Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 23 de xuño de 2023 Páx. 39346

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se aproba a cuarta actualización do Plan básico autonómico de Galicia.

I. Antecedentes.

O Plan básico autonómico de Galicia (PBA) foi aprobado polo Decreto 83/2018, do 26 de xullo, e publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) número 162, do 27.8.2018, así como nos catro boletíns oficiais provinciais (BOP A Coruña núm. 186, do 28.9.2018; BOP Lugo, núm. 224, do 28.9.2018; BOP Ourense núm. 224, do 28.9.2018 e BOP Pontevedra núm. 188, do 28.9.2018).

O Plan básico autonómico foi obxecto de tres actualizacións e a última delas foi aprobada pola Resolución do 15 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DOG núm. 242, do 22.12.2022).

II. Normativa.

Na actualización do Plan básico autonómico tense en conta a seguinte normativa:

– Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante, LSG).

– Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante, RLSG).

– Decreto 83/2018, do 26 de xullo, polo que se aproba o Plan básico autonómico.

III. Consideracións xurídicas e técnicas.

Segundo o artigo 90.4 do RLSG, o Plan básico autonómico debe actualizarse en función dos cambios derivados das modificacións das afeccións sectoriais e da aprobación dos instrumentos de ordenación do territorio.

De conformidade co artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo, estes cambios resultarán directamente vinculantes desde a súa entrada en vigor e prevalecerán sobre a información reflectida na cartografía do Plan básico autonómico. Porén, isto enténdese sen prexuízo da necesidade de que a cartografía do Plan básico autonómico se actualice por resolución administrativa e se faga a publicación do correspondente anuncio no DOG cunha periodicidade mínima anual.

De conformidade co disposto no artigo 90.4 do RLSG, no artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo, e no artigo 13 do Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en relación co Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, a competencia para a actualización do Plan básico autonómico correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

En virtude do exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar a cuarta actualización cartográfica do Plan básico autonómico de Galicia resultante da información recompilada e da memoria de cambios que se integran como anexo I e anexo II desta resolución.

A documentación desta actualización poderá consultarse nas seguintes ligazóns:

https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

http://mapas.xunta.gal/visores/pba/

Segundo. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo.

Terceiro. De conformidade co artigo 88 da LSG e o artigo 212.1 e 213 do RLSG, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a actualización do Plan básico autonómico de Galicia no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

Cuarto. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2023

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO I

Información recompilada para a 4ª actualización cartográfica do PBA (ACT2023_06)

1. De conformidade co previsto no artigo 90.4 do RLSG e no artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo solicitou dos diferentes organismos que acheguen a información da súa competencia que vincula ao PBA. Asemade, atendeuse todas as alegacións recibidas sobre o documento e reenviounas ao organismo sectorial competente por razón da materia.

2. Consta no expediente administrativo da cuarta actualización do PBA (ACT2023_06) a seguinte información recibida a 30.4.2023:

Administración estatal: Ministerio de Defensa.

• Demarcación de Estradas do Estado en Galicia.

• Administrador de Infraestruturas Ferroviarias.

• Portos do Estado.

• Confederación Hidrográfica do Cantábrico.

• Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar.

Administración autonómica:

• Servizo de Inventario da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

• Servizo de Infraestruturas Agrarias de Pontevedra.

• Instituto de Estudos do Territorio.

• Dirección Xeral de Defensa do Monte.

• Dirección Xeral de Mobilidade.

• Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

• Servizo de Infraestruturas Agrarias da Coruña.

• Servizo de Prevención e Análise de Riscos.

• Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

Administracións locais:

• Deputación Provincial de Ourense.

• Deputación Provincial de Pontevedra.

Alegacións de administracións ou particulares:

• Unha alegación relativa aos elementos da listaxe de bens do Catálogo de patrimonio cultural de Galicia, que consta no anexo IX do PBA, que foi oportunamente trasladada ao órgano sectorial competente na materia para a súa valoración e corrección, se procedese (correo do 23.3.2023).

Pola súa parte, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, no ámbito das súas competencias en ordenación do territorio, achegou a información respecto dos instrumentos de ordenación do territorio aprobados desde a última actualización do documento.

3. Respecto da información da Confederación Hidrográfica do Cantábrico (10.3.2023), abordarase a súa análise e integración na vindeira actualización do PBA, prevista para final de ano, dado que pola súa complexidade precisa dun tratamento de datos integrado coa información que se poida recibir do resto das demarcacións hidrográficas.

ANEXO II

Memoria de cambios da 4ª actualización cartográfica do PBA (ACT2023_06)

1. Cambios na infraestrutura do visor do PBA:

1.1. Impleméntase a conexión coas bases de datos das infraestruturas espaciais propias do organismo autonómico competente en protección civil (https://mapas.xunta.gal/visores/proteccioncivil/?locale=es) e do organismo estatal competente en costas (https://sig.mapama.gob.es/dpmt/), co obxecto de amosar en todo momento a súa información xeográfica actualizada.

Para coñecer o historial de cambios desta información debe acudirse á infraestrutura de datos espaciais dos ditos organismos sectoriais.

1.2. Inclúense, nas descargas das iconas «Selección de capas» e «Documentos PBA», os arquivos de estilos de simboloxía en formato QGIS e ArcGIS das capas vectoriais que conforman os planos PDF a escala 1:10.000.

2. Cambios na información xeográfica do PBA:

Analizada a información recompilada, realízanse os seguintes cambios na información xeográfica do PBA:

2.1. Modelo de asentamento.

Engádense 4 entidades tipo punto derivadas dos instrumentos de planeamento urbanístico aprobados vixentes nos seguintes concellos:

• Cervantes: Queirugal.

• Ribeira de Piquín: A Ponte de San Xurxo.

• Gondomar: Campo Grande.

• Poio: Rioumouro Pequeno.

2.2. Instrumentos de ordenación do territorio.

Engádense as delimitacións de tres instrumentos de ordenación do territorio que acadaron a súa aprobación definitiva:

• OT-19-002. Proxecto de interese autonómico da liña eléctrica de evacuación do parque eólico Paxareiras II (aprobación definitiva do 10.11.2022, DOG núm. 246, do 28.12.2022).

• OT-18-035. Proxecto de interese autonómico do parque eólico Picato (aprobación definitiva do 20.10.2022, DOG núm. 237, do 15.12.2022).

• OT-21-062. Proxecto de interese autonómico para a ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda e da modificación das normas subsidiarias de planeamento do dito concello no referido ámbito (aprobación definitiva do 23.3.2023, DOG núm. 84, do 3.5.2023).

2.3. Costas.

Co obxecto de asegurar a coherencia e a actualización na información publicada, a información xeográfica relativa ás liñas de deslindamento do dominio público marítimo-terrestre, da ribeira do mar e da servidume de protección conéctase mediante servizo web coa infraestrutura espacial propia do organismo competente en materia de costas (https://sig.mapama.gob.es/dpmt/). Asemade, incorpóranse á información xeográfica do PBA as delimitacións das zonas inundables costeiras con probabilidade excepcional e ocasional (T500 e T100) co mesmo procedemento de conexión.

Inclúese na información xeográfica do PBA a delimitación da servidume de protección en illotes e actualízase a información da capa relativa á zona de influencia de costas, acorde coa información descargada o 5.4.2023 da seguinte ligazón dixital facilitada polo organismo competente:

https://www.miteco.gob.es/es/cartografia-y-sig/ide/descargas/costas-medio-marino/default.aspx

2.4. Transportes.

Actualízase a información da rede de estradas na Comunidade Autónoma, de acordo coa base cartográfica oficial e coa información facilitada e recompilada dos distintos organismos: Demarcación de Estradas do Estado en Galicia (19.1.2023; 11.4.2023), AXI (11.4.2023), deputacións provinciais da Coruña (7.3.2023) e de Ourense (3.4.2023).

2.5. Portos.

Actualízase a capa de información relativa ás localizacións das sinalizacións dos Portos do Estado acorde coa información descargada o 10.3.2023 da seguinte URL facilitada polo organismo sectorial competente:

https://portalaton.puertos.es/portalAton/app/seguridad/login.jsp

2.6. Defensa.

Actualízase a información das capas relativas ás instalación de Defensa e ás súas zonas de seguridade segundo a información facilitada pola Secretaría de Estado de Defensa o 12.1.2023.

2.7. Agropecuaria.

Actualízase a información das concentracións parcelarias firmes e non firmes segundo a información facilitada pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural o 17.4.2023 e polo Servizo de Infraestruturas Agrarias de Pontevedra o 22.3.2023 e o 21.4.2023.

2.8. Patrimonio cultural.

O Catálogo do PBA actualízase acorde coa información achegada polo órgano competente o 05.12.2022, relativa aos bens incluídos no catálogo do Plan básico municipal de Ribeira de Piquín, que foi tratada segundo as indicacións dadas polo persoal da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

En todo caso, os bens recollidos nos catálogos dos instrumentos de planeamento teñen para todos os efectos a consideración de bens catalogados desde a data de aprobación definitiva do dito instrumento.

2.9. Riscos.

Co obxecto de asegurar a coherencia e actualización na información publicada, a información xeográfica das capas de información relativas a riscos tecnolóxicos de accidentes graves, concretamente ás capas dos establecementos afectados polo Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves, en que interveñan substancias perigosas (Sevesos), e a capa da zona de afección do depósito de lodos vermellos da empresa Alcoa Europe, S.A., conéctase coa base de datos da infraestrutura espacial propia do organismo competente en materia de protección civil (https://mapas.xunta.gal/visores/proteccioncivil/?locale=es).

2.10. Varios.

Actualízase a información dos lumes segundo a información facilitada pola Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural o 15.2.2023 relativa aos incendios do ano 2022.

3. Información xeográfica actualizada do PBA en formato vectorial.

A información xeográfica actualizada do PBA en formato vectorial shapefile está contida nun arquivo comprimido que se identifica coa seguinte pegada dixital (algoritmo SHA-256 e formato Hexadecimal en ASCII (base 16):

49EFA23DE2A15E385A44F41E8E3FCEE84818B4E299917D1D009CB7D8EA7B1434

Non se inclúe neste arquivo comprimido a información xeográfica incorporada ao PBA que conecta con plataformas ou bases de datos de organismos sectoriais que posúen unha infraestrutura de datos espaciais propia.

4. Cambios nos documentos do PBA:

Como resultado da información recibida e dos cambios feitos na información xeográfica do PBA, actualízanse os seguintes documentos do PBA, todos eles accesibles desde o visor cartográfico do PBA:

– Anexos:

• Anexo I: marco legal.

• Anexo II: fontes de información.

• Anexo III: instrumentos de ordenación do territorio.

• Anexo VIII: listaxe de núcleos derivados dos instrumentos de planeamento vixentes (non recollidos no anexo VII).

• Anexo IX.II: listaxe de bens do catálogo de patrimonio cultural de Galicia.

– Planos:

• Planos de delimitación dos ámbitos de aplicación dos instrumentos de ordenación do territorio.

• Planos de delimitación das afeccións sectoriais.

• Planos de identificación dos asentamentos de poboación existentes.

No caso dos planos deben entenderse actualizadas todas as series cartográficas do PBA, tanto as xeradas desde a ferramenta de impresión en PDF da planimetría do PBA (escala 1:10.000 e escala libre) como os planos temáticos a escala 1:250.000.

A identificación dos asentamentos de poboación existentes intégrase nos planos de delimitación dos ámbitos de aplicación dos instrumentos de ordenación do territorio e das afeccións sectoriais.

– Catálogo:

Actualízase unicamente a parte do Catálogo do PBA referida ao Concello de Ribeira de Piquín.