Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 21 de xuño de 2023 Páx. 38821

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de fomento de aloxamentos temporais, de modelos cohousing, de vivendas interxeneracionais e modalidades similares, do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2023 (código de procedemento VI435C).

No Boletín Oficial del Estado núm. 16, do 19 de xaneiro de 2022, publicouse o Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o bono alugueiro á mocidade e o Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025.

No citado real decreto establécese, no capítulo IX do título II, un programa de axudas denominado Programa de fomento de aloxamentos temporais, de modelos cohousing, de vivendas interxeracionais e modalidades similares, que ten por obxecto fomentar a vivenda cooperativa en cesión de uso e outras solucións residenciais modelo cohousing, aloxamentos temporais ou outras modalidades similares, destinados ao alugueiro, á cesión en uso ou ao goce temporal en calquera réxime admitido en dereito, xa sexan de titularidade pública ou privada.

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do citado programa e proceder á súa convocatoria para o ano 2023, con carácter plurianual.

Esta resolución establece como sistema único de presentación das solicitudes a presentación electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, xa que a maioría dos solicitantes serán persoas obrigadas a relacionarse electronicamente coa Administración; no resto de supostos, a complexidade do programa e das actuacións subvencionadas exixe a necesaria participación de persoal cualificado que, de conformidade coa lexislación vixente, está obrigado a relacionarse electronicamente coas administracións públicas.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

I. Disposicións xerais.

Primeira. Obxecto e réxime de concesión das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das subvencións do Programa de fomento de aloxamentos temporais, de modelos cohousing, de vivendas interxeracionais e modalidades similares, de conformidade do Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o bono alugueiro á mocidade e o Plan estatal para o acceso a vivenda 2022-2025 (en diante, Plan 2022-2025), para fomentar a vivenda cooperativa en cesión de uso e outras solucións residenciais modelo cohousing, aloxamentos temporais ou outras modalidades similares, destinados ao alugueiro, á cesión en uso ou ao goce temporal en calquera réxime admitido en dereito, xa sexan de titularidade pública ou privada.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2023, con carácter plurianual.

3. A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segunda. Definicións

Para os efectos da aplicación desta resolución, os termos incluídos neste ordinal interpretaranse co significado e alcance seguintes:

a) Unidade de convivencia: conxunto de persoas que habitan e gozan dunha vivenda de forma habitual e permanente, así como con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas.

b) Persoa con discapacidade: interpretarase de conformidade co Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.

c) Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM): é o indicador definido no Real decreto 3/2004, do 25 de xuño, para a racionalización da regulación do salario mínimo interprofesional e para o incremento da súa contía; considérase unidade de medida para a determinación da contía dos ingresos familiares, no seu cómputo anual incluíndo dúas pagas extras.

Para os efectos desta axuda, tomarase en consideración o IPREM do ano que se especifique na correspondente convocatoria.

Terceira. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Cuarta. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o bono alugueiro á mocidade e o Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Quinta. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión destas axudas.

II. Bases reguladoras.

Sexta. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) Persoas físicas maiores de idade que posúan a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que lle sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España.

b) As administracións públicas, os organismos públicos e demais entidades de dereito público e privado, así como as empresas públicas, privadas e público-privadas.

c) As fundacións, as empresas de economía social e as súas asociacións, cooperativas incluídas as de autopromoción ou autoconstrución, as organizacións non gobernamentais e as asociacións declaradas de utilidade pública, entidades sen ánimo de lucro e aquelas ás que se refire a disposición adicional quinta da Lei 7/1985, do 2 de abril.

2. As persoas beneficiarias deberán atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas persoas que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. En cada convocatoria das axudas deste programa especificaranse as persoas beneficiarias de entre as sinaladas no número 1 deste ordinal.

Sétima. Requisitos dos aloxamentos e as vivendas

1. Poderán obter financiamento con cargo ás axudas deste programa as promocións de aloxamentos de nova construción, así como as promocións de modalidades residenciais tipo cohousing, de vivendas interxeracionais ou similares que se vaian ceder en uso ou destinar ao alugueiro por un prazo de, polo menos, vinte anos. Inclúense, en ambos os dous casos, actuacións que procedan da rehabilitación de edificios. Este prazo computarase desde a primeira ocupación do edificio.

2. O destino por un prazo de, polo menos, vinte anos ao alugueiro ou á cesión de uso deberá constar, en todo caso, en nota marxinal no rexistro da propiedade.

3. As edificacións das promocións de nova construción ou procedentes da rehabilitación de edificios que se acollan ás axudas deste programa deberán ser accesibles e estar en condicións de ser habitadas e ter unha cualificación enerxética mínima A, tanto en emisións de CO2 como en consumo de enerxía primaria non renovable. Ademais, deberán cumprir a normativa de habitabilidade de vivendas de Galicia.

4. Coa finalidade de favorecer a diversidade de tipoloxías de proxecto e de perfís socioeconómicos, estas axudas poderán solicitarse para a totalidade dos aloxamentos ou vivendas dunha promoción ou para unha parte delas.

Oitava. Persoas arrendatarias e cesionarias das vivendas e contratos de alugueiro ou de cesión

1. Os aloxamentos ou vivendas financiadas con cargo a este programa só poderán ser alugadas ou cedidas en uso a persoas cuxas rendas anuais, incluíndo as de todas as persoas que constitúan a unidade de convivencia, non superen cinco veces o IPREM no momento da subscrición do contrato de alugueiro ou de cesión de que se trate.

2. Os contratos deberán presentarse, co anexo IV, para o seu visado pola área provincial do IGVS correspondente, no prazo máximo de seis meses, contado desde a primeira ocupación do edificio. O dito prazo poderá ser prorrogado por outro prazo de igual duración de concorrer causa xustificada.

3. Igualmente, mentres dure o prazo de vinte anos de destino ao alugueiro ou á cesión de uso, as renovacións e prórrogas dos contratos de alugueiro ou de cesión deberán presentarse, xunto co anexo IV, na área provincial do IGVS correspondente para o seu visado.

Novena. Limitación do alugueiro ou da cesión de uso

1. O alugueiro ou o prezo da cesión en uso dos aloxamentos ou vivendas será proporcional á súa superficie útil incluída a parte proporcional de superficie dos espazos comúns e de interrelación. A repartición desta parte proporcional realizarase en función da superficie privativa de cada aloxamento ou vivenda.

2. O alugueiro ou o prezo da cesión en uso dos aloxamentos ou vivendas non poderá superar, no momento da formalización do contrato, o prezo de renda por metro cadrado das vivendas protexidas de protección autonómica de réxime xeral que corresponda á zona xeográfica en que estea a vivenda. No suposto de que se inclúan espazos comúns e de interrelación, poderá incrementarse este importe co prezo proporcional da superficie destes sen que poida superar oito euros mensuais por metro cadrado de superficie útil de aloxamento ou vivenda, incluída a parte proporcional de superficie dos espazos comúns e de interrelación.

No suposto de que as vivendas se cualifiquen como protexidas, o prezo máximo será o previsto na cualificación das vivendas.

3. O importe do alugueiro ou da cesión de uso constará na resolución de concesión da axuda e actualizarase anualmente conforme o IPC, a partir da entrada en vigor do Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro.

4. O limiar do alugueiro ou do prezo da cesión en uso será de aplicación no momento da subscrición do contrato de alugueiro ou de cesión correspondente. No dito contrato concretarase a actualización do prezo que se acorde de conformidade coa lexislación específica de aplicación.

5. A persoa arrendadora poderá percibir, ademais da renda inicial ou revisada que lle corresponda, o custo real dos servizos que utilice a persoa arrendataria e se satisfagan pola persoa arrendadora, así como as demais repercusións autorizadas pola lexislación aplicable.

6. A persoa cedente poderá percibir, ademais do prezo inicial ou revisado que se acorde, o custo real dos servizos que utilice a persoa cesionaria e satisfaga pola persoa cedente, así como os gastos de comunidade e tributos, tamén satisfeitos pola persoa cedente, cuxa repercusión sexa acordada na cesión en uso.

Décima. Contía das axudas

1. Concederáselles ás persoas beneficiarias unha axuda proporcional á superficie útil, tanto privativa do aloxamento ou vivenda como de espazos comúns e de interrelación, de ata un máximo de catrocentos vinte euros por metro cadrado de superficie útil. A contía máxima desta subvención non poderá superar o 50 % do investimento da actuación cun límite máximo de 50.000 euros por aloxamento ou vivenda.

2. Se a axuda se solicita soamente para unha parte dos aloxamentos ou vivendas dunha promoción, o importe máximo de catrocentos vinte euros por metro cadrado de superficie útil aplicarase á superficie privativa dos aloxamentos ou vivendas obxecto da axuda e á parte proporcional da superficie útil de espazos comúns e de interrelación.

3. O investimento da actuación, para os efectos da determinación da axuda deste programa, estará constituído por todos os gastos inherentes á promoción de que se trate, incluídos tributos. Inclúese o custo do solo, da edificación, os gastos xerais, dos informes preceptivos, o beneficio industrial e calquera outro necesario sempre e cando todos eles consten debidamente acreditados. No caso de actuacións de rehabilitación, non se admitirá a inclusión do custo do solo.

Décimo primeira. Solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do formulario que se incorpora como anexo I a esta resolución e deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a promoción. As persoas interesadas deberán presentar unha solicitude para cada unha das promocións que queiran financiar con cargo a este programa.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. No formulario de solicitude a persoa solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade.

c) Compromiso de destinar todas as vivendas ao alugamento ou a cesión en uso durante un prazo mínimo de vinte anos e de facer constar esta circunstancia en nota marxinal no Rexistro da Propiedade.

d) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Declaración responsable de non estar incursa nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

f) Declaración responsable de que se está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

g) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.

Décimo segunda. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón:

https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Documento administrativo acreditativo da cesión ou a concesión administrativa do solo; escritura pública de constitución do dereito de superficie, de titularidade do solo ou do inmoble que se rehabilitará, segundo sexa o caso.

c) Reportaxe fotográfica do estado actual da actuación, no suposto de actuacións de rehabilitación.

d) Infografía da actuación que se vai executar.

e) Memoria-programa da actuación, en galego e castelán, co seguinte contido mínimo:

– Certificación urbanística do solo que habilite a execución da promoción.

– Número de aloxamentos ou vivendas da promoción, cadro de superficies útiles de cada unha delas e dos seus anexos e prezo de alugueiro ou cesión en uso con indicación do número de aloxamentos ou vivendas para as que se solicita a axuda.

– Descrición dos espazos comúns e de interrelación.

– Acreditación do cumprimento dos requisitos establecidos no punto 3 do ordinal sétimo.

– Orzamento detallado da actuación para a que se solicita a subvención.

– Programación temporal e pormenorizada da actuación coherente cos prazos establecidos nestas bases.

– Análise da viabilidade económica da actuación.

f) No caso de obras iniciadas con anterioridade á data da publicación no DOG desta resolución, certificado emitido polo/a técnico/a director/a das obras que acredite a data de inicio das obras, así como as obras pendentes de finalización.

g) Certificado de eficiencia enerxética de proxecto que acredite a cualificación enerxética mínima A, tanto en emisións de CO2 como en consumo de enerxía primaria non renovable.

h) Licenza municipal de obras ou, solicitude de licenza, no caso de non dispoñer dela.

i) No caso de solicitudes presentadas por fundacións de interese galego, certificado da persoa responsable en que se acredite que a fundación teña presentadas as contas ao protectorado do exercicio inmediatamente anterior ao da correspondente convocatoria.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

3. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente da persoa interesada a súa achega.

Décimo terceira. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo cuarta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante, así como da persoa física arrendataria ou cesionaria do uso da vivenda ou do aloxamento e, de ser o caso, das persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

b) Número de identificación fiscal (en diante, NIF) da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante, de ser o caso.

d) Número de identificación fiscal (NIF) da persoa ou entidade representante da persoa solicitante, de ser o caso.

e) Certificado da Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT) acreditativa de estar ao día de pagamento das obrigas tributarias, correspondente á persoa solicitante.

f) Certificado de estar ao día de pagamento coa Seguridade Social, correspondente á persoa solicitante.

g) Certificado de estar ao día de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondente á persoa solicitante.

h) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas da persoa solicitante.

i) Consulta de concesións de subvencións e axudas da persoa solicitante.

j) Remisión ao Consello de Contas das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao da correspondente convocatoria, no caso de que o solicitante sexa un concello.

k) Certificado da renda expedido pola AEAT da persoa física arrendataria ou cesionaria do uso da vivenda ou do aloxamento e, de ser o caso, das persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando as persoas arrendatarias ou cesionarias en uso da vivenda ou do aloxamento e as persoas das súas unidades de convivencia fagan constar no anexo IV que lle é de aplicacións a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia da persoa física arrendataria ou cesionaria do uso da vivenda ou do aloxamento solicitante.

b) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do Instituto Nacional da Seguridade Social, da persoa física arrendataria ou cesionaria do uso da vivenda ou do aloxamento e, de ser o caso, das persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

c) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia (Risga) da persoa física arrendataria ou cesionaria do uso da vivenda ou do aloxamento e, de ser o caso, das persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

d) Consulta das prestacións de desemprego percibidos pola persoa física arrendataria ou cesionaria do uso da vivenda ou do aloxamento e, de ser o caso, das persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

3. No caso de que a persoa solicitante, a persoa arrendataria ou cesionaria da vivenda e/ou calquera das persoas que integran as unidades de convivencia da persoa arrendataria ou cesionaria se opoñan á consulta, deberá indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo quinta. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo sexta. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia das áreas provinciais do IGVS onde estea situada a promoción.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver as solicitudes das axudas.

Décimo sétima. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iniciarase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a publicación da correspondente convocatoria.

2. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria.

3. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

4. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da xefatura da correspondente área provincial do IGVS elevará a proposta de resolución de concesión inicial ou de renovación de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido en cada convocatoria, resolverá o que, segundo dereito, proceda.

Décimo oitava. Acordos da comisión bilateral de seguimento

1. O financiamento deste programa exixe a subscrición dun Acordo da comisión de seguimento, de acordo co previsto no artigo 84 do Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión, que quedará en todo caso condicionada á subscrición do acordo, o IGVS remitirá a proposta de actuación ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, acompañada da memoria programa presentada xunto coa solicitude para os efectos da sinatura do acordo previsto no punto anterior.

Décimo novena. Prazo de execución das obras

1. As obras deberán realizarse no prazo máximo de trinta e seis meses desde a data de notificación da concesión da axuda que poderá estenderse a trinta e oito meses cando se trate de promocións de máis de cincuenta aloxamentos ou vivendas.

Cando se trate de actuacións de rehabilitación, os prazos serán de trinta meses e trinta e dous meses, respectivamente.

2. Nos supostos en que a concesión da licenza municipal, ou autorización administrativa de que se trate, se demore e non sexa concedida no prazo de doce meses desde a súa solicitude, os prazos anteriores poderán incrementarse no prazo da demora e ata doce meses como máximo.

3. Os prazos sinalados nos puntos anteriores poderán prorrogarse por folgas que afecten o desenvolvemento das actuacións, razóns climatolóxicas que alteren calendarios de execución de obras ou calquera outra causa de forza maior debidamente acreditada, e polo tempo de atraso imputable ás ditas causas.

A solicitude das prórrogas presentarase a través do anexo II acompañado da documentación acreditativa da circunstancia que motiva a solicitude.

Vixésima. Resolución e recursos

1. A resolución estimará ou desestimará a solicitude da axuda e, de ser o caso, a solicitude de prórroga prevista no ordinal décimo noveno.

2. A resolución estimatoria da axuda indicará a súa contía; a súa duración; os seus efectos económicos; o importe do alugueiro ou da cesión de uso; así como a forma de xustificación e o prazo no que deberán executarse as obras. Os efectos da resolución estimatoria estarán condicionados a que a persoa beneficiaria acepte as condicións do programa, no prazo de dez días contados desde o seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido o dito prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a concesión das axudas e, de ser o caso, das súas prórrogas, será de tres meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique a resolución expresa, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Vixésimo primeira. Modificación da resolución

As persoas beneficiarias estarán obrigadas a comunicar de inmediato, mesmo durante a tramitación da solicitude, calquera modificación das condicións que poidan motivar ou motivasen tal recoñecemento e que puidese determinar a perda sobrevida do dereito á axuda. A non comunicación destas modificacións será causa suficiente para o inicio dun expediente de reintegro das cantidades que puidesen cobrarse indebidamente.

A dita comunicación deberá realizarse no prazo de dez días, contados desde o momento en que se produza a dita modificación nos termos previstos no ordinal décimo terceiro.

Vixésimo segunda. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da solicitude da subvención o incumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución ou no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro.

2. Tamén serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes no rexistro electrónico da Xunta de Galicia. Para tal fin, considerarase data de presentación aquela en que a solicitude estea validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria.

Vixésimo terceira. Xustificación da subvención

1. As persoas beneficiarias deberán comunicar ao IGVS o remate das obras relativas a cada unha das anualidades previstas na resolución de concesión ou na prórroga, de ser o caso.

2. No caso de que o ritmo de execución das obras fose diferente ao establecido na resolución de concesión, poderán reaxustarse as anualidades, logo de solicitude da persoa beneficiaria, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria para a súa realización.

3. No caso de que non se teña presentado a xustificación da anualidade no prazo correspondente nin tampouco se teña concedido unha prórroga ou un reaxuste das anualidades, perderase o dereito ao cobramento da parte da subvención correspondente á citada anualidade, o que será notificado á persoa beneficiaria a través da oportuna resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

4. Unha vez presentada a documentación xustificativa e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, incluída a comprobación material do investimento cando a subvención sexa superior aos 60.000 euros, de conformidade co artigo 30.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a persoa titular da Dirección Técnica de Fomento emitirá un certificado acreditativo das verificacións realizadas en que se detallarán expresamente os principais requisitos exixidos nestas bases reguladoras e o alcance das comprobacións efectuadas, e elevará unha proposta de pagamento á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá en atención aos recursos económicos dispoñibles.

Vixésimo cuarta. Prazo e presentación da documentación xustificativa

1. A comunicación do remate final ou parcial das obras deberá realizarse nun prazo máximo de quince días, contado, ben desde o día seguinte ao da finalización das obras, ben desde o remate do prazo máximo fixado na resolución de concesión da subvención para a terminación de cada anualidade das obras. En ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa, final ou parcial, das obras obxecto de subvención con posterioridade ao 30 de novembro de cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión. A documentación xustificativa presentarase de conformidade co anexo III que se acompaña a esta resolución.

2. A comunicación de execución parcial de obras deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Licenza municipal de obras, no suposto de que non se achegase con anterioridade.

b) Certificado de inicio das obras, no caso de que non se presentase con anterioridade.

c) Memoria económica xustificativa do custo das actuacións realizadas, en que se faga constar o cumprimento das actuacións da anualidade que lle corresponda xustificar. Conterá a relación clasificada de gastos polas actuacións realizadas, coas correspondentes facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, onde consten a identificación do acredor, o seu importe e a súa data de emisión, así como os documentos que xustifiquen o seu pagamento. Para estes efectos, o seu pagamento deberá xustificarse mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola persoa ou entidade solicitante.

d) Memoria explicativa das obras realizadas, asinada, se for o caso, por persoa técnica competente.

e) Fotografías que mostren as obras realizadas.

f) Copia de tres orzamentos, no suposto de que o importe do gasto subvencionable da actuación supere a contía de 40.000 euros. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

g) De ser o caso, documento acreditativo da constitución das garantías previstas no ordinal seguinte no caso de pagamentos á conta.

3. A comunicación final das obras, ademais da documentación sinalada no punto 2, deberá vir acompañada, no suposto de non tela achegado con anterioridade, da seguinte documentación:

a) Certificado de fin de obra visado, en que se faga constar que as actuacións se realizaron conforme os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

b) Primeira ocupación do edificio, de ser o caso.

c) Certificado de eficiencia enerxética de edificio rematado, debidamente inscrito no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia, en que conste a cualificación de consumo enerxético mínima da letra A.

d) Copia da escritura de división horizontal da edificación.

e) Nota marxinal da inscrición no rexistro da propiedade do destino das vivendas a arrendamento ou cesión en uso durante un prazo mínimo de vinte anos.

f) Contratos de alugueiro ou cesión en uso visados e formalizados.

g) Anexo IV, de comprobación de datos das persoas arrendatarias ou cesionarias dos aloxamentos ou vivendas e das persoas integrantes das súas unidades de convivencia (deben presentarse tantos anexos IV como contratos de alugueiro ou cesión en uso se presentan para o seu visado). Para estes efectos, a parte arrendadora ou cedente deberá presentar, para o seu visado, os contratos que deberán conter as cláusulas relativas ás obrigas que resulten da concesión destas axudas.

Vixésimo quinta. Pagamento da subvención. Pagamentos á conta

1. O pagamento, total ou parcial da subvención requirirá que a persoa beneficiaria presente a documentación relacionada no ordinal anterior. A subvención aboarase ás persoas beneficiarias mediante transferencia bancaria no número de conta sinalado para estes efectos na solicitude.

2. De conformidade co artigo 62 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderán realizarse pagamentos á conta de ata o 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, que non poderá exceder da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

3. As persoas beneficiarias estarán obrigadas a constituír garantías, de acordo co artigo 67 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, que deberán cubrir o 110 % das cantidades que serán aboadas á conta. As ditas garantías serán constituídas na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito, que deberá alcanzar ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto na convocatoria. Quedan exentos da constitución de garantías as persoas beneficiarias que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 65.4 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. De conformidade co artigo 87 do Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, e sen prexuízo dos pagamentos á conta, non se poderá pagar á persoa beneficiaria o último 20 % da axuda ata que os aloxamentos ou as vivendas resultantes estivesen rematadas, un mínimo do 20 % estean ocupados/as en réxime de alugueiro ou cesión en uso e se producise a anotación rexistral da nota marxinal referida ao destino dos aloxamentos ou vivendas.

Vixésimo sexta. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias, ademais das recollidas na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, terán as seguintes obrigas:

a) Executar a totalidade das actuacións subvencionadas dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, cumprindo as condicións e prescricións que nela se establezan.

b) Xustificar a execución coas facturas e documentos bancarios de pagamento en que se identifiquen as persoas beneficiarias.

c) Destinar os aloxamentos ou vivendas a alugueiro ou cesión en uso durante un prazo mínimo de vinte anos, contado desde a primeira ocupación.

d) Alugar ou ceder en uso os aloxamentos ou vivendas a persoas cuxos ingresos, incluídos os das persoas que integran as súas unidades de convivencia, non superen o límite establecido.

e) Alugar ou ceder en uso as vivendas sen exceder o prezo máximo fixado na resolución de concesión da subvención.

f) Presentar no IGVS, para o seu visado, a totalidade dos contratos de alugueiro ou de cesión en uso das vivendas e as súas renovacións, nos termos e prazos establecidos nesta resolución.

g) Dar a axeitada publicidade de que as actuacións están subvencionadas no marco do Plan 2022-2025, polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e a Xunta de Galicia, a través do IGVS.

h) Non poderán concertar, en ningún caso, a execución total ou parcial das actuacións con persoas que se atopen nalgún dos supostos previstos no número sétimo do artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

i) Permitirlle ao IGVS a realización das inspeccións e/ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados e/ou o destino da subvención concedida.

j) Estar ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento en que se aboe a subvención.

k) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

l) As demais obrigas que derivan das bases reguladoras e da resolución de convocatoria.

Vixésimo sétima. Perda e reintegro da subvención

1. Poderán ser causa de perda e posterior reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os seguintes:

a) O incumprimento das obrigas recollidas no ordinal anterior.

b) A falta de xustificación da subvención.

c) A falta de comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento, máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, de ser o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 xuño.

Vixésimo oitava. Compatibilidade e incompatibilidade

1. De conformidade co establecido no artigo 85 do Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, estas subvencións serán compatibles con calquera outra subvención concedida por outras administracións públicas para a mesma finalidade. Non son compatibles coas subvenciones que, para outros programas, existan no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro.

2. En ningún caso o importe da subvención concedida en virtude desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas concedidas para a mesma finalidade por calquera Administración ou ente público ou privado, supere o custo da actividade subvencionada.

Vixésimo novena. Transmisión da edificación

1. De conformidade co disposto no artigo 90 do Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, a transmisión da edificación que se tivese beneficiado das axudas deste programa só se poderá realizar unha vez finalizadas as obras.

2. A transmisión da edificación comportará de forma automática para o adquirente a asunción das obrigas correspondentes a este programa de axuda, debendo o título da transmisión recoller de forma expresa a asunción por este das ditas obrigas.

3. O título da transmisión deberá recoller tamén de forma expresa as consecuencias derivadas do incumprimento das ditas obrigas, incluíndo a devolución das subvencións recibidas por razón da edificación calquera que fose o perceptor, así como, de ser o caso, xuros, recargas e multas ou sancións que procedan.

Trixésima. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para este procedemento administrativo tramitado polo IGVS. En todo caso, o IGVS poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Trixésimo primeira. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Trixésimo segunda. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao DOG do extracto da convocatoria para a súa publicación, de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Trixésimo terceira. Datos de carácter persoal

De acordo co establecido no artigo 14.1.ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

III. Convocatoria.

Trixésimo cuarta. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará o primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e terminará o día 2 de novembro de 2023 e, en todo caso, ao esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, de acordo co previsto no artigo 32 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG, de conformidade co artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Trixésimo quinta. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451B.770.1, proxecto 2023 00002, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por un importe total de 6.800.000 euros, distribuídos nas seguintes anualidades:

– 800.000 euros para a anualidade 2023.

– 1.400.000 euros para a anualidade 2024.

– 2.100.000 euros para a anualidade 2025.

– 2.500.000 euros para a anualidade 2026.

2. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Trixésimo sexta. Persoas beneficiarias

Poderán beneficiarse das axudas recollidas nesta convocatoria as entidades privadas e empresas promotoras de aloxamentos temporais, de modelos cohousing, de vivendas interxeracionais e modalidades similares que cumpran os requisitos previstos nas bases reguladoras e nesta convocatoria.

Trixésimo sétima. Datos fiscais e valor do IPREM para a concesión das axudas

Os datos fiscais que se terán en conta nesta convocatoria para a concesión das axudas corresponderán ao exercicio económico 2022. Para a valoración das solicitudes utilizarase o valor do IPREM de 2023.

IV. Eficacia.

Trixésimo oitavo. Efectos

Esta resolución producirá efectos a partir do día hábil seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file