Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 16 de xuño de 2023 Páx. 37739

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 5 de xuño de 2023 pola que se aproba a convocatoria para o ano 2023 do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos para a implantación de instalación de enerxías renovables térmicas en edificios non residenciais, establecementos e infraestruturas do sector público, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento IN422O).

BDNS (Identif.): 702352.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Serán beneficiarios os suxeitos que se enumeran no artigo 3 da convocatoria, sempre que non realicen unha actividade económica pola que ofrezan bens ou servizos no mercado, e en concreto, os seguintes:

a) As entidades locais territoriais previstas no artigo 3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local ou calquera outra entidade local ou supralocal, distinta das anteriores, legalmente constituída e dotada de personalidade xurídica propia.

b) Calquera entidade do sector público institucional de calquera Administración pública a que se refire o artigo 2.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, así como as entidades de dereito privado ou organizacións privadas sen ánimo de lucro.

c) Agrupacións, asociacións, consorcios ou calquera outra forma de colaboración, con ou sen personalidade xurídica e sen actividade económica de calquera das figuras do artigo 16.2, punto 1 e 2 das bases reguladoras (Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro).

Segundo. Finalidade

1. A presente resolución ten por obxecto aprobar a convocatoria de axudas para o programa de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en edificios non residenciais, establecementos e infraestruturas do sector público para o ano 2023, de acordo coas bases reguladoras previstas no Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro (publicado no BOE núm. 305, do 22 de decembro), modificado polo Real decreto 377/2022, do 17 de maio (BOE núm. 118, do 18 de maio) (código de procedemento IN422O).

2. Pola presente convócanse axudas para as seguintes actuacións:

Programa de incentivos 2: realización de instalacións de enerxías renovables térmicas en edificios non residenciais, establecementos e infraestruturas do sector público.

Terceiro. Bases reguladoras

Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro, polo que se aproba a concesión directa ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla de axudas para a execución dos programas de incentivos para a implantación de instalación de enerxías renovables térmicas nos diferentes sectores da economía, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Real decreto 377/2022, do 17 de maio, polo que se amplía a tipoloxía de beneficiarios do Real decreto 477/2021, do 29 de xuño, polo que se aproba a concesión directa ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla de axudas para a execución de diversos programas de incentivos vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento, con fontes de enerxía renovable, así como á implantación de sistemas térmicos renovables no sector residencial, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e do Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro, polo que se aproba a concesión directa ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla de axudas para a execución dos programas de incentivos para a implantación de instalación de enerxías renovables térmicas nos diferentes sectores da economía, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Cuarto. Convocatoria de axudas

Resolución do 5 de xuño de 2023 pola que se aproba a convocatoria para o ano 2023 do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos para a implantación de instalación de enerxías renovables térmicas en edificios non residenciais, establecementos e infraestruturas do sector público, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento IN422O).

Quinto. Importe

1. As subvencións previstas nesta convocatoria con cargo aos orzamentos do Inega e coa repartición plurianual recollida na seguinte táboa financiaranse con fondos europeos procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 2.370.318,66 euros coa seguinte distribución orzamentaria por anualidades:

Importe 2023 (€)

Importe 2024 (€)

Importe 2025 (€)

Importe total (€)

592.579,66

1.540.707,00

237.032,00

2.370.318,66

O orzamento por partida e anualidade distribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 05.A3.733A.703.0, 05.A3.733A.714.2, 05.A3.733A.744.1, 05.A3.733A.745.2, 05.A3.733A.760.5, 05.A3.733A.760.9, 05.A3.733A.781.1 e 05.A3.733A.781.6.

2. O crédito máximo segundo a tecnoloxía renovable será o seguinte:

Tecnoloxía renovable térmica

Orzamento (€)

Biomasa

1.400.000,00

Xeotermia, hidrotermia, aerotermia e solar térmica

970.318,66

Total

2.370.318,66

Os orzamentos por tecnoloxía renovable poderán ser redistribuídos pasados tres meses desde a apertura do prazo de solicitudes para adaptarse á evolución da axuda solicitada en cada unha das epígrafes.

3. A concesión das axudas estará supeditada á efectiva financiación por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico no marco dos programas de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en diferentes sectores da economía.

Sexto. Contía da axuda

Os custos subvencionables máximos, custos de referencia e contía das axudas para cada unha das actuacións veñen establecidos no anexo III do Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro, publicado no BOE núm. 305, do 22 de decembro de 2021.

Os custos elixibles relaciónanse no anexo I AI.2 do Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro, publicado no BOE núm. 305, do 22 de decembro de 2021.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes de axuda

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas, transcorridos 20 días hábiles desde a publicación da convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 31 de decembro de 2023, que, ao ser inhábil, se prorrogará ao día seguinte hábil (2 de xaneiro de 2024).

Oitavo. Prazos de execución e xustificación das actuacións

O prazo máximo de execución e xustificación das actuacións será de 18 meses contados desde a data de notificación da resolución de concesión.

Este prazo poderase ampliar de conformidade co previsto no artigo 70 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2023

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia