Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Luns, 26 de xuño de 2023 Páx. 39633

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 14 de xuño de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Diego González Rivas.

Unha vez examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Diego González Rivas, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O 1 de marzo de 2023, Gabriel Alberto Baltar Giraud, en representación do Padroado da fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Diego González Rivas constituírona Diego González Rivas, Juan Carlos Rodríguez Cebrián e as entidades mercantís, Gallega de Distribuidores de Alimentación, S.A., representada por Roberto Tojeiro Rodríguez; Irta Invest, S.L., representada por José Antonio Souto Meizoso; Jevaso, S.L. Unipersonal, representada por Jesús Vázquez Sobrino; Recambios Regueira, S.L., representada por Ramón Carlos Regueira Otero; e Os Peteiros Investments, S.L., representada por Marta González Deus, mediante escritura pública outorgada o 27 de xaneiro de 2023, ante o notario da Coruña Isidoro Antonio Calvo Vidal, co número de protocolo 52.

Terceiro. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto a mellora dos diagnósticos en enfermidades como o cancro e outras enfermidades graves pola promoción e o coidado da saúde dos pacientes, evitando a dor e aumentando a esperanza de vida.

Cuarto. Na escritura de constitución da fundación constan os aspectos relativos á identidade dos fundadores, á súa capacidade para constituíla, á súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, á dotación, aos estatutos e á composición do padroado inicial.

Quinto. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación, o seu enderezo, o seu obxecto e a finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos/das beneficiarios/as, a composición e as normas de funcionamento do Padroado, as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

Sexto. O Padroado inicial da fundación está formado por Diego González Rivas, como presidente; José Antonio Souto Meizoso, Jesús Vázquez Sobrino, Juan Carlos Rodríguez Cebrián e Ramón Carlos Regueira Otero, como vogais; e a entidade Baltar Abogados y Asesores Tributarios, S.L.P., representada por Samuel del Río Pena, como secretario sen dereito a voto.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Diego González Rivas, dado o seu obxecto e a finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei, 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

Oitavo. De conformidade coa citada proposta, por orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, do 24 de maio de 2023 (DOG núm. 105, do 5 de xuño), clasificouse de interese sanitario a Fundación Diego González Rivas e adscribiuse á Consellería de Sanidade para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 136/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, corresponde á dita consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Diego González Rivas, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

En vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego e as demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 136/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Diego González Rivas.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación; e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Sanidade.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Sanidade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2023

Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade