Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 20 de xuño de 2023 Páx. 38555

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2023 pola que se modifica a Resolución do 26 de xullo de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos á mobilidade eléctrica (programa MOVES III), no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (códigos de procedemento IN421Q e IN421R).

O 5 de agosto de 2021, a Axencia Instituto Enerxético de Galicia publicou a Resolución do 26 de xullo de 2021 (DOG núm. 149, do 5 de agosto) pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (programa MOVES III) (códigos de procedemento IN421Q e IN421R), aprobado polo Real decreto 266/2021, do 13 de abril, co obxecto de establecer as bases reguladoras para a concesión destas axudas, coa finalidade de contribuír á descarbonización do sector do transporte e a reactivar a actividade económica do país, no marco dos fins perseguidos polo Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia e polo Plan nacional integrado de enerxía e clima 2021-2030. A citada Resolución do 26 de xullo de 2021 foi modificada pola Resolución do 21 de outubro de 2021, publicada no DOG do 27 de outubro, pola Resolución do 23 de decembro de 2021, publicada no DOG do 13 de xaneiro de 2022, e pola Resolución do 13 de outubro de 2022, publicada no DOG do 21 de outubro.

O 31 de maio de 2023 publicouse no BOE o Real decreto 406/2023, do 29 de maio, polo que se modifica o Real decreto 266/2021, o que fai necesario adaptar determinados aspectos da dita Resolución do 26 de xullo de 2021 para evitar contradicións.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 28 do Estatuto de autonomía, das facultades conferidas pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co sinalado no Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a Resolución do 26 de xullo de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos á mobilidade eléctrica (programa MOVES III), no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (códigos de procedemento IN421Q e IN421R), na redacción dos seguintes artigos nos termos que se expresan:

Un. O parágrafo v do punto 3 do artigo 20, Documentación xustificativa do investimento (páxina 39309), queda redactado da seguinte maneira:

«v. No caso de vehículos eléctricos e de pila de combustible de ata doce meses de antigüidade (vehículos de demostración), achegarase o permiso de circulación do vehículo a nome do concesionario, punto de venda ou fabricante/importador que realice a venda do vehículo ao destinatario último da axuda.

No caso de vehículos eléctricos e de pila de combustible de ata doce meses de antigüidade (vehículos seminovos), achegarase o permiso de circulación do vehículo ou xustificante equivalente de que a primeira titularidade do vehículo corresponde ao propio fabricante (grupo CNAE 291) ou a unha empresa de renting ou empresa rent a car (grupo CNAE 771), así como documentación oficial acreditativa do CNAE do primeiro titular do vehículo».

Dous. O anexo III (páxina 39326), Programa de incentivos 1: Adquisición de vehículos eléctricos e de pila de combustible, queda redactado da seguinte maneira:

«En cada solicitude poderá recollerse un ou varios vehículos sempre que se trate da mesma marca, modelo e versión. Establécese un límite máximo de 250 vehículos ao ano por destinatario último salvo para persoas físicas, que terán un límite dun único vehículo por persoa destinataria».

Tres. O anexo III (páxina 39327), Programa de incentivos 1: Adquisición de vehículos eléctricos e de pila de combustible, queda redactado da seguinte maneira:

«No caso de adquisición de vehículos de categoría M1, N1, L3e, L4e e L5e:

– Trátase de vehículos de demostración (con titularidade previa a nome do concesionario ou punto de venda e de ata doce meses de antigüidade contada dende a primeira matriculación ata a primeira das seguintes datas: data da factura de compra venda ou data de rexistro da solicitude)? Na convocatoria admitirase un máximo de 90 vehículos por NIF do concesionario. Os vehículos deberán ter sido adquiridos polo concesionario ou punto de venda como vehículo novo ao fabricante ou importador.

 Si  Non

Trátase de vehículos seminovos, cuxa primeira titularidade corresponde ao propio fabricante (grupo CNAE 291) ou a unha empresa de renting ou empresa rent a car (grupo CNAE 771), e de ata doce meses de antigüidade contada dende a primeira matriculación ata a primeira das seguintes datas: data da factura de compra venda ou data de rexistro da solicitude? Na convocatoria admitirase un máximo de 250 vehículos seminovos da mesma titularidade.

 Si  Non».

Catro. O anexo VIII (páxina 39338), Solicitude pagamento, queda redactado da seguinte maneira:

« Para vehículos de demostración, permiso de circulación do vehículo a nome do concesionario, punto de venda ou fabricante/importador que realice a venda do vehículo á persoa destinataria última da axuda.

Para vehículos seminovos, permiso de circulación do vehículo ou xustificante equivalente de que a primeira titularidade do vehículo corresponde ao propio fabricante (grupo CNAE 291) ou a unha empresa de renting ou empresa rent a car (grupo CNAE 771), así como documentación oficial acreditativa do CNAE do primeiro titular do vehículo».

Segundo. A presente resolución producirá efectos desde o 1 de xuño de 2023.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2023

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia