Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 23 de xuño de 2023 Páx. 39298

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 13 de xuño de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as base que rexerán o programa de concesión de axudas para a participación no programa Conecta Voluntariado Galicia dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento PR930C).

BDNS (Identif.): 704561.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas participantes

1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter a súa residencia habitual no exterior.

b) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de persoa emigrante galega.

c) Ter a nacionalidade española.

d) Atoparse vinculadas con calquera concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).

e) As persoas participantes no programa deberán ter, o 30 de xuño de 2023, unha idade comprendida entre os 21 e os 30 anos.

f) Carecer de impedimentos de natureza físico-psíquica que lles impidan realizar a viaxe ou participar nas actividades do programa.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas correspondentes ao programa Conecta Voluntariado Galicia para o ano 2023, que ten por finalidade facilitarlle á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar estas axudas para o ano 2023, código de procedemento PR930C.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 13 de xuño de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as base que rexerán o programa de concesión de axudas para a participación no programa Conecta Voluntariado Galicia dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento PR930C).

Cuarto. Financiamento

As axudas do presente programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización do gasto. Os servizos que se lle prestan ás persoas participantes neste programa serán obxecto de licitación de acordo coa normativa de contratos do sector público.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2023

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración