Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 23 de xuño de 2023 Páx. 39278

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o programa de concesión de axudas para a participación no programa Conecta Voluntariado Galicia dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento PR930C).

O artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñécelles ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

Segundo o establecido no artigo 27 do Decreto 108/2022, do 16 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional primeira do Decreto 108/2022, do 16 de xuño, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Secretaría Xeral da Emigración ten como un dos seus obxectivos promover a participación da colectividade galega no exterior na nosa vida cultural e social, o desenvolvemento de actividades culturais, de accións solidarias e tempo libre dirixidas á xuventude do exterior, así como o fomento da participación dos mozos e mozas descendentes de galegos nos programas e servizos a favor da xuventude.

Para acadar esta finalidade cóntase coa colaboración da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia e da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Na realización de todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración conta con distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con cargo aos fondos públicos.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 108/2022, do 16 de xuño, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas correspondentes ao programa Conecta Voluntariado Galicia para o ano 2023, que ten por finalidade facilitarlle á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar estas axudas para o ano 2023, código de procedemento PR930C.

3. Co fin de lograr a efectiva difusión deste programa para vindeiras convocatorias e co obxectivo de garantir os principios de transparencia, accesibilidade da información e veracidade (artigo 2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno), recolleranse experiencias e mesmo imaxes das instalacións e das persoas participantes que poderán ser empregadas para noticias contidas en xornais, publicacións e mesmo divulgadas tanto a través de servizos da sociedade da información como na páxina web: https://emigracion.xunta.gal

Para estes efectos, a presentación da solicitude de participación implica a autorización para a publicación destas imaxes, que serán incorporadas ao ficheiro «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», de acordo co previsto na información básica sobre a protección de datos persoais que figura no anexo II.

Artigo 2. Número de prazas convocadas e características do programa

1. Convócanse 20 prazas para mozos e mozas residentes no estranxeiro con idades comprendidas entre os 21 e os 30 anos para participar nun campo de voluntariado no Castro de Viladonga (concello de Castro de Rei, provincia de Lugo), entre o 8 e o 19 de setembro.

Trátase de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da nosa cultura, da mellora ambiental da nosa contorna e da recuperación do patrimonio cultural. O plan do traballo compleméntase cun programa con actividades de convivencia, formación e tempo libre.

2. Colaboran na execución deste programa a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural achegando, entre outros, os recursos necesarios para o desenvolvemento das tarefas de restauración no castro de Viladonga, e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que proporcionará recursos e coordinará os servizos de aloxamento, manutención e desenvolvemento das actividades complementarias.

3. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da organización e financiamento dos traslados de ida e volta en avión das persoas participantes, segundo o número de prazas que figuran no anexo I, así como tamén dos desprazamentos terrestres desde o aeroporto de chegada a Galicia ata o lugar de residencia e dos de retorno de aquelas que escollan a opción de regreso o día da finalización da actividade.

4. As persoas participantes poderán optar por volver aos 15 días do remate da actividade. Nese caso, os gastos de aloxamento, manutención e transporte desde o lugar da súa estancia posterior á actividade ata o aeroporto de saída serán pola súa conta.

5. Con carácter previo á realización da viaxe a Galicia as persoas participantes serán informadas das actividades que se van desenvolver no programa en particular e as súas obrigas respecto do cumprimento do réxime interno das residencias en que serán aloxadas e do aplicable no desenvolvemento do traballo e resto das actividades.

Artigo 3. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter a súa residencia habitual no exterior.

b) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de persoa emigrante galega.

c) Ter a nacionalidade española.

d) Atoparse vinculadas con calquera concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).

e) As persoas participantes no programa deberán ter, o 30 de xuño de 2023, unha idade comprendida entre os 21 e os 30 anos.

f) Carecer de impedimentos de natureza físico-psíquica que lles impidan realizar a viaxe ou participar nas actividades do programa.

Artigo 4. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e/ou carezan dos medios técnicos e así o desexen poderán dirixirse ás delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e ás entidades colaboradoras que se indican a continuación, nas cales existen persoas habilitadas para facilitar o asesoramento e os medios técnicos para a presentación electrónica das súas solicitudes:

• En Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

– Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

– Asociación Cultural Cabaleiros de Santiago, en Salvador de Bahía.

• En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas na Habana.

• En Venezuela:

– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá que a persoa participante autorice á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no modelo normalizado de solicitude.

2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Cada persoa participante só poderá presentar unha solicitude e nela fará constar a súa preferencia para o regreso: ao remate da actividade ou aos 15 días desde o día do remate das actividades do programa.

4. A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade: documento identificativo da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, ben sexa pasaporte español ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española.

b) Documentación acreditativa do nacemento en Galicia ou da ascendencia galega que inclúa a documentación acreditativa do parentesco, cando proceda.

c) Certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento oficial xustificativo que acredite a residencia continuada no exterior, en que conste a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular.

d) Unha fotografía recente tamaño carné.

e) Un certificado médico, conforme o modelo oficial que figura como anexo III, de non padecer enfermidade infectocontaxiosa e de ser apto/a para participar, con normalidade, en actividades recreativas e deportivas.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os referidos documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas participantes unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos poderán presentalos de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) Datos do Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE), para acreditar que a persoa participante se atopa vinculada a un concello galego.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Comisión Avaliadora

1. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado formado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración: unha que exerce a presidencia, unha que exerce a vogalía e outra que actúa como secretaria, designadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración. En caso de ausencia dalgunha das persoas integrante da Comisión de Avaliación, poderá ser substituída pola persoa funcionaria que para o efecto designe o/a titular da Secretaría Xeral da Emigración.

2. Para as solicitudes presentadas en Arxentina e Uruguai poderanse crear comisións de avaliación, presididas polas persoas titulares das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, respectivamente.

3. Os expedientes que non fosen examinados polas comisións mencionadas no punto 2, serano pola Comisión de Avaliación indicada no punto 1.

4. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o considera, poderá encargar informes que comproben a veracidade dos datos achegados nas solicitudes e que deberán realizar profesionais titulados. Os resultados obtidos serán tidos en conta na avaliación das solicitudes e, se é o caso, darán lugar ao rexeitamento da solicitude.

5. Unha vez examinados os expedientes polas comisións previstas nos puntos anteriores, a Comisión de Avaliación citada no punto 1 elaborará un informe que elevará ao órgano instrutor para que formule a correspondente proposta de resolución.

6. O funcionamento da Comisión de Valoración rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I, título I, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 9. Instrución

1. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.

2. O órgano instrutor será a subdirección xeral competente en materia de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais.

3. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta resolución, elaboraranse listas provisionais de solicitudes admitidas e inadmitidas por países, sinalando as causas de inadmisión. Estas listas serán publicadas no prazo máximo de 50 días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades colaboradoras citadas no artigo 4.1.

4. As persoas interesadas disporán dun prazo de 10 días hábiles desde o día seguinte ao da publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración das listas provisionais (https://emigracion.xunta.gal) para formular as alegacións que consideren oportunas e para emendar a solicitude. Transcorrido ese prazo sen que se emenden as causas de exclusión consideraranse desistidas da súa petición, e procederase ao arquivamento do seu expediente nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas.

5. Transcorrido este prazo, elaboraranse as listas definitivas de solicitudes admitidas e inadmitidas que se publicarán na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades colaboradoras citadas no artigo 4.1.

6. Nos seguintes días a correspondente Comisión Avaliadora elaborará unha relación de persoas seleccionadas atendendo aos seguintes criterios:

– En primeiro lugar, serán seleccionadas aquelas persoas que sexan fillos ou fillas de emigrantes galegas; de quedaren prazas vacantes, seleccionaranse os netos e as netas destas persoas e así sucesivamente ata o terceiro grao de descendentes de persoas emigrantes galegas.

– O criterio de prelación, dentro de cada grao de parentesco, será o día de entrada das solicitudes; de ter entrada no mesmo día, o empate resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido e, de ser este igual, polo segundo, a partir da letra resultante do sorteo que ten lugar anualmente en cumprimento do disposto no Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

As prazas que queden vacantes á vista da relación do punto anterior, poderán ser distribuídas proporcionalmente, pola Secretaría Xeral da Emigración, entre aqueles países que teñan un maior número de solicitudes admitidas en relación co tipo de prazas ofertadas ata un máximo dun 25 % do total das prazas.

7. Publicada a relación definitiva de persoas beneficiarias na páxina web (https://emigracion.xunta.gal), as persoas interesadas que queiran modificar as datas de retorno, disporán de tres días hábiles para modificalas. Non será admisible ningún outro cambio a partir desa data, agás causas de forza maior ou debidamente xustificadas e autorizadas exclusivamente pola Secretaría Xeral da Emigración.

8. As persoas solicitantes admitidas e que non sexan seleccionadas pasarán a unha lista de reserva na orde resultante da aplicación dos criterios de selección anteriormente expostos e poderán substituír a aquelas seleccionadas que renuncien á praza.

9. Este programa de axudas queda condicionado á programación que para este tipo de actividades elabore a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social e Xuventude.

10. O órgano instrutor, á vista dos expedientes e do informe da Comisión Avaliadora, formulará a correspondente proposta de resolución provisional debidamente motivada, que se publicará na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal) co fin de que no prazo de 10 días presenten as alegacións oportunas.

Examinadas as alegacións aducidas, se é o caso, polas persoas interesadas, formularase a correspondente proposta de resolución que se elevará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, que ditará a resolución que corresponda.

No caso de que no procedemento non se tivesen en conta outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas, poderase prescindir deste trámite de audiencia e, neste caso, a proposta de resolución terá o carácter de definitiva e elevarase á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, que ditará a resolución que corresponda.

Artigo 10. Resolucións

Unha vez realizada a selección das persoas beneficiarias, e vista a proposta de resolución definitiva do órgano instrutor, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, no uso das competencias que lle atribúe o Decreto 108/2022, do 16 de xuño (DOG núm. 117, do 20 de xuño), de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección competentes da Presidencia da Xunta de Galicia, ditará as resolucións oportunas.

A continuación publicarase a relación das persoas beneficiarias na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal), que tamén estará exposta nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades colaboradoras citadas no artigo 4.1.

No caso de que con posterioridade á resolución, por renuncias ou outras circunstancias que imposibiliten a viaxe, quedasen prazas sen cubrir, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá resolver, nas condicións que considere oportunas, para non prexudicar o desenvolvemento normal do programa, a adxudicación das prazas vacantes ás persoas solicitantes seguintes que figuren na lista de reserva.

O prazo máximo para resolver será de 3 meses contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se diten as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Con carácter xeral, as persoas adxudicatarias das prazas convocadas por esta resolución quedan obrigadas a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto ás recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As persoas adxudicatarias das prazas quedan obrigadas a respectar as normas de réxime interno das residencias, así como todas aquelas que se lles dean no transcurso das actividades, nas cales, en todo caso, terán a obriga de participar. Non cumprir estas normas poderá ter como consecuencia a expulsión da actividade e o regreso ao seu país de orixe no primeiro voo dispoñible.

3. No suposto de que as persoas beneficiarias presenten a baixa ou renuncia ao programa, deberán comunicar por escrito á Secretaría Xeral da Emigración, cunha antelación de 15 días á viaxe, a causa da renuncia. De non ser así, poderán ser penalizadas con non ser beneficiarias de edicións futuras do programa e, no caso de ter aboada a cantidade correspondente, non poderán recuperala.

Artigo 13. Concorrencia de axudas, seguimento e modificación da resolución

1. As axudas outorgadas ao abeiro desta resolución son compatibles con calquera outra axuda que lle poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vai levar a cabo a persoa beneficiaria.

2. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar as devanditas funcións poderán utilizarse cantos medios estean ao dispor da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos na correspondente convocatoria anual e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta resolución prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

3. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas, e a Secretaría Xeral da Emigración poderá adoptar a resolución de modificación ou revogación da concesión que corresponda.

Así mesmo, terán a obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

4. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora, nos casos de incumprimento das bases da convocatoria nos termos e supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Nos supostos en que se declare a procedencia do reintegro considerarase como cantidade recibida, que haberá que reintegrar, o importe dos billetes pagados pola Secretaría Xeral da Emigración xunto cos correspondentes xuros de demora de acordo co establecido no artigo 3.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Financiamento

As axudas do presente programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización do gasto. Os servizos que se lle prestan aos participantes neste programa serán obxecto de licitación de acordo coa normativa de contratos do sector público.

Artigo 15. Trámites posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Os datos das persoas beneficiarias da subvención incorporaranse ao Rexistro Público de Subvencións da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Réxime de recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2023

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

ANEXO I

A repartición das prazas do programa Conecta Voluntariado Galicia por países será a seguinte:

País

Total

Arxentina

5

Brasil

2

Cuba

2

Uruguai

2

Venezuela

2

Resto de América

4

Resto de Europa

3

Totais

20

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file