logo de solicitude da empresa beneficiaria, presentada cunha antelación mínima de tres días hábiles en relación coa data en que serán de aplicación os cambios solicitados, as datas e horarios das accións formativas non poderán ser obxecto de modificación respecto do indicado no anexo II ou, de ser o caso, do autorizado posteriormente como consecuencia doutras solicitudes de cambio presentadas.

5. Con carácter excepcional e logo da solicitude da empresa beneficiaria debidamente xustificada mediante memoria explicativa da necesidade, a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación poderá autorizar a realización de accións formativas que, total ou parcialmente, se impartan dentro do horario nocturno establecido no punto 4 deste artigo.

6. As convocatorias que se realicen ao abeiro das presentes bases reguladoras establecerán o intervalo de datas autorizado para o comezo e remate das accións formativas.

7. Todas as accións formativas deberán incluír as evidencias necesarias que permitan comprobar os resultados da aprendizaxe.

Para estes efectos, e sen prexuízo dun maior número de controis que, para tales efectos, pode establecer o programa de formación de cada especialidade, deberá realizarse, finalizada a impartición dos contidos específicos da especialidade formativa, un control de avaliación dos coñecementos adquiridos polas alumnas e alumnos participantes.

Para superar con aproveitamento a acción formativa, o alumnado deberá superar o control de avaliación final e, de ser o caso, o resto dos controis establecidos no programa de formación, acadando un mínimo de 5 puntos sobre 10 en cada un deles.

Artigo 26. Modalidades de impartición

1. As accións formativas obxecto de financiamento por esta orde deberán impartirse na modalidade presencial.

2. Se así o establece a respectiva convocatoria, as beneficiarias poderán facer uso da aula virtual como medio complementario e adicional para desenvolver o proceso formativo utilizando o campus virtual que, para estes efectos, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade porá a disposición das empresas beneficiarias.

Artigo 27. Difusión das accións formativas

As entidades beneficiarias poderán realizar actividades de difusión e promoción das accións formativas previas á selección do alumnado naqueles medios e canles que consideren convenientes. A difusión garantirá a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes, e do uso dunha linguaxe non sexista.

Nestes anuncios deberá facerse constar necesariamente o carácter público do financiamento da actividade subvencionada, e incluirase neles o emblema da Xunta de Galicia e o dos organismos que financian a formación.

No anuncio, que deberá estar redactado en lingua galega, sen prexuízo de que, así mesmo, se xunte a publicación noutros idiomas, deberá especificarse como mínimo:

• A entidade beneficiaria, con indicación do teléfono e/ou correo-e de contacto.

• As prazas existentes e o carácter gratuíto da formación.

• A acción formativa de que se trata, con indicación do código e denominación da especialidade formativa, o número de horas, a modalidade de impartición e a data prevista de inicio.

• O perfil requirido ao alumnado.

• O compromiso de contratación asumido.

Artigo 28. Persoas destinatarias da formación e definición de persoa alumna

1. As accións formativas obxecto de financiamento dirixiranse ás persoas traballadoras desempregadas. Para tal efecto, a consideración de persoa desempregada virá determinada pola súa inscrición como demandante no Servizo Público de Emprego de Galicia e a súa situación laboral como non ocupada, na data da súa incorporación á acción formativa.

Non será precisa a inscrición como demandante de emprego cando unha norma específica así o determine e, en particular, no suposto de persoas mozas inscritas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil.

2. Se durante o desenvolvemento da acción formativa algunha persoa alumna cambia a súa situación laboral a ocupada, poderá continuar asistindo á acción formativa sempre que haxa total compatibilidade entre o horario formativo e o laboral de maneira que lle permita cumprir os requisitos de asistencia e rematar con aproveitamento o curso.

3. Así mesmo, logo de conformidade da beneficiaria da subvención, poderán participar nas accións formativas as persoas demandantes de servizos previos ao emprego, nos termos que establezan os instrumentos de coordinación do Sistema nacional de emprego.

A participación na acción formativa de persoas incluídas neste colectivo non suporá ningunha minoración do compromiso de contratación asumido.

4. Terán a condición de persoas alumnas as que cumpran os requisitos de acceso á acción formativa correspondente e fosen seleccionadas a través dun procedemento realizado de conformidade co establecido na presente orde.

Artigo 29. Selección do alumnado

1. As entidades beneficiarias poderán empregar para a selección das persoas traballadoras desempregadas o método de selección directa ou o método de selección a través de oficina de emprego. Ambos os métodos poderán aplicarse de xeito sucesivo pero non simultáneo.

2. As entidades beneficiarias que se acollan ao seu dereito de selección directa do alumnado desempregado deberán remitir a acta de selección á oficina de emprego competente para a súa validación. A selección das persoas destinatarias da formación deberá axustarse aos requisitos de participación establecidos nesta orde.

De acollerse ao dereito á selección directa do alumnado, as entidades priorizarán na participación nos correspondentes procesos selectivos ás persoas traballadoras desempregadas que exerzan o seu dereito de elección de centro a través do portal de emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, https://emprego.xunta.es/diplos, ou a través da rede de oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia.

3. Se as entidades beneficiarias non elixen o procedemento de selección directa do alumnado, ou ben escolléndoo non acadasen o número mínimo de participantes, deberán efectuar os seguintes trámites:

a) Con 15 días hábiles de antelación á realización da proba de selección, as entidades beneficiarias solicitarán directamente á oficina de emprego que corresponda e mediante o impreso normalizado establecido para o efecto, unha listaxe de persoas que, cumprindo o disposto nesta orde para ser destinatarias da formación se adecúen, con base nos requisitos de acceso, ao perfil requirido para a realización da acción formativa.

A beneficiaria, ao ter adquirido un compromiso de contratación ligado á impartición da acción formativa, poderá solicitar especificamente á oficina de emprego que non se inclúan na listaxe persoas demandantes de servizos previos ao emprego.

b) A oficina de emprego, mediante sondaxe entre as persoas demandantes inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, seleccionará dúas persoas por praza vacante en cada acción formativa e convocará, mediante calquera medio que, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, acredite a súa recepción, ás persoas demandantes preseleccionadas para que asistan á proba de selección a realizar pola entidade formadora, que deberá ser visada previamente pola oficina de emprego.

Os órganos competentes da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade poderán acceder ás bases de datos das administracións públicas para comprobar a situación laboral das persoas traballadoras a efectos da súa selección para asistir á acción formativa.

c) Remitida a listaxe das persoas preseleccionadas á entidade solicitante, esta procederá á selección do alumnado mediante a realización das probas que considere pertinentes e de conformidade cos criterios predeterminados na solicitude, que deberán poñerse en coñecemento das persoas candidatas antes da súa realización.

Do proceso de selección e do seu resultado levantarase a correspondente acta no modelo normalizado establecido para tal efecto.

Na realización das probas de selección poderá estar presente unha persoa representante da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

d) As persoas demandantes propostas pola oficina de emprego só poderán ser rexeitadas para a realización da acción formativa cando concorran causas xustificadas que así o determinen e sexan perfectamente acreditadas pola beneficiaria, e, en todo caso, cando incumpran os requisitos para participar na correspondente especialidade formativa.

e) No caso de que ningunha persoa demandante proposta pola oficina de emprego supere as anteditas probas, ou que transcorresen 15 días naturais desde que se realizou a petición de persoas candidatas por parte da entidade beneficiaria sen que a oficina de emprego remitise persoas demandantes de emprego, ou que as persoas demandantes enviadas, xunto con aquelas outras pertencentes a outros colectivos cuxa participación se permite nesta orde de bases, sexan insuficientes, a oficina de emprego deberá tentar novas sondaxes entre persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego, que non respondan aos criterios que empregou na sondaxe inicial e entre os que poderán incluírse:

• Sondar por estudos cursados, ocupación ou experiencia profesional afíns, relacionados coa especialidade a impartir.

• Aumentar o ámbito xeográfico da sondaxe.

4. Se a pesar do anterior, non se cobren as prazas, a entidade beneficiaria poderá realizar a correspondente convocatoria pública a través daqueles medios de comunicación e canles que consideren convenientes ou optar pola selección directa, logo de comunicación á oficina de emprego.

Os anuncios da convocatoria pública poderán efectuarse por calquera medio de comunicación (prensa escrita, carteis, folletos, internet, correo electrónico, telefonía, redes sociais, radio, televisión e medios de comunicación análogos aos anteriores). Neles aplicaranse os criterios e deberá facerse constar a información relacionada no artigo 27 desta orde, relativo á difusión das accións formativas, con indicación expresa do enderezo do lugar de realización das probas de selección, así como a data e a hora en que estas terán lugar e un teléfono e/ou correo-e de contacto.

5. Do resultado do proceso de selección darase conta á oficina de emprego encargada da preselección do alumnado, con independencia do tipo de metodoloxía de selección empregado, coa finalidade de que o persoal técnico desa oficina ou do servizo territorial de que dependa poida validar a acta de selección no prazo máximo de cinco días naturais desde a recepción do documento.

A validación da acta de selección supón un requisito previo e imprescindible para que poida comezar a acción formativa, polo que a comunicación á oficina de emprego deberá realizarse previamente á data de inicio da actividade.

6. Cando se seleccionen, ou inicien unha acción formativa persoas que non cumpren os requisitos exixibles para participar na dita actividade de formación, deberá procederse á súa inmediata baixa como alumnas.

7. As persoas que realizasen unha acción formativa e teñan dereito a diploma non poderán volver a realizar outra acción formativa na cal se imparta a mesma especialidade. No caso de detectarse esta circunstancia, deberán ser dadas inmediatamente de baixa.

Ademais, neste suposto o alumnado correspondente non terá dereito a percibir ningunha das bolsas e axudas que se financian no marco do procedemento TR301V.

Exceptúanse do anterior aqueles supostos en que exista normativa específica que obrigue á reciclaxe formativa dun determinado colectivo e así o acredite a entidade ou centro de formación.

As persoas candidatas a asistir á formación deberán ser informadas do disposto neste punto no momento de realización do proceso de selección, debendo quedar constancia documental de que recibiron esta información.

Artigo 30. Aforo, incorporacións e suspensións

1. Cada convocatoria establecerá o número máximo de participantes que poderá participar nunha acción formativa, así como, de ser o caso, o número mínimo de persoas alumnas necesarias para poder iniciar a acción formativa.

2. En ningún caso o número de alumnas e alumnos participantes nunha acción formativa poderá ser superior ao do alumnado orzado.

3. De non se incorporar o alumnado seleccionado ou de se produciren baixas dentro do primeiro cuarto da acción formativa, poderán, respectivamente, darse de alta ou substituírse por novas persoas alumnas ata acadar a cifra de persoas alumnas solicitadas, sempre que, a xuízo das persoas responsables da entidade de formación, as persoas que se incorporen poidan, unha vez superadas as probas de nivel correspondentes, seguir as clases con aproveitamento e non dificulten a aprendizaxe do grupo inicial.

4. Para os efectos de incorporar alumnado dentro do primeiro cuarto de duración da acción formativa, poderase incluír como suplentes na relación de persoas participantes até un 20 % máis dos previstos, que poderán cubrir posibles baixas ao inicio da acción formativa e estarán identificados na comunicación de maneira diferenciada.

5. Cada nova alta ou baixa de alumnado que se produza na acción formativa deberá ser actualizada no sistema informático SIFO e comunicada á oficina de emprego correspondente no prazo de tres días hábiles desde que esta teña lugar.

Artigo 31. Módulos formativos transversais

1. En todas as accións formativas subvencionadas ao abeiro da presente orde será obrigatoria a impartición do módulo transversal denominado Inserción laboral, sensibilización ambiental e na igualdade de xénero (FCOO03), de dez horas de duración, das cales cando menos dúas horas deberán referirse á igualdade de xénero, vinculada coa igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e corresponsabilidade familiar e doméstica.

Así mesmo, as entidades deberán impartir obrigatoriamente un módulo formativo sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica, cunha duración de 3 horas nos cursos de duración menor ou igual a cincuenta horas (FCOXXX23), e de 8 horas nos cursos de duración superior a cincuenta horas (FCOXXX24).

De conformidade co establecido no artigo 26 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da comunidade autónoma en materia de igualdade, a formación en materia de igualdade consecuencia da impartición, segundo o caso, dos módulos FCOO03 e FCOXXX23, ou FCOO03 e FCOXXX24, incluirá obrigatoriamente un mínimo de 5 horas (2+3) naquelas accións formativas en que se impartan especialidades formativas de duración menor ou igual a cincuenta horas, e un mínimo de 10 horas (2+8) para aquelas especialidades que superen a dita duración.

2. A documentación de referencia dos devanditos módulos poderase consultar na epígrafe de módulos transversais da páxina web:

https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/modulos-transversais

3. O alumnado que estea en posesión dun diploma oficial que acredite ter realizado unha formación en materia de igualdade de duración igual ou superior ás horas establecidas para estes módulos, ou que xa teña cursado o módulo que correspondese á duración da acción formativa en que estea participando, non poderá realizalo de novo.

No suposto de que non exista constancia na aplicación informática SIFO da súa realización, deberán xustificar a través do dito aplicativo a súa realización para os efectos de non volver cursalo.

Informarase a todo o alumnado desta circunstancia de xeito que quede constancia, ademais de que, nestes supostos, non terá dereito a percibir bolsas e axudas por este concepto. As entidades e centros de formación tampouco terán dereito a que se lles financie na parte proporcional ao alumnado en que concorran estas circunstancias.

4. Os módulos transversais poderán impartirse na modalidade de teleformación. Neste caso, seralles de aplicación para a determinación do importe da subvención o módulo económico establecido no artigo 39 desta orde.

5. A impartición dos módulos formativos transversais relacionados no punto 1 deste artigo poderá realizarse en calquera momento dentro do intervalo de datas da acción formativa, sen que poida simultanearse a impartición dos contidos específicos dos módulos transversais cos contidos propios do programa formativo da especialidade.

6. A posibilidade de contratación do alumnado para os efectos de que a entidade beneficiaria cumpra co seu compromiso de contratación non estará supeditada a que o alumnado realice ou supere os módulos a que se refire este artigo.

Artigo 32. Seguimento e control das accións formativas

1. Para verificar o cumprimento do disposto nesta orde, as xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade aplicarán un sistema de seguimento e control, que incluirá, entre outras actuacións, visitas presenciais.

Durante as visitas poderán solicitarse ás entidades as evidencias físicas relativas á actividade formativa que se consideren oportunas, recoller testemuños do alumnado sobre o desenvolvemento da acción formativa e tomar imaxes fotográficas do material, equipamento e instalacións necesarias para impartir a formación.

De ser o caso, as citadas actuacións de seguimento e control poderán ser realizadas por unha entidade, pública ou privada, se así se lle encomenda a través do instrumento xurídico correspondente.

2. As entidades impartidoras deberán pór á disposición das xefaturas territoriais ou, de ser o caso, da unidade administrativa ou da entidade pública ou privada que corresponda, xunto co resto da documentación exixida nesta orde e utilizando para tales efectos o aplicativo informático SIFO, a folla de control de asistencia debidamente asinada polas persoas técnicas de seguimento que visiten a acción formativa.

No caso de que non coincida a folla de control de asistencia que conste en poder das persoas técnicas coa remitida posteriormente polas entidades, presumirase a veracidade da primeira.

3. As persoas encargadas do seguimento e control verificarán a realización da actividade e realizarán as comprobacións encamiñadas a garantir a correcta realización do proxecto ou acción obxecto da axuda, de maneira que a entidade beneficiaria deberá colaborar con estas actuacións de xeito dilixente e achegando, para tal efecto, canta documentación for requirida.

4. Cando nunha acción formativa se detecte a existencia de irregularidades ou deficiencias que non puidesen ser emendadas no prazo concedido para o efecto e que impidan o normal desenvolvemento da actividade ou incidan negativamente na súa calidade docente, poderá procederse á súa cancelación logo da resolución motivada do órgano competente para a súa concesión.

Artigo 33. Prácticas non laborais

1. As prácticas incluídas no programa formativo poderán desenvolverse en empresas, consonte o artigo 19 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, de acordo cos requisitos do programa, respectando a súa duración e previa subscrición dun acordo entre a empresa e a entidade de formación que deberá ser posto en coñecemento da persoa que realiza as prácticas.

Poderanse realizar en calquera especialidade, estarán vencelladas coa acción formativa realizada e a súa externalización terá carácter voluntario para as entidades impartidoras e obrigatorio para o alumnado no caso de que a entidade opte pola súa realización.

2. Con dez días hábiles de antelación á data prevista para a realización das prácticas, o centro impartidor presentará a correspondente comunicación á Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, a través do aplicativo SIFO, a que deberá xuntar a seguinte documentación:

a) Convenio ou acordo subscrito coa empresa ou empresas en que realizará o módulo de prácticas profesionais non laborais en empresas.

b) Sistema de titorías para o seu seguimento e avaliación.

c) Datas, lugar de realización, horario e duración.

d) Documento acreditativo de que o seguro de accidentes e a póliza de responsabilidade civil a que se refire o artigo 23 están vixentes e cobren a realización das prácticas durante todo o período da súa realización.

e) Declaración responsable da persoa representante legal en que se indique:

• Que se dispón de comunicación previa ou licenza municipal de apertura da actividade de que se trate ou, na súa falta, que faga constar a idoneidade dos locais de impartición onde se van desenvolver as prácticas no caso de empresas, ou calquera outro documento acreditativo da idoneidade dos locais para a realización das prácticas.

• Que a empresa en que se realizarán as prácticas cumpre coa normativa de prevención de riscos laborais.

3. As prácticas non laborais deberán realizarse dentro do prazo de execución da acción formativa.

4. A beneficiaria deberá introducir no sistema informático SIFO os datos relativos ao alumnado que desenvolva o módulo de prácticas.

5. As empresas onde teñan lugar as prácticas deberán reunir os requisitos que, ao respecto, se establezan no programa da especialidade.

6. O módulo de formación práctica non implica relación laboral coa empresa nin supón compensación económica ás persoas participantes pola súa formación práctica, salvo no previsto sobre bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego.

7. Antes do comezo das prácticas a entidade beneficiaria da subvención porá en coñecemento da Inspección de traballo unha relación do alumnado que vai realizar as prácticas, e os nome/s da/s empresa/s en que realizarán as prácticas, localidades, datas e horario de realización.

8. As empresas en que se realicen as prácticas comunicarán aos representantes legais das persoas traballadoras na empresa unha relación do alumnado que vai realizar as prácticas, as datas e o horario de realización.

9. Unha vez comunicadas as prácticas, os centros e entidades deberán comunicar ao órgano competente calquera incidencia que se produza no seu desenvolvemento.

Artigo 34. Diplomas

1. Rematada a acción formativa, dados de alta en SIFO os resultados individuais obtidos polo alumnado nos diferentes controis e probas de avaliación da acción formativa, e logo de solicitude da beneficiaria, a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación procederá a emitir os correspondentes diplomas de acordo cos criterios establecidos nesta orde.

A solicitude dos diplomas, que se realizará a través do sistema informático SIFO, incluirá unha declaración da solicitante de que requiriu a cada persoa alumna a acreditación do cumprimento dos requisitos de acceso exixidos para cursar a especialidade formativa impartida.

2. Para ter dereito a diploma o alumnado deberá cumprir os requisitos de acceso exixidos para asistir á acción formativa, finalizándoa con aproveitamento, de acordo co criterio establecido no artigo 25.7 desta orde, e cunha asistencia do 75 % da duración da especialidade formativa.

Para os efectos do dereito a diploma, as porcentaxes do aproveitamento non precisarán computar, para o seu cálculo, as horas correspondentes aos módulos transversais.

3. A Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación determinará o modelo do diploma a entregar no que en todo caso deberá constar:

a) Nome, apelidos e DNI da alumna ou alumno.

b) A denominación da especialidade formativa e da entidade que a imparte.

c) As horas de impartición.

d) O lugar e as datas de realización.

e) O programa e contidos da acción formativa.

f) Os logotipos da consellería da Xunta de Galicia e dos organismos que financien as accións formativas.

g) Os módulos de formación transversal impartidos, con indicación da súa duración en horas, no caso de terse realizado.

4. O alumnado que non teña dereito a diploma recibirá, se a solicita, unha certificación polas horas e módulos que superase.

5. Tanto a emisión dos diplomas como, de ser o caso, a expedición de certificados polas horas e módulos realizados efectuarase en soporte electrónico.

Artigo 35. Avaliación da calidade das accións formativas

1. En cumprimento do establecido na Lei 30/2015, do 9 de setembro, o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, a Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, as empresas beneficiarias responsables da execución das accións formativas realizarán e presentarán coa xustificación da subvención, e a través do aplicativo SIFO, un informe final de avaliación da formación que executen.

2. Así mesmo, deberán facer un seguimento continuo que permita a identificación de áreas de mellora e a elaboración de plans de mellora, detectando debilidades que poidan ser emendadas dentro do período de realización da acción formativa, e quedando reflectidas as actuacións levadas a cabo para tal fin na memoria final.

En todas estas intervencións deberá quedar constancia, de ser o caso, da mostra representativa sobre a que se realizaron as actuacións.

3. As empresas beneficiarias deberán realizar o seguimento da participación do alumnado, da súa aprendizaxe e avaliación. Da dita actividade darán conta na memoria final de avaliación que incluirá obrigatoriamente información dos seguintes criterios e indicadores básicos:

• Número total de cuestionarios de avaliación de satisfacción de calidade cubertos polo alumnado en cada acción formativa, e porcentaxe respecto do total de persoas participantes formadas en cada acción.

• Resultados da avaliación da aprendizaxe do alumnado de cada acción formativa que incluirá o número e porcentaxe de aptos e non aptos sobre o total de persoas participantes formadas.

• Resultados doutras actuacións de avaliación desenvolvidas no programa de formación.

4. De conformidade co establecido nos artigos 24 e 25 da Orde TMS/368/2019, de 28 de marzo, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade velará pola calidade da formación profesional para o emprego e as entidades e centros de formación colaborarán na avaliación da formación que executen, seguindo as instrucións que, para tal fin, poderá ditar a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, en que concretarán os criterios e posibles indicadores da avaliación e o tamaño da mostra representativa para avaliar os grupos de formación.

Artigo 36. Contratación do alumnado

1. A contratación comprometida, efectuada de acordo co criterio establecido no artigo 5 da presente orde, realizarase no prazo de dous meses desde o remate da acción formativa e, en todo caso, dentro do prazo límite que, de ser o caso, se determine para cada convocatoria.

A solicitude da beneficiaria e por causas excepcionais debidamente acreditadas e motivadas, o dito prazo poderá ampliarse en dous meses previa resolución ao respecto da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.

2. Non se aboará a liquidación final mentres a empresa non remita as copias dos contratos de traballo que avalen o cumprimento do compromiso de contratación.

3. De non poderse efectuar a contratación comprometida por non existir o suficiente número de persoas alumnas aprobadas ou formadas ao remate da acción formativa, ou por renunciar estas expresamente ao posto de traballo ofertado, a beneficiaria deberá, para os efectos da cobertura dos postos de traballo comprometidos, solicitar á oficina de emprego, mediante a presentación dunha oferta de emprego, unha listaxe de persoas que acrediten unha formación igual ou equivalente á requirida para o correcto desenvolvemento do posto de traballo.

A necesidade da cobertura dun ou máis postos de traballo mediante persoas candidatas solicitadas ás oficinas de emprego deberá acreditarse documentalmente no momento de xustificación da subvención.

4. No caso de extinción do contrato de traballo do persoal obxecto do compromiso de contratación con anterioridade á finalización do período exixido nesta orde e polas causas previstas na normativa laboral vixente, a empresa beneficiaria deberá comunicar esta circunstancia á Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, con indicación e acreditación documental das causas que orixinaron a extinción e xustificación do inicio do proceso de substitución da persoa que causou baixa, no prazo de tres días desde que esta tivo lugar.

Para estes efectos, atenderase ao seguinte criterio de priorización e actuación:

1) Deberase ofertar a cobertura do posto de traballo vacante ao alumnado aprobado que non foi contratado inicialmente.

2) No caso de non ser posible a contratación anterior, deberá ofertar a cobertura do posto ao alumnado formado non contratado inicialmente.

3) De non se poder realizar a cobertura do posto vacante aplicando os criterios recollidos nos puntos 1) e 2), a entidade beneficiaria deberá solicitar da oficina de emprego, mediante a presentación dunha oferta de emprego, unha listaxe de persoas candidatas que posúa e acredite unha formación igual ou equivalente a que se require para o correcto desenvolvemento do posto de traballo.

5. De ser o caso, a imposibilidade de facer efectiva a contratación mediante o alumnado aprobado ou o alumnado formado, deberá acreditarse documentalmente ante a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.

6. Excepcionalmente, de non poderse efectuar a contratación comprometida aplicando o criterio establecido nos puntos 3 e 4 deste artigo, a empresa beneficiaria poderá solicitar á Subdirección Xeral de Formación para o Emprego autorización para a selección directa de persoas candidatas, sempre e cando estas acrediten unha formación igual ou equivalente a que se require para o correcto desenvolvemento do posto de traballo.

7. A Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, a través do persoal que ten adscrito nos servizos centrais e territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade, efectuará as comprobacións que considere necesarias coa finalidade de verificar o efectivo cumprimento do período de duración da contratación realizada.

Capítulo VI

Pagamento, xustificación e reintegros

Artigo 37. Pagamento da subvención

1. Unha vez ditada e notificada a resolución de concesión, as entidades, unha vez conste a aceptación tácita ou expresa da subvención, poderán solicitar o pagamento dun anticipo con carácter previo ao inicio da actividade por un importe máximo do 25 % da subvención concedida.

2. Unha vez acreditado o inicio da acción formativa, a beneficiaria poderá solicitar o pagamento dun segundo anticipo de ata o 35 % adicional. Este 35 % adicional calcularase sobre o importe global concedido para a acción formativa concreta a que se refira.

3. No caso de non existir a solicitude de anticipo do 25 % previa ao comezo da actividade e unha vez acreditado o inicio da acción formativa, poderase solicitar de maneira conxunta un anticipo de ata o máximo do 60 % do importe concedido.

4. Os anticipos deberán solicitarse a través do aplicativo informático SIFO.

5. En aplicación do artigo 12.2 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, a contía do importe dos referidos anticipos poderá calcularse sobre a base do importe concedido para o total do proxecto formativo, entendido este como o conxunto das accións formativas obxecto da subvención, se así o solicita a entidade beneficiaria.

Para estes efectos, entenderase por inicio da actividade formativa o comezo da execución da primeira acción formativa subvencionada.

6. Os pagamentos dos anticipos faranse efectivos, en atención ao disposto no artigo 12.2 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, no prazo máximo de tres meses contado desde a presentación pola empresa beneficiaria da documentación requirida para formular a solicitude de anticipo.

7. O resto do importe concedido farase efectivo, unha vez finalizada e xustificada a realización de toda a actividade formativa do expediente subvencionado.

Para o cálculo do importe que se vai aboar terase en consideración a xustificación presentada.

8. En aplicación do artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia, as entidades con ánimo de lucro quedan eximidas da obriga de constituír garantías para a realización e cobramento dos anticipos.

Artigo 38. Xustificación da subvención

1. As persoas beneficiarias quedarán obrigadas a xustificar a realización da actividade formativa subvencionada, o destino dos fondos recibidos e o cumprimento das condicións establecidas na resolución de concesión da subvención.

A xustificación da subvención axustarase ao disposto nas leis 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, deberá respectarse o disposto no artigo 13 da Orde TMS/368/2019, relativo a gastos subvencionables, con independencia de que a xustificación da subvención e o pagamento desta teña lugar mediante módulos económicos.

2. A xustificación da subvención de cada acción formativa tramitarase de conformidade co disposto no artigo 14 da orde TMS/368/2019 e deberá realizarse dentro do prazo de dous meses desde o seu remate e a través da aplicación informática SIFO.

De ser o caso, este prazo poderá ser obxecto de ampliación en virtude do disposto no segundo parágrafo do artigo 36.1 desta orde e polo período que se determine na correspondente resolución.

3. O órgano competente para a tramitación da documentación xustificativa das subvencións e a súa comprobación técnico-económica será o Servizo de Xestión Administrativa da Formación para o Emprego.

4. Para os efectos desta comprobación, a beneficiaria da subvención deberá presentar a seguinte documentación:

I. Memoria de actuación xustificativa, asinada pola persoa responsable da entidade beneficiaria, do cumprimento de todas as obrigas establecidas na concesión da subvención, nas bases reguladoras e na convocatoria, con indicación das actividades realizadas, o programa completo da formación impartida, con detalle da planificación temporal e do profesorado que o impartiu, os resultados obtidos e as competencias adquiridas polo alumnado ao remate da formación.

A memoria incluirá a certificación de execución e finalización de cada acción formativa, con indicación das persoas participantes e da súa condición de desempregadas no momento do seu inicio, así como das persoas contratadas en cumprimento do compromiso adquirido para tal efecto e do tipo de contrato formalizado con cada unha delas.

Así mesmo, deberá incluír a relación das actuacións de avaliación e seguimento do alumnado desenvolvidas, con indicación das probas e controis realizados, e a acta asinada das avaliacións efectuadas cos resultados obtidos.

Ademais da achega documental da acta, os resultados das probas e controis de aprendizaxe a que fai referencia o artigo 25.7 desta orde deberán estar mecanizados no aplicativo SIFO.

Igualmente, formará parte desta memoria a documentación que a seguir se relaciona:

– Cuestionarios realizados polo alumnado durante a realización da acción formativa.

– Informe de avaliación e control da calidade da acción formativa e documentación relativa ás actuacións de avaliación e control da calidade da formación levadas a cabo ao que se refire o artigo 35 da presente orde.

II. Memoria económica xustificativa do custo da acción formativa con expresión da contía global da subvención xustificada, asinada pola persoa responsable da beneficiaria, que incluirá, como mínimo, os seguintes puntos:

a) Cadro resumo por cada persoa alumna que inclúa o número de horas lectivas efectivamente realizadas, o número de horas relativas ás faltas de asistencia e a súa porcentaxe en relación coas horas lectivas.

Na información deberá identificarse ao alumnado segundo a categoría de participante, formado e aprobado, definida de acordo co seguinte criterio:

• Alumnado participante: persoas alumnas que inician a acción formativa. Incluiranse nesta epígrafe aquelas persoas que se incorporen á acción formativa con posterioridade ao seu inicio e de conformidade co disposto no artigo 30 desta orde.

• Alumnado formado: persoas participantes que cumpriron co requisito de asistencia ao 75 % da duración total da acción formativa

• Alumnado aprobado: persoas participantes que, de acordo co disposto no artigo 25.7 desta orde, remataron con aproveitamento a acción formativa e asistiron ao 75 % da especialidade formativa incluída na acción formativa.

Cada persoa alumna identificarase cun único perfil dos citados. Neste senso, sobreenténdese que o alumnado aprobado cumpre cos requisitos descritos para o alumnado participante e formado; e que o alumnado formado é á súa vez participante.

Así mesmo, de ser o caso, documentación explicativa dos abandonos producidos. Para os casos que a seguir se citan, e para os efectos da liquidación da subvención a que fai referencia o artigo 39, deberá achegarse a documentación que se relaciona:

• Nos supostos de abandono por colocación deberá achegarse a documentación xustificativa da colocación.

• Nos casos de baixa por enfermidade ou accidente acreditado, sempre que en calquera dos supostos relacionados as persoas afectadas tivesen realizado un mínimo do 10 % da acción formativa, documentación xustificativa desta circunstancia.

b) Cálculo da contía global da subvención xustificada que corresponda en aplicación dos módulos económicos establecidos e os criterios previstos nesta orde.

No caso de que fose concedida unha subvención complementaria para custos derivados da adaptación da acción formativa para a participación de persoas con discapacidade, deberá engadirse o cálculo correspondente ao financiamento adicional recoñecido.

De ser o caso, as entidades deberán solicitar expresamente, xunto coa presentación da xustificación de realización da actividade subvencionada, a aplicación da garantía de percepción do mínimo do 75 % do importe inicialmente concedido a que fai referencia o artigo 39.10 desta orde. Esta solicitude deberá acompañarse dunha certificación asinada co importe dos gastos reais efectuados pola entidade. Así mesmo, e para os efectos de verificación do cumprimento do disposto no artigo 17 da Lei de subvencións de Galicia, deberán conservar, nos termos e prazos establecidos no punto 9 deste artigo, os xustificantes de gastos e de aplicación dos fondos recibidos para a realización da actividade que fundamenta a concesión da subvención.

c) No caso de opoñerse á consulta por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ou no suposto de non prestar o consentimento a que se refire o artigo 10 desta orde, deberán presentar certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, e de que están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de acordo co disposto no artigo 9 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

d) Declaración responsable do conxunto de todas as axudas solicitadas (aprobadas, concedidas ou pendentes de resolución) para a mesma acción formativa ás distintas administracións públicas competentes ou a calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e procedencia.

e) Declaración responsable de que todos os gastos realizados con cargo á subvención atópanse debidamente contabilizados e foron efectivamente pagados con anterioridade á presentación da xustificación, incluíndo a totalidade dos salarios e/ou facturas do persoal vencellado á docencia, con indicación expresa de que os importes aboados cumpren coa normativa vixente así como, de ser o caso, cos convenios colectivos que sexan de aplicación.

f) Caso de terse producido incidencias no sistema de control biométrico de asistencia debidamente acreditadas perante o equipo informático de soporte, partes diarios de asistencia no modelo xerado pola aplicación SIFO asinados polo alumnado participante e o persoal formador ao inicio e ao final de cada xornada, así como da persoa responsable da entidade beneficiaria. Nos ditos partes deberanse identificar de maneira veraz as persoas participantes e expresar as horas realizadas diariamente por cada unha delas, reflectindo expresamente o número de horas e minutos de ausencia.

g) Relación nominal do cadro de persoal vinculado á docencia que participou na acción formativa, con indicación expresa de se se trata de persoal asalariado mediante contrato mercantil, persoa socia da beneficiaria, persoa autónoma ou persoal interno da entidade formadora contratado para a formación.

Incluiranse nesta relación as persoas formadoras, persoas titoras-formadoras internas e externas, así como o persoal que, non tendo o carácter de persoa formadora ou titora-formadora da acción formativa, realizou tarefas relacionadas directamente co seguimento do proceso de aprendizaxe, asesoramento e orientación ao alumnado.

h) Inventario do material entregado ao alumnado que inclúa a sinatura de recepción individualizada.

i) De ser o caso, se as empresas beneficiarias imparten a formación mediante a contratación con centros ou entidades de formación, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para os contratos menores no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, relación de ofertas solicitadas nos termos establecidos no artigo 20.6 desta orde.

j) Indicación expresa de se se concertou, total ou parcialmente, a prestación ou adquisición de servizos ou subministracións necesarias para a impartición da acción formativa subvencionada cunha persoa ou entidade vinculada coa beneficiaria.

k) Declaración responsable de non exceder os límites na imputación de custos relativos á subcontratación da docencia a través dun servizo externo. Para estes efectos, será de aplicación o disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude da previsión establecida no artigo 131.1 do Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas.

III. Xustificación do cumprimento do compromiso de contratación que se realizará mediante a presentación dos correspondentes contratos laborais rexistrados no Servizo Público de Emprego. As empresas beneficiarias deberán acreditar a situación de alta da persoa traballadora na Seguridade Social polo tempo estipulado no contrato, para o que deberán presentar a relación nominal de persoas traballadoras (RNT) no tempo durante as cales permanezan contratadas.

De ser o caso, de ter solicitado á oficina de emprego, mediante a presentación dunha oferta de emprego, persoas candidatas para efectuar a contratación comprometida, acreditación documental de que non existía o suficiente número de persoas alumnas aprobadas ou formadas ao remate da acción formativa para cumprir o compromiso de contratación asumido, ou que se produciron renuncias ao posto de traballo por parte do alumnado que cumpría cos requisitos para ser contratado.

No suposto de renuncias, deberá achegarse, debidamente asinada, a oferta de traballo efectuada ás persoas alumnas que rexeitaron a proposta de contratación.

5. Se como resultado da comprobación técnico-económica da documentación a unidade administrativa competente comproba que o importe liquidable da acción formativa foi inferior á subvención concedida, aboarase unicamente o importe efectivamente xustificado.

6. Transcorrido o prazo establecido para a xustificación sen que esta se presentase, requirirase á beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de quince días hábiles. A falla de presentación da xustificación, transcorrido este novo prazo, dará lugar á perda do dereito ao cobramento da subvención e/ou ao inicio do procedemento de reintegro.

A Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, logo de solicitude da entidade beneficiaria, poderá autorizar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non poderá exceder da metade deste e sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Se a documentación presentada fose insuficiente para considerar correctamente xustificada a subvención concedida, poranse en coñecemento da persoa beneficiaria as insuficiencias observadas para que no prazo de dez días sexan emendadas.

Os órganos competentes da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade poderán acceder ás bases de datos das administracións públicas para comprobar a situación laboral das persoas traballadoras contratadas e verificar o cumprimento do compromiso de contratación asumido pola persoa beneficiaria.

7. No caso de concesión de anticipos, os gastos realizados con cargo a estes estarán suxeitos ao disposto no artigo 37 desta orde.

8. Unha vez examinada e comprobada a documentación presentada, ditarase a resolución de liquidación final que será notificada ás entidades beneficiarias.

Así mesmo, para a determinación da liquidación final teranse en conta, de ser o caso, as minoracións que correspondan consecuencia do incumprimento de compromisos asumidos.

Caso de que a liquidación practicada fose inferior á cantidade anticipada, tramitarase o correspondente expediente de reintegro.

9. As beneficiarias estarán obrigadas a conservar, durante un prazo de 4 anos, considerando, de ser o caso, a interrupción do prazo de prescrición do dereito da Administración a recoñecer ou liquidar o reintegro da subvención concedida, contado desde a liquidación final da subvención, os xustificantes da realización da actividade que fundamenta a súa concesión e a aplicación dos fondos recibidos, para os efectos das actuacións de comprobación e control así como de calquera outra obriga legal que así o exixa.

O dito prazo computarase a partir do momento en que remate o período establecido para presentar a citada xustificación por parte da beneficiaria.

As entidades que, sen ter transcorrido o citado período, decidan suspender a súa actividade ou disolverse, deberán remitir copia da citada documentación ao órgano competente, sen prexuízo da obriga de presentar a documentación xustificativa da subvención.

Inclúese neste punto a obriga de manter a adecuada pista de auditoría a que se refire o artigo 23.16 desta orde.

10. A aplicación da xustificación a través dos módulos económicos non exime as entidades beneficiarias do deber de cumprir a lexislación vixente en materia financeira, fiscal, contable e laboral, especialmente no referente á contabilidade dos gastos, aboamento de salarios ao persoal, ingresos das cotizacións á seguridade social, facturación e subcontratación.

Artigo 39. Liquidación da subvención

1. A liquidación das axudas realizarase en función das persoas participantes que realizaran as accións formativas, atendendo ás horas lectivas realizadas e segundo os módulos económicos establecidos.

En ningún caso a liquidación resultante poderá superar a contía da subvención inicialmente concedida.

Para determinar o número de horas computables, unicamente se terán en conta as efectivamente realizadas polo alumnado e que consten debidamente acreditadas a través dos diferentes medios de control de asistencia admitidos establecidos nesta orde. No caso de existir discrepancia entre as acreditacións achegadas, utilizarase para a determinación do custo o número de horas que resulte inferior.

Á suma das horas computables indicadas no parágrafo anterior sumaranse as faltas de asistencia xustificadas ata un máximo do 25 % do total de horas da acción formativa.

Para estes efectos, consideraranse xustificadas as seguintes causas:

• Enfermidade ou accidente acreditados.

• Consulta médica propia ou de familiares ata o primeiro grao ou persoas ao seu cargo.

• Nacemento de fillo ou filla e supostos de acollemento ou adopción.

• Falecemento, accidente ou enfermidade grave dun familiar ata o segundo grao. Ata 2 días hábiles na mesma localidade e 3 días hábiles en distinta localidade.

• Asistencia a exames finais e outras probas de aptitude, de carácter oficial.

• Citación administrativa ou xudicial.

• Permiso por violencia de xénero.

• As actividades vinculadas coa conciliación familiar por coidado de filllos/as e/ou persoas acollidas menores de 12 anos ou de familiares dependentes ata o segundo grao ao cargo da persoa alumna, sempre que resulte acreditada debidamente tanto a causa como o vínculo familiar nos termos da normativa aplicable.

• Entrevista de traballo, polo tempo indispensable para a súa realización.

A xustificación das ausencias deberá facerse mediante documentos ou calquera outro medio que acredite de modo fidedigno o motivo da non asistencia.

Para os efectos do cómputo do referido 25 % do total de horas da acción formativa teranse en conta para o cálculo da subvención as faltas de asistencia sen xustificar que se produzan dentro dos límites establecidos no artigo 24.

2. Considerarase que unha persoa rematou a formación cando asistise, ao menos, ao 75 % da impartición da acción formativa, incluídas, de ser o caso, as prácticas non laborais.

Para acadar a dita porcentaxe non se terán en conta as horas relativas aos módulos transversais, ben que serán computables para o cálculo do custo subvencionable.

Considerarase que remataron a acción formativa aqueles que tivesen que abandonala por ter atopado emprego. Así mesmo, terán esta consideración aquelas persoas participantes que causaran baixa por enfermidade ou accidente acreditado, sempre que en calquera dos supostos relacionados tivesen realizado un mínimo do 10 % das horas lectivas da actividade formativa.

Para efectos do cálculo da liquidación sempre que un alumno ou alumna, de acordo cos criterios establecidos no artigo 34 desta orde, teña dereito a diploma, será subvencionable.

3. Para os efectos da determinación do módulo económico que se vai aplicar, a impartición da formación que se realice mediante aula virtual, caso de que esta se autorice na correspondente convocatoria, terá a consideración de presencial.

4. Os módulos transversais poderán impartirse na modalidade de teleformación. Neste caso o módulo económico a aplicar será o 70 % da contía do dito módulo para a modalidade presencial e non poderá ser superior a 7,5 €.

5. No caso de accións formativas que teñan un mínimo dunha persoa alumna con certificación de discapacidade e logo de solicitude expresa da entidade beneficiaria, poderase incrementar o importe da subvención inicialmente aprobado, sempre que se xustifique axeitadamente e que se destine exclusivamente á contratación do apoio necesario para a axeitada participación na acción formativa das persoas con discapacidade.

A memoria explicativa das necesidades para cubrir deberá presentarse unha vez realizada a selección do alumnado e no prazo máximo de 15 días naturais desde a incorporación á acción formativa da persoa con discapacidade.

Para o financiamento destes custos adicionais ditarase unha resolución complementaria co importe total dos gastos autorizados polos conceptos de persoal de apoio e adaptación curricular ou do material didáctico. O importe adicional calcularase en función do custo unitario por cada hora lectiva da acción formativa en que deba participar a persoa ou persoas con discapacidade, independentemente do número de persoas alumnas con discapacidade.

Para os custos adicionais de adaptación da acción formativa á participación do alumnado con discapacidade, cada convocatoria establecerá un custo unitario por hora lectiva.

6. De se produciren abandonos que dean lugar a baixas non computables nin xustificadas, con posterioridade á impartición do 25 % das horas de formación, poderase admitir unha desviación do 15 % con respecto ao número de participantes que tivesen comezado as accións formativas, excluídos aqueles que incumprisen os requisitos e condicións da convocatoria, nos termos sinalados polo artigo 10.3 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, de maneira que eses abandonos se teñan en conta para o cálculo do custo subvencionable co límite desa desviación e co mesmo criterio que se se tratase dun abandono por colocación.

7. Para os efectos do cálculo da liquidación non se terán en conta aquelas persoas participantes que tivesen que abandonar a formación por incumprimento das condicións da convocatoria ou por non cumprir os requisitos exixidos para poder participar na acción formativa.

8. O cálculo da liquidación realizarase multiplicando o módulo económico da especialidade, área ou familia profesional, segundo se determine na convocatoria, polo número de persoas alumnas que remataron a formación e polas horas de formación computables de cada persoa alumna.

9. Consonte o previsto no artigo 17 da Lei de subvencións de Galicia, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Segundo o previsto no artigo 29 da devandita lei e no artigo 42 do seu Regulamento, na xestión da subvención deberase ter en conta que se consideran gastos subvencionables os realizados no prazo establecido polas convocatorias e considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

As subvencións previstas nesta orde son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma acción formativa procedentes de calquera persoa, Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

10. Sen prexuízo do disposto no artigo 40 desta orde, sobre incumprimento de obrigas e reintegro, no momento da liquidación garantirase, logo de solicitude da beneficiaria, a percepción dun mínimo do 75 % do importe inicialmente concedido por cada acción formativa impartida, se esta remata cun número de persoas alumnas equivalente, cando menos, ao 50 % do número de prazas inicialmente programadas, e se cumpre o compromiso de contratación asumido.

Para estes efectos, e de acordo co criterio establecido no punto 2 deste artigo, terá a consideración de alumnado finalizado aquel que abandonou a acción formativa durante a súa impartición por acceder a un emprego así como as persoas participantes que causaron baixa por enfermidade ou accidente acreditado e sempre que, para calquera dos supostos citados, a persoa alumna tivese realizado un mínimo do 10 % da acción formativa.

A aplicación desta garantía está condicionada ao disposto no punto 9 deste artigo.

Artigo 40. Incumprimento de obrigas e reintegro

1. O incumprimento das obrigas establecidas na presente orde e demais normas aplicables, así como das condicións que se establecesen na correspondente resolución de concesión dará lugar á perda total ou parcial do dereito ao cobramento da subvención ou, logo do oportuno procedemento de reintegro, á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida e os xuros de demora correspondentes.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e co artigo 15 da Orde TMS/368/2019, o importe da perda do dereito ao cobramento da subvención ou do reintegro determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

I. Supostos de incumprimento total:

a) Polo incumprimento, de acordo co disposto no artigo 33.1 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención, falseando estas ou ocultando aquelas que a impedisen: perda da subvención concedida e reintegro do 100 % das cantidades percibidas máis os xuros de demora correspondentes.

b) Polo incumprimento total do compromiso de contratación asumido pola beneficiaria para a concesión da subvención: perda da subvención concedida e reintegro do 100 % das cantidades percibidas máis os xuros de demora correspondentes.

c) Polo feito de non realizar a actividade obxecto de subvención ou incumprir os fins que a fundamentan: perda da subvención concedida e reintegro do 100 % das cantidades percibidas máis os xuros de demora correspondentes.

d) Polo incumprimento das obrigas de presentación de documentación exixida no prazo establecido para a xustificación da acción formativa: no caso de que non se presente ningunha documentación procederase á perda da subvención concedida e reintegro do 100 % das cantidades percibidas máis os xuros de demora correspondentes.

e) Polo incumprimento da obriga de comunicar a obtención doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade: perda da subvención concedida e reintegro do 100 % das cantidades percibidas máis os xuros de demora correspondentes, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a beneficiaria.

f) Considerarase, de acordo co disposto no artigo 15.2.a) da Orde TMS/368/2019, que concorre o incumprimento total se a realización da actividade subvencionada non acada o 25 % dos seus obxectivos, medidos co indicador do número de horas de formación multiplicado polo número de alumnas e alumnos finalizados.

Para estes efectos, incluiranse tamén as horas de ausencia que resulten computables por falta xustificada ou por colocación.

II. Supostos de incumprimento parcial:

a) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano que concede a subvención a solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade dará lugar á perda ou reintegro do 2 % da subvención xustificada aceptada correspondente a todo o expediente.

b) O incumprimento das obrigas en materia de publicidade, información e comunicación establecidas nesta orde dará lugar á perda ou reintegro do 2 % sobre a subvención xustificada aceptada para a acción formativa en que se incumpriu a obriga.

c) No caso de impartir formación a alumnos ou alumnas que non cumpren os requisitos necesarios para o acceso á formación, minorarase a subvención da acción formativa na parte correspondente ás/aos ditas/os alumnas/os en relación coa subvención xustificada aceptada.

d) No suposto de demoras ou falta de presentación en prazo da documentación exixida no artigo 21 desta orde, aplicarase unha minoración gradual en virtude do grao de incumprimento que non poderá superar o 5 % sobre a subvención xustificada aceptada para a acción formativa en que se produciron as demoras ou faltas de presentación.

e) O incumprimento parcial do compromiso de contratación asumido pola entidade beneficiaria para a concesión da subvención dará lugar a unha minorización do 10 % do total da subvención xustificada e aceptada para a acción formativa por cada persoa que non se contratou. O cálculo da porcentaxe que se vai minorar determinarase aplicando a seguinte fórmula:

Porcentaxe a aplicar = (Número de persoas que a beneficiaria se comprometeu a contratar - Número de persoas contratadas) * 10

f) O incumprimento da obriga establecida no artigo 5, de realizar a contratación comprometida nunha ocupación e categoría relacionada coa especialidade formativa impartida no período máximo de dous meses desde o remate da acción formativa ou, de ser o caso, na ampliación de prazo autorizada en virtude do disposto no segundo parágrafo do artigo 36.1, dará lugar a unha minoración do 5 % da subvención xustificada aceptada para a realización da acción formativa por cada un dos contratos comprometidos en que se incumpra o dito prazo.

Caso de que o contrato se formalice nun prazo superior aos seis meses desde o remate da acción formativa, entenderase, para os efectos desta orde, como non realizado.

g) O incumprimento dos criterios recollidos no artigo 5 sobre priorización na contratación do alumnado participante nunha acción formativa, dará lugar a unha minoración do 2 % da subvención xustificada aceptada para a realización da acción formativa por cada persoa participante en que estes se incumpran.

h) No suposto de incumprimento das obrigas establecidas no artigo 21 aplicarase, naqueles supostos non regulados expresamente nos anteriores puntos deste artigo, unha minoración gradual en virtude do grao de incumprimento que non poderá superar o 5 % sobre a subvención xustificada e aceptada para a acción formativa en que se incumpre.

Artigo 41. Infraccións e sancións

1. Conforme o previsto no artigo 19 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, polo que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, o réxime de infraccións e sancións aplicables no ámbito da formación profesional para o emprego será o regulado polo texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

No non previsto no réxime de infraccións e sancións establecido no parágrafo anterior, observarase o contido da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As infraccións poderán ser cualificadas como leves, graves ou moi graves e levarán aparelladas as sancións que en cada caso corresponda de acordo coa normativa vixente.

3. As sancións impostas polas infraccións graves e moi graves en materia de formación profesional para o emprego que dean lugar a que a subvención sexa declarada indebida polo órgano concedente, unha vez firmes, incluiranse na Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

4. A obriga de reintegro establecida no artigo 40 desta orde entenderase sen prexuízo do previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se concorresen as accións e omisións tipificadas na antedita lei.

Artigo 42. Devolución voluntaria das subvencións

1. A acreditación de ter ingresado o importe correspondente á diferenza entre a cantidade xustificada e a recibida en concepto de anticipo, de ser o caso, terá a consideración de devolución voluntaria, de acordo co establecido no artigo 90 do regulamento da Lei xeral de subvencións.

2. De acordo co establecido no artigo 64 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta IBAN ES82 2080 0300 8731 1006 3172 en concepto de devolución voluntaria da subvención.

O importe da devolución incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte da beneficiaria.

O ingreso realizarase segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación.

3. En todo caso, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Capítulo VI

Primeira convocatoria

Artigo 43. Financiamento

1. Destínase a esta primeira convocatoria, correspondente á anualidade 2023, un crédito por importe total de tres millóns cento corenta e oito mil trescentos trinta e catro euros (3.148.334,00 €), que se imputarán con cargo á aplicación orzamentaria 11.50.323A.471.0, ou aquelas que a substitúan de conformidade coa normativa orzamentaria aplicable, con código de proxecto 2013 00545. Esta aplicación está financiada con fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

2. Os créditos orzamentarios a que se refire este artigo poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de formación para o emprego.

Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Calquera modificación ou ampliación dos créditos dispoñibles estará condicionada ao cumprimento dos supostos e as condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia.

3. O módulo económico aplicable a esta convocatoria de subvencións é o que figura cuantificado, para cada área profesional, no anexo III.

4. Para os custos adicionais de adaptación da acción formativa á participación do alumnado con discapacidade establécese un custo unitario de 16 € por hora lectiva.

Artigo 44. Límites e criterios particulares de aplicación na primeira convocatoria

1. As persoas interesadas poderán presentar unha única solicitude que incluirá todas aquelas accións formativas para as que solicitan subvención.

Unha vez iniciadas un mínimo do 50 % das accións formativas concedidas, a beneficiaria poderá presentar unha nova solicitude de subvención de acordo co criterio establecido no anterior parágrafo.

2. Unha mesma empresa ou entidade de formación non poderá ser beneficiaria dunha subvención que supere, para cada expediente presentado, o 25 % do crédito orzamentario dispoñible.

3. Cada acción formativa incluirá, formalizado con base no disposto no artigo 5 desta orde, un compromiso de contratación do 60 % do alumnado aprobado e/ou formado, en contratos cunha duración mínima de 6 meses, ou do 40 % se a contratación é por un período igual ou superior aos 12 meses, arredondado, en ambos os casos, ao enteiro superior se a primeira cifra decimal é igual ou superior a 5.

Non se poderán combinar ambos os tipos de contratos nunha mesma acción formativa.

4. O número máximo de participantes por acción formativa, nos casos en que as instalacións cumpran os requisitos que posibiliten esta capacidade e a especialidade formativa o permita, será de 15 persoas. De ser o caso, o número mínimo de participantes estará determinado polo que para cada caso estableza o programa formativo da especialidade que se vai impartir.

5. Cada acción formativa a subvencionar poderá ter unha duración máxima de 300 horas. Excepcionalmente, logo de petición xustificada da beneficiaria, poderá autorizarse un número superior de horas formativas, sen que este incremento de horas supoña un aumento da subvención.

Artigo 45. Solicitudes e prazos de presentación da primeira convocatoria

1. A presentación das solicitudes deberá axustarse ao disposto nos artigos 7, 8 e 9 da presente orde.

2. O prazo de presentación de solicitudes, contados desde o día da entrada en vigor da orde, estará aberto ata o día 30 de setembro de 2023.

Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 46. Prazos de execución das accións formativas da primeira convocatoria

As accións formativas correspondentes á presente convocatoria non poderán comezar ata transcorrido un mínimo de cinco días hábiles desde a aceptación da resolución de concesión.

A data límite para o remate das accións formativas será o 1 de decembro de 2023.

Artigo 47. Prazos de xustificación das accións formativas da primeira convocatoria

1. A xustificación das accións formativas deberá realizarse a través da aplicación informática SIFO, nos prazos establecidos no artigo 38.2 coa data límite para a presentación da xustificación do 15 de decembro de 2023.

2. Se a documentación presentada fose insuficiente para considerar correctamente xustificada a subvención concedida, a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación porá en coñecemento da beneficiaria afectada as insuficiencias detectadas para a súa emenda no prazo de 10 días hábiles.

Artigo 48. Anexos

Son anexos desta orde os seguintes:

• Anexo I: modelo de solicitude.

• Anexo II: ficha da acción formativa.

• Anexo III: importe dos módulos económicos por área profesional, hora e persoa alumna.

• Anexo IV: pluralidade de empresas solicitantes.

Disposición adicional primeira. Resolucións adicionais

Poderán ditarse resolucións adicionais cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas, da asignación ou redistribución de fondos ou de incrementos das cantidades asignadas á comunidade autónoma pola Administración do Estado.

Disposición adicional segunda. Modificación da resolución en caso de alteración das condicións

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea, ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación da resolución de concesión e o reintegro da subvención percibida.

Disposición adicional terceira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, para tramitar e resolver os expedientes de redistribución dos créditos necesarios para o financiamento desta orde, para resolver a concesión, denegación, modificación e reintegro das subvencións, así como para a autorización, disposición, recoñecemento da obriga e proposta de pagamento ou outras incidencias das subvencións reguladas nesta orde.

Disposición adicional cuarta. Normativa de aplicación supletoria

En todo o non disposto nesta orde será de aplicación o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no que sexa de aplicación, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, que a desenvolve.

Será igualmente de aplicación o establecido na Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego, na Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, e no Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, que a desenvolve. Ademais, resultarán de aplicación a orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, en relación coa oferta formativa das administracións competentes e o seu financiamento, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento así como o resto da normativa regulamentaria que desenvolve as ditas normas.

Disposición adicional quinta. Información sobre a xestión de subvencións

1. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto de cada convocatoria pública efectuada no marco destas bases e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS), nos termos do Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas públicas.

A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da correspondente convocatoria para a súa publicación.

2. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derradeira primeira. Autorización para ditar resolucións e instrucións

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día hábil seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2023

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Importe dos módulos económicos por área profesional,
hora e persoa alumna

Familia profesional: Administración e xestión.

Área profesional

Módulo (€)

Administración/xestión ( ADGA)

9,31

Administración e auditoría (ADGD)

9,03

Finanzas (ADGF)

7,97

Xestión da información e comunicación (ADGG)

9,74

Información/comunicación ( ADGI)

9,39

Finanzas e seguros (ADGN)

9,22

Especialidades sen área definida-administración e oficinas (ADGX)

8,43

Familia profesional: Actividades físicas e deportivas.

Área profesional

Módulo (€)

Actividades físico-deportivas recreativas (AFDA)

6,53

Prevención e recuperación (AFDP)

6,44

Familia profesional: Agraria.

Área profesional

Módulo (€)

Cultivos extensivos (AGAC)

6,96

Horticultura (AGAH)

7,60

Xardinaría (AGAJ)

8,59

Gandaría (AGAN)

7,33

Ornamentais e xardinaría (AGAO)

7,27

Forestal (AGAR)

7,70

Agricultura (AGAU)

8,59

Familia profesional: Artes gráficas.

Área profesional

Módulo (€)

Actividades e técnicas gráficas artísticas (ARGA)

7,76

Deseño gráfico e multimedia (ARGG)

11,62

Deseño (ARGD)

7,15

Edición (ARGN)

9,27

Encadernación industrial (ARGC)

7,77

Impresión (ARGI)

12,34

Pre-impresión (ARGP)

12,34

Transformación e conversión en industrias gráficas (ARGT)

8,16

Familia profesional: Artes e artesanía.

Área profesional

Módulo (€)

Artesanía tradicional (ARTA)

7,95

Artes escénicas (ARTU)

9,72

Fabricación e mantemento de instrumentos musicais (ARTG)

6,91

Recuperación, reparación e mantemento artístico (ARTR)

9,72

Vidro e cerámica artesanal (ARTN)

6,93

Xoiaría e ourivaría (ARTB)

7,52

Familia profesional: Comercio e márketing.

Área profesional

Módulo (€)

Almacenaxe (COMA)

13,00

Compravenda (COMT)

13,00

Loxística comercial e xestión do transporte (COML)

13,00

Márketing e relacións públicas (COMM)

9,53

Publicidade/imaxe (COMP)

9,86

Venda (COMV)

9,53

Familia profesional: Edificación e obra civil.

Área profesional

Módulo (€)

Albanelaría e acabamentos (EOCB)

9,72

Colocación e montaxe (EOCJ)

8,91

Estruturas (EOCE)

8,54

Maquinaria (EOCM)

12,15

Maquinaria de construción (EOCQ)

12,19

Proxectos e seguimento de obras (EOCO)

9,25

Familia profesional: Electricidade e electrónica.

Área profesional

Módulo (€)

Elel_electricidade (ELEL)

12,77

Eler_electricidade (ELER)

8,21

Equipamentos electrónicos (ELEQ)

10,90

Instalacións de telecomunicación (ELES)

10,99

Instalacións eléctricas (ELEE)

8,86

Máquinas electromecánicas (ELEM)

13,00

Familia profesional: Enerxía e auga.

Área profesional

Módulo (€)

Agua (ENAA)

7,97

Eficiencia enerxética (ENAC)

9,72

Enerxía eléctrica (ENAL)

7,66

Enerxías renovables (ENAE)

7,79

Gas (ENAS)

8,15

Familia profesional: Fabricación mecánica.

Área profesional

Módulo (€)

Construcións aeronáuticas (FMEA)

8,30

Construcións metálicas (FMEC)

10,28

Fabricación electromecánica (FMEE)

9,33

Fmel_construcións metálicas (FMEL)

13,00

Fundición (FMEF)

7,57

Operacións mecánicas (FMEH)

9,55

Produción mecánica (FMEM)

8,97

Familia profesional: Hostalaría e turismo.

Área profesional

Módulo (€)

Agroturismo (HOTU)

7,56

Aloxamento (HOTA)

10,12

Axencias de viaxe (HOTG)

10,12

Información, promoción e desenvolvemento turístico (HOTI)

10,12

Restauración (HOTR)

10,12

Turismo (HOTT)

10,12

Xogos de azar (HOTJ)

7,45

Familia profesional: Industrias extractivas.

Área profesional

Módulo (€)

Pedra natural (IEXD)

8,65

Minaría (IEXM)

7,69

Familia profesional: Informática e comunicacións.

Área profesional

Módulo (€)

Comunicacións (IFCM)

9,33

Desenvolvemento (IFCD)

9,33

Informática (IFCI)

7,19

Sistemas e telemática (IFCT)

8,94

Familia profesional: Instalacións e mantemento.

Área profesional

Módulo (€)

IMAF_frío e climatización (IMAF)

10,41

Frío e climatización (IMAR)

7,98

Maquinaria e equipamento industrial (IMAQ)

10,01

Mecánica (IMAM)

10,41

Montaxe e mantemento de instalacións (IMAI)

10,41

Familia profesional: Imaxe persoal.

Área profesional

Módulo (€)

Estética (IMPE)

8,96

Salón de peiteado (IMPQ)

8,96

Salón de peiteado e tratamentos de beleza (IMPP)

8,29

Familia profesional: Imaxe e son

Área profesional

Módulo (€)

Dirección, realización (IMSD)

7,22

Espectáculos en vivo (IMSE)

6,95

Produción audiovisual (IMSV)

10,64

Producións fotográficas (IMST)

4,92

Familia profesional: Industrias alimentarias.

Área profesional

Módulo (€)

Aceites e graxas (INAK)

7,83

Alimentos diversos (INAD)

7,35

Bebidas (INAH)

8,10

Cárnicas (INAI)

8,08

Conservas vexetais (INAV)

7,78

Lácteos (INAE)

7,91

Panadaría, pastelaría, confeitaría e moedura (INAF)

10,58

Produtos da pesca (INAJ)

7,98

Familia profesional: Madeira, moble e cortiza.

Área profesional

Módulo (€)

Transformación madeira e cortiza (MAMA)

8,48

Instalación e amoblamento (MAMB)

10,93

Produción carpintaría e moble (MAMD)

8,48

Carpintaría e moble (MAMR)

7,28

Fabricación semiindustrializada de carpintaría e moble (MAMS)

13,00

Familia profesional: Marítimo-pesqueira.

Área profesional

Módulo (€)

Acuicultura (MAPU)

6,75

Pesca e navegación (MAPN)

9,72

Familia profesional: Química.

Área profesional

Módulo (€)

Análise e control (QUIA)

9,72

Farmaquímica (QUIM)

9,72

Laboratorio químico (QUIL)

11,17

Pasta, papel e cartón (QUIO)

8,22

Proceso químico (QUIE)

9,72

Transformación de polímeros (QUIT)

9,72

Familia profesional: Sanidade.

Área profesional

Módulo (€)

Atención sanitaria (SANT)

9,05

Servizos e produtos sanitarios (SANP)

9,55

Soporte e axuda ao diagnóstico (SANS)

6,14

Familia profesional: Seguridade e ambiente.

Área profesional

Módulo (€)

Seguridade e prevención (SEAD)

8,57

Xestión ambiental (SEAG)

7,96

Limpeza, tratamento e eliminación de residuos urbanos (SEAU)

8,57

Familia profesional: Servizos socioculturais e á comunidade.

Área profesional

Módulo (€)

Actividades culturais e recreativas (SSCB)

10,43

Limpeza (SSCL)

5,61

Asistencia social (SSCS)

7,30

Asistencia social e servizos ao consumidor (SSCM)

11,78

Atención social (SSCG)

9,24

Formación e educación (SSCE)

7,77

Servizos ao consumidor (SSCI)

7,04

Familia profesional: Téxtil, confección e pel.

Área profesional

Módulo (€)

Calzado (TCPC)

8,86

Confección en téxtil e pel (TCPF)

8,27

Ennobrecemento de materias téxtiles e peles (TCPN)

6,39

Produción de fíos e tecidos (TCPP)

7,22

Familia profesional: Transporte e mantemento de vehículos.

Área profesional

Módulo (€)

Aeronáutica (TMVO)

5,80

Carrozaría de vehículos (TMVL)

13,00

Condución de vehículos por estrada (TMVI)

9,77

Electromecánica de vehículos (TMVG)

12,50

Ferrocarril e cable (TMVB)

7,79

Náutica (TMVU)

7,56

Transporte por estrada (TMVC)

10,25

Familia profesional: Vidro e cerámica.

Área profesional

Módulo (€)

Fabricación cerámica (VICF)

9,72

Vidro industrial (VICI)

7,63

missing image file
missing image file